Asistimos o venres pasado ao paripé pre-electoral dos concelleiros de Medio Ambiente e de Urbanismo, Pilar Blanco e Xosé María Vilaboa, arengando -como bos salvapatrias- a veciñanza de San Xulián a participar coa súa sinatura na marea de alegacións coa que o Concello de Marín, a través do grupo municipal do BNG, quere inundar a Xunta en contra la Lei de Augas aprobada en novembro de 2010. Antes de contar a nosa experiencia desa charla manipuladora -e anticipando o noso rexeitamento á imposición dun novo imposto que, por outra banda, xa se vía vir dende que o anterior bipartito mandaba no Goberno autonómico-, vaia por diante, como aperitivo, un comunicado da Asociación de Veciños de San Xulián.
A Asociación de Veciños de San Xulián manifesta a sua preocupación pola pouca claridade e a confusión que se está xerando dende o equipo de goberno de Marín a respecto da Lei 972010, do 4 de novembro, de Augas de Galicia. Calificamos de extemporáneo e irresponsable o carrusel asembleario de Pilar Blanco e Xosé María Vilaboa; os cales, xunto co alcalde e demais membros do Goberno de Marín, fixeron deixación de funcións, xa que o Concello non fixo nada, nin informou a ninguén durante o trámite da lei, nin presentaron ningunha alegación en tempo e forma. Facer unha moción mes e pico despois de de aprobada a lei é unha burla propia duns auténticos ineptos, que só buscan asegurarse o salario catro anos máis.
A AAVV de San Xulián non quere proclamas electoralistas do BNG nin do PP, e esixe información clara e concisa avalada por informes técnicos e xurídicos sobre a repercusión da presente Lei de Augas no ámbito rural, e da súa afección directa sobre as traídas comunitarias legalizadas e os pozos propios, aclarando os casos exentos do canon da auga contemplados no artigo 47º.
Por tal motivo, a AAVV de San Xulián demándalle á Xunta de Galicia e ao seu responsable de Infraestructuras e de Medio Ambiente, Agustín Hernández, que envíe ditas aclaracións a todos os presidentes de traídas de augas comunitarias e aos donos de pozos propios, certificando o que ten manifestado na prensa. Pois, do contrario, “os voceiros do Concello” e o Sr. Hernandez, ou están falando de leis distintas, ou alguén mente.
Se esa información xa está no Concello, e avalada polos servizos técnicos e xurídicos (como debía de ser), os concelleiros Pilar Blanco e Xosé María Vilaboa, e o alcalde de Marín, non poden seguir agochando o coste do recibo da auga e do saneamento que lle van mandar aos veciños, porque iso é o que realmente nos interesa aos contribuintes; cousa da que non informan a ninguén.
Sendo tan inxusto como afirman, demandámoslles que non cobren ou que baixen a auga, mostrando así a súa solidariedade cos afectados. Do contrario, o Concello sería cómplice “do presunto abuso”, pois non hai ladróns sen que haxa alcahuetes. Co agravante de ter incurrido en deixacións de funcións.
Independentemente do rosario de confusión e da falla de información veraz, a AAVV de San Xulián manifesta a necesidade do control sanitaro e do uso racional da auga, opoñéndose a calquera canon que grave as traídas e pozos veciñais legais, se así se confirma na información demandanda. O respecto enviaranse senllos escritos ao Concello de Marín e mais á Xunta de Galicia.
O Colectivo Nacionalista de Marín, sempre atento a canto lle afecta negativamente a esta vila e ao conxunto da nosa bisbarra, alerta agora da posibilidade de que a paisaxe e os montes do Morrazo volvan ser vítimas dunha nova agresión. As gadoupas das empresas enerxéticas, que xa danaron o Monte do Seixo e que agora ameazan a Serra do Galiñeiro, tamén planean sobre as inmediacións de Chan de Arquiña, onde se localiza un dos puntos de maior interese arqueolóxico da provincia. A continuación, a nota informativa do Colectivo Nacionalista de Marín.
No DOG do martes, 28 de decembro de 2010 , foi publicada a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos na Galiza. Nesta resolución concédeselle á empresa Enel Green Power España, S.L.autorización para a instalación dun parque eólico na zona de PEDRAS NEGRAS, no Morrazo, cunha potencia de 42 MW.
O lugar onde, case con toda a seguridade, queren ubicar o parque eólico é XUSTO DETRÁS DA ÁREA FORESTAL DE CHAN DE ARQUIÑA, a máis de 500 metros de altitude, preto do nacemento do río dos Ladróns (afluente do río da Fraga) e entre as dúas cotas máis altas do Morrazo, entre o Monte Faro e o Coto do Home, e así mesmo integramente dentro do espazo natural Montes do Morrazo catalogado como solo rústico de protección de espazos naturais. Está dentro da distribución de hábitat natural prioritario, queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas de Erica ciliaris e Erica tetralix a nivel europeo.
A escasa distancia está a área patrimonial da mámoa de Chan de Arquiña e o seu parque forestal. Ao estar na zona máis alta da península tamén posúe excelentes vistas panorámicas das Rías Baixas e das serras e montes do interior. A zona de Pedras Negras encóntrase incluída nos MONTES DO MORRAZO, protexida polas normas provinciais e polo tanto, segundo declaracións de representantes da Xunta, polas Directrices de Ordenación do Territorio.
Non confiabamos daquela nesas declaracións e menos agora en que se confirma a falla de protección dos Montes do Morrazo e de Cotorredondo para poder colocarnos parques eólicos e industriais. Estamos ante unha NOVA AGRESIÓN MEDIOAMBIENTAL E PAISAXÍSTICA que se vén sumar aos parques industriais proxectados en Marín, Moaña e Cangas, e á ampliación da via rápida do Morrazo e a continuación da variante de Marín, cuxas consecuencias desastrosas podemos comprobar nos pasados días de chuva.
A instalación de parques eólicos non vai traer ningún tipo de riqueza e escasos postos de traballo, tan só na súa construción, e vai provocar unha alteración da paisaxe na zona máis alta da península do Morrazo, Pedras Negras. Os muíños de vento ademais de ser antiestéticos provocan danos na fauna, afectando fundamentalmente ás aves. Marín, e o resto do Morrazo, teñen riquezas paisaxísticas, naturais, monumentais e arqueolóxicas abondo para desenvolver proxectos máis interesantes economicamente e que van ser inviábeis de levarse adiante os parques eólicos e industriais previstos.
É un home moreno e con barba, de complexión normal, fanado. Atopámolo preto do sendeiro de acceso á “área recreativa” do Monte Pornedo, a carón dunha furgoneta granate. Ao redor del había un boxer macho, novo e con bo aspecto, que axiña nos veu uliscar. Por se acaso, preguntámoslle a ese home se non viría cazar -posto que a tempada rematou a principios de xaneiro- e contestou unicamente cun “non”. Continuamos o noso camiño, pero ese home seguíanos coa ollada; sacou da furgoneta outro can atado cunha correa e, co boxer seguíndoos, foi en sentido contrario ao noso.
Nese percorrido polo monte tivemos ocasión de comprobar o mal estado no que se atopan as pistas e camiños a causa da recente riada e do mal estado de conservación no que estaban os regos. Pasou un coche e tivemos a oportunidade de fotografar as manobras que tivo que facer o condutor para esquivar as fochancas e evitar meter as rodas de onde non as puidera sacar. Grazas a ese impulso foi posible captar casualmente a furgoneta granate dese home (aínda que houbo que ampliar moito a imaxe). Porque, cando voltamos ao punto de inicio do percorrido, o vehículo xa non estaba e o boxer seguía vagando por alí, xusto onde fora abandoado, practicamente diante do noso fuciño.
Impotencia, rabia e frustración foi o que sentimos ante a actitude cruel, cobarde, reprobable e sancionable desa -entre aspas- “persoa”. Sendo moi inxenuos, podiamos concederlle o beneficio da dúbida e pensar que o can se perdeu e que o seu hipotético dono non puido agardar por el no momento de marchar. Pero é pouco probable e, de feito, aumentan a un ritmo alarmante os abandonos de animais: cans, gatos, mascotas exóticas e mesmo burros, tan entrañables no noso rural. Mostra da irresponsabilidade, da insensibilidade e do incivismo que, por desgraza, nos asulaga nos últimos tempos.
Demos en chamarlle cariñosamente ‘Babas’ a este cadelo, porque nos deixou a roupa perdida co seu agarimo canino. Animal afectuoso, xoguetón, dinámico e dócil. Fumos quen de conducilo ata a zona das vivendas pero, chegado un punto, amedrentouse e perdémolo. Voltamos máis tarde por el pero xa non o demos atopamos. E preguntámonos que sorte correría: probablemente lograra chegar a algún dos núcleos habitados e algún nobre veciño ou veciña o adoptara, vendo que tiña un aspecto saudable e que estaba afeito a convivir con persoas. Pero pola nosa tranquilidade, se alguén o ve e quere dar noticia del, agradecidos quedamos.
Grazas á asociación protectora de animais Os Palleiros por orientarnos neste caso e por condear connosco este novo caso de abandono animal que nos encolleu o corazón.
Na mente dos veciños aínda flota a memoria daquel pleno de decembro de 2009 no que María Ramallo presentou unha moción para que o SEPES fixera o estudo dun polígono empresarial compartido con Moaña na Cruz da Maceira. Viña avalado polo mesmísimo Congreso dos Deputados en Madrid e traía o beneplácito do presidente Zapatero. Solo facía falta un requisito: que fora o alcalde quen o solicitara. Esta moción tivo os votos en contra do BNG e mais do PSOE. O noso alcalde non quixo saber nada e desperdiciou así unha oportunidade única para dotar a Marín dun polígono que, ese si, sería a solución para Marín e para o futuro dos nosos fillos.
O actual PXOM solo conta agora co polígono do Pituco: INSUFICIENTE, ANTI-ECONÓMICO e que incumpre todas as normativas ECOLÓXICAS. Algo INCOMPRENSIBLE para un concello con certificado EMAS.
A pasada fin de semana publicouse unha entrevista coa concelleira de Medio Ambiente e próxima cabeza de lista do BNG á alcaldía de Marín, Pilar Blanco. Os seus comentarios sobre a xestión urbanística que desenvolveu o grupo municipal nacionalista neste mandato, especialmente no que respecta ao chan industrial, motivaron que unha veciña da Brea replicara de xeito contundente e firme as palabras de Pilar Blanco:
“Demostramos un talante que a outros se lles supón retirando estes polígonos do planeamento, a pesares de que eran o noso proxecto de creación de emprego para Marín. Agora se está demostrando que foi o PP quen enganou aos veciños, xa que despois de dous anos na Xunta, non existe ningún proxecto para dotar Marín dun polígono empresarial”. (Pilar Blanco, BNG Marín).
Pouco máis hai que engadir ao exposto pola veciña da Brea, salvo agradecerlle o seu rexeitamento á elección -ou á volta, podiamos dicir- do Monte Pituco (Pornedo) como única posibilidade para o emprazamento do futuro polígono industrial de Marín. Razóns xeotécnicas, ambientais, patrimoniais e económicas que desaconsellan esa decisión hainas máis que abondo e están sendo amplamente expostas e reiteradas nesta páxina. Por iso nos parecen oportunas as palabras de Mª Carmen Santos cando critica a imposición de “proxectos que solo favorecen a catro políticos” -e non só políticos, engadimos nós- “que miran o lucro que poidan sacar”.
O BNG leva en campaña electoral subrepticia dende sempre, a conta dos seus propios socios de Goberno, e tamén a conta da oposición, principalmente o PP. O show máis recente vén a conta da Lei de Augas, que xa foi aprobada polo Parlamento. Polo tanto, as charlas que organiza nas parroquias son fachada de cartón pedra, papel mollado, ganas de envolver a veciñanza coa excusa de facerlle un favor que, en realidade, é unha perda inútil de tempo. Tócanos nesta ocasión aos habitantes da parroquia de San Xulián, que estamos convocados ás 8 da tarde de mañá venres para escoitar a saber que paranoias, explicadas de xeito requintado e grandilocuente, como lle corresponde ao BNG. E agardarán que lles deamos as grazas por abrirnos os ollos, por inundar de luz a nosa ignorancia, cando todo o mundo sabe que de “perdoavidas” o BNG non ten nada. Por iso, ollo-piollo, quen teña interese en asistir a esa xuntanza, porque o saber non ocupa lugar e porque toda información que se poida obter de primeira man é pouca, que vaia cos “deberes” feitos. Que non agarde ninguén a que o BNG llo conte á súa maneira, que acuda á fonte orixinal, que lea a Lei de Augas, que se pode descargar na seguinte ligazón, en formato PDF.
A Asociación de Veciños de San Xulián e DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) fan un chamamento urxente a todos os habitantes da zona, os visitantes ocasionais e usuarios en xeral do monte, pola situación de perigo real descuberta no acceso á mal chamada área recreativa do Pornedo. O sendeiro que, dende a pista principal se adentra no monte e conduce ata ese espazo, presenta unha fonda greta no terreo, imperceptible dende un vehículo, co conseguinte risco de emborcamento. Tamén é un problema preocupante de seguridade para as persoas que frecuentan o lugar, así como para o gando ceive ou doméstico que pasta no monte.
A profundidade da greta nalgúns puntos é superior a un metro. E a súa anchura tamén permite que unha persoa poida caer no interior da cavidade, podendo sufrir danos físicos considerables.
A orixe desta impactante fenda foron as chuvias dos días pasados, de cuxos danos en veigas e camiños, se informou neste mesmo blogue.
Nesta ocasión, a Asociación de Veciños de San Xulián e DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) alertan da situación na que se atopa o monte mesmo: os regos que canalizan a auga ao pé da pista principal colapsaron pola acumulación de terra, broza e pedras. A falta de limpeza e a despreocupación por parte da Comunidade de Montes de San Xulián dunha banda, e dos técnicos de Montes da Xunta pola outra, que non apercibiron a directiva para que garantira o bo estado das canalizacións, motivaron este problema. En consecuencia, a auga rebordou os regos e circulou en torrente polo camiño, seguindo a pendente natural do terreo e facendo sucos que deixaron a superficie da pista con moitas irregularidades e moitas pedras soltas que dificultan o paso.
O risco máis evidente atópase no sendeiro de acceso a esa área recreativa destrozada polos actos vandálicos. Ao tratarse dun recheo mal consolidado, a auga filtrouse no subsolo e arrastrou o xabre, facendo que se abriran cavidades subterráneas que quedaron ao descuberto. O efecto visual é o dunha falla tectónica aberta no terreo, como se un terremoto sacudira con forza o Monte Pornedo e o chan abrira en canal. A forza da auga foi tal, que no fondo dun deses buratos pódense ver dúas rodas de vehículo que foron empurradas adentro pola mesma riada.
A Asociación de Veciños de San Xulián e DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) diríxense á directiva da Comunidade de Montes de San Xulián para que tome nota da situación na que se atopa esta zona do monte comunal e tome as medidas oportunas para subsanar os desperfectos. Tamén se dirixe ás concellerías de Medio Ambiente e de Rural do Concello de Marín para que, igualmente, coñezan de primeira man o acontecido e insten ás persoas ou entidades pertinentes a reparar os danos e adoptar as accións que impidan que se volva repetir. Ademais, notifícalle á Xefatura da Policía Local de Marín o perigo que representan estas gretas para os condutores e peóns que transiten por alí, polo que insta a que se precinte o acceso á área recreativa mentres non se acometan as obras correctoras e o terreo volva quedar consolidado e seguro para os usuarios. Por último, trasládalle á Dirección Xeral de Montes a necesidade de velar con máis énfase pola boa conservación desta zona, dada a súa problemática, pola presenza de recheos, o desnivel inherente ao terreo e a falta de acondicionamento das pistas e das súas marxes.
E ante a evidencia e a contundencia das imaxes, a Asociación de Veciños de San Xulián e DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) fan outro chamamento á responsabilidade das institucións públicas e das entidades sociais partidarias da instalación dun polígono industrial neste emprazamento, para que reflexionen e reconsideren o seu posicionamento erróneo. Abogamos por unha correcta xestión e conservación deste monte, asumindo as súas características xeotécnicas que fan inviable a súa urbanización masiva, á vista dos graves destrozos que provocarían os adversos meteorolóxicos sobre o terreo, pola súa inclinación e pola súa constitución xeolóxica.
Haise que desgustar, cabrear e rebelarse contra a ignorancia, a maldade e o vandalismo. Porque esta trapallada de mal gusto, esta horterada chafalleira, esta merda -dispensando a mesa- non ten outro nome. Porque o autor/a/es/as destas pintadas son de encefalograma plano, uns pobres maleducados e uns vulgares gamberros que podían ter gastado o sprai nas paredes da súa casa ou na súa mesma cara de moinantes, por non dicir no seu mesmísimo e respetabilísimo cu. Estúpidos, cobardes, desgrazados. A vergoña deste país que, con especimes de tan baixa estofa, non vai levantar cabeza endexamais da vida, nin que o que mundo volvera xurdir cen veces doutros tantos Big-Bang. Pailarocos que desprezan as pedras, a historia que conteñen e o que significan. Que lles importa un carallo afear o espazo natural ao que pertencen dende centos ou milleiros de anos antes de que naceran os palanquíns que lle foron facer esa porquería de garabatos. Pois que valentía, ir bater ao medio do monte para pintarruxar tan malamente un fumeta e unha ameba extraterrestre. Para vós, quenqueira que sexades, o noso máis fondo desdén. E que vos dén!
Dende o Monte Pornedo, o noso máis fondo agradecemento ás persoas e colectivos que vos pronunciastes en contra deste atentado contra o patrimonio.
Grazas a Milagros, contamos contigo! Grazas a Paco, por quedar primeiro sen palabras e por recuperalas despois para compartir a súa lucidez: limpar a “graza” e poñelos a apañar batume éralles un castigo benévolo de máis. Aos amigos da Coral Casablanca, que exercerían de capataces na supervisión do correctivo. A Joám, que tamén apunta maneiras: “Umha sançom exemplarizante deveria ser imposta a quem atenta contra o património. A quem fai estes estúpidas gravuras ou quem desde o poder destrue jazigos inteiros, montes, rios, etc.” A Terras do Morrazo, que tamén sería firme na súa condena: “A estos individuos, morracenses ou non, os exiliabamos a todos nun con no medio do mare, xentuza!”. A Galiza Segreda, que sente “mágoa” deste comportamento que, por riba, tamén se ten cebado, noutros lugares, en patrimonio arqueolóxico de moita antigüidade. A Fran por ser tan lacónico: abofé, son uns “imbéciles”. A Paz, que escribiu: “noxo de xentuza prescindible, que só fan bulto nesta sociedade tan carente de persoas con dous dedos de fronte”. A Gelis, por confirmarnos que hai “demasiado tarado solto”. A Piornedo Ceive, que tamén lles metería o bote de pintura aló onde as costas perden o seu casto nome. A Hu, por queixarse con tanto glamour: “Pffff, vraiment nul!”
E a todos/as os demais, pola adhesión e a solidariedade. O Monte Pituco (Pornedo) superará as agresións mentres conte co voso alento. E faremos del un lugar aínda máis espectacular coa vosa colaboración. Abaixo polígono! Arriba Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños!
“O gran ditador” é unha obra mestra da Sétima Arte, unha obra escrita, dirixida e protagonizada polo mítico Charles Chaplin en 1950; unha parodia do fascismo, un berro contra o abuso de poder. A Francisco Veiga ese título venlle grande; na súa faceta como alcalde non pasa de “pequeno” ditador. Un ditador mediocre, pero ditador, a fin de contas. Lean e xulguen vostedes mesmos:
–Yo en este pleno puedo intervenir en el momento que quiera!
–Hay una diferencia importante entre quien está sentado aquí (en referencia ao sillón que ocupa el mesmo) y quien está sentado ahí (sinalando co dedo hacia os bancos onde sentan os concelleiros da oposición).
…Palabras de Francisco Veiga no pleno da Corporación Municipal deste mes de xaneiro, ante os atónitos veciños. Aos afectados polo proxecto de polígono no Monte Pituco xa non nos collían de sorpresa esas palabras saídas de ton por parte dun alcalde completamente impúdico que ten a desfachatez de darnos por despachados ao pé das escaleiras do Concello. BreaSeixo, que tamén está de volta de todo (léase a súa crónica do pleno nesta ligazón), exclamaba “quen manda manda!”. Só faltaban unhas vellas persignándose escandalizadas e unhas nais tapándolles as orellas aos seus inocentes meniños para non escoitaren as barbaridades do alcalde.
Así é amigos e veciños, propios e estranos. Francisco Veiga é un pequeno ditador que, aproveitando a superioridade do seu cargo, tápalle a boca á oposición cando está no uso da palabra. Desta volta, a voceira popular María Ramallo pagou as iras do alcalde cando estaba replicando unhas acusacións do voceiro socialista Juan Muradas. Ante as protestas dos concelleiros do PP e de Marinenses Independentes, Veiga xustificouse dicindo que non lle mandara parar de falar a María Ramallo. Pero como vai seguir falando se o alcalde lle levanta a voz e a interrompe de malas maneiras!
Pero é que ademais, Veiga volveuse un basto e un ordinario. Estáballe a oposición cantando as corenta (en bastos, tamén) pola súa inoperancia á hora de xerar investimentos, e o alcalde -pouco menos que colérico- saiu con que o Concello facía unha “modificación de crédito inmediata” e poñía os cartos. E pumba! Peta na mesa. Home, coa mesa da súa casa que faga o que lle pete, valla a redundancia. Pero co mobiliario de titularidade municipal que sexa máis respectuoso. E cos sufridos contribuintes, tamén, non só por tratar á baqueta a mesa que tanto se vanagloria en presidir, senón pola penosa imaxe institucional que dá con esa actitude.
Unha actitude gamberra que contrasta coa actitude victimista que adopta a renglón seguido. “Este goberno é serio”, di cun semblante santurrón mentres critica as “obras ilegais” de urbanización que se realizaron no concello lucense de Barreiros. “Teremos que facer o indio para que a Xunta invista aquí”, laméntase Francisco Veiga.
A súa cara de cínico, mentres escoitaba a María Ramallo e ao mesmo tempo peliscaba os pelos da barba, tampouco tiña desperdicio en contraposición coa súa cara de mágoa narrando “un dos días máis complicados e críticos” do seu grandioso mandato. Alá acudiu Francisco Veiga un aciago día do pasado mes de agosto para botar man de “leghóns, capachos e do que había” para tratar de apagar o incendio forestal que arrasou o Monte da Cova, en Loira. Que foi “un día moi duro e unha noite complicada” non fai falta que o diga el, como se tivera algunha experiencia en apagar máis “lumes” dos que lle xorden a cotío na alcaldía e no goberno municipal que comparte co BNG.
Nótase que lle doe moito e ben o acontecido en Loira. Pero esa máscara de sensibilidade ambiental pódea gardar para o Entroido mentres siga empeñado en chafar o Monte Pornedo, un espazo natural privilexiado en plena fachada da ría, cheo de arte rupestre, mananciais e recursos etnográficos, para instalar un polígono industrial ilegal, que contravén as recomendacións urbanísticas máis elementais. Que non finxa tanto lamento porque “nunha zona espléndida de Marín agora só se ve desolación”, en alusión á superficie afectada por aquel incendio, cando no Monte Pornedo pasará exactamente o mesmo -ou peor- se as máquinas chegan a cometer os descomunais desmontes e a desfeita na que vai converter a franxa litoral da vila.
O resto do Goberno local non merece ningunha mención en especial. Muradas, co seu característico ton ogruno, fixo por minimizar os “intentos da oposición de buscar fisuras no grupo de goberno”, argumentando que ese discurso “está gastado e aburre”. Como se non houbera argumentos abondo ao longo de toda a lexislatura, e os que estarán por vir nos catro meses que faltan ata as eleccións. Os seus comentarios despreciando os edís da oposición son dignos de colgar na vergoñenta galería da anti-política. Primeiro acusou o independente Miguel Suárez Briones de “soltar un panegírico de mucho cuidado” polo mero feito de criticarlle a “mecánica de traballo trapalleira” que practica o Concello. Muradas tamén se dirixiu nuns termos abraiantes á outra concelleira independente, Isabel Martínez Epifanio, espetándolle “me parece que le voy a tener que decir algo desagradable”. E para rematar, tamén a tomou contra María Ramallo e o PP a propósito das obras da variante, do convenio frustrado para o soterramento da Avenida de Ourense e non se sabe cantas cousas máis lle reprochou; se cadra tamén lle botou a culpa da morte de Manolete.
A María Ramallo haille que recoñecer que ten unhas costas ben anchas. Non só o alcalde lle tapona o uso da palabra, senón que Muradas lle busca as voltas e as contradicións dun xeito tan torpe que ata un neno de parvulario se decataría. “El objetivo es cazarme a mí, verdad?”, retruca a do PP, que sempre lle acaba restregando ao PSOE e ao BNG que “no tienen presupuesto desde 2008”.
Outro que tamén a trae frita é o nacionalista Xosé María Vilaboa que, sexa primavera, verán, outono ou inverno, como se non tivera máis traxes no armario -dito sexa metaforicamente, é dicir, como se non tivera máis recursos dialécticos-, sempre lle saca o traído-e-levado asunto da sentenza do Supremo que anulou o Plan Especial do Porto de 2005 e boa parte dos recheos sobre os que se asentan empresas cuxa situación urbanística queda comprometida. E Ramallo, erre que erre, reitera que Vilaboa “disfruta cuando le va mal al puerto, por meterse conmigo” e pídelle que “sea persona y que, por perjudicarme a mí, no destruya la única empresa que da empleo en Marín”.
Vilaboa, certamente, é un devoto practicante deso que en política se chama demagoxia: un rollo falso de escaparatismo verbal, fume de opio para dicirlle á xente o que a xente quere oir, discurso grandilocuente que debe ensaiar nos seus longos ratos libres ante o espello, impostando ese vozarrón seu. Se o alcalde adopta o rol victimista, Vilaboa fai de salvapatrias, poñendo o grito no ceo polo “novo atropelo do PP a Marín” ao chafarse a inxección de 8 millóns de euros que se ían investir no soterramento da Avenida de Ourense. 8 millóns que, segundo un informe da Xunta, se ían converter en 11, por algo a Xunta recuou. Un informe que, segundo o BNG, carece de datos que o avalen. E así nos pasa o tempo, neste partido interminable de ping-pong entre o Concello de Marín e a Administración autonómica. Un laiándose de que a outra lle pon a perna enriba, e a outra devolvéndolle sistematicamente un PXOM que o primeiro non atina a redactar en boas condicións. Que crus, Marilús!
E para rematar de alucinar, a renovada pose da candidata do BNG á alcaldía. Pilar Blanco non debe dar abasto practicando ioga e cantas técnicas de relaxación pilla por banda para ir con espírito zen aos plenos e disimular o hinchamento da súa vea occipital. “Imos volver ao fondo do asunto e deixar polémicas á parte”, contestoulle moi amable e suavemente a Suárez Briones tralas críticas deste ao xeito co que a Concellería de Medio Ambiente xestionou o convenio coa Consellería de Medio Rural para a restauración do Monte da Cova. “Se vostede non te tempo” (de coñecer o proxecto), díxolle cunha voceciña anxelical, “e en todo este tempo non fixo nin unha triste pregunta nin moción nin suxerencia, sexa coherente e apoie as iniciativas dos demais”.
…Jajajaja! Piriquísefueamadrí! “Os únicos veciños que non nos enteramos somos os membros da comisión de Medio Ambiente”, champoulle tan fresco Suárez Briones, nunha clara alusión á opacidade coa que se move o BNG na súa xestión, xa non só de cara aos seus socios de Goberno, senón tamén á oposición. Mais non sufras, azorado concelleiro, e aplica a letra -ou os versos, que son poesía en estado puro- da canción de Bob Dylan que ti mesmo citaches: “A resposta, amigo meu, está flotando no vento…”
Dos grandes cazadores de imaxes contemporáneos, o ferrolán Vari Caramés ten un estilo elegante e comprometido que o eleva á categoría dos grandes. Con esta fotografía, o autor declarábase “abducido polas árbores”. Forma parte da serie titulada “Escenarios”.
Adicatoria músico-lúdico-festiva, con todo o agarimo do Monte Pituco -das súas árbores e herbas de toda clase, penedos, regatos, bechos vertebrados e invertebrados- para o fato de pailarocos que porfían en atentar contra a súa vida, a súa historia e o seu futuro.
Non é a primeira vez que a loita dos veciños e veciñas de Marín a prol da conservación do Monte Pituco (Pornedo) e en contra da súa desfeita por culpa da intención do Goberno local de instalar nel un polígono industrial, trascende fóra das fronteiras locais, comarcais e provinciais. Xa en anteriores ocasións se dera a coñecer ao conxunto do país, para evidenciar ante a cidadanía galega o nivel de desprezo que practica este Concello pola conservación dos seus espazos naturais emblemáticos, pola despreocupación sobre a imaxe que proxecta ante as localidades limítrofes. Un Concello cuxos gobernantes lavan as mans malia que o impacto paisaxístico das súas decisións urbanísticas choquen plenamente cos criterios de sostibilidade, que acarreen costes desmesurados coa única xustificación de impoñer un criterio que a todas luces é errado. A páxina culturagalega.org, do Consello da Cultura Galega, adicou hoxe a súa portada a unha reportaxe ampla e interesante titulada “A hora de ollar para os montes”, na que se detallan as ameazas que afectan a lugares senlleiros da nosa xeografía: Monte Pindo, a Serra do Galiñeiro, a Serra do Careón, o Courel, o Xistral, o Suído… e tamén o Monte Pituco, que a nova de culturagalega.org recolle como un caso máis de alarma.
A continuación, o texto da nova, ao que se pode acceder directamente na seguinte ligazón: “A HORA DE OLLAR PARA OS MONTES”.
Unha asociación solicita a declaración do Monte Pindo como Parque Natural. No Galiñeiro, nace unha plataforma en defensa da serra ante o risco de que se instale na zona un parque eólico. Un proxecto de gandeiría ameaza o Xistral. Os montes están a coller protagonismo nos movementos sociais de conservación da natureza e enfróntanse a novas ameazas.
A pasada semana, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) alertaba do risco que supón para a Serra do Xistral o proxecto da cooperativa Coren de crear neste espazo de grande interese natural unha zona de pastos para gandeiría extensiva. O caso non é máis que o último de toda unha serie de agresións aos montes que se están a dar cunha frecuencia crecente no noso país. Segundo explica Serafín González Prieto, presidente da SGHN, “entendemos que está a se incrementar a presión sobre as serras. Por unha banda está todo o novo plan eólico, que ten repercusións moi fortes a nivel ambiental”. A recente aprobación deste texto está xa a dar nas primeiras respostas desde plataformas e colectivos de defensa ambiental, que salientan o impacto que os muíños van ter sobre espazos de grande interese ambiental. No entanto, non é esta a única ameaza para as serras galegas. “Ademais, está a se dar unha estratexia de intensificación gandeira aproveitando zonas de monte para as transformar en pasteiros e xustificar así que dispoñen dunha superficie agrícola útil suficiente para absorver a cantidade de xurros que xeran”, lembra Serafín. É dicir, que ao fixar a lexislación un máximo recomendado de residuos orgánicos segundo o tamaño da explotación, moitas empresas optan por ampliar a súa superficie botando man de espazos ata o de agora improdutivos como son os montes, tal e como se pode ollar no caso do proxecto de Coren no Xistral.
Novas ameazas
Por se fose pouco, están a ser realizar novas concentracións parcelarias que afectan a paisaxes de montaña. “Quérense concentrar terras que nunca foron agrícolas nin rendibles, mesmo antes de ter avaliado a rendibilidade deste proceso en terras agrícolas. Concentrar as terras forestais, se non se fai ben, supón unha presión para o territorio, coa apertura de novas pistas e a conseguinte fragmentación”. González alerta aínda agoira novos perigos para estes ecosistemas que se irán concretando ao longo dos vindeiros anos. “Irá estalando a cuestión do emprego da biomasa forestal con fins enerxéticos. Logo do fracaso da proposta de dedicar cultivos alimenticios a producir biomasa, está a se traballar no emprego da biomasa forestal con estes fins. A cuestión é que está sen valorar ata que punto isto non ten máis perxuízos que beneficios”. Para alén da destrución do contorno, este tipo de explotación pode acabar provocando un maior consumo de enerxía e de emisións de gases de efecto invernadoiro dos que evita, debido á maquinaria necesaria para a recolección e transporte do material.
A conciencia do monte
Encol da aparente actual concienciación sobre a importancia destes ecosistemas, desde a Sociedade Galega de Historia Natural confirman que o proceso está a ser máis lento do que con outros hábitats como ríos, humidais ou zonas costeiras. “Están máis lonxe dos princippais núcleos de poboación e vese como un efecto máis afastado. Por exemplo, os grandes lumes chegaron aos medios cando afectaron a beiramar, pero cada ano arde unha superficie semellante no interior e non chega aos medios. A maior parte dos lumes concéntrase nas serras, sobre todo en Ourense e Pontevedra”.
O Monte Pindo
No caso do Monte Pindo, non houbo unha agresión concreta que dese na reación da asociación Monte Pindo Parque Natural. Segundo nos explica Mario Maceiras, secretario deste colectivo, “a iniciativa responde a “unha inquedanza histórica relacionada co desenvolvemento do monte por parte de xente de Carnota”. Para alén dunha ameaza concreta, o monte sofre desde hai anos unha importante degradaciónn. “Non sempre foi un pedregal como se ve agora. Isto é produto de anos de erosión por mor dos incendios e mais das chuvias que lavan a terra despois. Logo está sendo continuamente invadido por vehículos motorizados, campismo agresivo e mesmo grafitis”. A proposta da asociación ecoloxista ADEGA para que este espazo se declarase parque natural serviu como catalizador para o nacemento dunha plataforma local que está a colleitar unha grande cantidade de apoios. “Cada día quedamos máis pampos vendo a xente que nos apoia por Internet ou das asociacións que se suman. No ámbito da cultura mesmo, temos casos como o de Luar na Lubre, que é o caso máis coñecido.” E é que o grupo incluíu no seu último disco un tema dedicado a este macizo. Canda a eles, están a apoiar esta proposta outras entidades como “o coro Cántigas da Terra, ou a Asociación de Amigos dos Camiños a Santiago, así como colectivos de montañeiros ou deportivos entre moitos outros”. Para alén da mitoloxía que asocia o monte co suposto Olimpo Celta, o monte destaca por posuír a única poboación de carvallo anano que existe no Noroeste da Península e mais pola súa poboación de gato montés, entre outras especies de interese. En breve a asociación dará un novo paso na reivindicación do Parque Natural para este espazo. Propoñen gravar un video colaborativo no que os participantes vaian pasando dun a outro un cartel co logo do colectivo, simbolizando unha cadea humana virtual.
O Galiñeiro
A ameaza de novos parques eólicos está en moitos casos detrás desta anovada preocupación polos cumios do país. Estas instalacións enerxéticas teñan nas serras o seu espazo predilecto e en casos anteriores teñen provocado serios danos sobre bens patrimoniais e naturais, como foi o caso das tristemente célebres turbeiras do Xistral. Deste xeito, non é de estrañar que ante a posibilidade que ver os montes cubertos de aeroxeradores a xente se organice. É o caso da Plataforma pola Defensa do Galiñeiro, que reclama a ampliación do Parque Natural do Monte Aloia a esta serra do sur da provincia de Pontevedra. “Hai sete ou oito anos xa se tentou ampliar o parque, pero por deixadez de funcións non se fixo nin está incluído na Rede Natura” explica Xosé Lois Vilar, voceiro deste colectivo. Arredor de catorce colectivos da zona, incluíndo comunidades de montes participan nesta iniciativa, nunha zona que xa en anos pasados se mobilizara contra a construción doutro parque na Serra da Groba. “O parque eólico do Galiñeiro é unha aberración. Suponse que se van instalar dezaseis ou dezaoito muíños de última xeración que poden ter preto de 120 metros de altura sobre montes de 700 metros situados ao carón do mar. Só o impacto visual vai ser tremendo”. Canda a isto, Vilar denuncia o dano das canteiras na zona e mais o abandono dagúns dos mellores conxuntos de arte rupestre que existen a nivel estatal.
Os casos que veñen
Non son estes, nin moito menos, os únicos casos de agresión recente. A Serra do Careón, en Melide, pode verse afectada pola reclamada ampliación do parque empresarial desta localidade, o que se sumaría aos danos provocados pola construción dunha autovía neste Lugar de Interese Comunitario. Canda a isto, o anuncio de que se está a barallar un trazado do AVE polo Courel, que afectaría a zonas protexidas, agravaría a situación dunha zona xa gravemente afectada polas canteiras de lousa. No Suído, pola súa banda, un proxecto de prospección mineira pode afectar gravemente a este espazo, mentres EN MARÍN UN COLECTIVO ESTÁ A SE MOBILIZAR PARA SALVAR O MONTE PITUCO DA CONSTRUCCIÓN DUN POLÍGONO INDUSTRIAL. E isto por falar só dalgúns dos casos máis recentes.
A protección e o futuro
As reivindicacións de protección que se están a erguer tanto desde o Galiñeiro como desde o Pindo son exemplos da ausencia da aplicación de figuras deste tipo sobre as serras do noso país. Segundo recoñece Serafín González, aínda que varias destas zonas están incluídas na Rede Natura “moi poucas chegan a niveis de protección axeitados. As únicas zonas son os parques naturais do Xurés e do Invernadoiro, e logo pódese falar do parque das Fragas do Eume, que sería xa de media montaña”. De xeito xeral, este ecoloxista lembra que “nas serras hai unha boa cantidade de especies de flora e de fauna ameazada. Podemos falar da águia real, do bufo real ou do lobo só por citar tres”. Maceiras, da asociación do Monte Pindo, ten claro que se verán novos exemplos de mobilización, e anima a participar en iniciativas semellantes á que protagonizan os veciños de Carnota. “Cómpre que todos os problema de medio en Galicia teñen este apoio detrás. Pensamos que isto pode darse a niveis parecidos en moitos lugares de Galicia, e animamos ás persoas interesadas no noso medio a activar este tipo de respostas”.
“…E unha cousa moi importante, querido alcalde de Marín: en Marín, o porto de Marín, Autoridade Portuaria de Pontevedra (¡¡¡!!!) e rrrr…de Marín e Ría de Pontevedra (¿¿¿???) , tamén nos últimos cinco anos se invertiron 61 millóns de euros. Son polo tanto, actuacións moi importantes”.
Palabras de Antón Louro na súa presentación como candidato socialista á alcaldía de Pontevedra ante toda a parafernalia do partido, comezando polo Ministro de Fomento e seguindo polos dirixentes autonómico e provincial, que teñen preto de cadanseus despachos un cd de audio coa evidencia sonora de como as gasta verbalmente outro que por alí estaba: Francisco Veiga, o alcalde-rodillo de Marín, lingua de trapo con maneiras de apisonadora. Para lingua de trapo, precisamente, a de Louro, que durante uns segundos de tintes dramáticos para a súa posta en escena, se fixo un lío mental monumental, valla a redundancia, tratando de atinar na denominación do porto que menos sensibilidades puidera ferir, pensando na transcrición que os medios de comunicación acabaran facendo do seu discurso. Un anaquiño de discurso, contra o final mesmo da intervención, que a Francisco Veiga lle debeu soar a campanas celestiais: xa mentara Louro a Teresa Casal, a Modesto Pose, a Xosé Manuel Valcárcel, e el, sen levitar aínda co seu mini-momento de gloria. Pero chegou, Louro lembrouse de citar o alcalde de Marín e nese intre a Veiga debeu debuxárselle un sorriso de orella a orella pensando e acenando como dicindo: “…ese son eu!”
Pero chama poderosamente a atención a hipocresía coa que actúan os políticos, lles sopre o vento por onde lles sopre. O alcalde de Marín é un clarísimo exemplo dese comportamento pouco profesional, obsceno moralmente e politicamente esquizofrénico. Babea cando Louro lle menta o porto, os investimentos públicos cos que se potenciou o seu crecemento, e fachendea ante os seus paisanos políticos do PSOE de ser -de chiripa- o “rei león” dese territorio ante o que se extende un motor de desenvolvemento económico que, precisamente agora, está nun momento crítico de definición, a causa das sucesivas sentenzas xudiciais que declararon a ilegalidade dunha ampla extensión de recheos. Francisco Veiga presume de porto no ceremonioso contexto pre-electoral que os socialistas montaron o pasado fin de semana en Pontevedra. Pero en Marín, na Casa Consistorial, durante o Pleno da Corporación Municipal, o discurso de Veiga é outro ben distinto: agresivo e belixerante co porto, desafiante, inquisitivo e provocador.
“…Aínda que leve o noso nome, mira para o outro lado da raia”.
Palabras textuais de Francisco Veiga no Pleno Municipal do 14 de xaneiro. Que a cidadanía saiba deste comportamento falso e trapalleiro do alcalde de Marín, que renega en público do que se vanagloria en petit comité.
E outro que tal baila -aínda que máis que bailar o seu debe ser rebolar- é o concelleiro nacionalista de Urbanismo. Non hai sesión da Corporación na que ultimamente Xosé María Vilaboa non lle atice á popular María Ramallo co látigo da inseguridade xurídica na que caeron as empresas asentadas nos terreos declarados ilegais. Vilaboa “actúa” -no sentido máis literal e cinematográfico do verbo “actuar”- como paladín dos intereses empresariais e laborais e económicos dos afectados, pero tampouco lembra, curiosamente, cal foi a actitude do BNG nos tres municipios do fondo da ría nos que tiña responsabilidades de goberno: Poio, Pontevedra e Marín. En ningún deles os nacionalistas moveron unha palla para que eses recheos, sospeitosos de irregulares, non se levaran a cabo para evitarlle aos perxudicados o trance de enfrontarse a un posible desmantelamento; os concellos implicados informaron favorablemente a todo, as obras executáronse coa súa máis total e absoluta connivencia. E agora Vilaboa bota as aspas do ventilador a xirar, pretendendo emporcallar a toda a clase política mentres el e os seus camaradas políticos se conservan limpiños, impolutos e aseados.
…Vai ser que non. Tanta esquizofrenia política interesada e calculada non pode quedar impune. Os cidadáns non imos deixarnos parvear por catro florituras dialécticas que se digan alegremente no Concello, competindo entre uns grupos e outros por quen ten máis e mellor facilidade de palabra.
A Asociación de Veciños de San Xulián denuncia a deixadez e os flagrantes incumprimentos das leis urbanísticas e medioambientais do Concello de Marín, da Xunta de Galicia e da Diputación de Pontevedra, as cales non ofrecen máis que ríos de bágoas e lamentos ante as últimas inundacións, limitando todas as súas solucións a cubrir instancias e follas de reclamacións coas cales marean os afectados, para acabaren nos caixóns dos despachos ou nalgún galpón, como o da Sacoa. E cando veñen os cartos, úsanos para outros fins distintos aos de reparar os bens danados.
A AAVV San Xulián vén dende hai tempo advertindo das consecuencias nefastas das inacabadas e mal feitas obras da Variante de Marín ou circunvalación, cuxo estudo de impacto só foi utilizado polos técnicos da Xunta e do Concello para darlle corpo legal, para que cada quen fixera o que lle deu a gana. Mesmo fomentando o enfrontamento e coa complicidade da Comunidade de Montes, os cales, por catro pratos de lentellas e algún cheque por recheos ilegais e atentados contra o patrimonio historico, venderon ata a súa nai.
É criticable o cinismo e a demagoxia do alcalde, Francisco Veiga, do concelleiro de urbanismo, Xosé María Vilaboa, e da concelleira de medio ambiente, Pilar Blanco, que case chegan á maxica conclusión de que os destrozos das riadas son porque chove, e que as tubaxes desaugaron ben, sendo evidente que o que non foi por dentro, foi por fóra. Só había que ver os camiños, as rúas e as ribeiras.
É hora de que se deixen de parvadas e empecen a corrixir e a asumir o que se fixo mal (antes e agora) para non incurrir nos mesmos erros, fomentando e incumprindo gravemente a lexislación. NON HAI QUE ACORDARSE DE SANTA BARBARA CANDO TRONA OU, NESTE CASO, CANDO CHOVE.
A AAVV. San Xulián vén reiteradamente denunciando as chapuzas da 1º fase da Variante, esixindo dende a súa construción unha solución ás augas que anegan Velafins, Os Bravos, Macenlle e Pardavila. Problemas que se repiten agora con especial intensidade no Marco, no Regueirño e en Praceres. As queixas foron reiteradas e entregadas no seu momento aos conselleiros correspondentes e aos delegados provinciais da Xunta bipartita, e tamén ao alcalde de Marín o mesmo día da inaguración das obras. Foron rexistradas novamente o 13 de marzo de 2007 e comentadas co alcalde na audiencia do 3 de novembro de 2010.
Denunciamos o brutal recheo que fixo o Concello na Grela, do que Pilar Blanco mirou para outro lado. Moitas desas pedras e terras rechean o cauce do río Lameiriña no Sequelo, onde Pilar Blanco mandou facer sumidoiros no mesmo cauce que fai de barreira, cando o río come propidades e bens. É necesario máis que nunca valorar o desenterramento dos cauces do Lameiriña e do Inferniño, porque tarde ou cedo a auga vainos comer. Sería tamén unha forma de xerar empleo coa contratación das obras.
Tamén deben reflexionar e ser sancionados os veciños/as que fan o que lles dá a gana. Pero cando ven que o Concello fai obras nos ríos sen permiso, ou dan licenzas para edificios cos mesmos muros nos regatos do Inferniño ou do Lameiriña, autolexitímanse para pasaren a lei polo forro. É unha vergoña ver, que unha vez que choveu, deixen pranchas e vallas tiradas, derrumbes sen arranxar etc, cando se está empregando maquinaria, formigón e man de obra municipal en bens privados e sen ningún tipo de permiso para contentar ao caciquiño que lle promete o voto. Por enriba teñen o morro de dicir moitas veces que non teñen cartos.
Despois de que DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) contara con imaxes perfectamente contrastables (“DAQUELAS LAMEIRAS, ESTAS POEIRAS“) os efectos da riada que se produciu dende o alto do Pornedo ata o centro urbán de Marín, atravesando matos e leiras por San Xulián abaixo, varios días despois saen á palestra o alcalde e o concelleiro de Urbanismo para queixarse de que as obras realizadas para acometer o trazado da Variante motiva en boa parte as impactantes inundacións que vén padecendo a vila cando arrecia un temporal de auga e vento.
E aínda por riba porfían como túzaros en instalar un macro-polígono industrial xusto por riba da tal variante. Pois pasará, veciños e veciñas que, en vez dunha, imos ter que tomar sete tazas de “caldo” cada vez que alguén por aí arriba dea en exprimir as nubes. Unha semana despois de que estas chuvias persistentes fixeran a súa aparición, as cunetas da Avenida de Ourense seguen cheas de lama.
Veiga e Vilaboa, parella de “morning-singers” que van camiño de pasar á Historia local como os artífices da nova faceta da que Marín pode chegar a facer gala en próximos anos, como PSOE e BNG saian coa súa (se as furnas non llelo impiden o próximo mes de maio):
Marín, a Venecia do Morrazo, a albufera invernal do fondo da ría. Non che hai terra coma ela!
Grazas á reportaxe gráfica que Xoán Arco da Vella nos ofrece do campo de excavacións d’A Lanzada, voltamos falar deste destacado e exitoso proxecto arqueolóxico e científico que está impulsando a Deputación Provincial de Pontevedra cunha importante inxección de cartos europeos. En DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) levamos tempo facendo un amplo seguemento desta encomiable iniciativa de posta en valor do patrimonio histórico e cultural, para demostrarlle todo o contrario aos parroquianos que nos ladran dicindo que “as pedras non dan de comer”.
Na Casa de Montes As Canteiras, en Noalla, daba auténtica envexa ver a sala chea de comuneiros e veciños da zona -nenos, mozos e vellos- cada vez que os arqueólogos organizaban charlas abertas ao público para iren informando do resultado dos seus traballos. E os comuneiros participaban moi activamente, opinaban, preguntaban todo canto se lles ocorría, por pura curiosidade, e agradecíanlle ao equipo de arqueólogos o seu esforzo por recuperar ese antigo castro da Idade do Ferro que estivo atraendo a atención de milleiros de visitantes que acudiron ata A Lanzada para ver como ían evolucionando os achados.
Ogallá en San Xulián houbera esa receptividade por parte da Comunidade de Montes ao proxecto de creación do ESPAZO NATURAL E ARQUEOLÓXICO DOS SETE CAMIÑOS. Tan boa acollida como a que lle deron nas Comunidade de Montes de Salcedo, de Lourizán e de Vilaboa. Mais en San Xulián van contracorrente: a enganosa expectativa de que o monte se vaia converter nun polígono industrial fai que nas pupilas dos seus ollos se ilumine o símbolo do euro. A costa de reventar -literalmente- o monte, cren no espellismo de engordar os seus petos e as súas contas correntes con cartos, comisións e prevendas que lles permitan seguir hipnotizando a veciñanza con promesas de enriquecemento fácil e rápido.
Estivemos en setembro visitando o campo de excavacións d’A Lanzada e soñamos con que no Pornedo e nos Sete Camiños fora posible algo así: un traballo de acondicionamento dos petroglifos existentes, un estudo pormenorizado das mámoas, un roteiro que guiara aos visitantes polos puntos de interese rupestre e paisaxístico. Mais non percibimos en San Xulián esa sensibilidade; ao contrario, abundan os individuos sospeitosos de poder danar intencionadamente ese patrimonio que está protexido por lei. Pero que lei van respectar se o único norte que persegue a xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xulián (e esa agrupación-satélite que acaban de montar) é o beneficio económico, non en base á explotación racional do monte, senón á súa destrucción definitiva.
Turismo, divulgación, arqueoloxía, cultura, medio ambiente, xestión forestal sostible… son conceptos inasequibles para mentes cativas e sen altura de miras.
Dende a sé central do PSOE na rúa Ferraz, de Madrid, a Comisión Executiva Federal pertencente á Secretaría de Organización do partido, dáse por enteirada da situación na que se atopa DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) pola negativa do alcalde de Marín a escoitar os argumentos contrastados deste colectivo para opoñerse á instalación dun polígono industrial na ubicación que pretende o Goberno local que encabeza o socialista Francisco Veiga. Na súa contestación, o PSOE comprométese a poñer este desamparo en coñecemento da súa secretaría de Cidades e Política Municipal.
Ademais de dirixirse ao PSOE e ao Valedor do Pobo, que manifestou igualmente a súa intención de intervir, DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) tamén protestou ante a Federación Galega de Municipios e Provincias e ante a Federación Española de Municipios e Provincias.
O Valedor do Pobo está contestando con dilixencia ás queixas presentadas por DEFENDE O MONTE PITUCO e por veciños e veciñas particulares afectados e molestos pola actitude do alcalde de Marín ao negarse sistematicamente a recibir a unha delegación desta asociación e do colectivo que impulsa o proxecto de creación do ESPAZO NATURAL E ARQUEOLÓXICO DOS SETE CAMIÑOS. Unha actitude antidemocrática e intransixente por parte dun cargo público que recoñece ante o Pleno da Corporación Municipal que non ten nada máis que dicir do que xa sabemos que opina. Como se unha xuntanza con Francisco Veiga consistira unicamente en asistir ao seu monólogo estelar no que a outra parte non puidera facer ningunha aportación máis que escoitar con sumisión e coa boca pechada. Como se Francisco Veiga non tivera a obriga institucional de escoitar os seus interlocutores aínda que lle vaian expoñer ideas coas que non está de acordo. Por iso o Valedor do Pobo admite a trámite estas protestas e comprométese a intervir neste caso que DEFENDE O MONTE PITUCO califica de desprezo, discriminación, desprotección, desamparo e desgoberno por parte de Francisco Veiga.
Un rexedor municipal que pechou o ano asistindo á homenaxe que a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica e Democrática de Marín lle tributa cada 31 de decembro a un grupo de vítimas do réxime franquista: Albino Agraso Santamaría, Amando Iglesias Pérez, Demetrio Lorenzo Ordóñez, Santiago Ramos Ramos, Bernardino de la Torre Fernández e Antonio Blanco Solla, alcalde de Marín no fatídico ano de 1936. Para valorar a intervención reivindicativa do historiador Carlos Velasco e as palabras emotivas do artista Antón Sobral, ámbolos dous brillantes e atinados, están as hemerotecas.
No que cómpre centrarse é no discurso hipócrita e artificial de Francisco Veiga, que practica de obra eso que rexeita de palabra: a represión. Moito parafrasear as verbas dos seus predecesores neste acto, con fondas e graves alusións á memoria, a canto lles debemos a quen pagaron coa súa vida o prezo da liberdade. Moito gabar un labor encomiable de lembranza e recoñecemento, comparable a un antídoto contra o Alzheimer que invade a sociedade ante este tipo de episodios reprobables do noso pasado recente.
Mais, salvando as lóxicas distancias, este alcalde de Marín -e os seus escudeiros no Goberno local- non pode arrebolar a bandeira da dignidade e da tolerancia porque en fronte ten un colectivo de veciños e veciñas aos que boicotea, censura, reproba e amordaza unilateralmente. Velaí o exercicio activo da represión por parte de Francisco Veiga.
En canto aos seus socios do BNG de Marín, que tampouco faltaron a este acto, bandeira e pancarta en ristre, nun xesto impropio de acaparar un protagonismo que non lles correspondía, son outro exemplo de represión activa no seo do seu propio partido. Basta lembrar as purgas fulminantes que deron coa expulsión inmediata e irreversible de destacados militantes nacionalistas marinenses, polo mero feito de discrepar, de disentir ideoloxicamente cun guión imposto dende unha cúpula opresora.
Nesta homenaxe, o pintor e poeta Antón Sobral falou do científico Eric Kandel, galardoado co Premio Nobel no ano 2000 polos seus estudos sobre os mecanismos cerebrais vencellados aos procesos de aprendizaxe e memoria. Dicía Kandel:
“Unha das características fundamentais da memoria é que se constitúe por etapas. A memoria de curto prazo dura uns minutos, mentres que a memoria de longo prazo pode durar moitos días e periodos aínda máis longos. Os experimentos sobre o comportamento suxiren que hai unha transformación gradual da memoria de curto prazo e que, ademais, esa transformación acádase mediante a repetición. A práctica implica perfección” (Eric R. Kandel, 2007).
…Pois ben, que sigan os gobernantes municipais alimentando as súas fobias, practicando ese egocentrismo que os caracteriza, esquecendo de onde veñen para actuar como divos incuestionables, que xa virán outros para baixalos da parra na que se empoleiraron e poñelos ao nivel do resto da cidadanía á que, en teoría, deberían servir.
“En caso dunha riada, chegaría a enxurrada á rúa Jaime Janer do centro de Marín”.
Vai case un ano dende que Román Chaves, directivo da Comunidade de Montes de Lourizán, pronunciou estas palabras nunha alterada xuntanza de comuneiros celebrada na Casa de Montes de San Xulián, na que DEFENDE O MONTE PITUCO expoñía por primeira vez os que daquela eran os argumentos dispoñibles -co tempo iríanse sumando máis motivos- para opoñerse ao polígono industrial onde o Goberno local o quere instalar, co visto e prace economicamente interesado da xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xulián. Acusaron a Román de intruso, de alarmista e de calificativos impronunciables por dar a súa opinión, non só persoal, senón tamén profesional. E as súas palabras non só teñen un cariz profético, senón que seguen tendo plena vixencia.
A “catarata” artificial instalada na curva que hai entre A Pena e O Caeiro canaliza unha parte da auga que baixa do monte logo de que as obras realizadas para trazar a Variante de Marín alteraran o curso natural dos regueiros. Por estes antiestéticos escalóns de formigón cae auga a mazo cunha forza considerable cando a borrasca se instala sobre as nosas cabezas, o que non deixa de ser o normal estando na terra na que estamos. O terreo que antano era unha suave vaguada pola que escorregaba a auga entre unha ringleira de carballos, agora é un terraplén vertical de terra que -a Deus grazas- se agarra porque enriba lle creceron xestas e codesos. A “catarata” foi unha pseudo-solución chapuceira, con perdón dos técnicos, que consentiu a Comunidade, moi “orgullosa” de que por riba dese inmenso recheo a empresa que facía a Variante lle montaba un merendeiro que a día de hoxe é un claro exemplo de vandalismo, deixadez, suciedade e mal gusto.
O solo que antano absorbía a chuvia, agora é impermeable. Os “técnicos” fixeron por encauzala a granel, furando o monte con fondos regos de cemento, pero a auga é rebelde e baixa descontroladamente seguindo calquera pendente do terreo. Desapareceu a vaguada e agora temos unha fervenza escalonada que chuza o torrente a unha tubaxe por debaixo da estrada. Ogallá esa canalización teña capacidade abondo e soporte o desgaste que lle provoca tanta forza de auga, porque se non, o día menos pintado a estrada de titularidade provincial vai sorprender a propios e estranos cun considerable socavón.
Do outro lado, o torrente sae disparado como pola boca nun canón. A tromba é interminable e arrasa, monte abaixo, co que atopa ao seu paso: veigas e viñas inundadas, camiños de paso imposibles de cruzar sen unhas botas de goma altas, muros derrumbados, marcos desprazados, broza arrumbada ao lados da riada… Os regos de toda a vida cavados cos legóns non dan con tanta cantidade de auga, que reborda por todas partes.
Outro dos puntos cruciais do anegamento está en Vilafíns. Neste lugar sempre houbo unha poza da que manaba auga apreciada polas súas propiedades curativas para os males da vista. Coa enchente, a poza convértese nunha piscina enlamada e o sendeiro que algúns veciños utilizan para atallar campo a través, queda inutilizado. Coas veigas anegadas, o terreo rebrandece e perxudica as colleitas. Aínda a principios de xaneiro, queda moito inverno por diante e probablemente esta non sexa nin a primeira nin a única inundación. Logo de baixar polo monte, a auga desemboca no camiño que leva ao Carballal/Viñas Brancas, saltando por riba do asfalto e anegando máis leiras.
A mala execución das obras da Variante ten parte da culpa das condicións nas que queda o centro de Marín cando caen catro gotas de máis. O concelleiro de turno atendendo as queixas dos veciños de Arealonga, que son dos primeiros en percibir os efectos da tromba que baixa do monte. A auga acumúlase en sotos e garaxes e a Policía Local ten que ir polos edificios aconsellándolles aos veciños que non garden neles os seus vehículos para evitaren males maiores. O cauce do río Lameiriña sobe alarmantemente e enche de preocupación os inquilinos das casas e dos edificios próximos. E entre as consecuencias máis graves, o desaloxo da Residencia de Maiores pola avaría da caldeira.
Agresión tras agresión, o monte devolve con creces o dano que recibe. DEFENDE O MONTE PITUCO apela a que se teñan en conta as palabras sensatas que encabezan este artigo. Construir un polígono industrial enriba mesmo de Marín, nun lugar con tanto desnivel e tan preto do núcleo urbán, sería un erro histórico imposible de reparar. Se o Goberno local segue adiante coa súa empecinada idea, e se a Comunidade de Montes non deixa de construir castelos no aire, daquela si que haberá que lamentar o famoso refrán que di: “…Daquelas poeiras, estas lameiras”.
…Seica hai un “novo” colectivo na parroquia. Xa que estamos no Día de Reis, parafraseando a D. Xoan Carlos, “nos llena de orgullo y satisfacción” dar noticias como esta: o dinamismo social é ben positivo para esta vila, anestesiada por momentos. Pero neste caso, non hai nada que celebrar, porque o colectivo en cuestión é un sucedáneo da Comunidade de Montes de San Xulián en versión pro-polígono. Coma as pantasmas, tardaron un ano en manifestarse, mentres que DEFENDE O MONTE PITUCO leva doce meses traballando arreo, sumando argumentos e apoios individuais e colectivos a prol da conservación deste espazo, relacionándose coas administracións públicas a nivel autonómico e provincial, e reuníndose con organizacións políticas e culturais de ámbito local para sensibilizar sobre a importancia ambiental, paisaxística e histórica desta zona, para concienciar sobre os impactos irreversibles que acarrearía a súa destrucción, e para reivindicar que se habilite outro espazo con menos perxuízos para a construcción dun posible polígono industrial marinense.
Este colectivo -que non merece máis liñas de texto que as estrictamente necesarias neste artigo- vén insultarnos á porta das nosas propias casas, pegando un folio cutre no que acusa a DEFENDE O MONTE PITUCO de contar “mentiras e falsidades”, de causar o “desprestixio de certas persoas”, e de opoñerse á “riqueza e traballo para o pobo”. E como os veciños e veciñas que constituimos DEFENDE O MONTE PITUCO non toleramos a manipulación, nin a calumnia, saímos ao paso desta campaña de desprestixio cobarde e interesada que unicamente persegue dividir a parroquia, atacar a nosa liberdade de expresión e empañar o traballo impecable e respectuoso que DEFENDE O MONTE PITUCO vén levando a cabo dende decembro de 2009.
Quen está detrás deste simple folio está tamén detrás destoutro cartel que segue a continuación, asinado pola Comunidade de Montes e exposto publicamente en xullo de 2010 (premer na foto para ler o artigo co que corresponde). É o mesmo estilo impropio e demagóxico. Eses folios “pro-polígono” están colocado a carón do gran cartel que anuncia o baile de Reis na Casa de Montes de San Xulián, pegados coa mesma cinta adhesiva, por tanto, postos polas mesmas mans. A xunta rectora da Comunidade de Montes e os seus afíns fanse chamar agora “agrupación de xuventude queremos o polígono industrial e comercial”. O mesmo can, con distinto collar.
Os argumentos de DEFENDE O MONTE PITUCO en contra da instalación dun polígono industrial na zona proxectada polo Goberno local de Marín, coa connivencia da xunta rectora da Comunidade de Montes (que dá botes de ledicia calculando os pingües beneficios económicos que lles reportaría para as súas opacas arcas de tesourería) non son “mentiras nin falsidades”, senón que están perfectamente documentadas, e así foron postas en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, da Consellería de Cultura e da Consellería de Medio Rural. As fontes documentais das que se nutre DEFENDE O MONTE PITUCO para avalar as súas actuacións son tan irrefutables como o proxecto de PXOM, as Normas Subsidiarias e Complementarias Provinciais de Planeamento, un informe topográfico elaborado por unha empresa consultora especializada, colexiada e independente, documentos históricos do século XIX que constatan a existencia dos mananciais naturais que surten de auga aos habitantes da zona. Minten estes documentos? Falsean a realidade estes documentos? NON.
As persoas que se laian do presunto desprestixio que supostamente se lles inflixe desde DEFENDE O MONTE PITUCO estanse a autodescalificar a cotío coas súas propias accións e omisións. A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común, ao igual que os cargos públicos do Concello de Marín, da Deputación de Pontevedra ou da Xunta de Galicia, deben responder pola súa xestión; están sometidos ao escrutinio da veciñanza, que ten o dereito e a obriga social e moral de fiscalizar as súas actuacións, sempre con respecto e con obxectividade. A xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xulián non pode presumir de obrar de forma receptiva nin transparente. Non é receptiva porque os seus integrantes non recollen os escritos que DEFENDE O MONTE PITUCO lles envía periodicamente para chamar a atención sobre problemáticas graves que lle afectan ao monte: a proliferación de verquidos incontrolados, a presenza de motos e quads que destrozan coas súas rodas o terreo, a existencia de cabalos e eguas con pexas nas súas extremidades que supoñen un risco para a seguridade dos conductores, o mal estado no que se atopa o monte coa abundancia de maleza, os danos que causan nas propiedades os torrentes de auga que baixan con forza do monte na época do inverno, o aspecto deplorable da área recreativa de Pornedo e da área de descanso a carón da estrada de Figueirido, cheas de lixo e co mobiliario esnaquizado pola acción dos vándalos… Hai tantas cousas por facer, e a actitude da Comunidade de Montes é absolutamente pasiva porque non move un dedo nin gasta un céntimo.
Tampouco é transparente porque en todo o ano 2010 non se celebrou a preceptiva Asemblea Ordinaria para dar conta do balance económico e de xestión, para informar sobre o cumprimento das funcións dos seus cargos que actualmente está en entredito, con rumores da recente dimisión do tesoureiro e da evidente falta de dispoñibilidade do presidente por motivos laborais. O punto 2º do artigo 50 do capítulo IX dos Estatutos da Comunidade de Montes referidos aos Órganos da Comunidade di: “A Asemblea Xeral Ordinaria será convocada unha vez ao ano e sempre dentro dos seis meses seguintes á data de peche do exercicio económico…” U-la asemblea? u-la convocatoria? u-la información? Acaso DEFENDE O MONTE PITUCO ou calquera outro comuneiro ou comuneira non pode criticar o papel da xunta rectora da Comunidade de Montes? Por que se consideran intocables e irreprochables?
…Pero por favor, sigan lendo, que agora vén o mellor: ese folio cutre que circula pola parroquia é o que minte, o que manipula, o que terxiversa e engana aos habitantes de San Xulián. “Tampouco queremos un polígono a calquera prezo, senón que queremos que se faga un bo proxecto SIN TOCAR A ZONAS DO MONTE CAEIRO E MONTE PORNEDO”. Esta afirmación é unha trola descarada deste “colectivo” que pretende DESINFORMAR a veciñanza e ofrecer unha imaxe DISTORSIONADA do proxecto industrial que manexa o Concello de Marín. O terreo afectado polo polígono é de preto de 100 hectáreas de monte: abarca no seu perímetro o depósito de auga que abastece as vivendas de Pena e Caeiro, vai pegado mesmo ao trazado da autovía e roza no límite co termo municipal de Pontevedra. É unha bestialidade terrible, cunhas cotas de nivel unicamente superables a base de taludes desproporcionados que poden supoñer un desembolso económico superior incluso ao coste do propio proxecto de urbanización ,e que conlevaría un elevado encarecemento do prezo por metro cadrado, inasumible para os potenciais inquilinos dese suposto polígono.
Este “colectivo” non debe coñecer o monte do que fala, porque abogar pola construcción dun polígono industrial e comercial na Pena e nos Sete Camiños e, ao mesmo tempo, defender O Caeiro e O Pornedo, é contradictorio e incompatible. A Pena e o Caeiro están un a continuación do outro; e restarlle O Pornedo ao proxecto do polígono para que só se faga no contorno dos Sete Camiños implica reducir considerablemente a superficie do proxecto, que desta maneira xa non sería rentable dende o punto de vista financeiro. Por tanto, que este “colectivo” non malmeta, que se informe antes de que os seus promotores saquen a lingua a pastar gratuita e impunemente. E se de verdade están a prol da conservación do Monte Pornedo, tendémoslle a man para que se unan a DEFENDE O MONTE PITUCO, posto que as súas premisas van na liña das nosas, só que con doce meses de retraso. DEFENDE O MONTE PITUCO non se opón en absoluto ao desenvolvemento económico e empresarial de Marín nin rexeita a instalación dun polígono industrial na vila. DEFENDE O MONTE PITUCO rexeita a construcción dun polígono industrial na ubicación proposta polo Goberno local de Marín. Unha ubicación errónea por motivos amplamente expostos neste foro e que tampouco colma as expectativas dos grupos municipais da oposición no Concello.
A Consellería de Medio Ambiente vén de pór en marcha unha campaña de marketing denominada “Coida Galicia” que se está a difundir en prensa, radio e televisión, coa imaxe do actor Pedro Alonso. Un millón de euros investidos, segundo fontes da web BriefingGalego, coa seguinte finalidade, segundo a información que consta na propia web da campaña:
“O obxectivo desta campaña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas é SENSIBILIZAR a sociedade galega en xeral e os colectivos implicados en particular sobre a necesidade dun CRECEMENTO SOSTIBLE. Trátase de divulgar a idea de que hai que AVANZAR pero pensando no FUTURO, no TURISMO, na nosa FAUNA e na nosa FLORA, nas nosas RÍAS e nas nosas COSTAS, de modo HARMÓNICO. Esta mensaxe inscríbese no labor da Xunta de Galicia por implantar un MODELO que, atendendo ao INTERESE XERAL, incida na importancia da ESTÉTICA, no respecto ao AMBIENTE e na SUSTENTABILIDADE do CRECEMENTO”.
…Que contrasentido! Unha mensaxe tan idílica non fai máis que chocar frontalmente contra a crúa realidade. A Consellería de Medio Ambiente vén de aprobar unhas Directrices de Ordenación do Territorio que, aínda que non desprotexen os Montes do Morrazo, deixan nas voraces gadoupas do Concello de Marín a responsabilidade de velar pola conservación da parte que lle corresponde, isto é, o Monte Pornedo, onde o Goberno local pretende instalar un polígono industrial que arrasará coa riqueza ambiental, paisaxística, cultura e turístiza deste enclave.
Nesta recta final do ano, o artigo de hoxe vai dirixido a todas as persoas que queiran sumarse a unha campaña que DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) estivo levando a cabo nos últimos días para transmitirlle ao Valedor do Pobo o rexeitamento da cidadanía pola actitude antidemocrática, arrogante e despectiva do alcalde de Marín, Francisco Veiga, absolutamente impropia dun cargo público. Referímonos, como non, á súa deplorable intervención no pleno ordinario municipal do pasado día 10:
Tan só hai que cubrir os datos personais que require: nome e apelidos, DNI, enderezo postal, e expoñer os motivos da queixa. Quen o desexe, pode copiar e pegar o modelo de texto que segue a continuación.
MOTIVOS:
Que nos meses de abril, xuño, xullo, setembro, novembro e decembro de 2010, a asociación Defende o Monte Pituco presentou a través do Rexistro Xeral do Concello de Marín diversas solicitudes de entrevista co alcalde desta localidade, Francisco Veiga, para explicarlle, por un lado, os motivos que segundo este colectivo fan inviable a construcción dun polígono industrial no Monte Pituco, tamén denominado polo topónimo tradicional de Pornedo; e por outro, para presentarlle o proxecto de creación do denominado Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, no que se inscribe o propio Monte Pornedo.
Ningunha desas peticións formais foi contestada ata que, no pleno do pasado 10 de decembro, os concelleiros Isabel Martínez Epifanio e Miguel Suárez Briones, de Marinenses Independentes, intercederon por Defende o Monte Pituco formulando -no apartado de rogos e preguntas- unha interpelación dirixida ao alcalde, que se transcribe literalmente a continuación:
-Isabel Martínez Epifanio: “…Nesta lexislatura presentamos unha proposta de participación cidadá que non sae adiante nunca. Claro, non se lle pode dar voz á xente que asiste aos plenos e entón temos que serlles intermediarios os que formamos parte da Corporación. Existe unha asociación que se chama Defende o Monte Pituco que ten pedidas entrevistas con vostede en abril, xuño, xullo, setembro, novembro e decembro e aínda non foi recibida. Creo recordar que todos os partidos políticos levabamos nos nosos programas electorais aquelo da atención aos veciños, que os veciños participen, que os veciños veñan, que van ser recibidos en todos lados. Gustaríame saber, señor alcalde, cando vai recibir a esta asociación?”.
-Francisco Veiga: “Con respecto á participación cidadá, relacionado coa asociación Defende o Monte Pituco, a súa portavoz sabe perfectamente cal é A MIÑA OPINIÓN sobre o tema. TIVEMOS UNHA CONVERSA, CREO QUE TELEFÓNICA E OUTRA NAS ESCALEIRAS DESTE EDIFICIO, ONDE SE LLE TRASLADOU O QUE PENSO sobre a súa postura e en concreto o que hai sobre a área empresarial industrial do Pituco. E NON TEÑO MÁIS QUE DICIR SOBRE O ASUNTO, PARA REPETIR O MESMO, NON…”
-Isabel Martínez Epifanio: “…Pero se alguén pide unha entrevista con vostede…”
-Francisco Veiga: “Con respecto ao alumeado navideño…”
-Miguel Suárez Briones: “…As entrevistas co alcalde van ser a partir de agora, polo que vostede di, nas escaleiras do Concello ou van ser vía telefónica, e aínda que vostede teña unha postura ben coñecida con respecto a parques industriais, se alguén lle pide unha entrevista, o lóxico e o cortés é recibilo e contestarlle…”.
Quen suscribe considera que a resposta do alcalde de Marín, Francisco Veiga, é impropia dun cargo público que se debe á cidadanía e que ten a obriga institucional de atender as necesidades e as inquedanzas da veciñanza, polo que a actitude do alcalde lle resulta reprobable. Ademais de manifestar a súa queixa pola actitude do rexedor municipal, quen suscribe tamén se dirixe ao Valedor do Pobo coas seguintes
PETICIÓNS:
-Que se pronuncie sobre a idoneidade dunhas escaleiras como escenario para que un alcalde atenda a unha asociación, ou a pertinencia dunha conversa telefónica como vía para comunicarse oficialmente cuns veciños.
-Que teña a ben dirixirse ao titular da Alcaldía de Marín para que se aveña a escoitar -nunha entrevista formal- os plantexamentos lexítimos da asociación Defende o Monte Pituco.
-Que visite o Monte Pornedo para coñecer “in situ” a orografía do terreo, os elementos da arte rupestre que se atopan na zona, a situación dos mananciais naturais que regan as aldeas próximas e o trazado do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños que se deseñou para poñer en valor os montes de Marín, Pontevedra e Vilaboa.
As queixas tamén se poden cursar por correo electrónico, enviando os datos (nome e apelidos, DNI e enderezo postal) e explicando a situación, aos enderezos de correo electrónico: valedor@valedordopobo.com e rexistro@valedordopobo.com
E por fax, enviando un escrito ao número 981 572 335. O modelo de instancia facilitámolo no seguinte documento: ESCRITO AO VALEDOR.
Moitas grazas, unha vez máis, pola visita ao blog, pola participación e pola solidariedade.
Un saúdo afectuoso dende o MONTE PITUCO (PORNEDO).
Por fin, dous meses despois da súa aparición, o coche que foi calcinado e abandoado no alto de Pornedo e que estaba sendo desmantelado progresivamente, xa foi retirado. Tanto dá se o seu propietario se fixo cargo del, se o absorveu a distancia o faz de luz dunha nave extraterrestre ou se unha horda de formigas comeferros o devoraron da noite para a mañá. O importante é que o monte xa non presenta esa imaxe deplorable, que ninguén máis ten excusa para seguir botando lixo nese punto e que ese foco de ferruxe e contaminación queda definitivamente anulado.
Non foi en absoluto grazas á Comunidade de Montes, que non move un dedo nin se preocupa o máis mínimo por garantir o bo estado desta zona. Tampouco foi grazas ao Concello de Marín nin á Concellería de Medio Ambiente, que non tivo nin a cortesía de contestar os dous escritos que DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) lle enviou notificando esta incidencia para que dende instancias municipais se fixeran as xestión oportunas.
Se a alguén lle hai que dar as grazas pola colaboración é ao persoal do Seprona, polo interese que demostrou na procura dunha solución, na investigación do caso, na localización do propietario do vehículo e na axilización do traslado deses restos de carrocería que afeaban o monte e mesmo supoñían un perigo físico e ambiental.
…Pero o monte segue sufrindo. Alegrámonos de ter unha preocupación menos coa eliminación dos restos dese vehículo, pero seguimos observando con preocupación e indignación os estragos que causan na orografía do monte os motoristas cos seus vehículos. Non se conforman con rodar polas pistas que foron trazando impunemente ante a indiferencia da directiva da Comunidade de Montes. Agora están ampliando o seu radio de acción e invadindo coas súas rodas outras zonas do mesmo alto de Pornedo. A chuvia fai que eses sucos que foron excavando se convirtan en lameiras que lles resultan impracticables, así que actuando coma se foran os “donos e señores” do monte, crense no dereito de campar ás súas anchas por onde motos e quads non se lles enterran, destrozando a vexetación e as repoboacións arbóreas, oradando o solo e provocando unha erosión dificilmente recuperable.
Ten que haber pilotos con sensibilidade ambiental. Como aqueles que atopamos un día de vento e chuvia, que nos contaban que os afeccionados ao enduro respectan o contorno polo que conducen, que van provistos de bolsas de plástico nas que depositan o lixo que xeneran, que levan a súa documentación perfectamente en regra, que non atravesan coas súas máquinas zonas que previamente non estean habilitadas para practicar.
Pero teñen que saber que o Monte Pornedo non está habilitada para pilotar. Que se hai un trazado non é porque estea autorizado, senón porque a Comunidade de Montes non exerce as súas funcións e mesmo desoe as protestas dos propios comuneiros que se opoñen á destrucción do monte. Por iso apelamos á súa colaboración para que trasladen a outra zona a súa afección pola práctica do motor. Por iso lle esixiremos á xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xulián, unha vez máis, que sinalice o Monte Pornedo e prohíba estas prácticas agresivas co medio.
Un día botámonos a escribir. Os que nacemos, crecemos e morreremos ao carón deste monte queriamos contar como é: as cores cambiantes coas estacións, as formas escarpadas… Como soa: a auga que escorrega ceibe , a vento que zoa entre as pedras, a campaíñas de gando silvestre e rechouchíos de paxaro… Como sente e fai sentir a quen o percorre: o gozo dunha paisaxe impagable, a harmonía da natureza, o peso da historia e da cultura ante o futuro.
Un futuro incerto, ameazado por un proxecto político errado que pretende arrasar toda esta riqueza ambiental para convertela nunha chaira de formigón inerte e impactantes taludes ao longo de centos de hectáreas, a cambio de promesas demagóxicas e irreais.
Dende o día en que nos botamos a escribir neste modesto blogue, sumamos xa 300 artigos: 300 razóns para seguir escribindo outros 300 artigos máis. 300 puntos de encontro coa veciñanza para informar e para pedir solidariedade co Monte Pituco (Pornedo).
GRAZAS por ler, por participar, por seguir, por difundir.
BO NADAL. FELIZ 2011, ANO INTERNACIONAL DOS BOSQUES.
Comentarios recentes