Publicado por: MontePituco | 22/02/2011

CALENDARIOS, ÁS PORTAS DE MARZO

Pois mirámolo, remirámolo, do dereito, do revés, de adiante para atrás, de atrás para adiante e ata de medio lado. Pero no che hai distintivo ningún do Plan Arela e a única identificación existente en todas as follas pon “Concellaría de Medio Ambiente” e o escudo municipal. Así é o calendario repartido este pasado fin de semana pola Concellaría de Medio Ambiente, no marco dunha campaña da Concellaría de Comercio (cuxo emblema non aparece por ningures), e supostamente atribuida ao Plan Arela, que tampouco se cita. Vaia ensalada propagandística, para maior gloria do grupo municipal do BNG.

Coa louvable excusa de pór en coñecemento da cidadanía o labor de “recuperación da arquitectura popular galega” levado a cabo polo seu departamento, a concelleira nacionalista Pilar Blanco agasállanos aos marinenses, e case a golpe de marzo, cun calendario do ano 2011. Se antes non nolo puido obsequiar, foi tal vez porque os zafarranchos de obras nalgúns deses lavadoiros aínda non remataran e non estaban presentables para a foto. Pero máis vale tarde ca nunca, non? Como se os reparte en pleno maio, mes electoral onde os haxa.

Porque pagou a pena agardar por eles, digan vostedes que si. Porque en cada mes destácanse as datas conmemorativas vencelladas ao medio ambiente. En xaneiro, como xa pasou, non pagaba a pena destacar ningunha efeméride. En febreiro, como xa está rematando, quedou posto o Día dos Humedais. E xa a partir de marzo, que é cando ao almanaque lle imos poder explotar todas as súas potencialidades, preparémonos que non imos dar abasto con tantas celebracións: o Día da Eficiencia Enerxética, o Día Forestal, o da Auga, o Día Meteorolóxico… Menos mal que en abril acougamos un pouco de tanto estrés festeiro-medioambiental, e co Día da Terra dámonos cun canto nos dentes.

Pero non se me durman nos loureiros, porque en maio, que xa a campaña electoral estará en pleno apoxeo, Pilar Blanco vai entrar nunha nova voráxine. Non lle vai chegar o soldo para estrear tantos modelos cos que festexar o Día das Aves, o da Reciclaxe, o da Biodiversidade e o Día Europeo dos Parques Naturais. Con este ritmo endemoñado (non polo demo, senón polo de acabar ata o moño), e segundo o resultado que lle deparen as furnas, volvería respirar tranquila porque os meses de xuño e xullo só lle ocupan o Día do Medio Ambiente e o do Chan. En agosto, nada: vacacións!

Pero trala pausa estival, setembro e outubro comezan co listón conmemorativo ben alto e outra vez tocaralle suar a camiseta brindando polo Día da Árbore, pola Capa de Ozono, polo Día sen Coches, pola Protección da Natureza e polo Aforro Enerxético. E se sobrevive a tanta festividade frenética, xa se pode tirar á bartola, porque en novembro e decembro o medio ambiente non ten nada que rascar. Para algo son os meses do consumismo desaforado: para contaminar e despilfarrar todo o que reutilizamos, reducimos e reciclamos nos meses precedentes.

O máis coñero do calendario é a pouca vergoña (xa que a palabra senvergoña, por máis que o diccionario a define nos termos máis comedidos, lles resulta tan ofensiva a algúns lectores susceptibles) coa que as Concellarías de Medio Ambiente e de Comercio, e o BNG de Marín por extensión, fan exhibición e alarde do seu presunto compromiso coa natureza cando, paradoxicamente, o mesmo concelleiro de Urbanismo, que tamén ocupa a carteira de Comercio, abandeira o proxecto de instalación dun polígono industrial no Monte Pituco (Pornedo), pertencente aos Montes do Morrazo, incluido no catálogo de espazos protexidos das Normas Complementarias e Provinciais de Planeamento; cando o seu grupo encabezou unha proposta para desafectar o Monte Pituco dese ámbito de conservación, en plena fachada da ría; cando esgrime un PXOM cheo de contradicións e incongruencias entre a calificación do solo e o Informe de Sostibilidade Ambiental que lle dá ao Monte Pituco unha incapacidade absoluta para acoller infraestruturas industriais. Seguimos sacándolles os colores?

…Un pouco máis! Porque o eco-almanaque tamén nos ilustra con proverbios, frases anónimas unhas, e de celébres autores outras, como Newton, Einstein, Montaigne, os naturalistas Joaquín Araújo e José Luis Gallego. E así, imitando a campaña “doce meses, doce causas”, vaise sucedendo unha cascada hipócrita de intencións:

-“A natureza fai grandes obras sen esperar recompensa ningunha”. (A.I.Herzen)

-“Auga para todos pero non para todo”. (J.L.Gallego).

-“A natureza non fai nada en van”. (Newton).

-“Na biodiversidade, no sistema ecolóxico, non vai nada ben, se non vai todo xunto”. (J. Araújo).

-“Os seres humanos non somos donos do planeta, só somos os seus gardiáns”. (Anónimo).

-“Somos o espello do planeta, se el está sucio, nós tamén”. (Anónimo).

-“Reutilizar, reducir, reciclar”. (Anónimo).

-“Gota a gota a auga esgótase”. (Anónimo).

-“Da natureza só hai que sacar fotografías e deixar pisadas”. (Anónimo).

-“Mil árbores que crecen fan menos ruido que unha árbore que se derrumba”. (Proverbio).

-“A alegría de ver e entender é o máis perfecto don da natureza”. (Einstein).

-“Deixemos obrar á natureza, porque mellor ca nós sabe o que fai”. (Montaigne).

….Frases todas, todas elas, que o BNG non se pode arrogar, posto que a súa maior debacle contra o medio ambiente e contra o patrimonio cultural, histórico e natural, está por vir, da man do PSOE, salvo que ámbolos dous grupos se senten a partir de maio nos bancos da oposición. E xa postos a elaborar un eco-calendario patrio, por que non lles daría a materia grisalla para recompilar versos de poetas galegos que -dende Rosalía a Novoneyra, pasando por Manuel María, Cabanillas ou Otero Pedrayo- lle cantaron á paisaxe da nosa terra.

…E mentres, o alcalde, Francisco Veiga, non quere. Non quere isto, non quere o outro. Desta volta, ao que se nega e a oír falar das queixas da Asociación de Comerciantes Estrela de Marín polo reparto gratuito de exemplares de xornais. Cuestións de tipo discrepante, prezados amig@s de Estrela de Marín, dirímeas o noso esforzado, dialogante e comprensivo alcalde en dous sitios: por teléfono e nas escaleiras do Concello.


Responses

  1. Permitídeme que tamén eu aporte unha frase sobre natureza.
    É de Victor Hugo e di así
    “Produce unha inmensa tristura pensar que a Natureza fala pero o xénero humano non escoita”

  2. Hola. Bueno, decir varias cosas al respecto de todo esto. Ya escribí el otro día que la campaña en cuestión nada tiene que ver con el Plan Arela, por lo que difícilmente puede aparacer su logo en el material de la misma. Me extraña que Estrela ponga el grito en el cielo por los periódicos y no antes por el reparto de plantas del Concello que pudo arruinar a las floristerías. Quizás sea azuzado por el señor del artículo con tan poca educación. Por lo demás, cada uno opina loq ue considera, pero es necesario el respeto y la fidelidad a la verdad. Una campaña promocional que cuenta con el beneplácito de los vendedores de la Plaza y ayuda a su dinamización es buena, sin duda. Gracias.

  3. …Outra frase sobre a natureza. Nesta ocasión, un verso dun autor DESTA TERRA: Calros Solla.
    “Sistema Solar: Todo o universo por urbanizar”.

  4. Vai de natureza? Máis versos contra o RUIDO!

    “…E ha ser ela quen recobre a LUZ esplendorosa do BOSQUE de laranxas
    a luz do SOL que aínda segue a iluminar todas as HORTAS de onda o RÍO
    todos os lugares que cruzan as NUBES no país que se leva por dentro”.

    (Titulado “O lugar sagrado”, de Carlos Negro).

  5. […] Marín tamén houbo un tempo no que se experimentou con calendarios temáticos (ver ligazón). Foi no 2011, a piques de estrear o mes de marzo, e basicamente para que un determinado grupo […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: