Publicado por: MontePituco | 18/01/2011

ESQUIZOFRENIA POLÍTICA

“…E unha cousa moi importante, querido alcalde de Marín: en Marín, o porto de Marín, Autoridade Portuaria de Pontevedra (¡¡¡!!!) e rrrr…de Marín e Ría de Pontevedra (¿¿¿???) , tamén nos últimos cinco anos se invertiron 61 millóns de euros. Son polo tanto, actuacións moi importantes”.

Palabras de Antón Louro na súa presentación como candidato socialista á alcaldía de Pontevedra ante toda a parafernalia do partido, comezando polo Ministro de Fomento e seguindo polos dirixentes autonómico e provincial, que teñen preto de cadanseus despachos un cd de audio coa evidencia sonora de como as gasta verbalmente outro que por alí estaba: Francisco Veiga, o alcalde-rodillo de Marín, lingua de trapo con maneiras de apisonadora. Para lingua de trapo, precisamente, a de Louro, que durante uns segundos de tintes dramáticos para a súa posta en escena, se fixo un lío mental monumental, valla a redundancia, tratando de atinar na denominación do porto que menos sensibilidades puidera ferir, pensando na transcrición que os medios de comunicación acabaran facendo do seu discurso. Un anaquiño de discurso, contra o final mesmo da intervención, que a Francisco Veiga lle debeu soar a campanas celestiais: xa mentara Louro a Teresa Casal, a Modesto Pose, a Xosé Manuel Valcárcel, e el, sen levitar aínda co seu mini-momento de gloria. Pero chegou, Louro lembrouse de citar o alcalde de Marín e nese intre a Veiga debeu debuxárselle un sorriso de orella a orella pensando e acenando como dicindo: “…ese son eu!”

Pero chama poderosamente a atención a hipocresía coa que actúan os políticos, lles sopre o vento por onde lles sopre. O alcalde de Marín é un clarísimo exemplo dese comportamento pouco profesional, obsceno moralmente e politicamente esquizofrénico. Babea cando Louro lle menta o porto, os investimentos públicos cos que se potenciou o seu crecemento, e fachendea ante os seus paisanos políticos do PSOE de ser -de chiripa- o “rei león” dese territorio ante o que se extende un motor de desenvolvemento económico que, precisamente agora, está nun momento crítico de definición, a causa das sucesivas sentenzas xudiciais que declararon a ilegalidade dunha ampla extensión de recheos. Francisco Veiga presume de porto no ceremonioso contexto pre-electoral que os socialistas montaron o pasado fin de semana en Pontevedra. Pero en Marín, na Casa Consistorial, durante o Pleno da Corporación Municipal, o discurso de Veiga é outro ben distinto: agresivo e belixerante co porto, desafiante, inquisitivo e provocador.

“…Aínda que leve o noso nome, mira para o outro lado da raia”.

Palabras textuais de Francisco Veiga no Pleno Municipal do 14 de xaneiro. Que a cidadanía saiba deste comportamento falso e trapalleiro do alcalde de Marín, que renega en público do que se vanagloria en petit comité.

E outro que tal baila -aínda que máis que bailar o seu debe ser rebolar- é o concelleiro nacionalista de Urbanismo. Non hai sesión da Corporación na que ultimamente Xosé María Vilaboa non lle atice á popular María Ramallo co látigo da inseguridade xurídica na que caeron as empresas asentadas nos terreos declarados ilegais. Vilaboa “actúa” -no sentido máis literal e cinematográfico do verbo “actuar”- como paladín dos intereses empresariais e laborais e económicos dos afectados, pero tampouco lembra, curiosamente, cal foi a actitude do BNG nos tres municipios do fondo da ría nos que tiña responsabilidades de goberno: Poio, Pontevedra e Marín. En ningún deles os nacionalistas moveron unha palla para que eses recheos, sospeitosos de irregulares, non se levaran a cabo para evitarlle aos perxudicados o trance de enfrontarse a un posible desmantelamento; os concellos implicados informaron favorablemente a todo, as obras executáronse coa súa máis total e absoluta connivencia. E agora Vilaboa bota as aspas do ventilador a xirar, pretendendo emporcallar a toda a clase política mentres el e os seus camaradas políticos se conservan limpiños, impolutos e aseados.

…Vai ser que non. Tanta esquizofrenia política interesada e calculada non pode quedar impune. Os cidadáns non imos deixarnos parvear por catro florituras dialécticas que se digan alegremente no Concello, competindo entre uns grupos e outros por quen ten máis e mellor facilidade de palabra.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: