Agardemos que non chova este sábado, porque a Asociación Cultura Almuinha organiza unha andaina polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, un proxecto que apoian unha vintena de colectivos sociais e que pretende revalorizar unha ampla superficie de monte pertencente aos concellos de Marín, Pontevedra e Vilaboa, poñendo en valor os seus recursos arqueolóxicos, etnográficos, paisaxísticos e ambientais. Almuinha, a Asociación de Veciños de San Xulián, o colectivo Ronsel e DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) están entre as organizacións que respaldan decididamente esta iniciativa.
O roteiro partirá ás 10:00 horas da mañá dende a área recreativa do Pornedo (na estrada de Marín a Figueirido, tómase un camiño de terra que se atopa, subindo á dereita, a pouca distancia da saída da variante). Cunha lonxitude aproximada de 7 quilómetros, o itinerario pasará polos elementos máis representativos deste espazo: os complexos rupestres de Piñeiral do Caeiro, e do Alto de Pornedo, os petroglifos de Sete Camiños, de Cachada do Vello e de Pumariño, o complexo rupestre de Regato dos Buratos/Outeiro da Min, as mámoas da Lagoa nº1 e nº2, e de Catadoiro. Son elementos arqueolóxicos que plasman a pegada da prehistoria na nosa bisbarra.
Precisamente, sobre prehistoria vai tratar a primeira charla dun programa de divulgación que, ao longo de todo este ano 2011, vai organizar a Asociación Cultural Almuinha para abordar as distintas etapas da historia de Galicia. O historiador e arqueólogo Xosé Lois Vilar, do Instituto de Estudos Miñoranos, falará sobre a etapa primitiva, que abarca dende a aparición do home ata a invención da escritura, a través dos restos arqueolóxicos conservados. A recomendabilísima intervención de Xosé Lois Vilar será mañá venres, 25 de marzo, ás 20:00 horas, na Biblioteca de Marín.
Deixar unha resposta