Publicado por: MontePituco | 08/03/2011

DÍA DA MULLER

Anos 80. Xornada na leira, sachando no millo. Mulleres (e homes) leghón en ristre, gardianas da terra, protectoras da auga, devotas do ceo. Velando polo legado que se viña transmitindo en cadea, de xeración en xeración. Semente de grans, colleita de valores. Mulleres rurais, de ideas tradicionais; mulleres de familia, mulleres de lei. Elas que, co seu irreductible instinto de supervivencia nos momentos máis duros, nos inculcaron rexos principios: de esforzo persoal, de respecto ao próximo, de lealdade aos antergos… Onde está esa bagaxe? Que foi da solidariedade? Por que tanto desarraigo?

De volta ao presente, velaquí unha pobre e decepcionante equipaxe, de tanto que foi quedando perdido polo camiño: leiras abandoadas e graneiros baleiros, mais non só de millo, patacas e centeo, senón tamén de ideas, valentía e iniciativa. Triste realidade a base de conflictos vacuos que se resolven a tesoirazo limpo, dun lado. Doutro, discursos manipulados de xeito linguaraz e perverso. U-lo exemplo desas mulleres auténticas de antano?

Mulleres como María Miranda García (Nine, Boiro, 1925), á que lle rendemos unha sinxela homenaxe aos poucos días do seu pasamento, nun tráxico accidente.

“…A xeración de María, esa xeración de galegas, destacou especialmente pola súa capacidade para o traballo, por vivir nunha época de carencias que superaron a base de traballo. Por seren grandes traballadoras. O traballo dignificou a estas mulleres, como María e a miña avoa. E o traballo é o que debemos salientar da súa vida. A señora María era unha mariscadora. Tamén traballaba as terras, como a maioría das mariscadoras. Pero, ante todo, era unha mariscadora e sentíase orgullosa de selo. Cando a escoitaba parecíame estar escoitando a miña avoa, a miña nai ou a moitas das mariscadoras dos Praceres: cada vez que demostraba coñece-la ribeira palmo a palmo, ao subliñar que ía a dúas veces no día, de día e de noite…”.

(Lukas Santiago, arqueólogo e realizador audiovisual, autor dos documentais “Neixón: historia viva dun castro”, “Galegos Universais: historias do mar” –ámbolos dous coa participación de María Miranda García– e “Sete Camiños: encrucillada do tempo”). Artigo completo en Certo-Xornal do Barbanza.

DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) débelle moito ás mulleres que forxaron unha vida de traballo e entrega á beira deste humilde terruño. Coa lembranza na súa memoria, ollamos o futuro co alento da nova fornada de mulleres chamadas a liderar a participación social, a dinamizar a cultura, a política ou o eido da empresa. A continuación, o manifesto da Asociación Almuinha, asinado por Helena Cabral Alfonso:

Este 8 de marzo de 2011, Día Internacional da Muller Traballadora, vén marcado por un contexto de grave crise económica. Este contexto dálle lexitimidade ás distintas Administracións e gobernos para aprobar medidas, como as recentes Reformas laboral e das pensións, que non teñen outra xustificación que respostar ás demandas da banca e do gran capital (únicos culpábeis da actual crise económica), recortando e atentando contra os dereitos sociais e laborais do conxunto da poboación, colocando as persoas máis vulnerables (entre elas, as mulleres) nunha situación de maior vulnerabilidade.

Este novo contexto, que se ben lle afecta ao conxunto da poboación, provocará sen dúbida un aumento na feminización da pobreza existente xa con anterioridade á crise, e dificultará aínda máis que as mulleres poidan acceder ao mundo laboral, a condicións laborais e a pensións dignas, xa que atrasar a idade de xubilación e alongar o período para o cálculo de pensións, dificulta o acceso e reduce a contía por mor da precariedade laboral que levan asociada (temporalidade, contratos parciais e por horas, traballo non remunerado, longos períodos de inactividade ata que acadan contratos estábeis, etc.), ou ben por interrupcións ou diminucións da cotización, derivadas de situacións como a maternidade e conciliación (excedencias, reducións de xornada, etc).

Ademais, neste 8 de marzo de 2011, as mulleres continuamos a ter, nas chamadas “sociedades desenvolvidas”, dificultades no acceso ao mundo laboral, para promocionar laboralmente, para acceder a postos directivos na empresa, para compaxinar a xornada laboral e doméstica e de coidado, para acceder a traballos tradicionalmente masculinizados e un longo etcétera. Se ben é certo que algo se avanzou nesta materia, tamén é ben certo que aínda fica moito camiño por percorrer.

É por isto, que A.C. Almuinha non pode deixar a un lado unha data coma esta e quere, ademais de reivindicar a loita polos dereitos sociais e laborais das mulleres, convidar ao conxunto da poboación marinense a participar o vindeiro 18 de marzo ás 20:00 no local do Ateneo a un Obradoiro de Igualdade que leva por lema: “Construíndo igualdade a partir das nosas diferenzas”. Neste Obradoiro pretendemos reflexionar sobre as nosas diferenzas como homes e mulleres e a necesidade da igualdade material en dereitos, mais alá da meramente formal recollida en diferentes normas. Alén disto pretendese crear un debate grupal, no que cada persoa reflexionará sobre as accións que pode emprender na súa vida cotiá para acadar esa igualdade de dereitos e a superación das desigualdades de xénero.

Para rematar, cabe dicir que esta celebración, nesta data, non debe facernos esquecer ningún dos demais días do ano, a necesidade imperiosa de acadar a igualdade “efectiva e real” entre xéneros para poder avanzar como sociedade. 

 

* ARTIGO DO DÍA DA MULLER EN 2010: “HOMENAXE PARA ELAS“.

Advertisements

Responses

  1. Donde puedo encontrar el obituario de Maria Miranda Garcia? Gracias.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: