Dáme alento para seguir, dáme o teu feno, o teu argazo, a túa desolada fronte mordida por lamas interiores con que te desprendes e caes contra o mar, na ledicia de quen che quere toda urbana e sen figura, de quen se achega aos cons e bate palmas para espantar as aves:
que as túas silveiras lle entren na casa e lle esgamen as flores postizas, que os sapos poboen o seu maxín de frautas enlamadas, que os teus abesouros non lle deixen durmir, e que, despois, toda a galipota do mar se apegue, insolúbel, aos pés dos visitantes.
Pois debo seguir, vento enchoupado en bágoas de nubes furtivas, sombra xemente a petar nas portas, brétema dos teus bronquios entupidos, ventá que abre por demanda de alguén que expira, fornos abandonados esperando, cúpula de pozos mariños, serventío de matogueira.
a que xente, a que familia lle serás entregada pro indiviso, quen puxo codicilos nas túas últimas vontades, a quen lle legas o teu lombo para a primeira decrúa de pervertido esquecimento, en nome de que reino, ou de que amaño, mudas comigo de era e, declinando, nos afundimos nas brañas como entón, pero agora de todo, nos perdemos extintos, antes de que nos sanguen?
Pero ti dáme alento para seguir.
(Xabier R. Baixeiras, de “Beira Norte”).
Publicado por: MontePituco | 08/04/2011
ALTO DO PORNEDO (V): AS FERIDAS
Publicado en Denuncias, Imaxes, Xeral | Etiquetas: Medio ambiente, Monte veciñal, Seprona
Deixar unha resposta