Publicado por: MontePituco | 19/01/2011

‘CULTURAGALEGA.ORG’ FALA DO MONTE PITUCO

Non é a primeira vez que a loita dos veciños e veciñas de Marín a prol da conservación do Monte Pituco (Pornedo) e en contra da súa desfeita por culpa da intención do Goberno local de instalar nel un polígono industrial, trascende fóra das fronteiras locais, comarcais e provinciais. Xa en anteriores ocasións se dera a coñecer ao conxunto do país, para evidenciar ante a cidadanía galega o nivel de desprezo que practica este Concello pola conservación dos seus espazos naturais emblemáticos, pola despreocupación sobre a imaxe que proxecta ante as localidades limítrofes. Un Concello cuxos gobernantes lavan as mans malia que o impacto paisaxístico das súas decisións urbanísticas choquen plenamente cos criterios de sostibilidade, que acarreen costes desmesurados coa única xustificación de impoñer un criterio que a todas luces é errado. A páxina culturagalega.org, do Consello da Cultura Galega, adicou hoxe a súa portada a unha reportaxe ampla e interesante titulada “A hora de ollar para os montes”, na que se detallan as ameazas que afectan a lugares senlleiros da nosa xeografía: Monte Pindo, a Serra do Galiñeiro, a Serra do Careón, o Courel, o Xistral, o Suído… e tamén o Monte Pituco, que a nova de culturagalega.org recolle como un caso máis de alarma.

A continuación, o texto da nova, ao que se pode acceder directamente na seguinte ligazón: “A HORA DE OLLAR PARA OS MONTES”.

Unha asociación solicita a declaración do Monte Pindo como Parque Natural. No Galiñeiro, nace unha plataforma en defensa da serra ante o risco de que se instale na zona un parque eólico. Un proxecto de gandeiría ameaza o Xistral. Os montes están a coller protagonismo nos movementos sociais de conservación da natureza e enfróntanse a novas ameazas.

A pasada semana, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) alertaba do risco que supón para a Serra do Xistral o proxecto da cooperativa Coren de crear neste espazo de grande interese natural unha zona de pastos para gandeiría extensiva. O caso non é máis que o último de toda unha serie de agresións aos montes que se están a dar cunha frecuencia crecente no noso país. Segundo explica Serafín González Prieto, presidente da SGHN, “entendemos que está a se incrementar a presión sobre as serras. Por unha banda está todo o novo plan eólico, que ten repercusións moi fortes a nivel ambiental”. A recente aprobación deste texto está xa a dar nas primeiras respostas desde plataformas e colectivos de defensa ambiental, que salientan o impacto que os muíños van ter sobre espazos de grande interese ambiental. No entanto, non é esta a única ameaza para as serras galegas. “Ademais, está a se dar unha estratexia de intensificación gandeira aproveitando zonas de monte para as transformar en pasteiros e xustificar así que dispoñen dunha superficie agrícola útil suficiente para absorver a cantidade de xurros que xeran”, lembra Serafín. É dicir, que ao fixar a lexislación un máximo recomendado de residuos orgánicos segundo o tamaño da explotación, moitas empresas optan por ampliar a súa superficie botando man de espazos ata o de agora improdutivos como son os montes, tal e como se pode ollar no caso do proxecto de Coren no Xistral.

Novas ameazas

Por se fose pouco, están a ser realizar novas concentracións parcelarias que afectan a paisaxes de montaña. “Quérense concentrar terras que nunca foron agrícolas nin rendibles, mesmo antes de ter avaliado a rendibilidade deste proceso en terras agrícolas. Concentrar as terras forestais, se non se fai ben, supón unha presión para o territorio, coa apertura de novas pistas e a conseguinte fragmentación”. González alerta aínda agoira novos perigos para estes ecosistemas que se irán concretando ao longo dos vindeiros anos. “Irá estalando a cuestión do emprego da biomasa forestal con fins enerxéticos. Logo do fracaso da proposta de dedicar cultivos alimenticios a producir biomasa, está a se traballar no emprego da biomasa forestal con estes fins. A cuestión é que está sen valorar ata que punto isto non ten máis perxuízos que beneficios”. Para alén da destrución do contorno, este tipo de explotación pode acabar provocando un maior consumo de enerxía e de emisións de gases de efecto invernadoiro dos que evita, debido á maquinaria necesaria para a recolección e transporte do material.

A conciencia do monte

Encol da aparente actual concienciación sobre a importancia destes ecosistemas, desde a Sociedade Galega de Historia Natural confirman que o proceso está a ser máis lento do que con outros hábitats como ríos, humidais ou zonas costeiras. “Están máis lonxe dos princippais núcleos de poboación e vese como un efecto máis afastado. Por exemplo, os grandes lumes chegaron aos medios cando afectaron a beiramar, pero cada ano arde unha superficie semellante no interior e non chega aos medios. A maior parte dos lumes concéntrase nas serras, sobre todo en Ourense e Pontevedra”.

O Monte Pindo

No caso do Monte Pindo, non houbo unha agresión concreta que dese na reación da asociación Monte Pindo Parque Natural. Segundo nos explica Mario Maceiras, secretario deste colectivo, “a iniciativa responde a “unha inquedanza histórica relacionada co desenvolvemento do monte por parte de xente de Carnota”. Para alén dunha ameaza concreta, o monte sofre desde hai anos unha importante degradaciónn. “Non sempre foi un pedregal como se ve agora. Isto é produto de anos de erosión por mor dos incendios e mais das chuvias que lavan a terra despois. Logo está sendo continuamente invadido por vehículos motorizados, campismo agresivo e mesmo grafitis”. A proposta da asociación ecoloxista ADEGA para que este espazo se declarase parque natural serviu como catalizador para o nacemento dunha plataforma local que está a colleitar unha grande cantidade de apoios. “Cada día quedamos máis pampos vendo a xente que nos apoia por Internet ou das asociacións que se suman. No ámbito da cultura mesmo, temos casos como o de Luar na Lubre, que é o caso máis coñecido.” E é que o grupo incluíu no seu último disco un tema dedicado a este macizo. Canda a eles, están a apoiar esta proposta outras entidades como “o coro Cántigas da Terra, ou a Asociación de Amigos dos Camiños a Santiago, así como colectivos de montañeiros ou deportivos entre moitos outros”. Para alén da mitoloxía que asocia o monte co suposto Olimpo Celta, o monte destaca por posuír a única poboación de carvallo anano que existe no Noroeste da Península e mais pola súa poboación de gato montés, entre outras especies de interese. En breve a asociación dará un novo paso na reivindicación do Parque Natural para este espazo. Propoñen gravar un video colaborativo no que os participantes vaian pasando dun a outro un cartel co logo do colectivo, simbolizando unha cadea humana virtual.

O Galiñeiro

A ameaza de novos parques eólicos está en moitos casos detrás desta anovada preocupación polos cumios do país. Estas instalacións enerxéticas teñan nas serras o seu espazo predilecto e en casos anteriores teñen provocado serios danos sobre bens patrimoniais e naturais, como foi o caso das tristemente célebres turbeiras do Xistral. Deste xeito, non é de estrañar que ante a posibilidade que ver os montes cubertos de aeroxeradores a xente se organice. É o caso da Plataforma pola Defensa do Galiñeiro, que reclama a ampliación do Parque Natural do Monte Aloia a esta serra do sur da provincia de Pontevedra. “Hai sete ou oito anos xa se tentou ampliar o parque, pero por deixadez de funcións non se fixo nin está incluído na Rede Natura” explica Xosé Lois Vilar, voceiro deste colectivo. Arredor de catorce colectivos da zona, incluíndo comunidades de montes participan nesta iniciativa, nunha zona que xa en anos pasados se mobilizara contra a construción doutro parque na Serra da Groba. “O parque eólico do Galiñeiro é unha aberración. Suponse que se van instalar dezaseis ou dezaoito muíños de última xeración que poden ter preto de 120 metros de altura sobre montes de 700 metros situados ao carón do mar. Só o impacto visual vai ser tremendo”. Canda a isto, Vilar denuncia o dano das canteiras na zona e mais o abandono dagúns dos mellores conxuntos de arte rupestre que existen a nivel estatal.

Os casos que veñen

Non son estes, nin moito menos, os únicos casos de agresión recente. A Serra do Careón, en Melide, pode verse afectada pola reclamada ampliación do parque empresarial desta localidade, o que se sumaría aos danos provocados pola construción dunha autovía neste Lugar de Interese Comunitario. Canda a isto, o anuncio de que se está a barallar un trazado do AVE polo Courel, que afectaría a zonas protexidas, agravaría a situación dunha zona xa gravemente afectada polas canteiras de lousa. No Suído, pola súa banda, un proxecto de prospección mineira pode afectar gravemente a este espazo, mentres EN MARÍN UN COLECTIVO ESTÁ A SE MOBILIZAR PARA SALVAR O MONTE PITUCO DA CONSTRUCCIÓN DUN POLÍGONO INDUSTRIAL. E isto por falar só dalgúns dos casos máis recentes.

A protección e o futuro

As reivindicacións de protección que se están a erguer tanto desde o Galiñeiro como desde o Pindo son exemplos da ausencia da aplicación de figuras deste tipo sobre as serras do noso país. Segundo recoñece Serafín González, aínda que varias destas zonas están incluídas na Rede Natura “moi poucas chegan a niveis de protección axeitados. As únicas zonas son os parques naturais do Xurés e do Invernadoiro, e logo pódese falar do parque das Fragas do Eume, que sería xa de media montaña”. De xeito xeral, este ecoloxista lembra que “nas serras hai unha boa cantidade de especies de flora e de fauna ameazada. Podemos falar da águia real, do bufo real ou do lobo só por citar tres”. Maceiras, da asociación do Monte Pindo, ten claro que se verán novos exemplos de mobilización, e anima a participar en iniciativas semellantes á que protagonizan os veciños de Carnota. “Cómpre que todos os problema de medio en Galicia teñen este apoio detrás. Pensamos que isto pode darse a niveis parecidos en moitos lugares de Galicia, e animamos ás persoas interesadas no noso medio a activar este tipo de respostas”.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: