Publicado por: MontePituco | 14/01/2011

A AAVV. SAN XULIÁN CHAMA A CAPÍTULO

A Asociación de Veciños de San Xulián denuncia a deixadez e os flagrantes incumprimentos das leis urbanísticas e medioambientais do Concello de Marín, da Xunta de Galicia e da Diputación de Pontevedra, as cales non ofrecen máis que ríos de bágoas e lamentos ante as últimas inundacións, limitando todas as súas solucións a cubrir instancias e follas de reclamacións coas cales marean os afectados, para acabaren nos caixóns dos despachos ou nalgún galpón, como o da Sacoa. E cando veñen os cartos, úsanos para outros fins distintos aos de reparar os bens danados.

A AAVV San Xulián vén dende hai tempo advertindo das consecuencias nefastas das inacabadas e mal feitas obras da Variante de Marín ou circunvalación, cuxo estudo de impacto só foi utilizado polos técnicos da Xunta e do Concello para darlle corpo legal, para que cada quen fixera o que lle deu a gana. Mesmo fomentando o enfrontamento e coa complicidade da Comunidade de Montes, os cales, por catro pratos de lentellas e algún cheque por recheos ilegais e atentados contra o patrimonio historico, venderon ata a súa nai.

É criticable o cinismo e a demagoxia do alcalde, Francisco Veiga, do concelleiro de urbanismo, Xosé María Vilaboa, e da concelleira de medio ambiente, Pilar Blanco, que case chegan á maxica conclusión de que os destrozos das riadas son porque chove, e que as tubaxes desaugaron ben, sendo evidente que o que non foi por dentro, foi por fóra. Só había que ver os camiños, as rúas e as ribeiras.

É hora de que se deixen de parvadas e empecen a corrixir e a asumir o que se fixo mal (antes e agora) para non incurrir nos mesmos erros, fomentando e incumprindo gravemente a lexislación. NON HAI QUE ACORDARSE DE SANTA BARBARA CANDO TRONA OU, NESTE CASO, CANDO CHOVE.

A AAVV. San Xulián vén reiteradamente denunciando as chapuzas da 1º fase da Variante, esixindo dende a súa construción unha solución ás augas que anegan Velafins, Os Bravos, Macenlle e Pardavila. Problemas que se repiten agora con especial intensidade no Marco, no Regueirño e en Praceres. As queixas foron reiteradas e entregadas no seu momento aos conselleiros correspondentes e aos delegados provinciais da Xunta bipartita, e tamén ao alcalde de Marín o mesmo día da inaguración das obras. Foron rexistradas novamente o 13 de marzo de 2007 e comentadas co alcalde na audiencia do 3 de novembro de 2010.

Denunciamos o brutal recheo que fixo o Concello na Grela, do que Pilar Blanco mirou para outro lado. Moitas desas pedras e terras rechean o cauce do río Lameiriña no Sequelo, onde Pilar Blanco mandou facer sumidoiros no mesmo cauce que fai de barreira, cando o río come propidades e bens. É necesario máis que nunca valorar o desenterramento dos cauces do Lameiriña e do Inferniño, porque tarde ou cedo a auga vainos comer. Sería tamén unha forma de xerar empleo coa contratación das obras.

Tamén deben reflexionar e ser sancionados os veciños/as que fan o que lles dá a gana. Pero cando ven que o Concello fai obras nos ríos sen permiso, ou dan licenzas para edificios cos mesmos muros nos regatos do Inferniño ou do Lameiriña, autolexitímanse para pasaren a lei polo forro. É unha vergoña ver, que unha vez que choveu, deixen pranchas e vallas tiradas, derrumbes sen arranxar etc, cando se está empregando maquinaria, formigón e man de obra municipal en bens privados e sen ningún tipo de permiso para contentar ao caciquiño que lle promete o voto. Por enriba teñen o morro de dicir moitas veces que non teñen cartos.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: