Publicado por: MontePituco | 25/03/2011

NOVA DIRECTIVA DA AAVV SAN XULIÁN

 

A Asociación de Veciños de San Xulián ten unha nova xunta directiva. Velaquí a súa composición: Presidente, Xan Montenegro. Vicepresidente, Santiago Medina. Tesoureira, Rosa Recamán. Secretaria, Lucinda Montenegro. Vocais, Raúl Mesías, José Garrido, Saturno Vidal. Desexámoslles un ano de boa xestión, boa sorte coas institucións e pacencia cos (des)gobernantes. Tamén é momento de agradecerlle ao anterior presidente, Saturno Vidal, a súa adicación nestes últimos anos; pedirlle que apoie o novo equipo achegando a súa experiencia e os seus consellos; e que se coide, que a saúde é o primeiro.

Na asemblea anual (cousa que non fai a Comunidade de Montes de San Xulián, que leva desde decembro de 2009 sen convocar os comuneiros para aprobar as contas e expoñer o balance da súa xestión), a AAVV San Xulián explicou cales foran os motivos dos escritos presentados ante o Concello de Marín, a Deputación de Pontevedra, a Xunta e a Subdelegación do Goberno. Un dos aspectos máis comentados foi a miniaudiencia que lle concedeu o alcalde, Francisco Veiga, aos representantes da AAVV San Xulián, que se queixaron da “pobre inversión nesta zona durante estes catro anos, que se limitou á mellora do alumeado, do servizo de auga e sumidoiros na Grela, e no arranxo -que non era urxente nin prioritario- de dous lavadoiros”.

O resume da xuntanza elaborado pola AAVV San Xulián continúa así:

“Houbo duras críticas polo perigo que supón o abandono da estrada Marín-Figueirido, e a tomadura de pelo do proxecto de aceras que o Concello de Marín e a Deputación non puxeron a andar porque non lles deu a gana, pois nestes catro anos adicáronse a pelexar coma os nenos do colexio.

En canto á situación de abandono do colector xeral do alcantarillado da Pena, do Valado, e dos pozos de rexistro situados no mesmo cauce do río Lameiriña, á concelleira de Medio Ambiente, Pilar Blanco, e aos técnicos brillantes que a asesoran, quedoulles a cabeza aliviada.

Tamén se deu conta da preocupación motivada pola Lei de Augas, dando lectura da carta enviada polo conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández. Pedimos seriedade e respecto, e que o Concello de Marón non se adique a pagar información feita sen rigor e sen o aval dos técnicos xurídicos e económicos do Concello. Que o alcalde a avale coa súa sinatura. E se os seus socios queren enviar os seus panfletos, que os paguen do seu peto. Cos cartos de todos non se xoga nin se fai uso perverso para fins exclusivamente electorais e partidistas”.

Xan Montenegro e as persoas que completan a directiva teñen un obxectivo claro para este ano: a instalación das beirarrúas. Os dirixentes da AAVV San Xulián dan aos organismos implicados neste proxecto -Concello e Deputación- un prazo de cinco meses para desbloquear este tema tan demorado. Non se descarta convocar actos de protesta se no mes de setembro a situación segue igual de inmóbil.

Iso é o que cómpre nesta parroquia: un movemento veciñal unido e sólido, con iniciativas, con capacidade de presión ante as institucións. Unha asociación de veciños é un instrumento sumamente útil para o dinamismo da parroquia, por iso non se pode deixar que este colectivo esmoreza, todos os veciños e veciñas deberían participar, intervir, opinar, propoñer, criticar, aportar… en definitiva, exercer como cidadáns, espertar, loitar.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: