Publicado por: MontePituco | 03/03/2011

CHARLA SOBRE O POSIBLE PARQUE EÓLICO NO MORRAZO

 

Hai un mes o Colectivo Nacionalista de Marín e a organización ecoloxista Luita Verde alertaban da intención da Xunta de autorizar a instalación dun parque eólico nos montes do Morrazo, no lugar de Pedras Negras:

POLA PROTECCIÓN DOS MONTES DO MORRAZO

Para afondar no coñecemento deste proxecto que, con razón, o Colectivo Nacionalista califica de “atentado ecolóxico”, o luns 14 de marzo, a partir das 20:00 horas na Biblioteca Pública de Marín, vaise celebrar unha charla informativa na que representantes de Luita Verde e doutra asociación ambiental, Verdegaia, van explicar como son estas instalacións e cales son as súas repercusións negativas sobre o contorno. Tamén vai asistir unha representación dos afectados polo parque eólico que se proxecta na Serra do Galiñeiro.

Dous milleiros de persoas reuníronse o pasado 20 de febreiro en Gondomar para camiñar en contra da vontade da Administración autonómica de estragar un espazo como a Serra do Galiñeiro, tan senlleiro dende o punto de vista paisaxístico, arqueolóxico e social. Os participantes reclaman que a zona se declare espazo protexido e se integre no Parque Natural do Monte Aloia.

Adega, A Ría Non Se Vende, a Asociación de Veciños de Vincios, a Asociación “A Groba”, a Asociación de Veciños Casco Vello de Vigo, a Comunidade de Montes de Vincios, Salvemos Monteferro, a Federación Galega de Montañismo, o Clube de Espeleoloxía “Maúxo”, Montañeiros Celtas, a Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo “Cíes”, S.O.S. Groba, Verdegaia, e o Instituto de Estudos Miñoranos, apoian o manifesto a prol da conservación da Serra do Galiñeiro, que se pode ler no blogue de SOS Groba.

Ademais do enfoque divulgativo, a charla que organizan o Colectivo Nacionalista de Marín, Adiante, FPG e Redes Escarlata, tamén pretende aglutinar o maior número de colectivos, asociacións e persoas a título individual que se queiran sumar ás posibles accións de defensa dos Montes do Morrazo contra esta nova agresión que se aveciña no horizonte inmediato.

(Os videos e as narracións son de Xurxo Salgado, de Galicia Confidencial).

Publicado por: MontePituco | 02/03/2011

O ASTALEIRO DE PURRO, SALVADO

Aínda non felicitaramos publicamente ao colectivo de Bueu “Salvemos o astaleiro”, formado por entidades como a asociación de amigos das embarcacións tradicionais Os Galos, Anduxía, Manxadoira, a asociación Mozos e Mozas de Beluso (parabéns polo seu aniversario) e unha decena de entidades máis, por conquerir o obxectivo que levaban perseguindo durante tantos anos: que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural incluira o astaleiro de Purro, situado na Banda do Río, no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia. Trátase dunha construccion “única na ría de Pontevedra e unha das escasas carpinterías de ribeira conservadas case en estado orixinal, non só en Galicia, senón en Europa”, como explicou o presidente de Os Galos, Víctor Domínguez.

…Pasarán meses, un ano, varios tal vez, e Defende o Monte Pituco (Pornedo) seguirá porfiando na protección deste espazo, da súa importancia paisaxística e natural, do seu valor histórico e cultural, da súa riqueza forestal e doutros potenciais que acumula. O estado do astaleiro de Purro é equiparable ao abandono que tamén sofre o Monte Pituco; a teima dalgúns veciños da Banda do Río que só miraban polos seus intereses particulares cando pedían o derrubamento desta construcción é equiparable tamén ao empeño dos comuneiros partidarios da instalación dun polígono industrial nesta zona para lucrarse a conta dos terreos. Hai certos paralelismos nos amargos avatares do astaleiro de Purro e do Monte Pituco: os dous a carón da ría, un mesmo ao seu pé, e outro elevado coma se do seu balcón se tratara. Felizmente, a loita a prol do astaleiro chegou con éxito ao final da súa singradura, mentres que a loita pola conservación do monte non fixo máis que comezar.

Pola súa importancia patrimonial e social, o astaleiro de Purro converterase nunha prolongación do Museo Massó e enriquecerá a oferta turística de Bueu. Mentres procura a súa supervivencia, o monte Pituco soña con chegar a formar parte dun gran espazo natural e arqueolóxico no ámbito dos concellos de Marín, Vilaboa e Pontevedra. Se os promotores da salvación do astaleiro de Purro o conseguiron, por que non o imos poder conseguir tamén os veciños e veciñas que rexeitamos a instalación dun polígono industrial no Monte Pituco? Se Purro librou de caer baixo a piqueta, zafará o Pituco do asulagamento do formigón?

Estivemos en Bueu apoiando esta causa xusta que por fin ve a luz ao final do túnel, e que nos vale de inspiración para seguir traballando, actuando socialmente e sensibilizando a cidadanía de Marín e do seu contorno sobre a necesidade de recuperar este valioso e prometedor espazo.

Publicado por: MontePituco | 01/03/2011

NON MÁIS QUADS NIN MOTOS

INTOLERABLE, INADMISIBLE e INSOSTIBLE. A situación na que se atopa o Alto de Pornedo non pode continuar así, ante a pasividade, a incompetencia e a indiferenza da xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xulián. O presidente encóllese de ombros ante as fotografías que lle presentamos, evidenciando o estado de degradación no que se atopa o monte a causa da práctica indiscriminada e impune de pilotos de quads e motos, que teñen o terreo absolutamente horadado, cuns sucos terriblemente fondos, coa terra convertida en pó que, coa auga da chuvia, baixa en riada polo monte, deixando as marcas dunha erosión galopante que este “presidente” consinte, de tanto desleixo seu. A actitude do vicepresidente é aínda peor: non fai outra cousa que exercer de rexedor do bar da Casa de Montes e sempre está a pé de barra, como se a xestión dunha Comunidade de Montes fora un simple negocio de hostalería que se sosteña a base de servir bebidas e facer caixa.

NON PISAN O MONTE e tanto lles ten en que estado se atope, son absolutamente insensibles ao cargo que representan de xeito fraudulento. Unha parroquia como a de San Xulián, cunha extensión de monte tan valiosa que debera estar xerando riqueza constantemente a base dunha explotación racional dos recursos forestais, ten á súa fronte a un FATO DE NECIOS que miran para outro lado cando se trata de cumprir coas súas obrigas e que só reaccionan ante o brillo cegador dos cartos e os privilexios do poder. Xa basta de escudárense na súa suposta falta de recursos, de simular xestións inexistentes co Seprona, nun intento de contentar aos veciños que estamos indignados co aspecto lamentable do monte, do que a xunta rectora é cómplice e culpable.

…ACTÚEN, O****! Déixense de tanto bar e tanta conachada. Mentres vostedes están os domingos, tan ricamente estarricados na súa taberna, repartíndose prevendas e espelexando aos veciños que disentimos abertamente da xestión que practican, o monte está invadido por unha horda de bárbaros en vehículos, convertindo o lugar nun circuito de carreiras, rodando perigosamente a carón de gravados rupestres milenarios de valor incalculable, desmoronando o terreo reforestado con árbores que nunca van crecer porque secaron ou foron esmagadas polas rodas, contaminando o entorno cun ruido enxordecedor e deixando tiradas latas de aceite, restos de neumáticos, pezas inservibles, botellas e plásticos. Tomen medidas urxentes e drásticas: sinalicen a zona con carteis que prohiban expresamente a práctica de actividades motorísticas, acoten a zona con cadeas, pedras ou outros medios que impidan o acceso dos vehículos, e sobre todo, pateen o monte, como o percorremos os veciños aos que nos doe fondamente esta agresión constante.

Un día vai haber un problema e a xunta rectora da Comunidade de Montes terá a súa parte de responsabilidade nas consecuencias. Cada vez que roncan os motores, sube un veciño ou veciña, cámara de fotos en ristre, para apercibir aos pilotos, de boas maneiras, con educación. Nas máis das veces, todo hai que dicilo, parecen aceptar as explicacións e marchan. Outros fan o remolón e alegan (sexa verdadeiro ou falso) que teñen o permiso da Comunidade de Montes. Pero que pasa cando se reviran, cando reaccionan con palabras malsoantes nun ton excesivamente elevado…

…Na pasada tarde, quen teclea estas liñas sentiu, dende a súa casa, o boureo dos tubos de escape como se os tivera ao pé da porta, do barullo que facían. Non lle coubo a alma no corpo e prantouse inmediatamente no Alto de Pornedo para impedir que seguiran destrozando o monte. Alí atopou dúas furgonetas cun equipamento tremendamente custoso no seu interior, e dous pilotos en cadanseu quad, a gran velocidade, dando voltas ladeira arriba e ladeira abaixo, movendo terra e máis terra ao seu paso. Pouco lles importou unha presenza allea a eles, porque seguiron rodando ata que se percataron de que se lles estaba facendo un sinal para deterse. Explicóuselle a un deles que estaban nun monte comunal, nunha zona sen autorización para practicar ese deporte, e que estaban facendo un ruido desproporcionado que mesmo chegaba ás vivendas. E no seu descargo alegou (mentiu) que a Garda Civil xa estivera alí e que lles dera permiso para continuar no “circuito”. Advertíuselle que se persistían ían ser denunciados ante o Seprona. E non conforme cos argumentos, ergueuse no seu quad sobre os pedais, para continuar falando dende unha altura superior á persoa que estaba defendendo o monte con toda a lexitimidade que el non tiña para agredilo. Entón, quen teclea estas liñas, vendo que non se podían razoar máis polas boas, marchou de alí mentres os pilotos facían ademán, supostamente, de gardar as súas cousas.

Afortunadamente, naquel intre, e como caída do ceo, porque ninguén a chamou, chegou unha patrulla da Policía Nacional de Marín. E alí quedaron os pilotos terqueando cos axentes, mentres quen teclea estas liñas voltaba á súa casa, tan indignada ou máis que antes, pero coa conciencia de ter feito o correcto, aínda arriscándose a chupar unhas ostias se a aquel piloto intransixente e maleducado lle dera por adoptar unha actitude máis agresiva que a chulería inicial que demostrou plantándose enriba do vehículo. Como se falar máis alto e dende unha posición de superioridade lle permitira amedrentar e asoballar, sen decatarse de que estaba a demostrar a súa cativeza moral e mental.

…Non foi un acto de valentía, foi unha inconsciencia, froito da impotencia e da frustración ante unha Comunidade de Montes anestesiada, cómoda e irresponsable. Grazas aos anxos da garda do Alto do Pornedo por velaren por min. Ben saben estes espíritos bondadosos da natureza que teñen que seguir valéndonos, porque seguiremos “partíndonos a cara” (no sentido figurado da expresión) na defensa deste monte, sempre e en todo lugar.

 

Publicado por: MontePituco | 28/02/2011

10º ESCRITO AO ALCALDE

Publicado por: MontePituco | 27/02/2011

BOLSAS SOSPEITOSAS

No Monte Pornedo só se debe sentir o zoar do vento entre as pólas das árbores, o trote dun cabalo, o ladrido dun can que está de paseo cos seus donos, o boureo dunhas ovellas pastando, o repenicar da chuvia ou o estrondo dunha tormenta, o bater de ás ou o chío dos paxaros. A túa voz. E o “silencio”. Calquera son de procedencia “natural” é benvido, dáse no seu contexto. Pero …ai! cando ronca un motor, e non precisamente de calquera dos vehículos que circula pola variante que temos a certa distancia. Cando se oe o ronquido dun motor no Monte Pituco, malo. É un ronquido forte, agresivo. O piloto acelera para subir a pendente, as rodas escorregan nas pedras e o tubo de escape bota fume. Cando se oe o ronquido dun motor no Monte Pituco acudimos coma lóstregos para apercibir o máis amablemente posible aos conductores, cousa que, por desgraza, acontece cada fin de semana soleado. A Comunidade de Montes NON autoriza a NINGUÉN a pilotar NINGÚN vehículo na zona do Monte Pornedo, preto dos seus petroglifos, degradando coas rodas o terreo da montaña, crebando as árbores que hai plantadas, deixando tirados neumáticos, latas e plásticos. NON!

Nesta ocasión, sorprendemos a dúas persoas montando unha moto pequena, ningunha especializada para practicar enduro, nin motocross. Dous mozos, zigzagueando sen rumbo aparente, que atravesaron toda a campiña, subiron pola pendente e foron ata o miradoiro. O máis sospeitoso da súa presenza eran os bultos que levaban enganchados do manillar ou suxeitos pola man: bolsas de cartón, ou de plástico das típicas do supermercado, cheas de… ¿? Deron a volta, acaso amolados por non teren o monte para eles sós e perdéronse ao lonxe. Seica marcharan. Pero ao cabo duns momentos, baixaban, co motor apagado. Non marcharan, foran máis arriba pola pista, e tal vez se desfixeron nalgún recuncho das bolsas que portaban, aínda que non o podemos asegurar con certeza. Sexa como fora, que mal lle fai o monte a quen o usa de vertedoiro? Que interese lle ve a dar voltas e máis voltas coma nun tiovivo, gastando combustible inutilmente, e dando tombos nun terreo que co seu comportamento contribúe a erosionar cada vez máis? Por que se lle dá ao monte de todos un trato tan denigrante? A preguntas coma estas, a resposta única e firme é a denuncia pública nesta fiestra virtual e ante as autoridades competentes en materia de medio ambiente. Visibilizar e protestar, para avergoñar os agresores e sensibilizar a cidadanía.

 

Publicado por: MontePituco | 25/02/2011

A LEI DE AUGAS (ENÉSIMA) (BIS)

O Colectivo Nacionalista de Marín vén de comentar polo miudo a súa lectura da nova Lei de Augas de Galicia, nun artigo no que advirte que a súa aplicación “abre a vía á privatización da auga”. Como xa se comentou antano neste mesmo blogue, coincidimos en considerar que se trata dun novo imposto, nun mal momento e cun propósito relativo. Mais, quen lles teclea estas liñas, que leva toda a vida bebendo da auga que nace nos arredores do Monte Pituco, prefire pagar o canon -sinal de que o manancial segue vivo- antes que o BNG e o PSOE provoquen a súa desaparición irreversible co seu desquiciado proxecto de instalación dun polígono industrial nesa zona. A continuación, a nota informativa do Colectivo Nacionalista de Marín, do que destacamos o primeiro parágrafo.

Consideramos que o debate sobre a recentemente aprobada Lei de Augas de Galiza estase levando pola vía do ENFRONTAMENTO PREELECTORAL entre os partidos políticos. É necesaria unha ANÁLISE QUE SE DESMARQUE DESTA PELEXA que non fai máis que CONFUNDIR Á OPINIÓN PÚBLICA sobre as verdadeiras repercusións da lei e sobre as responsabilidades presentes e futuras dos partidos e as distintas Administracións que a van aplicar. O PP e o BNG están EXPLICANDO A LEI DE XEITO OPORTUNISTA coa única finalidade de PESCAR VOTOS EN AUGAS TURBULENTAS, e creando FALSAS EXPECTATIVAS.

A aprobación da Lei de Augas supón unha nova aplicación do dogma neoliberal e abre o camiño á privatización de todas as augas de Galiza. Fixa un prezo mediante un canon a toda a auga que se consuma, a maiores do que pagamos hoxe en día polo subministro das traídas dos concellos. A Lei entrégalle a Augas de Galicia, un organismo que pasa a transformarse nunha sociedade anónima, a xestión do subministro, obras hidráulicas e planificación de todo o que teña que ver coa auga en Galiza, así como a xestión en materia tributaria. A Auga deixa de ser un ben universal xestionado polo goberno galego para ser xestionado de xeito empresarial a un prezo marcado polas leis do libre mercado.

Con esta lei, a Xunta renuncia a unha competencia traspasada polo goberno central para lla dar a unha empresa, retirándolle ademais, ao Parlamento, o control efectivo de Augas de Galicia, sendo o Consello de Contas o que pase a controlar o organismo até agora público. O goberno do PP vai un paso máis alá na directiva comunitaria e abre a porta á futura privatización de Augas de Galicia. Como aconteceu con outras empresas públicas como Telefónica ou como está pasando con Correos (proceso iniciado polo sr. Feijoo cando estaba por alí), pódese transformar nunha empresa mixta ou totalmente privada. Deste xeito unha competencia autonómica e un servizo público, as obras de infraestruturas, o cobro do canon, etc., pasaría a estar xestionado por unha empresa privada.

Esta lei afecta non só o rural, aféctanos a tod@s @s consumidores/as. A lei define como usuarios a todas as persoas físicas, xurídicas ou entidades que consuman auga. Iso é o que di o texto da lei, se despois, e por estar ás portas dunhas eleccións, o conselleiro di que a algúns non se lles vai cobrar, haberá que velo, tendo en conta que vai ser a empresa Augas de Galicia a encargada de facelo.

O canon que se nos vai cobrar é un imposto a maiores de outras taxas ou impostos que xa se están cobrando, engadirase a maiores no recibo que xa se cobra polos concellos, e no caso de captacións particulares será Augas de Galicia a que emita o recibo. Polo tanto, o importe do canon hai que sumalo ao recibo que xa estamos pagando. A bonificación do 50% para as familias numerosas non vai supoñer que deixen de pagar unha cantidade considerábel, xa que estas familias son as que máis consumen e o importe calcúlase por número de persoas que viven na vivenda.

Tamén se nos está vender por parte da Xunta a exención do canon para os usos agrícolas, cando na propia lei a este respecto di que os usos agrícolas, forestais e gandeiros non estarán suxeitos ao pago do canon sempre que non exista contaminación por fertilizantes, pesticidas ou materia orgánica. Xa que logo, podemos tirar como conclusión que serán moi poucos os que van estar exentos se non teñen un sistema de depuración propia, que é o habitual no rural.

Como afectará o canon ás vivendas

-Todas as vivendas terán que pagar o canon da auga, sexa traída municipal, da comunidade de veciños/as ou particular; proceda da choiva, de pozo, de manancial.

-No caso de traídas municipais ou de empresa subministradora, pagarase a maiores o prezo do subministro e o da depuración, é dicir, que ao recibo mensual que pagamos hai que sumarlle o canon.

-As familias numerosas terán un desconto do 50%

O canon que se cobrará pola auga componse dunha parte fixa e unha variábel

-A parte fixa ten un importe de 1,50€ por persoa residente na vivenda.

-A parte variábel calcúlase en función de tramos de consumo.

Tramos de consumo

De 0 a 2 m³: 0,00 €/m3

De 2 a 4 m³: 0,28 €/m3

De 4 a 8 m³: 0,36 €/m3

Máis de 8 m³: 0,41 €/m3

A Lei de Augas estima que o número mínimo de habitantes nunha vivenda é de 3 persoas, salvo proba en contrario (Art. 52. 4). O consumo medio por persoa en Galiza é de 4,29 m³/mes (datos do Instituto Nacional de Estatística).

Estimación do importe mensual do canon

-Vivenda 1 persoa

Parte fixa 1,50 € mes

Variábel 0,36 x 4,29 =1,54 € mes

Total a pagar: 3,04 € mes

-Vivenda de 3 persoas

Parte fixa 1,50€ x 3 persoas= 4,50€

Variábel 12,87 m³ consumo x 0,41= 5,28€

Total a pagar 9,78€ mes

Estes importes sumaranse ao recibo mensual que pagamos pola auga!

O coeficiente de vertedura

-Será de aplicación aos mesmos suxeitos pasivos do canon de augas, que vertan a un sistema de depuración. O coeficiente de vertedura será a maiores do canon da auga e farase nos mesmos termos que este. As fosas sépticas verteranse en depuradoras e pagarase o coeficiente de vertedura.

Publicado por: MontePituco | 24/02/2011

NO DÍA DE ROSALÍA

ROSALÍA DE CASTRO, 24 de febreiro de 1837- 15 de xullo de 1885.

 

…Miña casiña, meu lar,

¡cántas onciñas

de ouro me vals!

(de “Follas Novas”, 1880)

 

…I hai nas montañas nosas e nestes nosos ceos,

en canto aquí ten vida, en canto aquí ten ser,

cores de brilo soave, de trasparencia húmida,

de vaguedade incerta, que a nós só dá pracer…

(de “Follas Novas”, 1880)

 

…Aló no currunchiño máis hermoso

que a luz do sol na terra alumeara,

veiga frorida e prado deleitoso

que aos campiños do Edén se acomparara…

(De “Cantares Gallegos”, 1863)

Publicado por: MontePituco | 24/02/2011

O CASO DE PILAR GARCÍA

Comunicado da Asociación de Veciños de San Xulián, en apoio de Pilar García Iglesias, afectada por unha sentenza que obrida á demolición parcial dunhas obras realizadas na súa vivenda:

A AA.VV. San Xulián, ante a vergonzosa imaxe pública que está ofrecendo o Concello de Marín con motivo da entrada e demolición dunha parte da casa da veciña Pilar Garcia Iglesias, natural da nosa parroquia, lamenta e critica o duro proceder das autoridades deste Concello.

Esta AA.VV. reitérase no deber das autoridades de cumplir e facer cumplir as leis urbanísticas, medioambientais e de defensa do patrimonio e do legado histórico, tratando todos os casos baixo o principio da igualdade e do respecto escrupuloso dos dereitos dos cidadáns recollidos na Constitución. Cousa que o Concello e outras Administracions non fan, pois se nalgo destacan o alcalde, Francisco Veiga, e o seu concelleiro de Urbanismo, Xosé María Vilaboa, é en facer unha constante deixación de funcións e utilizar o urbanismo para pagar e recibir favores: encargando informes técnicos privados como se de traxes a medida se tratara, algúns deles fundamentados na falsidade como norma. Sendo un “destes exemplares informes” cos que lavan a cara “da súa legalidade” a pista de tenis feita sobre unha rúa do Plan Especial de Equipamentos e Infraestruturas da Raña, e outras obras do Plan ZP.

Por tanto, pretender presentarse como salvagardas da legalidade e do cumprimento das resolucións xudiciais é propio de canallas e caraduras. É hora xa de que se clarifiquen, expliquen e investiguen os presuntos chanchullos que fan o Xosé María Vilaboa e Pilar Blanco (Medio Ambiente) nas oficinas de urbanismo, que teñen un gasto de luz de 500€ ao mes .

O problema é que o raposo está gardando as galiñas e os expedentes nas oficinas de urbanismo de Marín. A AA.VV. San Xulián mostra a súa solidariedade e compresión con esta veciña, pois independentemente de sentencias, dos seus acertos ou erros, vemos que a legalidade, a xustiza e a contundencia no cumprimento da lei non é igual para os ricos que para os pobres.

Demandamos do Ministerio Fiscal que actúe e abra unha investigacion de oficio e salvagarde os dereitos constitucionais se foron pisoteados.

Publicado por: MontePituco | 23/02/2011

MARÍN, NO PASADO

Cando o mar chegaba á beira da Casa Consistorial, cando os barcos de vapor se amoreaban no peirao, cando aínda se ía á ribeira… Así era Marín no pasado, unha vila mariñeira que, co paso dos anos, das décadas e do cambio de século, perdeu a súa identidade marítima tradicional para entregarse ao desenvolvemento da industria portuaria e ao crecemento urbanístico que sementou os montes de eucaliptos e cambiou as vivendas rústicas por modernos edificios. O video é de Laureano Gallego, un afeccionado á fotografía cuxo traballo creativo se pode ver na seguinte páxina: http://laureanogallego.photaki.com/

Publicado por: MontePituco | 22/02/2011

CALENDARIOS, ÁS PORTAS DE MARZO

Pois mirámolo, remirámolo, do dereito, do revés, de adiante para atrás, de atrás para adiante e ata de medio lado. Pero no che hai distintivo ningún do Plan Arela e a única identificación existente en todas as follas pon “Concellaría de Medio Ambiente” e o escudo municipal. Así é o calendario repartido este pasado fin de semana pola Concellaría de Medio Ambiente, no marco dunha campaña da Concellaría de Comercio (cuxo emblema non aparece por ningures), e supostamente atribuida ao Plan Arela, que tampouco se cita. Vaia ensalada propagandística, para maior gloria do grupo municipal do BNG.

Coa louvable excusa de pór en coñecemento da cidadanía o labor de “recuperación da arquitectura popular galega” levado a cabo polo seu departamento, a concelleira nacionalista Pilar Blanco agasállanos aos marinenses, e case a golpe de marzo, cun calendario do ano 2011. Se antes non nolo puido obsequiar, foi tal vez porque os zafarranchos de obras nalgúns deses lavadoiros aínda non remataran e non estaban presentables para a foto. Pero máis vale tarde ca nunca, non? Como se os reparte en pleno maio, mes electoral onde os haxa.

Porque pagou a pena agardar por eles, digan vostedes que si. Porque en cada mes destácanse as datas conmemorativas vencelladas ao medio ambiente. En xaneiro, como xa pasou, non pagaba a pena destacar ningunha efeméride. En febreiro, como xa está rematando, quedou posto o Día dos Humedais. E xa a partir de marzo, que é cando ao almanaque lle imos poder explotar todas as súas potencialidades, preparémonos que non imos dar abasto con tantas celebracións: o Día da Eficiencia Enerxética, o Día Forestal, o da Auga, o Día Meteorolóxico… Menos mal que en abril acougamos un pouco de tanto estrés festeiro-medioambiental, e co Día da Terra dámonos cun canto nos dentes.

Pero non se me durman nos loureiros, porque en maio, que xa a campaña electoral estará en pleno apoxeo, Pilar Blanco vai entrar nunha nova voráxine. Non lle vai chegar o soldo para estrear tantos modelos cos que festexar o Día das Aves, o da Reciclaxe, o da Biodiversidade e o Día Europeo dos Parques Naturais. Con este ritmo endemoñado (non polo demo, senón polo de acabar ata o moño), e segundo o resultado que lle deparen as furnas, volvería respirar tranquila porque os meses de xuño e xullo só lle ocupan o Día do Medio Ambiente e o do Chan. En agosto, nada: vacacións!

Pero trala pausa estival, setembro e outubro comezan co listón conmemorativo ben alto e outra vez tocaralle suar a camiseta brindando polo Día da Árbore, pola Capa de Ozono, polo Día sen Coches, pola Protección da Natureza e polo Aforro Enerxético. E se sobrevive a tanta festividade frenética, xa se pode tirar á bartola, porque en novembro e decembro o medio ambiente non ten nada que rascar. Para algo son os meses do consumismo desaforado: para contaminar e despilfarrar todo o que reutilizamos, reducimos e reciclamos nos meses precedentes.

O máis coñero do calendario é a pouca vergoña (xa que a palabra senvergoña, por máis que o diccionario a define nos termos máis comedidos, lles resulta tan ofensiva a algúns lectores susceptibles) coa que as Concellarías de Medio Ambiente e de Comercio, e o BNG de Marín por extensión, fan exhibición e alarde do seu presunto compromiso coa natureza cando, paradoxicamente, o mesmo concelleiro de Urbanismo, que tamén ocupa a carteira de Comercio, abandeira o proxecto de instalación dun polígono industrial no Monte Pituco (Pornedo), pertencente aos Montes do Morrazo, incluido no catálogo de espazos protexidos das Normas Complementarias e Provinciais de Planeamento; cando o seu grupo encabezou unha proposta para desafectar o Monte Pituco dese ámbito de conservación, en plena fachada da ría; cando esgrime un PXOM cheo de contradicións e incongruencias entre a calificación do solo e o Informe de Sostibilidade Ambiental que lle dá ao Monte Pituco unha incapacidade absoluta para acoller infraestruturas industriais. Seguimos sacándolles os colores?

…Un pouco máis! Porque o eco-almanaque tamén nos ilustra con proverbios, frases anónimas unhas, e de celébres autores outras, como Newton, Einstein, Montaigne, os naturalistas Joaquín Araújo e José Luis Gallego. E así, imitando a campaña “doce meses, doce causas”, vaise sucedendo unha cascada hipócrita de intencións:

-“A natureza fai grandes obras sen esperar recompensa ningunha”. (A.I.Herzen)

-“Auga para todos pero non para todo”. (J.L.Gallego).

-“A natureza non fai nada en van”. (Newton).

-“Na biodiversidade, no sistema ecolóxico, non vai nada ben, se non vai todo xunto”. (J. Araújo).

-“Os seres humanos non somos donos do planeta, só somos os seus gardiáns”. (Anónimo).

-“Somos o espello do planeta, se el está sucio, nós tamén”. (Anónimo).

-“Reutilizar, reducir, reciclar”. (Anónimo).

-“Gota a gota a auga esgótase”. (Anónimo).

-“Da natureza só hai que sacar fotografías e deixar pisadas”. (Anónimo).

-“Mil árbores que crecen fan menos ruido que unha árbore que se derrumba”. (Proverbio).

-“A alegría de ver e entender é o máis perfecto don da natureza”. (Einstein).

-“Deixemos obrar á natureza, porque mellor ca nós sabe o que fai”. (Montaigne).

….Frases todas, todas elas, que o BNG non se pode arrogar, posto que a súa maior debacle contra o medio ambiente e contra o patrimonio cultural, histórico e natural, está por vir, da man do PSOE, salvo que ámbolos dous grupos se senten a partir de maio nos bancos da oposición. E xa postos a elaborar un eco-calendario patrio, por que non lles daría a materia grisalla para recompilar versos de poetas galegos que -dende Rosalía a Novoneyra, pasando por Manuel María, Cabanillas ou Otero Pedrayo- lle cantaron á paisaxe da nosa terra.

…E mentres, o alcalde, Francisco Veiga, non quere. Non quere isto, non quere o outro. Desta volta, ao que se nega e a oír falar das queixas da Asociación de Comerciantes Estrela de Marín polo reparto gratuito de exemplares de xornais. Cuestións de tipo discrepante, prezados amig@s de Estrela de Marín, dirímeas o noso esforzado, dialogante e comprensivo alcalde en dous sitios: por teléfono e nas escaleiras do Concello.

Publicado por: MontePituco | 21/02/2011

FARO DE VIGO: ARTIGO DE JULIO SANTOS PENA

Publicado por: MontePituco | 20/02/2011

VIÑETA DE XAQUÍN MARÍN: O LIXO

…Tantas veces denunciamos a existencia de verquidos ilegais no monte. Tantas veces criticamos e lle afeamos a conduta ás persoas que ousan emporcallar co seu lixo particular o monte común de todos. Vaia esta viñeta retranqueira do mestre Xaquín Marín para sacarlle os colores a esa caste de xente inimiga do medio ambiente, alérxica ao civismo e carente de educación.

Esta semana mantivemos un breve encontro co presidente da Comunidade de Montes de San Xulián, Francisco Casal, ao que lle entregamos un documento -ilustrado con imaxes actuais- que detalla boa parte das deficiencias que presenta o Monte Pituco (Pornedo): os desperfectos nas pistas e nos camiños, especialmente na zona da “área recreativa”; o abandono de animais e a presenza de cabalos maltratados con trancas e pexas nas súas extremidades; as pintadas que deterioran a imaxe deste espazo natural; o pésimo estado de conservación no que se atopan a área de descanso a carón da estrada de Figueirido e no propio Pornedo; a impunidade coa que os pilotos de motos e quads irrompen no monte e degradan o terreo cos seus vehículos; a proliferación de verquidos incontrolados a base de cascallos de obra, mobles vellos, neumáticos e ferralla…

Criticamos a inacción da Comunidade de Montes de San Xulián, acaso coa intención de contribuir así a un maior deterioro do monte que derive no que veladamente pretenden: entregalo en bandexa -e cobrar por elo- para que o Concello de Marín instale un polígono industrial a pesar de todos os inconvintes expostos por DEFENDE O MONTE PITUCO. Mais é a Comunidade de Montes a que ten as competencias para actuar, por iso lle pedimos por escrito unha xuntanza para expoñer as nosas propostas de actuación pola mellora deste contorno.

…Criticamos, pero tamén propoñemos: investimentos e medios para mellorar os accesos e as vías que comunican o monte; vixiancia e colaboración coas autoridades competentes para combater as agresións contra a fauna, a flora e o patrimonio natural do monte e velar pola súa protección; instalación de carteis que prohiban a circulación de vehículos a motor en zonas sensibles; limpeza, acondicionamento e sinalización dos lugares con presenza de petróglifos catalogados como Bens de Interese Cultural e outros elementos patrimoniais de valor etnográfico…

Entre os posibles acordos iniciais que se plantexaron con Francisco Casal, ao abeiro da vontade de colaboración que amosou no seu día a Concellería de Medio Ambiente de Marín na retirada dos verquidos (ver o artigo titulado”VERQUIDOS ILEGAIS: A RESPOSTA DO CONCELLO“) está o proxecto de organizar unha xornada de traballo conxunta -que o ano pasado por motivos organizativos non se deu levado a cabo- coa participación de xente sensible co monte e co medio ambiente, sexan veciños da zona ou non, para retirar entre todos eses montes de lixo contaminante e antiestético que nos dan vergoña allea. Por algo se empeza. Ogallá, coma na película, este fora o comezo dunha bonita e estreita colaboración.

Publicado por: MontePituco | 18/02/2011

10 MOTIVOS NA DEFENSA DO PITUCO

Publicado por: MontePituco | 17/02/2011

3º ANIVERSARIO DE ALMUINHA: PARABÉNS

Queremos felicitar á Asociación Cultural Almuinha porque estes días cumpre o seu terceiro aniversario. Queremos darlle as grazas por estar ao carón de Defende o Monte Pituco dende o principio, achegando ideas interesantes, contribuindo de xeito solidario nas campañas de apoio e nas xestións ante a Administración, e participando activamente no proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. E queremos desexarlle moitos azos para seguir traballando a prol da cultura e do desenvolvemento social de Marín. Parabéns polo camiño percorrido, e boa andaina ao longo da senda que está por diante.

De Almuinha temos sido partícipes das charlas sobre historia e patrimonio, dos foros sobre chan industrial, das súas actividades de recuperación de tradicións ou de dinamización da mocidade. Nos seus comezos, Almuinha destacaba por organizar actividades fóra do común, de estar ao tanto da “vangarda” cultural galega e poñer en marcha en Marín iniciativas que se levaban a cabo con éxito noutras vilas e cidades. Nos seus inicios lembramos, por exemplo, a ceiba de libros, tamén coñecida como bookcrossing, que facían pedindo colaboración a particulares e empresas, con pouca ou ningunha axuda institucional.

…Vén isto a conto de que o Concello está organizando unha liberación de libros en datas próximas ao 23 de abril, co gallo de conmemorarse precisamente o Día do Libro. Mais, como cadra en plena Semana Santa, a acción vaise adiantar ao día 15 para que poidan participar os centros de ensino. O Concello vai recoller libros usados en colexios e asociacións para ceibalos no contorno do palco da música na Alameda. Con Almuinha, que xa ten traballado na organización desa actividades, non contactaron para ofrecer participación ningunha. Quizais a súa experiencia, aínda que fora modesta, puidera ser útil para o éxito da proposta. Se a dinámica que aplican dende a Concellería de Educación non é axeitada, pódese repetir o que -negativamente- aconteceu en Pontevedra o pasado ano por tal efeméride, cando centos de persoas acudiron á Praza da Ferrería para facerse con libros de balde, empurrándose unhas a outras, coma se fora unha rapiña. Sería unha mágoa que unha acción ideada para servir á promoción da cultura escrita acabara desvirtuada. Ogallá o Concello atine no enfoque da actividade, que sexa participativa, que se desenvolva de xeito elegante, comedido e respectuoso cos libros e cos lectores.

…Seguro que Almuinha non pasará por alto o Día do Libro nin ningunha outra data significativa para seguir animando a dinámica social de Marín, sempre atentos e atentas á actualidade, con actividades que respostan aos intereses e ás inquedanzas da veciñanza.

(Nas imaxes, momentos da presentación do documental do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, no anterior local de Almuinha, en novembro do pasado 2010).

Publicado por: MontePituco | 16/02/2011

LEI DE AUGAS (ENÉSIMO)

O mesmo día que a Concellería de Medio Ambiente que dirixe Pilar Blanco citaba aos habitantes de San Xulián a unha asemblea para expoñerlle o punto de vista do seu partido, o BNG, sobre a Lei de Augas que entrou en vigor o pasado mes de novembro, a Asociación de Veciños de San Xulián enviáballe un escrito ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, para pedirlle información sobre esta normativa. O contido da súa carta figura a continuación e tamén se pode ver no blog de BreaSeixo.

“A nova Lei 9/2010, de Augas de Galicia, establece unha bonificación do 90% no canon da auga para os usos domésticos con captacións propias (pozo, mananciais, etc,), así como para as comunidades de usuarios”.

 “Sobre a aplicación concreta do canon, cómpre diferenciar entre pozos particulares e comunidades de usuarios. Para os primeiros, o importe do canon, unha vez deducida a bonificación do 90%, será dun importe tan baixo que fará antieconómica a súa esixencia … Polo tanto, aínda que non existe unha exención expresa na Lei para os pozos particulares, estarán “exentos” do pagamento do canon, por representar un importe cuxa esixencia resultaría un custo superior do que se percibiría pola súa repercusión”.

“A modo de exemplo, para unha familia de 3 persoas que se abastezan de traídas veciñais e que consuman unha media de 5 m³ por persoa e mes, co novo canon da auga pagarían 43 céntimo ao mes por toda a familia. É dicir, 14 céntimos ao mes por persoa. Unha cantidade minúscula que en ocasións non fará rendible o seu cobro, e que, en todo caso, entendemos que resulta perfectamente asumible”.

Estes son algúns dos parágrafos máis significativos do escrito que rubrica Agustín Hernández. Dende principios de ano vimos asistindo a unha guerra electoralista entre o BNG e o PP a respecto desta lei que a Xunta insiste en que ten que aplicar para que Galicia cumpra coa normativa europea, e asegurando que o canon galego será o segundo máis barato de España. Despois de que os nacionalistas percorreran o rural marinense revolucionando a paisaxe e a paisanaxe, os seus homólogos de Cotobade colleron o testigo e levan dúas semanas facendo tres cuartos do mesmo: o luns, en Tenorio, hoxe en Carballedo, o venres irán a Valongo, e seguirán o fin de semana en Caroi e San Xurxo de Sacos. Que dura é a vida dos candidatos do BNG, vaia senvivir!

E así como María Ramallo en Marín trouxo ao presidente de Augas de Galicia para intentar -con máis ou menos éxito- calmar os ánimos que os nacionalistas deixaran caldeados, tamén o PP de Cotobade sae hoxe á palestra para acusar o BNG de “mentir con descaro, facendo campaña electoral, baseándose en mentiras, medias verdades, falsidades e manipulacións”. Os populares de Cotobade volven recalcar que “a pesar dos importantes esforzos do BNG por manipular a realidade, o certo é que os pozos particulares e as traídas veciñais e comunitarias non terán que pagar polo consumo de auga, ao igual que os usos gandeitos, agrícolas e forestais, que tamén quedan exentos do pago do canon”. E para rematala, pídenlle ao BNG de Cotobade “que se preocupe máis polos cartos que lle supoñen aos veciños as dedicacións parciais” -en Marín o BNG ten dedicacións exclusivas- “dos concelleiros nacionalistas, cartos tirados cos que se poderían destinar para proxectos de traídas de augas en moitas parroquias”.

Non falta moito para que os contribuintes acabemos sabendo quen di a verdade sobre as consecuencias da posta en marcha real da Lei de Augas. Polo pronto, xa sabemos que esas charlas que deron Pilar Blanco e Xosé María Vilaboa, amparándose no escudo oficial do Concello de Marín, servían en realidade á causa do BNG. Como xa se contou neste mesmo blog, nun artigo titulado “NON COA MIÑA SINATURA”, estes concelleiros non se cortaron un pelo en facer propaganda das iniciativas parlamentarias adoptadas polo seu partido. E aínda que as sinaturas que foron pescando ían disfrazadas cun traxe municipal simulado, o certo é que serviron á causa das súas siglas políticas particulares.

(O portavoz nacional do BNG estivo acompañado pola secretaria de Organización, Montse Prado, a portavoz parlamentar de Medio Ambiente, Isabel Sánchez; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Rubén Cela, candidato á alcaldía de Santiago; Adolfo Muíños, concelleiro do BNG e candidato á alcaldía de Rianxo; Matías da Torre, portavoz municipal de Silleda; Anabel Gulías, candidata á alcaldía de Forcarei; Raquel López Doce, portavoz municipal e tenenta de alcalde da Estrada; Secundino García, alcalde de San Sadurniño; Francisco da Silva, candidato á alcaldía das Pontes; Gonzalo Castro, portavoz municipal e candidato á alcaldía de Ordes; Xosé María Pérez, portavoz municipal de Frades; Fernando Herrero, portavoz en Soutomaior; Xoán Blanco, portavoz en Vila de Cruces, e Martiño Noriega, alcalde de Teo).

Hoxe tamén é noticia que o BNG presentou no Parlamento 14.000 sinaturas pedindo a supresión da Lei de Augas. Xunto co voceiro nacional do BNG ían alcaldes e candidatos nacionalistas ás próximas eleccións locais. Na súa páxina web, infórmase que “a campaña informativa do BNG vai continuar ao longo dos vindeiros meses con máis charlas e recollida de sinaturas, cómpre salientar que, até o momento, celebráronse 200 charlas ás que asistiron preto de 8.000 persoas”. Están incluidas nesas cifras as asembleas convocadas pola Concellería de Medio Ambiente de Marín? Están incluidas nesas cifras os veciños de Marín que acudiron a informarse nos encontros organizados polo Concello, non por un partido? Mentía Pilar Blanco cando a voceira de Mar-In, Isabel Martínez, preguntou no pleno celebrado en xaneiro pola titularidade desas charlas, e recibiu como resposta que esas xuntanzas non tiñan que ver co BNG, senón coa Concellería de Medio Ambiente? Parafraseando o título de certa película (“¿Por qué lo llaman amor cuando quieren decir sexo?”) …por que lle chaman “información” cando queren dicir “oportunismo”?

Temos Lei de Augas ata na sopa. Nunha recente comparencia, o Sindicato Labrego Galego tamén se posicionaba en contra deste regulamento. Un dos seus representantes, Manuel Docampo, explicou: “…As competencias sobre a auga foron transferidas polo Estado Español á Xunta no ano 1986, a través do Real Decreto 2.792. O feito de cederlle estas competencias a unha empresa como Augas de Galicia que, dende o punto de vista xurídico, funciona como unha sociedade anónima (ao ser Augas de Galicia un organismo de dereito privado), fai que a lei impulsada pola Xunta podería estar raiando a inconstitucionalidade”.

E para que quede constancia do que opinan todas as partes, de maneira que cada persoa se poida informar autonomamente e sacar as súas propias conclusión, a continuación segue un documento elaborado polo Sindicato Labrego Galego no que, ademais de compartir “a grosso modo” o exposto polo BNG nas súas charlas, conclúen pedindo: a derrogación da Lei de Augas; que as augas sigan sendo un ben público universal, sen prezo para as necesidades básicas das persoas e da produción de alimentos; que a planificación a xestión e o subministro das augas sexa público, tendo en conta a súa función social; priorizar o consumo humano, dos animais e os usos agrarios a pequena e mediana escala; o subministro e a depuración deberán ser públicos, pagandose só no caso de que se realice o servizo e o prezo non pode exceder do custe deste, descontando as subvencións; que o prezo a pagar polo servizo de subministro e depuración debe estar en función da renda do usuario/a.

SINDICATO LABREGO GALEGO SOBRE A LEI DE AUGAS

Publicado por: MontePituco | 15/02/2011

PETROGLIFOS DE MOGOR: DENUNCIA DE ABANDONO

Entre os amigos de Monte Pituco en FaceBook está Xesús. Esta semana sorprendeunos cun álbum de fotografías cun título inquedante e preocupante: “Obras e desfeita en Mogor”. Nel había preto dunha vintena de imaxes, das que neste artigo se amosa unha escolma, e os seguintes comentarios:

“Un dos motivos rupestres mais interesantes a nivel mundial, o labirinto de Mogor, segue abandonado. Como de costume, utilizan un elemento significativo do patrimonio para pór en marcha o derroche de fondos públicos, con proveito para a empresa construtora e escaso beneficio para o patrimonio e os cidadáns.

A pesares de ter iniciadas as obras dun superbúnquer de formigón e as catas que están facendo no contorno da pedra do labirinto, o conxunto e o entorno manteñen unha deplorable situación de abandono e falta de limpeza. Ningunha precaución de vallado da zona de prospección, nin de recollida do lixo no entorno. Nas pedras cos gravados e na plataforma de madeira, lixo amoreado, e pegadas de percusión con pedras sobre algúns dos gravados do conxunto con plataforma de madeira… Moita miseria”.

Velaquí quedan as críticas, ás que DEFENDE O MONTE PITUCO se suma. E sumámonos porque o Concello de Marín parece perder o cu ultimamente por demostrar o seu “compromiso” coa posta en valor do patrimonio rupestre: sacando rédito político dos máis de 200.000 euros que vai investir a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta na instalación dun centro de recepción de visitantes; sacando rédito político tamén dos fondos europeos correspondentes ao Plan Arela que se van destinar á recuperación do castro da Subidá…

…Mais pasando olimpicamente dos valiosos petroglifos que temos abandonados no rural: en San Tomé, no Campo, e nunha cantidade respectable en San Xulián (Castelo de Barbudo, Mámoa de Pedralonga, Petroglifos de Pornedo, Pinal de Caeiro, A Carrasca, Champás, Sete Camiños, Moreira, Laxe, os petroglifos de Cadro, perigosamente incluidos no recinto do parque multiaventura, o Muiño navicular de Pelagartos, ou a Pedra fincada de Currás, que son os que figuran no catálogo do libro “Petroglifos e outras historias”, dos marinenses Xulio Abal e Álvaro Arizaga).

…Mais desprezando o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños que DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) lle quere presentar ao Concello de Marín xunto coa comisión promotora desta iniciativa que apoian unha vintena de colectivos sociais das bisbarras de Pontevedra e do Morrazo. Aínda que nos consta que o grupo municipal do BNG non perde ripio do traballo e vai tomando nota dos seus contidos. Por se acaso algún día lle dá por apropiarse e presentar como propio un proxecto que está medrando co esforzo desinteresado de moitas persoas, aínda que o Concello porfíe en ignoralas sistematicamente.

Corren malos tempos para o patrimonio histórico-cultural desta terra: a Xunta que se desentende de financiar a recuperación do Castro de Baroña en O Son e que desatende os petroglifos de Pé da Mula, en Mondariz, nunhas condicións lamentables dentro dunha explotación gandeira (ver imaxes no blog de Ángel de Prado); o Ministerio de Fomento que propón como vertedoiro para as obras da A-59 unha zona na que se atopa o conxunto arqueolóxico de Amoedo en Pazos de Borbén; ou a destrucción dun castro da Idade do Ferro coas obras do porto exterior da Coruña (ler o artigo de Manuel Gago no blog Capítulo Cero)…

…Como ben apuntaba Xesús: Moita miseria!

 

Publicado por: MontePituco | 14/02/2011

RESPECTO AOS COLECTIVOS VECIÑAIS

Xoán Eladio Torres asina unha carta publicada en Diario de Pontevedra na que se queixa polo trato despectivo e a falta de respecto coa que os dirixentes políticos actúan ante certos colectivos sociais e veciñais que lles resultan incómodos. Traballador e sindicalista, dirixente veciñal, divulgador da paisaxe e do patrimonio de Galicia, e candidato á alcaldía de Pontevedra en representación de Iniciativa Cidadán Os Praceres (ICP), Xoán Eladio Torres -Xoan Arco da Vella na súa dimensión máis artística- critica a desfachatez do alcalde de Marín pola súa negativa reiterada e desafiante a recibir a DEFENDE O MONTE PITUCO e a coñecer o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

Está claro que, chegados a un “nivel”, hai “políticos” que perden a perspectiva, os seus pés parecen irse elevando do chan e comezan a ollar para os seus semellantes dende un plano de superioridade e arrogancia crecentes e preocupantes, como Francisco Veiga. Cómpre que existan partidos pequenos, ICP en Pontevedra ou Mar-In na nosa vila, salvando as distancias ideolóxicas que os separen, para estar ao carón dos veciños, ser partícipes dos seus problemas e dialogar para procurarlles unha solución.

Grazas a Xoán Eladio Torres por lembrarse de DEFENDE O MONTE PITUCO.

Publicado por: MontePituco | 13/02/2011

NÓS ♥ MONTE PITUCO

NÓS MONTE PITUCO

(Veiga ♥ Monte Carrasco)

 

…Crecerás árbore intacta

sobre a tua sombra e o teu nome

para alén de fronteiras e desígnios

máis alá do horizonte

que cegos os teus dedos parcelaron

Porque es o teu tempo e a túa espera

e non habia roteiro antes dos teus pasos…

      XOSÉ M. MILLÁN OTERO (Beluso, 1964)

      do poema “Pátria de todos os ventos”.

Publicado por: MontePituco | 13/02/2011

A VOLTAS AÍNDA CO PARQUE LOXÍSTICO

“…En estos meses de debate sobre la ubicación del “puerto seco” han surgido ubicaciones varias, como en Cerponzóns, propuesta por el concello pontevedrés, Tomeza-Vilaboa, lanzada por el grupo municipal del PP, o el Monte Pituco, en Marín, como defiende su alcalde, entre otras, pero hasta el momento no ha habido pronunciamiento oficial al respecto”. (Faro de Vigo, 13 de febreiro de 2011).

…Benditas hemerotecas…

“…La opción del Monte Pituco, recordaba ayer el presidente de la Autoridad Portuaria, José Benito Suárez, fue “DESECHADA en 2000″, debido al DESNIVEL del terreno que lo hacía INVIABLE“. (Faro de Vigo, 18 de novembro de 2009).

Publicado por: MontePituco | 12/02/2011

AS BEIRARRÚAS DE SAN XULIÁN

Publicado por: MontePituco | 11/02/2011

LEI DE AUGAS (IV): A CHARLA DO PP (II)

Publicado por: MontePituco | 10/02/2011

LEI DE AUGAS (IV): A CHARLA DO PP

…Mentres ordenamos as notas que puidemos tomar, e mentres agardamos polas novas de mañá na prensa, velaquí o documento que se entregaba aos asistentes á charla que, sobre a nova Lei de Augas, deron esta tarde en Marín o presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, o deputado do PP Román Rodríguez, e a voceira municipal, María Ramallo. O salón de actos da Biblioteca Municipal estaba cheo.

Publicado por: MontePituco | 09/02/2011

PETICIÓN DE ENTREVISTA DE XANEIRO

Publicado por: MontePituco | 08/02/2011

LEI DE AUGAS (III): NON COA MIÑA SINATURA

Hai tempo que os veciños de Caeiro, propietarios de billas de auga para consumo doméstico e de regadío, se constituiron nunha comunidade de propietarios para regularizar o aproveitamento do manancial de Fontenla que, dende tempo inmemorial, vén surtindo a estas familias. E como eles, os habitantes doutras zonas do rural suponse que tamén tiveron que adaptarse ao novo requerimento administrativo, que probablemente viñera impulsado dende a etapa do bipartito. Cando nos preguntabamos cal era a finalidade deste cambio, a resposta xa se intuía, pero foi a finais do pasado ano, con motivo da tramitación dunha nova Lei de Augas de Galicia, cando se confirmaron as sospeitas: o establecemento dun canon, dun imposto económico, sobre o consumo de auga, que pasa a considerarse un ben común, e cada vez máis prezado, por escaso.

E quen teclea estas liñas afirma, con todas as consecuencias, que asume moi gustosamente o pago dese canon, con tal de seguir conservando ese líquido elemento que, dende toda a vida, procede dese acuífero “herdado” dos devanceiros. Un manancial excavado e canalizado coa suor de homes e mulleres que non turraron incansables para que veñan agora catro políticos de pacotilla, e outros tantos lambebotas, a arrebatarnos un ben tan valioso. Coas obras da Variante de Marín e as cargas de dinamita que reventaron as entranas da terra, os veciños estivemos co corazón nun puño, pregando para que a auga non escorregara por unha veta que puidera romper por culpa das detonacións. E volvemos estar en pé de guerra para que non prospere de ningunha maneira o proxecto do Goberno local de Marín de instalarnos un polígono industrial aí onde están os nosos mananciais, os nosos depósitos e as nosas fontes.

Por iso as charlas -e seica van cinco ou seis- que, sobre a Lei de Augas, están dando nas parroquias do rural a concelleira de Medio Ambiente, Pilar Blanco, e o concelleiro de Urbanismo, Xosé María Vilaboa, son un insulto á intelixencia. En poucas palabras: FALSIDADE, HIPOCRESÍA, DEMAGOXIA, OPORTUNISMO, MANIPULACIÓN, ELECTORALISMO E PROPAGANDA. Porque hai que ter pouca vergoña para amosarse publicamente como os defensores de algo que eles mesmos están polo labor de destruir. E hai que ter unha ‘gheta’ de cemento armado para ir, cana en ristre, pescando as vontades da veciñanza, cabreada, con toda a razón do mundo, porque dentro duns meses van ter que pagar unha taxa máis pola auga que gastan e outra polos verquidos que producen. E por riba, con recochineo: “…Porque vós, cando queredes, tedes moita forza”, dicía Pilar Blanco ao final da xuntanza, cun medio sorriso, que mesmo parecera que só lle faltase levantar un cacho de saia e enseñar cacha para convencer o persoal de que ten que presentar alegacións particulares contra esa Lei.

…NON COA MIÑA FIRMA! Porque a Lei de Augas abofé que é inxusta, unha excusa máis para seguir exprimindo os contribuintes. Pero ninguén, sexa do partido que sexa, me vai vir convencer a estas alturas de que patalee, cando o tempo das pataletas pasou sen que ningún grupo, nin parlamentario nin municipal, nin do BNG nin do PSOE, viñera polas parroquias advertindo que nos iamos ter que apretar o cinto para aboar canon ningún. Agora, cando faltan tres meses para as eleccións municipais, o BNG ten na Lei de Augas un filón para malmeter, para retorcer e para ensarillar: así o estivo facendo en Marín, en nome do Concello no que goberna, e así se está a facer tamén noutras localidades como a de Cotobade, polas parroquias de Vilanova, Correira, Almofrei e Viascón.

Porque o primeiro que di Xosé María Vilaboa, con esa ceremoniosidade requintada que gasta, é que “curiosamente”, o pago do canon se vai facer efectivo despois das eleccións municipais. Pero tranquilos, vén dicir o concelleiro salvador, que aquí estamos nós para darvos a fórmula máxica que vos vai eximir milagreiramente de apoquinar. Entón é cando empezan unha retahíla de argumentos interpretados de forma arbitraria para persuadir a xente do que ten que facer. E a pouco máis, só lles falta dicir que o PP é o demo con rabo, cornos e tridente, que nin por todo o ouro do mundo se lle ocorra a ninguén darlle un só voto, que tan ruíns son que nos van facer pagar por beber, por comer, por asearnos, por regar catro leitugas, por fregar catro cacharros, por limpar a casa e lavar a roupa e, se nos descoidamos, pola chuvia que nos molle.

Os concelleiros do BNG recoñecen que a Lei de Augas de Galicia, publicada no DOG o 18 de novembro de 2010, estivo un mes a exposición pública. Nese tempo, segundo Pilar Blanco, o BNG presentou unha enmenda á totalidade. Ante a pregunta “onde estaba daquela a Concellería de Medio Ambiente, que non lles dixo nin mu aos veciños e veciñas?” (e que foi recibida con aplausos do público, dito sexa de paso) a resposta da concelleira foi que “aínda estamos a tempo, porque así como se aproban leis, tamén se cambian ou, directamente, se derogan”. Vilaboa encaixou a pregunta bastante peor e só lle faltou dicir que a ‘menda-lerenda’ ía defendendo uns “intereses” e, a pouco menos, a enviaban as hordas maléficas do PP para reventarlle a asemblea veciñal. Total, que para Pilar Blanco a política é un cachondeo: facer, desfacer, atar, desatar. E para Vilaboa, se non estás con el, estás contra el, e se non vas para rirlle as grazas e dicirlle ‘si, bwana’, mellor non vaias.

Na charla des-informativa sobre a Lei de Augas que convoca a Concellería de Medio Ambiente e na que Pilar Blanco se adica a facer publicidade do seu partido, a concelleira desmenuza a normativa en 14 preguntas que, a grosso modo veñen sendo:

1. Quen aproba a Lei de Augas? Resposta: “o PP en solitario é o impulsor desta lei”.

…Claro, porque para iso ten maioría absoluta no Parlamento de Galicia.

2. A quen afecta? Resposta: “a todos sen excepción”.

…Maiormente, por un detalliño denominado principio de constitucionalidade.

3. Cal é o obxectivo da lei? Resposta: aumentar a capacidade recadadora cun canon de auga e outro de verquidos. Pilar Blanco asegura que a Xunta vai pasar a obter 68 millóns de euros fronte aos 33 que recibía ata o momento. E sementa unha dúbida perversa: “Non temos control de a onde van os cartos dos nosos impostos”.

…Aínda coincidindo en que a lei se puido crear para facer caixa, non son de recibo esas insinuacións sobre a xestión dos cartos públicos, máxime vindo dun Goberno local que dende 2008 non aproba un orzamento municipal en condicións e que, ano a ano, teno en stand-by, durmindo o sono dos xustos.

4. Por que non incentiva o consumo responsable? Resposta: Todos imos ter que pagar, consumamos auga ou non, por tanto, a lei “castiga a quen non consuma”.

…Tooooma demagoxiaaaa…

5. A quen se lle vai aplicar? Resposta: a traídas comunitarias, pozos, manantiais, usuarios da traída municipal.

…Cae de caixón: se todos, sen excepción, se nos aplica a lei, será porque temos acceso a auga potable, cousa necesaria nun país desenvolvido coma este a estas alturas do século XXI.

6. Que se paga agora? Resposta: pagan a cuota de saneamento os que teñen traída municipal.

…Pilar Blanco cóidase ben de aclarar que, aínda que no recibo figure o Concello de Marín, este só se limita a cobrar, eludindo toda responsabilidade, para que o contribuínte teña claro que a responsabilidade primeira e última é da Xunta.

7. Que é o canon da auga? Resposta: a suma dunha cuota fixa e unha cuota variable, en resume, segundo Pilar Blanco, “castígase o consumo”.

…Pero non se castigaba a quen non consumía? En que quedamos?

8. Canto se vai pagar? Resposta: a partir dunha táboa clasificatoria que figura no texto da propia lei, Pilar Blanco conclúe que “é bastante fácil pasarse”.

…Natural, postos a castigar, que se castigue a fondo.

9. Como se aplicará a lei? Resposta: Tense que aprobar un regulamento para que as entidades subministradoras, Concellos e comunidades de augas, poidan facturar. Pilar Blanco incide en que estas últimas terán que “buscarse a vida para administrarse”.

…A constitución das comunidades de augas xa viña de antes. O importante, dadas as circunstancias e, nunca mellor dito, é ‘non afogar nun vaso de auga’. (Nótese a sutileza do ‘chiste’).

10. Como se mide o consumo de auga? Resposta: “Ninguén se vai librar de pagar”. Os métodos para calcular a cantidade serán mediante estimación directa polo que marque o contador homologado que instale o usuario ou, no seu defecto, unha estimación obxectiva.

…Visión apocalíptica onde as haxa…

11. Haberá bonificacións? Resposta: para familias numerosas, comunidades legalmente constituídas…

…Por este capítulo pasan rápido, non sexa que ao final a cousa non pinte tan mal como aparentaba.

12. (Desculpade que obvie este apartado, pero xa non había quen aturara aquel rollo, con toda a xente metida nunha saliña pequena, coma sardiñas en lata, e cunha calor abafante…).

13. Cando entra en vigor? Resposta: Xa está en vigor.

…Os concelleiros pretendían enfatizar que, coa poeira de dúbidas que se estaba levantando, o PP intentaba minimizar a situación. Cando a realidade é que a lei lexa xa tres meses publicada.

14. Que podemos facer? Resposta: Que non cunda o pánico, porque o Concello vai acudir ao rescate da poboación atemorizada e indefensa, pedindo a retirada da Lei mediante un acordo plenario e presentando unha alegación, cousa que tamén se lle pide á cidadanía que faga mediante a sinatura de alegacións a título individual.

…E alá foron un feixe de veciños, a polo papel de marras, malia que algúns dicían abertamente que o discurso do Bloque dáballes exactamente igual pero que, sendo estrictamente prácticos, por plantarlle un garabato non perdían nada.

E tanto criticaban Blanco e Vilaboa que o PP “non daba a cara”, que o propio director de Augas de Galicia vai vir a Marín, mangueira de extinción de incendios en ristre, para aplacar os fumes do BNG. Gastará moita auga? Aplicaralle o canon con efecto retroactivo? Acabarán os concelleiros mollados coma pitos ou enfundaranse un chuvasqueiro?

Publicado por: MontePituco | 07/02/2011

CONTRA O ANIMALICIDIO

Cando M. contactou connosco para lamentar que a súa andaina polo monte lle causara unha fonda decepción, non podiamos imaxinar ata que punto fora testemuña de algo tan horrible. No lugar das Cadenas, a pouca distancia do camiño, xace o cadáver comesto e putrefacto dun burro que, a todas luces, tivo que ser abandoado alí, quen sabe se enfermo ou mesmo impedido, que nin da corda ao pescozo se puido librar para morrer, nin dun pau que aínda leva atado nnha pata.

Exprimindo as páxinas do diccionario non hai palabras abondo para expresar a mágoa e a rabia, a frustración e as ganas de dimitir desta noxenta especie humana que non ten nada de sapiens e moito de cruelis e ignorantis. É a imaxe máis dura que se ten asomado a esta fiestra virtual dende a que o Monte Pituco clama por sobrevivir e por rexurdir fronte aos intereses políticos e económicos de quen pretende destruir o seu valor natural, paisaxístico e cultural cun agresivo sopapo de formigón. Pero é, sen dúbida, a imaxe máis real, e á realidade non lle hai que virar as costas. Nunca. Cómpre ser valentes para afrontar o negativo e combatilo con cantos máis cóbados e neuronas, mellor.

Ogallá fora a primeira e a derradeira imaxe da morte e da miseria. Pero sabemos que haberá máis fochancas de lama nas que caeremos de bruces, porque hai moita maldade, altas cotas de traizón e unha absoluta falta de principios. Mais tamén temos a certeza de que para loitar contra todos eses xigantes hai persoas como M. ás que o monte lles doe, e que se preocupan por este terruño que outros desprezan ou do que outros se queren aproveitar. Os seus ollos son os nosos tamén.

Por iso, dende DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO), vaia este chamamento a toda a veciñanza de Marín e da contorna para que nos informe de todas as deficiencias que atope neste espazo, ou noutro próximo. Problemas e circunstancias ás que non cheguemos por descoñecemento ou por falta de medios, porque compartindo e denunciando dende aquí a existencia desas situación, visibilizándoas, poderemos pouco a pouco acadar un monte máis vivo. O contrario é o silencio, a desidia, o lixo debaixo da alfombra.

Que tomen nota na Comunidade de Montes, que baixen da súa torre de cristal (tamén chamada bar ou taberna) e se poñan a traballar porque hai moito que facer: animais abandoados, gando ceibe sen regularizar e maltratado con pexas e trancas, verquidos ilegais de escombros, pistas e camiños nun estado de conservación máis que calamitoso, pintadas e agresións ao patrimonio histórico, circuitos irregulares de motociclismo en zonas de recente repoboación forestal, fontes e bebedoiros en pésimas condicións de hixiene, abundante maleza e especies herbáceas invasivas… E ousan por riba queixarse de que se lles desprestixia, cando polo que teñen que responder precisamente é pola súa xestión e pola imaxe do monte?

Por suposto, o Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil ten a notificación oportuna sobre o caso denunciado, como así o terán a Policía Local e o Concello de Marín para que tomen as medidas oportunas.

Publicado por: MontePituco | 06/02/2011

A LEI DE AUGAS (II)

A charla que este xoves 10 de febreiro ás 19:00 horas vai dar o presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, na Biblioteca Pública de Marín, chega un pouco tarde. Porque o BNG -si, o BNG, aínda que convoque en nome do Concello as charlas “des-informativas” que vén impartindo por todo o rural- xa leva colleitado un feixe de alegacións contra a Lei de Augas, a base de contaminar a opinión da veciñanza e de aportar un enfoque politicamente interesado da lei, cun clarísimo tufo electoral, posto que xa se albisca o horizonte das eleccións municipais. En calquera caso, a presenza de Francisco Menéndez é oportuna para contrastar a versión intoxicada do BNG e aclarar as dúbidas que a poboación teña da interpretación da lei, que está ao alcance de calquera persoa no DOG e na páxina web da Xunta, ademais da ligazón que se pon, novamente, a continuación:

LEI DE AUGAS DE GALICIA / 2010

Publicado por: MontePituco | 06/02/2011

ENTREVISTA CON ISABEL MTNEZ. EPIFANIO (MAR-IN)

“…Estivemos cos veciños sempre que se sentiron maltratados polo Concello”.

É unha das frases máis destacadas da entrevista que hoxe publica Diario de Pontevedra coa candidata de Marinenses Independentes á alcaldía, Isabel Martínez Epifanio. En DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) damos fe de que así foi, verbalizando queixas que o alcalde se empeñou en contestar co silenzo e a indiferenza. E aínda apreciando a interlocución de Mar-In, as intervencións oportunas e máis que correctas dos seus representantes no Pleno, xorde unha dúbida existencial: con que partido chegarían a pactar, chegado o momento?

Publicado por: MontePituco | 05/02/2011

PP: O RETRASO NO PXOM

Publicado por: MontePituco | 02/02/2011

POLA PROTECCIÓN DOS MONTES DO MORRAZO

Se a semana pasada o Colectivo Nacionalista do Morrazo alertaba da agresión ambiental que o Goberno autonómico pretende autorizar nos Montes do Morrazo (ler o artigo “…E AGORA, MUIÑOS EÓLICOS“), agora é a organización ecoloxista Luita Verde a que tamén rexeita a posible instalación dun parque eólico en Pedras Negras. A continuación, o comunicado de Luita Verde.

Luita Verde rexeita o anteproxecto de parque eólico de 42 MW aprobado pola Xunta a nome de Pedras Negras no Morrazo, dentro da Resolución do 20 de decembro de 2010 ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010, para a asignación de 2325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia.

Pedras Negras está ubicada entre os altos do Monte Faro e do Coto do Home, a máis de 600 metros de altura e dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo, protexido como solo rústico de espazos naturais dentro das Normas Subsidiarias e Complementarias de planeamento da provincia de Pontevedra. A zona posúe as máis amplas panorámicas paisaxísticas da comarca cara ás Rías Baixas, especialmente da ría de Vigo e da enseada de San Simón no seu interior, na actualidade integrada como LIC dentro da Rede Natura europea.

Entra dentro da área natural de distribución da comunidade Erica ciliaris-Erica tetralix de queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas, formacións higrófilas protexidas como hábitat natural prioritario pola UE. Ten unha relevante importancia a nivel xeolóxico en formacións graníticas e de fauna e flora silvestre, especialmente de avifauna, anfibios de ámbitos húmidos e réptiles, mamíferos e micromamíferos de monte baixo e matogueira.

Ao seu abeiro e por varias correntes de auga doce, nace o río dos Ladróns, afluente asimesmo do río da Fraga, dos de máis caudal e importancia da comarca, que asemade atravesa o propio espazo protexido e desemboca no intermareal da Xunqueira, nunha zona de alto valor ornitolóxico e marisqueiro da ría de Vigo. Perto e dentro do seu perímetro tamén están nacentes dos ríos Barranco do Faro, da Freixa e Riomaior, estes dous últimos coa desembocadura na enseada de San Simón. Por todo o espazo e arredores vagan cabalos asilvestrados en réxime de gandería extensiva. Hai unha importante produción de biomasa a traveso do mato e polos arredores existen plantacións forestais, especialmente de piñeiro, de gran interese socio-económico.

Nas proximidades está o conxunto megalítico da mámoa de Chan de Arquiña, co seu parque forestal e área de lecer, de gran interese natural, social e cultural, sendo ademáis a mámoa co seu dólmen de entrada en cámara un emblema da arte megalítica na comarca e de gran relevancia a nivel galego, grazas ao seu deseño. Dada a gran existencia de xacementos megalíticos por toda a área, dende Chan de Castiñeira, pasando por Chan de Armada ata Chan de Arquiña, e tendo en conta que aínda están por descubrir máis achádegos, estamos ante unha zona de gran sensibilidade e importancia a nivel arqueolóxico.

Os parques eólicos cos seus muíños de vento, producen unha forte erosión no solo a traveso da construción de pistas de acceso e na zona da ubicación dos propios aeroxeneradores. Unha vez instalados tamén provocan un elevado impacto paisaxístico, debido ás grandes dimensións dos aeroxeneradores, e co seu agrupamento producen contaminación acústica e provocan unha forte mortandade de aves entre as súas aspas. Polo tanto, deben de ser excluídos de espazos naturais protexidos e de alto interese medioambiental polo seu negativo impacto, como no caso de Pedras Negras, onde a instalación dunha vintena de aeroxeneradores provocaría un elevado e irreversible impacto.

A afección medioambiental viría sumarse e interferirse á xa producida polo impacto físico e electromagnético provocado polas antenas de telecomunicacións nos altos do Faro e Coto do Home. Afectaría asimesmo, paisaxísticamente, a toda a contorna da ría de Vigo, uníndose a outro anteproxecto aprobado pola Xunta na serra do Galiñeiro, e viría sumarse aos parques xa instalados nas serras interiores e costeiras a nivel provincial (montes do Faro, Candán, Suído, Barbanza e Xiabre) polo que deixaría unha paisaxe afectada de contínuo por muíños de ferro.

Sobra dicir que Galicia xa é excedente en produción de electricidade, que as zonas con maior potencia eólica xa están cubertas e que o que debe primar agora é o aforro e a autosuficiencia enerxética (unha gran parte da enerxía producida expórtase).

Polo tanto, entendemos que este anteproxecto de parque eólico só ten razón de ser pola avaricia económica dunha empresa multinacional italiana, Enelgren Power España S.L., dentro dun contexto mundializado do sector enerxético, onde prima o negocio por enriba e a costa do medio ambiente, sendo a Administración pública competentente, neste caso a Xunta de Galicia, cómplice dese modelo, facendo unha política continuista dos gobernos anteriores, e o que é máis grave, retrógada no tempo, retrotraéndose a proxectos da década pasada.

Publicado por: MontePituco | 01/02/2011

ALCALDE: CARTA DE XANEIRO

…Voltamos á carga, unha vez máis. Mudamos o ano 2010 polo 2011 e seguimos, tamén neste recén finalizado mes de xaneiro, demandando que o alcalde de Marín, Francisco Veiga, nos reciba -como recibe oficialmente a outros colectivos de veciños- e nos informe, con datos reais, dos plans que ten o Goberno local actual para o Monte Pituco (Pornedo) a medio-longo prazo. E “aseghún” lle vaia nas furnas o próximo 22 de maio. Nós polo pronto, agardamos que lle vaia non mal, senón fatal. Tamén neste recén estreado mes de febreiro estaremos no Rexistro do Concello para selar outra petición, dando case por suposto -seica a esperanza é o último que se perde- que vai facer un avión co noso modesto escrito. Quédannos marzo e abril para seguir pelexando, pola vía do diálogo. En maio pelexaremos coa forza do voto.

« Newer Posts - Older Posts »

Categorías