O Diario de Pontevedra publica hoxe unha ampla información sobre a comunicación enviada polo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, a respecto do proxecto de polígono industrial no Monte Pituco, que conta co absoluto rexeitamento deste colectivo veciñal, avalado polos datos dos estudos técnicos que desaconsellan semellante actuación nesa zona. Nesta ocasión, é a voceira do PP de Marín e candidata dese partido á alcaldía de Marín, María Ramallo, quen expón as súas consideracións sobre este tema tan complexo e á vez tan sinxelo: dende o noso punto de vista, a elección do emprazamento é errada por motivos técnicos e ambientais, pola afección ás propiedades e aos acuíferos, pola desfeita que conleva no patrimonio cultural e, por tanto, só cómpre o estudo dun espazo que garanta a viabilidade da que carece o Monte Pituco para albergar unha instalación de tipo empresarial/industrial/loxística. María Ramallo coñece de primeira man os motivos de DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) para esixir a protección desta zona, porque estivo á fronte da Autoridade Portuaria e porque puido comprobar in situ o que reiteradamente expoñemos, malia a cerrazón do alcalde e do goberno local: a forte pendente da zona, o seu valor paisaxístico, a riqueza forestal, o potencial turístico da arte rupestre, e un longo etcétera de razóns.
Tralas súas recentes declaracións nunha entrevista xornalística, María Ramallo fainos un repaso do panorama, xa coñecido. A continuación, polo interese informativo que representan, reproducimos as súas palabras, que nos tomamos a liberdade de traducir ao galego.
“Existe un documento de inicio aprobado polo Consello da Xunta de Plan sectorial de solo empresarial de Galicia. Este Plan está en fase de elaboración, pero no documento de referencia aparecían dúas zonas que tocaban a Marín: 1.- Plataforma Pontevedra-Marín, e 2.-a zona Marín-Moaña.
Ámbalas zonas aparecen pendentes de estudarse dende o punto de vista da viabilidade técnica e económica de demanda de empresas, laboura que se está facendo por parte da Xunta de Galicia, e que aínda non está finalizada. En ámbalas zonas non se nomea nin Pituco, nin Pornedo, nin Pastoriza, é dicir, será o estudo o que determine finalmente a súa ubicación e, sobre todo, a súa dimensión, de acordo con criterios técnicos e económicos.
As razóns polas que falo das dúas zonas son por coherencia e por lóxica, porque sempre falamos, pendentes de que se estuden, e porque malia que existe un estudo da Autoridade Portuaria de Marín do ano 2000 onde as pendentes e as dificultades do terreo imposibilitaban construir un parque empresarial na zona de Pituco/Pornedo, así se mantivo no planeamento de Marín: unha zona empresarial no Pituco, máis propiamente no Pornedo.
Dende o Congreso en Madrid aprobouse unha iniciativa do PP onde lle pediamos á SEPES, xa que naquel momento gobernaba o bipartito na Xunta de Galicia e os seus plans en canto a zonas empresariais e industriais eran outras, como se lembrará, que se iniciara un estudo, que todos os partidos apoiaron, coa única condición de que se pedira por parte do Concello de Marín; petición que nunca se cursou a pesar de que durante varios plenos se lle fixo reiteradamente a petición ao alcalde. Despois de máis de 2 anos, probablemente saberiamos algo máis dende o punto de vista técnico de cada zona.
Como estamos hoxe: pendentes de que o PXOM se lle mande á Xunta de Galicia onde, despois da tramitación da avaliación ambiental estratéxica, se deixou para este momento o entrar a valorar moitas das obxeccións que se lle poñen, en concreto, á zona delimitada no Plan no Pituco-Pornedo como zona industrial. Ese momento non chegou, porque o Plan de Urbanismo segue estando no Concello, pendente de varias cousas, que non procede agora analizar.
A Consellería de Medio Ambiente terá que analizarlas, ao igual que terá que definir as zonas que poden ser viables e que aparecen sen concretar expresamente no Plan sectorial de solo empresarial.
(…) Entendo que pouca máis información podo engadir, ao estar aínda sen producirse os avances agardados no plan e estar sen concretar as zonas específicas que se desenvolverían cun plan sectorial, ou supramunicipal, que aparecen temporalmente nos anos 2012-2015.
Sempre mantiven o que dixen na entrevista, tendo en conta que hai máis de 7 anos, o partido que se interesou por levarlle ao equipo redactor do plan a zona de Pastoriza foi o PP con Santiago Pazos e Benito Touriño; que posteriormente se agrandou esta idea, ao enterarnos dos traballos avanzados que tiña en Moaña o grupo de empresarios que promove esta zona empresarial que delimitaría coa nosa”.
Un dato a maiores que non se apunta na comunicación escrita de María Ramallo pero que si verbalizou nun encontro recente, foi que probablemente a Xunta podería ter rematado a finais deste mesmo ano ese estudo de viabilidade ao que se refiren tanto Agustín Hernández como a propia voceira municipal popular. Ata entón, só cabe seguir apuntalando os argumentos evidentes que plasmou a Autoridade Portuaria hai xa dez anos, advertindo da inviabilidade económica dun polígono no Pituco; reforzando a proposta de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños; e denunciando a falta de diálogo do Goberno local de Marín, especialmente, do alcalde.
Non obstante, chama a atención tamén o xeito de “envolver” a realidade por parte da clase política. Entre o conselleiro de Medio Ambiente e a voceira municipal do PP a interpretación dunha mesma realidade é diverxente: unha plantexa o que o outro obvia, mareando os afectados con verborreas, medias verdades e vericuetos lingüísticos. Por iso a política nunca será política, entendida como un xeito de “axudar” a cidadanía, mentres non haxa políticos que se expresen con claridade, autenticidade e honestidade. Pode parecer utópico, mais por iso a política chegou a tal nivel de desprestixio social.
[…] -O PP DE MARÍN SOBRE O POLÍGONO NO PITUCO (23 de marzo de 2011) […]
By: PEDINDO A LÚA « DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 05/07/2011
at 17:35