Publicado por: MontePituco | 22/12/2010

UN LIBRO POLO NADAL

Os nosos montes teñen un aquel que atrae. Unha forza magnética irresistible para quen aprecia a natureza e o aire puro, para quen ve nas pedras, nas árbores e na terra a expresión inequívoca da beleza, para quen sente que na historia e na cultura está o noso cerne, para quen se compromete no estudo, na recuperación e na difusión dun patrimonio inmaterial fundamental. Algo así, probablemente, foi o que empurrou a Rafael Quintía a afondar na esencia do Monte do Seixo. Ese traballo ve agora a luz nun libro titulado “Deuses, Mitos e Ritos do Monte do Seixo: unha proposta interpretativa en clave céltica”, editado por Serpe Bichoca.

Di o autor:

“…Deuses, Mitos e Ritos do Monte do Seixo é un modesto intento de interpretar e dotar dunha coherencia e cohesión todo o enxoval mítico, simbólico e relixioso que atesoura este monte, así como de encadralo nun contexto histórico-cultural concordante co substrato simbólico atopado nesta montaña, isto é, a cultura céltica do Atlántico europeo. Contémplase o libro, pois, como unha guía para coñece-lo significado que se agocha tras cada lenda e cada pedra do Monte do Seixo.

O libro é froito dos catro anos de investigación que, ó abeiro do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca, fun levando a cabo no Monte do Seixo. Con esta obra complétase a triloxía adicada a esta importante e descoñecida montaña sagrada da nosa xeografía galega (véxanse as obras: “Monte do Seixo.: reivindicación da Montaña Máxica” e “Monte do Seixo: o santuario perdido dos celtas”, do compañeiro Calros Solla) e dáse por finalizado o traballo que o G.E.E. Serpe Bichoca realizou no proxecto de investigación e divulgación da Montaña Máxica…”.

Ademais de máxica, o Seixo é unha montaña afortunada, por contar cun colectivo como Serpe Bichoca, traballando arreo pola súa dignificación e posta en valor a todos os niveis.

Ogallá un día non moi lonxano o Monte Pornedo ou o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños poidan contar tamén con estudos deste fondo calado para que a veciñanza se sensibilice ante a necesidade de ollar para o monte non coma un lastre ou un cromo que se poida cambiar por diñeiro, senón coma unha fonte de inesgotable de oportunidades e de progreso para todas e todos.

Dende o Monte Pornedo, parabéns a Rafael Quintía e ao Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca por esta contribución tan senlleira e meritoria coa cultura galega. Que o Apalpador leve moitos “Deuses, Mitos e Ritos do Monte do Seixo” aos fogares e bibliotecas do país.

Publicado por: MontePituco | 21/12/2010

RESPOSTA ÁS ALEGACIÓNS DAS D.O.T.

Mentres a veciñanza marinense “alucina” cos novos, emocionantes e non menos decepcionantes capítulos do culebrón PXOM, a vida segue cos seus vendavais. Marín “paralízase”, pero o resto do mundo continúa xirando a trancas e barrancas, as máis das veces. Por esas datas tamén houbo noticias da Xunta, que xa lle remitiu as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) ao Parlamento antes da súa aprobación definitiva mediante decreto. O documento seica incorpora un centenar de aportacións presentadas no periodo de exposición pública, e as propostas de DEFENDE O MONTE PITUCO e doutros colectivos e particulares reclamando a “protección integral dos Montes do Morrazo” non foron en balde. Todo suma e contribúe. Nada é prescindible nin inútil.

“…As Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) de Galicia incorporan as accións e medidas necesarias para garantir a protección dos recursos naturais e incentivar a mellora da calidade ambiental do territorio, garantindo o seu uso sostible. Para a consecución destes obxectivos establece as áreas estratéxicas de conservación como ámbitos de especial valor natural e ecolóxico que divide en dous grandes grupos: o primeiro inclúe todas as previstas pola lexislación vixente estatal e autonómica en materia de espazos naturais e conservación da natureza; o segundo, outras posibles áreas ou formacións que poidan presentar valores de calquera tipo físico ou natural cun interese local ou supramunicipal e que complementen a funcionalidade das xa protexidas, revalorizando todo o territorio.

OS ESPAZOS DE MONTES DO MORRAZO, COTORREDONDO E CASTIÑEIRAS, CONSIDERADOS POLOS SEUS VALORES, INCLÚENSE NESTE SEGUNDO GRUPO DE ÁREAS COMPLEMENTARIAS nos que o planeamento territorial e urbanístico deberá realizar unha ANÁLISE que permita a súa identificación e consideración…”.

Esta é parte da contestación recibida por DEFENDE O MONTE PITUCO e outros colectivos sociais de Marín e da bisbarra do Morrazo ás alegacións interpostas na fase de información pública das DOT, este pasado verán.

O escrito da Xunta, asinado polo director xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Manuel Borobio, admite que os Montes do Morrazo teñen cualidades abondo para complementar o catálogo de espazos protexidos polas DOT. Pero aínda así, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas non se implica abondo para garantir a súa conservación.

Advirte que un dos criterios para identificar estas áreas complementarias das áreas estratéxicas de conservación contempladas nas DOT é o das Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento Provinciais, nas que os Montes do Morrazo aos que pertence o Monte Pornedo (Pituco) figuran como “ESPAZO PROTEXIDO”. Sen dúbida, trátase dun puntal importante para esta loita veciñal xusta e lexítima a prol da defensa dun espazo vulnerable ante o ataque letal que pretende inflixirlle o Concello de Marín. Un ataque que non sería de todo impune, no hipotético caso de levalo a cabo, posto que as figuras de protección ambiental seguen aí presentes e DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) vai loitar para blindar o seu mantemento fronte á pretensión do Concello de Marín de arrebatarlles esa catalogación.

Un Goberno local de Marín, coas súas concellerías de Medio Ambiente e de Urbanismo, e coa Alcaldía por riba delas, que actúan de xeito autolesivo co propio ámbito municipal. O Goberno local de Marín non só non se preocupa de protexer os espazos ambientais catalogados, senón que, evidenciando algunha especie de conducta patolóxica, incomprensiblemente quere mutilar os espazos protexidos do Concello. Por iso DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) apela á tutela da Xunta e da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para que non consinta que o Concello de Marín se desprenda e prescinda dunha das súas áreas de maior valor paisaxístico, natural e ambiental: o Monte Pornedo (Pituco), o balcón da ría, o telón de fondo dunha vila que sacrificou parte da súa beiramar a prol do desenvolvemento económico e empresarial baseado na actividade portuaria.

O actual Goberno local de Marín non está capacitado para velar polos seus espazos naturais, entre os que o Monte Pituco é o punto de partida dos Montes do Morrazo. Non se lle pode confiar a este Goberno local a delimitación das áreas “con especiais valores naturais e necesitadas de protección”, como a Xunta agarda que faga o Concello de Marín a través do PXOM. Un PXOM que lle foi devolto ao Goberno local pola propia Administración autonómica ante as deficiencias que presenta. Un PXOM cuxo Informe de Sostibilidade Ambiental avala a alta intervisibilidade do Monte Pornedo, a súa nula capacidade para acoller infraestruturas urbanísticas de tipo residencial ou industrial, o seu evidente interese urbanístico.

…Cómpre non esquecer que a Xunta puxo reparos ao proxecto do Concello de Marín para instalar un polígono no Monte Pornedo (Pituco), argumentando que hai que facer “unha avaliación de impacto ambiental específica para esa zona”.

Ver artigo de abril titulado RELATIVAS BOAS NOVAS.

Por iso, máis ca nunca, DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) obsrvará con lupa todas as manobras do Concello, dentro do posible, dada a pouca transparencia coa que actúa o Goberno local. E seguirá reivindicando ante a Xunta de Galicia o recoñecemento e a posta en valor que merece esta zona fronte ao desprezo e o autoodio que exercen sobre ela o PSOE e o BNG de Marín.

Publicado por: MontePituco | 20/12/2010

13.500 VISITAS: GRAZAS!

Publicado por: MontePituco | 20/12/2010

PLENO DE DECEMBRO (III): O VIDEO

Hai exactamente 10 días, o alcalde de Marín, Francisco Veiga, cometía unha soberana torpeza política ao ratificar publicamente, no Pleno da Corporación Municipal deste mes de decembro, o seu desprezo pola asociación DEFENDE O MONTE PITUCO. Transcribimos daquela as súas palabras arrogantes e impropias dun cargo público:

PLENO DE DECEMBRO (I): A TRANSCRICIÓN

A continuación, o fragmento de audio desa sesión plenaria, para que a ninguén lle caiba a menor dúbida. Certamente, é abraiante que un alcalde dea por bo que un colectivo social que se dirixe insistentemente a el para expoñerlle unha problemática, sexa atendido malamente por teléfono ou ao pé dunhas escaleiras. Pero en Marín, co socialista Francisco Veiga á fronte do Goberno local, e co nacionalista José María Vilaboa á fronte de Urbanismo, é o que hai. Lamentablemente: DIÁLOGO CERO.

Erasmo vén de comentar, no foro “Rurales y urbanitas” de Marinenses.com, a súa impresión sobre a devolución ao Concello, por parte da Xunta, do documento do PXOM, debido ás irregularidades que aínda presenta. Tampouco se lle pasa por alto a nula disposición ao diálogo aberto por parte do rexedor municipal. 

“…Desde siempre he denunciado en estas páginas la falta de transparencia y de democracia que existe en el Ayuntamiento de Marín. Es por ello INACEPTABLE QUE EL GOBIERNO MUNICIPAL IMPIDA DETERMINADOS DEBATES SOBRE PREGUNTAS Y TEMAS QUE NO LE CONVIENE. Así lo viene haciendo desde el principio de la legislatura. Lo último sobre el PXOM es un escándalo, primero lo envían a la Xunta incompleto –así lo denunciamos aquí y así también adelantamos que en Santiago lo iban a rechazar-, sin contar para nada con la oposición. Y luego, cuando lo rechazan en la Xunta piden árnica en comisión urgente. Entretanto, por si acaso, el Bloque pone el ventilador para decir a bombo y platillo en el panfleto que editan que la culpa de que no salga el PXOM la tiene el PP. Menudo descaro…”.

…Corren moi malos tempos para a democracia, os dereitos e as liberdades cívicas en Marín.

Publicado por: MontePituco | 16/12/2010

O PXOM DE MARÍN: UN CRISTO (II)

Publicado por: MontePituco | 15/12/2010

O PXOM DE MARÍN: UN CRISTO!!!

COMUNICADO DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

  

A XUNTA REQUIRE AO CONCELLO DE MARÍN QUE CORRIXA AS DEFICIENCIAS DE INTEGRIDADE DOCUMENTAL E DO EXPEDIENTE ADMINISTRATIVO DO PXOM

O municipio tén que remitir, como parte integrante da tramitación medioambiental, o documento de inicio e a proposta de memoria ambiental

Medio Ambiente manifesta que en relación aos informes que esixe a lexislación sectorial, non constan o informe da Delegación do Goberno en Galicia, documentos da consellería competente en conservación da natureza ou agricultura e informe do Patrimonio das Administracións Públicas

A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo require ao Concello de Marín que envíe os documentos correspondentes a todas as fases de tramitación do PXOM tanto en formato papel como en soporte dixital

O Concello de Marín deberá integrar no documento do seu PXOM as determinacións recollidas na memoria ambiental aprobada pola Xunta o 15 de abril de 2010 e as consideracións dos informes sectoriais desfavorables

Santiago, 15 de decembro de 2010.- A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo remitiu un requirimento ao Concello de Marín no que se lle solicita que corrixa as DEFICIENCIAS DE INTEGRIDADE DOCUMENTAL e do EXPEDIENTE ADMINISTRATIVO do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

En relación co expediente administrativo achegado, a Xunta considera que aínda que o procedemento de avaliación ambiental estratéxica xa tiña rematado no momento en que se procedeu á aprobación provisional, por canto A MEMORIA AMBIENTAL EMITIUSE O 15 DE ABRIL DE 2010, as súas determinacións teñen CARÁCTER VINCULANTE E DEBERÁN REFLECTIRSE NO DOCUMENTO DO PLAN QUE SE APROBE PROVISIONAL E DEFINITIVAMENTE.

O Concello de Marín deberá integrar no documento do seu PXOM as determinacións recollidas na memoria ambiental aprobada pola Xunta o 15 de abril de 2010 E AS CONSIDERACIÓNS DOS INFORMES SECTORIAIS DESFAVORABLES. No plan tamén deberán constar as determinacións que se conteñen nos distintos informes emitidos polos servizos técnicos e xurídicos municipais relativos á conformidade do plan coa lexislación vixente. En consecuencia, ELABORARASE UN ÚNICO TEXTO REFUNDIDO do PXOM do Concello de Marín que TERÁ QUE SER SOMETIDO NOVAMENTE A APROBACIÓN PROVISIONAL POLO PLENO MUNICIPAL.

Medio Ambiente sinala que é preciso QUE O DOCUMENTO QUE SE REMITA TRALA APROBACIÓN PROVISIONAL ESTEA DEBIDAMENTE DILIXENCIADO, deixando constancia de que o informe reflicte fielmente o aprobado provisionalmente, SEN QUE HAXA LUGAR A DÚBIDAS.

O municipio tén que remitir, como parte integrante da tramitación medioambiental, O DOCUMENTO DE INICIO E A PROPOSTA DE MEMORIA AMBIENTAL. Ademais, no que se refire ao trámite de información pública, cómpre ACHEGAR AS ALEGACIÓNS PRESENTADAS, COAS CORRESPONDENTES DILIXENCIAS.

A Xunta de Galicia manifesta que en relación aos informes que esixe a lexislación sectorial, NON CONSTAN O INFORME DA DELEGACIÓN DO GOBERNO EN GALICIA, documentos da consellería competente en conservación da natureza ou agricultura e INFORME DO PATRIMONIO DAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS.

No expediente, consta un certificado expedido pola Secretaría Municipal o 15 de xaneiro de 2010, relativo aos informes solicitados con ocasión do segundo trámite de información pública, pero non en relación ás solicitudes efectuadas con posterioridade. Ademais, MÓSTRANSE VARIOS INFORMES DESFAVORABLES, polo que deberán incorporarse ao documento do plan todas as determinacións que se establecen nos informes sectoriais, SOMETÉNDOSE DE NOVO AOS ORGANISMOS COMPETENTES PARA QUE EMITAN INFORME FAVORABLE.

A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo require ao Concello de Marín que envíe os documentos correspondentes a todas as fases de tramitación do PXOM tanto en FORMATO PAPEL como en SOPORTE DIXITAl. No que respecta ás contestacións ás alegacións presentadas nos dous períodos de información pública, deben presentarse DEBIDAMENTE FOLIADAS, RUBRICADAS E DILIXENCIADAS.

Antecedentes

O Concello de Marín procedeu á aprobación provisional do seu plan en data 20 de abril de 2010, polo tanto antes da entrada en vigor da Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes. Non obstante, o referido acordo de aprobación provisional adoptouse condicionado ao cumprimento dunha serie de cuestións derivadas dos diferentes informes sectoriais emitidos con carácter desfavorable.

(Este é o COMUNICADO da Consellería).

 

Publicado por: MontePituco | 15/12/2010

A MAZÁ ENVELENADA

No Museo do Humor de Fene atópase unha ilustración moi chamativa e elocuente de Xaquín Marín, un artista gráfico que tantas estampas da natureza agredida nos ten obsequiado, co seu talento creativo. Nesta ocasión, unha imaxe entre bíblica e profética.

“Os pais da humanidade, Adán e Eva, están tan engulidos pola industrialización e o lixo, que Eva xa prefire pecar cun zumo de mazá en tetrabrik, supoñemos que biodegradábel”, di Alfredo.

“Con esa paisaxe, abofé que a Eva custaríalle que Adán pecase”, engade José Manuel.

“Pobriños!”, apunta Xoán.

“Xa nin a serpe esta….morreria de asco!”, retruca Avelino.

“O Adan e Eva de entón perderon o paraíso por culpa dunha mazá. Hoxe están no inferno do mundo globalizado e a mazá está chea de aditivos e de conservantes, e xa non poden perder o paraíso porque xa non existe”, lamenta Maite.

Algúns seguidores de Xaquín Marín comentan unha viñeta que nos advirte do galopante deterioro do medio ambiente, da falta de sensibilidade na planificación do territorio, da incomprensible deriva á que nos conduce a industrialización desmedida, a sobreexplotación dos recursos naturais.

No noso concello, seica o BNG enarbola a bandeira do ecoloxismo no seu boletín informativo. Un boletín distribuido a todo o alto, ancho e profundo de Marín, pero que non chegou aínda ata os habitantes do contorno do Monte Pituco. Un boletín presentado pola plana local nacionalista -Celso Milleiro e os cinco concelleiros- ás portas da Casa Consistorial, como quen posa triunfalmente para as revistas do “cuore” ante a súa gran mansión de luxo, pero que unha semana despois non se atopa -nin se atopará- alí onde a alongada sombra do BNG pretende destruir, contaminar, arrasar, arruinar, devastar e intoxicar un espazo natural e arqueolóxico. Propaganda surrealista e pura fachenda. Dignos compañeiros de viaxe dun alcalde que atende de malas maneiras por teléfono e que recibe a pé de escalón.

Publicado por: MontePituco | 14/12/2010

NO ‘DIARIO DE PONTEVEDRA’

Publicado por: MontePituco | 13/12/2010

PLENO DE DECEMBRO (II): IMOS POR PARTES

Ante as declaracións do alcalde de Marín no pleno municipal do pasado venres día 9 que, non por máis “certa” é menos saída de ton, DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) quere realizar as seguintes puntualizacións:

1.- A conversa telefónica á que se refire o alcalde produciuse o pasado ano 2009 por estas datas, cando a sentenza do Tribunal Supremo invalidaba unha parte importante dos recheos portuarios, deixaba nunha situación urbanística precaria as empresas instaladas neses terreos, e o nome do Monte Pituco empezaba a soar con forza dende o Concello de Marín para tranquilizar os empresarios, os traballadores e a cidadanía en xeral. Quen suscribe este artigo dispón, por motivos profesionais, do teléfono do alcalde. Quen suscribe este artigo nunca utilizou nin utilizará ese número para cuestións particulares. A conversa telefónica á que se refire o alcalde non foi unha “conversa” como tal, senón unha chamada de consulta para transmitirlle a preocupación dunha parte da veciñanza ante a precipitación dos acontecementos e a falta de información sobre o tipo de uso industrial que se lle puidera acabar dando ao Monte Pituco. Na súa resposta, o alcalde non deu pé a ningunha conversa fluida, senón que se amosou sumamente importunado pola consulta, e foi tallante e mesmo áspero na súa resposta. Daquela non existía ningún colectivo de persoas formalmente denominado DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO), nin existía tampouco un blog que fora detallando as xestións veciñais e as protestas motivadas pola xestión deste asunto e a falta de diálogo por parte da alcaldía. Daquela non existía un estudo topográfico da zona, nin se formara unha organización a prol da creación dun espazo natural e arqueolóxico que abarca o Pituco e outros montes.

2.- A conversa que, segundo o alcalde, houbo nas escaleiras do Concello non se produciu nese punto, senón no pasillo que dá ao seu despacho. E tampouco foi unha conversa, senón un intento de entregarlle persoalmente unha petición de entrevista que se negou a recoller. Ademais de rexeitar ese escrito, o alcalde proferiu unha serie de frases amosando o seu enfado pola actitude dos veciños contraria á construcción dese parque industrial no Monte Pituco, asegurando que non había tal oposición ao proxecto. Acto seguido, sen mediar máis palabra, deu a volta e marchou apresuradamente escaleiras abaixo, deixando a quen suscribe coa palabra na boca e o papel na man. Nese momento estaban tamén a súa secretaria e os edís de Parques e Xardíns, e de Rural que, se non lle escapan á verdade, poden atestiguar o que se está relatando. A secretaria ofreceuse amablemente a recoller a petición outro día, e os concelleiros socialistas, posiblemente algo abochornados pola reacción airada e desproporcionada do alcalde, acompañaron a quen suscribe ata o recibidor do Concello, defendendo os argumentos do goberno municipal para instalar no Monte Pituco un polígono industrial. O edil de Parques e Xardíns porfiaba insistentemente que o Monte Pituco era un espazo chan abondo para realizar esa obra. Co tempo, demostrouse que ese concelleiro MENTÍA, a tenor do resultado do estudo topográfico da zona afectada que se lle encargou a unha empresa consultora de expertos en montes e medio ambiente -e ben coñecida polo propio Concello- e custeado con recursos económicos particulares.

3.- As peticións de entrevista que se lle enviaron ao alcalde a través do Rexistro do Concello nos meses de abril (en maio non se reiterou porque se lle deu un mes de prazo para que contestara), xuño, xullo (en agosto non se presentou por ser inhábil na Administración), setembro (en outubro tampouco se presentou), novembro e decembro, non son para coñecer o seu posicionamento que, certamente, é de sobra coñecido. As reiteradas peticións de entrevista por parte de DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) son para que o alcalde escoite e coñeza os numerosos motivos da inviabilidade dun polígono industrial nesta zona: que o 92% da superficie afectada presenta máis dun 15% de desnivel e que hai máis dun 35% no 57% dese espazo; que se perderían os numerosos mananciais que surten aos veciños de auga para uso doméstico e de regadío; que San Xulián perdería unha parte moi importante da súa riqueza forestal que redunda no desenvolvemento económico da parroquia; que existen petroglifos e mámoas catalogados, elementos patrimoniais e etnográficos de valor histórico e cultural incalculable que cómpre conservar e que, cun axeitado tratamento, poderían ser un foco de atracción turística; que os concellos de Pontevedra e de Vilaboa apoian a creación dun espazo natural e arqueolóxico na zona que o de Marín pretende arrasar de forma irreversible; que máis dunha vintena de colectivos apoia esa iniciativa que o alcalde se nega sistematicamente a coñecer; que hai moitas persoas a nivel individual e asociacións veciñais, ecoloxistas, culturais e políticas que apoian a DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO)… A opinión do alcalde é coñecida de máis, respectada pero non compartida. A súa obriga como rexedor municipal é poñerse á disposición da cidadanía, sexa adepta á súa liña ideolóxica ou diverxente cos seus postulados.

4.- Que a pesar da dureza da súa declaración no pasado pleno deste mes de decembro, DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) continuará reclamando o seu dereito a ser atendido polo alcalde e seguirá apelando á súa receptividade. Que en meses sucesivos, ata que se celebren as próximas eleccións municipais, e trala celebración dos comicios independentemente do seu resultado, seguiremos presentando por Rexistro a correspondente petición de entrevista, co mesmo respecto, coa mesma perseverancia, coa mesma pacencia e coa mesma esperanza que antano. Que malia a altanería, a prepotencia e o inxustificable desprezo co que o alcalde trata a este colectivo, as nosas reivindicación son totalmente lexítimas, están perfectamente xustificadas e son absolutamente razoables. Que ogallá o alcalde entre en razón, comprenda que non debe aplicar raseiros diferentes en función das súas filias e fobias personais e/ou políticas á hora de atender uns colectivos e ignorar outros que lle resultan incómodos. Que nin o teléfono nin as escaleiras dun edificio son o lugar adecuado para que un alcalde trate os cidadáns aos que se debe, salvo que Francisco Veiga admita que goberna só para os que gaben a súa xestión.

5.- Que igual que aos condutores que cometen unha infracción as autoridades de Tráfico lles restan puntos ou, en caso extremo, lles retiran a licencia de conducción, o alcalde de Marín tamén debería ser amonestado politicamente pola súa inexplicable actitude. Que ademais de prescindir da humildade e da mesura que debe caracterizar un servidor público, o alcalde precisa urxentemente unhas leccións de reeducación democrática. Que así como anda sobrado de soberbia e de arrogancia, está orfo de cordura e comprensión. Que con semellante lista de carencias humanas, Francisco Veiga non representa os valores que debe reunir un alcalde e, por tanto, non é un digno representante da veciñanza marinense.

6.- Que, tristemente, o alcalde volve actuar de forma unilateral, fachendosa e ofensiva. Por esas malas artes Marín foi, en 2009, o segundo concello de toda Galicia que máis queixas acumulou na oficina do Valedor do Pobo. “El gobierno de la villa generó ante el Valedor do Pobo el cuádruple de demandas que Pontevedra y el doble que Vigo”, titulou un artigo publicado por La Voz de Galicia o 17 de marzo deste ano. Daquela, a maioría das reclamacións debéronse á drástica decisión do alcalde de limitar o acceso do público ás sesións plenarias, a raíz das protestas veciñais contra os micropolígonos que proxectaba o anterior documento do PXOM. Unha limitación que o alcalde se pasou polo forro cando os siareiros dun clube de fútbol se xuntaron no salón de plenos para festexar un trunfo deportivo. DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) non só denunciará o alcalde de Marín ante o Valedor do Pobo, senón tamén ante a Federación Galega e a Federación Española de Municipios e Provincias, e ante as direccións de organización do PSOE galego e estatal, polos seus constantes agravios a este colectivo veciñal, polas súas caprichosas negativas a recibir a unha delegación desta asociación, e para reclamarlle que exerza o respecto institucional propio do seu cargo.

Publicado por: MontePituco | 10/12/2010

PLENO DE DECEMBRO (I): A TRANSCRICIÓN

O alcalde de Marín e cabeza de lista do PSdeG-PSOE nas próximas eleccións municipais, Francisco Veiga, é un señor altivo e arrogante. Un xestor irresponsable que non ten o máis mínimo pudor en admitir publicamente a súa negación ao diálogo cun colectivo veciñal que sempre se dirixiu a el de xeito formal, lexítimo e respectuoso. Un político sen ápice do talante que o máximo líder do seu partido proclamou como bandeira. Que actúa por capricho, que demostra terlle manía a quen discrepa, e que carece da máis elemental base democrática. Por riba, coas súas palabras evidencia unha colosal torpeza, porque igual aínda non é consciente da súa abraiante metedura de pata ante a Corporación, ante a prensa e ante a opinión pública. Vergoña allea, alcalde, vergoña allea.

Transcrición dunha pregunta formulada polo grupo municipal de Marinenses Independentes no pleno que se acaba de celebrar. Intervén a concelleira Isabel Martínez Epifanio

“Nesta lexislatura presentamos unha proposta de participación cidadá que non sae adiante nunca. Claro, non se lle pode dar voz á xente que asiste aos plenos e entón temos que serlles intermediarios os que formamos parte da Corporación. Existe unha asociación que se chama Defende o Monte Pituco que ten pedidas entrevistas con vostede en abril, xuño, xullo, setembro, novembro e decembro e aínda non foi recibida. Creo recordar que todos os partidos políticos levabamos nos nosos programas electorais aquelo da atención aos veciños, que os veciños participen, que os veciños veñan, que van ser recibidos en todos lados. Gustaríame saber, señor alcalde, cando vai recibir a esta asociación?”.

Atención á resposta do alcalde de Marín, Francisco Veiga.

“Con respecto á participación cidadá, relacionado coa asociación Defende o Monte Pituco, a súa portavoz sabe perfectamente cal é A MIÑA OPINIÓN sobre o tema. TIVEMOS UNHA CONVERSA, CREO QUE TELEFÓNICA E OUTRA NAS ESCALEIRAS DESTE EDIFICIO, ONDE SE LLE TRASLADOU O QUE PENSO sobre a súa postura e en concreto o que hai sobre a área empresarial industrial do Pituco. E NON TEÑO MÁIS QUE DICIR SOBRE O ASUNTO, PARA REPETIR O MESMO, NON…”

Volve interpelalo a concelleira de Mar-In.

“…Pero se alguén pide unha entrevista con vostede…”

E o alcalde non di máis nada sobre o tema e pasa a contestar outra pregunta.

“Con respecto ao alumeado navideño…”

O seguinte turno no uso da palabra é para o tamén concelleiro de Mar-In, Miguel Suárez Briones que, nun momento da súa intervención apunta o seguinte comentario:

“…As entrevistas co alcalde van ser a partir de agora, polo que vostede di, nas escaleiras do Concello ou van ser vía telefónica, e aínda que vostede teña unha postura ben coñecida con respecto a parques industriais, se alguén lle pide unha entrevista, o lóxico e o cortés é recibilo e contestarlle…”.

E en agradecemento polas palabras dos edís de Mar-In, especialmente pola reprimenda de Suárez Briones ao alcalde ante a necedade da súa contestación, aplaudimos. Aplausos aos que se suman outras persoas do público, ás que lles agradecemos a súa adhesión sonora.

Publicado por: MontePituco | 09/12/2010

O SEPRONA, PENDENTE DO COCHE QUEIMADO

Adicámoslle este artigo ao Seprona de Cangas, en agradecemento pola atención coa que está a tratar as queixas que DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) vén interpoñendo polas deficiencias que presenta o monte a nivel ambiental. Nunha ocasión foi pola proliferación de verquidos incontrolados: rexistramos un escrito perante a Subdelegación do Goberno e, ao pouco, contactaron connosco para inspeccionar a zona, tomar fotografías dos principais focos de lixo e elaborar un informe que se lle remitiría á Xunta para que, á súa vez lle notificara ao Concello a súa obriga de velar polo bo mantemento destes terreos.

Aconteceu o pasado mes de xullo e así o contamos neste blogue: O SEPRONA, NO PITUCO.

Ademais de denunciar o abandono impune de cascallos, naquela ocasión aproveitamos para expoñerlles ao axentes outras problemáticas: os cabalos ceibes maltratados e limitados na súa mobilidade con pexas e trancas, a erosión de determinados espazos afectados pola práctica de pilotos de vehículos a motor, o risco de incendios pola abundancia de maleza e de especies pirófitas.

As nosas vivendas lindan co monte, a nosa nenez transcorreu nese espazo natural e non queremos vivir de costas ao Monte Pornedo. Velamos polo seu presente e porfiamos para que teña futuro, fronte á deixadez da Comunidade de Montes e malia o desprezo por parte do Goberno local.

Por iso lle agradecemos ao Seprona que, tamén nesta ocasión, con motivo de terlle alertado da existencia dun coche queimado no alto do Pornedo, volvera tratar con interese este novo tema, compartira o resultado dalgunhas das súas pescudas e marcara os obxectivos das súas xestións co propietario do vehículo abandoado, ao que lle corresponde proceder á retirada dos restos, e para o que conta cun prazo duns días antes de que os axentes decidan efectuar unha denuncia formal.

Para o titular do turismo mesmo é unha situación inxusta: roubáronlle o coche, prendéronlle lume e deixáronllo no medio da “nada”. E por riba de ser víctima dun acto delictivo, tense que responsabilizar da faena, cos gastos que lle poida conlevar. Como veciños solidarizámonos con esta persoa pero non podemos mirar para outro lado e facer a vista gorda, dándolle cancha aos desaprensivos incívicos que cren que o monte é unha chatarraría, un desguace ou unha escombreira.

“…Estamos en ello!”, dicía o axente ao outro lado do teléfono. E nós tamén, sempre vixiantes e reivindicativos.

Publicado por: MontePituco | 07/12/2010

CARTA AO REI MAGHO

Distinguidisísisisimo alcalde de Marín, D. Francisco Veiga

Dende o pasado mes de abril, o colectivo veciñal Defende o Monte Pituco (Pornedo) vén dirixíndose á Alcaldía para solicitar un encontro persoal co seu titular a respecto do uso industrial que o Goberno local que vostede encabeza quere darlle a este espazo natural pertencente aos Montes do Morrazo. Un encontro que nunca se chegou a producir en tanto as reiteradas peticións que se lle cursaron mensualmente non tiveron resposta.

Apelando unha vez máis á necesaria interlocución entre a veciñanza e os dirixentes municipais, Defende o Monte Pituco (Pornedo) volve exercer o seu dereito cidadán para obter información directa sobre o polígono industrial que o Goberno local no seu conxunto, e a Concellería de Urbanismo en particular, aspira a instalar nun terreo de máxima intervisibilidade ou impacto visual e urbanístico, cunha pendente que inhabilita máis do 90% da súa superficie para ese fin empresarial, cunha afección irreversible sobre os numerosos Bens de Interese Cultural -petroglifos e mámoas- que se atopan na zona e outros elementos de valor etnográfico, e cun risco potencial para a perda dos abundantes mananciais que suministran auga para consumo doméstico e de regadío aos habitantes de Pena, Caeiro, Bravos, Arealonga, Laxe, Casal e outros lugares da contorna.

Por estes motivos, solicitámoslle que acolla con receptividade este ÚLTIMO ESCRITO QUE DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) LLE ACHEGA NESTE ANO 2010 para que, á maior brevidade posible, durante o mes de xaneiro de 2011, reciba a unha delegación desta asociación veciñal marinense que pretende informalo dos motivos que fan inviable a pretensión do Concello, pese ao indicado no PXOM que o Concello lle vén de entregar á Xunta.

Malia a súa recente e breve reunión coa Asociación de Veciños de San Xulián, que lle entregou un escrito que reflicte tamén a inquedanza e o rexeitamento deste colectivo encol do uso industrial do Monte Pituco (Pornedo), demandámoslle unha entrevista específica para tratar esta cuestión.

Defende o Monte Pituco (Pornedo) tamén require a atención da Alcaldía de Marín para darlle a coñecer o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, ao formar parte da comisión técnica que impulsa esta iniciativa de dimensións históricas, culturais, ambientais e turísticas, que xa conta co apoio dunha vintena de organizacións sociais.

Atentisísisisimamente,

Defende o Monte Pituco (Pornedo)

Publicado por: MontePituco | 05/12/2010

UN MES DESPOIS, AÍ SEGUE, QUE VERGOÑA!

Ponte da Constitución, unha mañá de cans, cun vento endiañado que fai que as pingas de chuva caian coma micro-proxectís. Imos ao monte!

…Imos ao monte porque cómpre constatar que xusto un mes despois de ter denunciado a presenza dun coche completamente calcinado no alto de Pornedo, aí seguen os restos do vehículo, máis enferruxados e máis reventados: movido do sitio no que apareceu abandoado, sen as chapas do teito e do capó…

O pasado 4 de novembro, faciamos esta queixa: ROUBADO EN VIGO.

Que tivo certa repercusión nas páxinas da prensa local: O ECO MEDIÁTICO DA DENUNCIA.

E só se nos ocorren tres palabras para describir esta situación: PERIGO. INDIGNACIÓN. NEGLIXENCIA.

Perigo porque esta cacharrada non debería estar aí, en pleno monte. É un foco de contaminación, unha ameaza para a fauna, un risco para calquera que vaia meter o nariz e acabe feríndose do xeito máis peregrino.

Indignación porque se denunciou o caso ante o Seprona e ante a Xunta, notificóuselle á Concellería de Medio Ambiente de Marín, e tamén á Comunidade de Montes de San Xulián como entidade propietaria do terreo. E non se fixo nada para retiralo! Estarán agardando a que se desintegre espontaneamente?

Neglixencia porque o Concello e a xunta rectora da Comunidade, aos que lles corresponde asumir ese papel, desatenden as súas obrigas. A súa actitude é irresponsable, demostra a súa desidia e o seu desinterese por velar polo mantemento dun espazo tan digno coma calquera outro do noso termo municipal.

Cando este pasado verán DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) se dirixía á Concellería de Medio Ambiente para ofrecerlle a modesta colaboración dos veciños na supresión das escombreiras que pululan polo monte, a resposta chegou en menos do que canta un galo: que cando quixeramos, que só tiñamos que poñer día e lugar, que o resto corría da súa conta. Finalmente, as obrigas laborais e personais duns e doutros e as complicacións para cadrar unha data cun certo quórum impediron que fructificara esa acción voluntaria nun colectivo que aínda non estaba moi organizado, pero o Concello tampouco volveu dar sinais de vida.

Pero desta vez a concelleira Pilar Blanco non se dignou nin en contestar o escrito no que se lle daba conta desta incidencia. Moito certificado EMAS para as praias, pero o monte non está na súa axenda de prioridades. PARA O CONCELLO DE MARÍN, O MONTE É O PATIO DE ATRÁS. Tralo nefasto resultado da xestión municipal no episodio do cachalote que deu en soterrar na area da propia praia na que varou, para que un temporal acabara destapando o cadáver meses despois, o simple esquelete queimado dun coche debeulle parecer unha proba dificilmente superable. Con que complexa fórmula química podería conseguir uns pós máxicos que aceleraran a corrosión? Que exótica especie de formigas podería ceibar no Pornedo para que acabaran por destartalar coas súas tenaces tanta ferralla?

A Comunidade de Montes non é menos culpable. Cando o Seprona contactou cos directivos non foi para darlles unha palmadiña de campeóns nas costas, senón para que puxeran as pilas e adoptaran as medidas oportunas. Lonxe diso, o único que fixeron foi criticar que DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) advertira publicamente nos medios deste desagradable achado. Cómpre pedirlles que, por favor, relean a pancarta que teñen gardada nalgún recuncho poirento da Casa de Montes e que pon “San Xulián en defensa dos nosos montes”. Que actúen en consecuencia se non queren seguir demostrando a súa inoperancia, a súa deixadez e a súa irresponsabilidade. O MONTE NON É UNHA CHATARRARÍA.

Por iso, insistimos: PERIGO, INDIGNACIÓN e NEGLIXENCIA, que se resumen nunha soa e verdadeira: VERGOÑA.

Publicado por: MontePituco | 03/12/2010

ESTATUTOS DA COMUNIDADE DE MONTES (II)

Artigo 6º.- Os montes veciñais en man común e a súa inabienabilidade poderán ser obxecto de cesión temporal, en todo ou en parte, a título oneroso ou gratuito, para obras, instalacións, explotacións de diversa índole, servizos e outros fins que redunden de modo principal no beneficio principal da Comunidade de Veciños. (…) A cesión poderá ser por tempo indefinido en favor de calquera das administracións públicas cando sexa destinada en favor de equipamentos da propia Comunidade, en tanto se manteña o fin para o que foi feita a cesión.

Que sensación de indefensión ante un documento que só cabe interpretar dende o punto de vista do “sentidiño” común. Que perigo tan grande e canta impotencia se sente ante unha xunta rectora na que non se pode confiar, que dá mostras constantes de de arbitrariedade, de actuar cuns intereses predefinidos.

Seica o monte se pode ceder temporalmente. É o caso da parcela que se habilitou para que os afeccionados ao motocross practicaran nun espazo determinado en vez de facelo nun lugar inapropiado, como o Alto do Pornedo. Por certo: os comuneiros non temos constancia das condicións nas que se efectuou esa cesión, dos metros cadrados dispostos para ese fin, das implicacións que conleva… Está por escrito ou arranxouse o acordo verbalmente? A información brilla pola súa ausencia. Non se fan reunións abertas á comunidade no seu conxunto para tratar estas cuestións. Non se pon información nos taboleiros. Todo canto se decide é no “petit comité” da directiva: se es amiguiño, se frecuentas o seu bar e se te refregas nese contexto, entéraste; se non, a dúas velas.

De todos modos, a pretensión da xunta rectora de permitir a instalación dun polígono industrial no Pornedo non podería xustificarse por este artigo, porque unha infraestrutura dese tipo non sería temporal, senón permanente. O terreo que se dispoña para instalar naves empresariais, viais asfaltados, subestación eléctrica ou depuradora para que conte cos servizos básicos de funcionamento, e todo canto conleve a maiores, queda alterado para sempre. É unha decisión que non ten volta de folla nin marcha atrás. Un polígono industrial con data de caducidade sería inviable e acarrearía moitos problemas á hora de renovar ou rescatar a concesión. Para mostra, o conflicto a propósito do complexo industrial de Lourizán no que se ubican Ence e mais Elnosa.

Artigo 7º. – 1. Os montes veciñais só poderán ser obxecto de expropiación forzosa impoñerlles servidumes por causa de utilidade pública ou interese social prevalecentes aos dos propios montes veciñais.

…Xa estamos coa perífrase de moda: “por causa de utilidade pública”. Quen se arroga a función de determinar o significado e a aplicación desas palabras? Acaso o ladrillo, o formigón, o pichi e todo canto vaia asociado á construcción é de interese social? Por que non se considera de interese social a protección dos bens naturais e patrimoniais, a saúde e a calidade de vida dos veciños? Por que unha comunidade de montes ten que prescindir para sempre da explotación duns recursos forestais que se poden renovar ilimitadamente a cambio dunha cantidade económica finita?

Artigo 7º.- 2. O importe das cantidades abonadas pola expropiación ou servidume deberase destinar á mellora do monte, ao establecemento de obras ou servizos de interese xeral da Comunidade de Veciños propietarios ou, na súa imposibilidade, repartilo entre os comuneiros de acordo dacordo co que estea previsto nos Estatutos ou co que decida a Comunidade (…)

…Claro. Para que imos investir na mellora do monte, cando a maior parte do monte – unhas 40 inmensas hectáreas- deixa de existir. Se, total, non queda moito máis espazo no que aproveitar eses cartos. Para eso, dirán os directivos, ese apetitoso maná está moito mellor no peto. Con ese argumento do diñeiro contante e sonante é doado convencer á maioría, máxime na época actual de estreitez económica, cando a ninguén lle vén mal embolsar un pico que lle faga avío nun momento de necesidade.

Na súa estreitez de miras e na súa codicia extrema, os directivos non se decatan de que a riqueza non é o terreo en si mesmo, senón o seu potencial produtivo que durante séculos foi o medio de vida das xeracións pasadas e que, nesta fase de crise estaría chamado a ser o revulsivo das xeracións presentes e futuras: industria forestal, silvicultura, turismo… Compórtanse coma especuladores baratos, poñendo prezo a un monte que non se pode cuantificar en termos económicos.

Artigo 8º.- 1. A Comunidade de Veciños propietarios poderá establecer dereitos de superficie con destino a instalacións ou edificacións cun prazo máximo de 30 anos, ou a cultivos agrícolas de 10 anos, pasando a ela, sen ningunha indemnización, ao caducar dito dereito da propiedade de todo o edificado, instalado ou prantado. (…)

A construción dun polígono industrial non se pode contemplar a 30 anos vista, que é tanto como pode durar a vida laboral dunha persoa. Imos sacrificar todo un monte para darlle oportunidades profesionais a unha soa xeración de veciños e veciñas? Non. Un polígono industrial ten que deseñarse para ter unha “vida” moito máis longa, debe ofrecer posibilidades de crecemento. Cara a onde crecería un polígono industrial que ocupara dende o Pituco e ata máis aló? Lourizán e Salcedo? Imposible porque esas comunidades non están dispostas a condenar o seu monte. Arrasamos a lagoa de Castiñeiras, daquela?

Artigo 9º.- (…) Cando razóns de interese social das Comunidades de Veciños así o aconsellen, poderán estas, dándolle conta ao Xurado Provincial de Clasificación, permutar terreos veciñais en man común por outros terreos limítrofes que sexan de valor similar.

Que terreos podería permutar San Xulián, se dun lado limita co Concello de Pontevedra e a parroquia linda inmediatamente co casco urbano? Non hai extensión abondo grande en ningures para compensar a perda irreversible que suporía prescindir de 300.000 ou 400.000 metros cadrados de monte comunal.

Nos próximos días seguiremos debullando os contidos deste documento. Desta maneira dosificamos a información e garantimos que cada capítulo se analice de xeito particular. Ao final, o documento completo poderase descargar neste mesmo blogue, nun apartado “ad hoc” para que quede a disposición de calquera usuario. Agradécese a participación de calquera comuneiro/a ou veciño/a que dispoña de información sobre os Estatutos da Comunidade de Montes de San Xulián ou da súa reforma, se algunha vez se chegou a facer algún cambio neles.

Publicado por: MontePituco | 02/12/2010

…DE ARRASTRADOS

Que culpa terá o noso viscoso amigo de que o comparen tan inxustamente cun humano tan baboso, repugnante e arrastrado. Non cabe dúbida de que hay animais infinitamente mellores que certas persoas. E malia que a lesma é moi amiga de rillarnos nas coles e deixarnos practicamente sen horta nunha soa noite, tamén cumpre a súa función natural contribuindo a producir humus na terra. Non coma eses que están no mundo para faceren bulto, para aproveitarse dos demais, para medrar trepando, para facer mal adrede.

Contra este noxente especimen non hai ningún praguicida completamente eficaz. Basta con ignoralo, deixar que se poña en evidencia antes ou despois pola torpeza das súas palabras, dos seus movementos e das súas actitudes. Deixar que se afunda na súa propia ignorancia, que se vaia despersonalizando de forma progresiva, pasar olimpicamente das súas insidias. Porque non dá máis de si, é un ser limitado, prescindible, un simple peón.

Dá verdadeira mágoa ver como arrebola a bandeira, pau en ristre, sen darlle xeito nen dereito. E se tivera que facer un test básico de cultura xeral ou tan sequera da galeguidade da que presume con tanto artificio, é probable que atinara a identificar figuras como a de Castelao. E Bóveda? E as Irmandades da Fala? E Risco, e Villar Ponte, e Cabanillas? E a Xeración Nós?

Que clase de ideais de quita-e-pon gasta este individuo, que ten no armario tantas chaquetas como lle conveña lucir en función de quen mande. Un elemento desagradecido, desmemoriado, desarraigado, renegado e indigno do apelido que figura no seu carnet de identidade. Que cando non tiña medio sopapo recibiu a oportunidade da súa vida para acadar a estabilidade pola que suspiran centos e milleiros de mozos infinitamente máis preparados.

E velaí o pago ao seu benefactor, que en paz descanse e que non se lle ocorra erguer a cabeza, porque voltaría morrer da vergoña: un oportuno e interesado cambio de barco. Porque esta lesma con patas bota en conta que a vida dá moitas voltas, que cómpre estar á beira da man que lle dá de comer, e que mañá xa se verá de que lado sopra o vento. Na súa estreitísima corteza de miras, non se decata -ou acaso prefire ignorar- que é un vulgar mandado, un androide programado para obedecer, para erguer a mauciña, ir polo carreiro que lle marquen e acudir ao toque de silbato para aproveitar a súa corpulencia á hora de ocupar espazo.

Actúa coma un instrumento de control, posto a dedo nun punto estratéxico de toma de decisións dende o que conspira cos seus superiores. Pero que nin está cualificado para desempeñar unha función de responsabilidade nin ten a máis mínima competencia para facelo. O resultado: chafalladas cutres, xestión cantosamente deficiente, honradez nula e dignidade inexistente.

Por iso, viscoso amigo (ou amiga, que para eso es hermafrodita), perdoa o noso excepcional atrevemento por compararte con alguén que non che chega á sola do zapato. Perdón, á baba da túa placa de reptación.

Publicado por: MontePituco | 01/12/2010

ESTATUTOS DA COMUNIDADE DE MONTES (I)

Case lles temos que pedir aos de Wikileaks que nolos conseguiran, pero ao final non fixo falta. Buf!

…Son de decembro de 1989, están en castelán e suman 30 páxinas mecanografadas. É o que hai: velaquí están (…por fin!!!) os estatutos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xulián. Conseguímolos despois de pasar un tempiño longo preguntando por aquí e por acolá: a xunta rectora da Comunidade de Montes negouse a darnos unha copia -“para que os queres?!”, preguntou o presidente con xesto malencarado ao saír dun Pleno do Concello- e moitos comuneiros carecen deste importante documento que deberían ter no seu poder por dereito propio.

Non podemos afirmar con rotundidade que sexan os estatutos vixentes, pero son os que puidemos conseguir e, moi probablemente, aínda sendo do tempo da polca, con 21 anos de antigüidade, son os que hai porque non hai outros. Esta é, en teoría, a ferramenta pola que debe rexerse o funcionamento da Comunidade de Montes de San Xulián. Na práctica igual é outro cantar: un sector crítico dos comuneiros sostén que a directiva actual non ten lexitimidade para actuar e presentou impugnacións contra asembleas e acordos. Outras persoas coas que contactamos do eido administrativo ou vencelladas ao sector forestal, recelan moito dos procedementos que seguen os responsables nesta Comunidade e valoran con cautela e con reservas a xestión feita. A mala fama téñena, dende hai tempo, as dúas ou tres últimas directivas que por aí foron pasando. Probas?

…30 páxinas cutres e rancias, prendidas cunhas grapas, que se apoian na Lei de Montes Veciñais en Man Común de outubro do ano 89, con 77 artigos, máis unha disposición transitoria e outra final. En total, 15 capítulos que se irán debullando neste blogue de DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO), polo menos para que o documento estea a disposición de quen o queira consultar libremente para saber a que aterse. E xa pescudaremos se hai algún outro manual máis recente porque, de tan “caduco” que está, presenta anécdotas ben chistosas; por exemplo, que a ausencia temporal polo cumprimento do “servizo militar” -onde vai que deixou de existir- non inhabilita para seguir exercendo de comuneiro.

Estes estatutos da Comunidade de Montes de San Xulián contemplan o que a lexislación marca para o réxime xurídico da comunidade, os dereitos e obrigas dos comuneiros, os aproveitamentos do monte ou as responsabilidades dos órganos de goberno. Por comezar detallando os seus contidos, cabe destacar o que sinala o artigo 4º do capítulo I adicado ás Disposicións Xerais:

“O referido monte é un ben INDIVISIBLE, INALIENABLE, IMPRESRIPTIBLE E INEMBARGABLE e non estará suxeito a tributación algunha de base territorial nin a unha cuota empresarial da Seguridade Social, de acordo co art. 2.1 da Lei 55/80”.

Publicado por: MontePituco | 30/11/2010

AA.VV. SAN XULIÁN: A POR TODAS, A POR TODOS

A Asociación de Veciños de San Xulián leva un tempo cantando as corenta en bastos a diestro e siniestro: pistas en mal estado, lavadoiros de aspecto ruinoso, deficiencias no alumeado e no saneamento, fochancas múltiples e variopintas por aquí e por alá agravadas polo mal tempo do inverno que se nos vai botando enriba. Desta volta, a queixa é contra o abandono que sofren camiños como o de Pereiros. E as responsabilidades repártenas a dúas bandas: ao Concello e á Comunidade de Montes. Ao presidente desta última e edil popular na oposición, Francisco Casal, danlle un estrepitoso suspenso ao seu papel na Corporación e á súa xestión á fronte da xunta rectora do monte comunal:

“…usan e despilfarran os fondos da comunidade ao seu antollo e para as súas comenencias particulares, decindo agora que non teñen un euro”.

Pois a ver daquela onde están os ingresos derivados do paso da Liña de Alta Tensión e do trazado da Variante de Marín. Uns cartiños que todas as comunidades de montes colindantes cuantifican nunha suma supostamente xenerosa. Onde está? Chi lo sa? Preguntas ao vento, porque os interrogantes nesta Comunidade de Montes de San Xulián están mal vistos. Botan en conta os que mandan nese cortello que canto menos saibamos os comuneiros, mellor; que canto máis desinformados, menos incómodos. Toman coma un desafío calquera escrito que se lles presenta ou petición que se lles fai. E adoptan unha postura teatralmente victimista -e digna dun Óscar de Hollywood- nas asambleas cando un disidente lles leva a contraria, rizando o rizo e manipulando ao acusalo de “boicotear” a reunión. Por criticar, por disentir. U-la democracia? U-la liberdade de expresión?

O Concello e, en particular os responsables de Medio Ambiente e de Rural, Pilar Blanco e Xosé María Vilaboa, tampouco saen ben parados nas notas que lles pon a Asociación de Veciños. Hai poucos días a directiva queixábase públicamente pola “situación vergoñenta” dun lavadoiro no lugar da Roza.

“…O importante é que saian do armario do Concello onde se agochan a señora Blanco e o señor Vilaboa, e que eliminaran o perigo que supoñía a ruinosa e antiestética estrutura dun lavadoiro que levaba tempo ameazando a seguridade dos usuarios, sen que a concelleira se enteirara, e fixera oídos xordos a distintas queixas e escritos feitos por veciños da zona e desta Asociación.

Iso é o realmente importante para AA.VV. San Xulián, que cumpre co seu deber de denunciar o perigo do lavadoiro e evitar perxuizos irreparables como os que sucederon recentemente no Porto. Pois a irresponsabilidade do equipo de Goberno, do que forma parte a serñora Blanco e o seu inseparable concelleiro do Rural, o señor Vilaboa, fixo que unha traballadora moza e chea de vida ficara para sempre por culpa duns gobernantes mais preocupados pola festa, o viño e a foto propagandística que da seguridade da carpa, que nin tan sequera estaba atornillada ao chan.

Débenos estar agradecida a concelleira pois, debido á nosa denuncia púidose facer a foto e, de paso, avergoñarse das miserias da súa política medioambiental, dun entorno totalmente abandoado cheo de silvas, escombros de pontes e muiños do roteiro a Castiñeiras, feitos con cartos públicos, e destrozados por culpa dunha concelleira que en vez de atender os casos máis urxentes e as queixas de veciños, reaciona coma un becho infeliz e cheo de amargura.

É normal que algúns veciños -asociados ou non- recorran a esta asociación porque Pilar Blanco e Xosé María Vilaboa ameázanos con represalias cando non lles vai a auga polo rego. Porque ela só atende os aduladores e os caciques.

O Concello tense que deixar de chorradas e repoñerlle urxentemente a cuberta ao lavadoiro da Roza, reparar a fonte, limpar o contorno do muíño do Salgueiro e reparar o camiño que vai do Carballal á Roza. Lembrarlle que antes de que vostede chegara, xa os veciños, coa nosa axuda, pelexaron polo alcantarillado e pola auga, e conseguirono sen ter o Concello tantos millóns de euros como vostedes recibiron, os cales mal administran e mesmo despifarran.

(…)

…Gastamos o noso tempo e cartos para que as cousas e os diñeiros públicos se usen para atender as necesidades máis urxentes dos veciños, evitando que se despifarren os cartos usándoos para pagar favores a caciques e comenencias da concelleira, en obras non prioritarias e salarios astronomicos de 100.000 €, que é o que nos custan Pilar Blanco e Xosé María Vilaboa cada ano aos veciños de Marín. Quen se agocha é vostede, señora concelleira, que se refuxiou na política para facerce cun soldo que non soñou nin cobrou na súa vida privada. Nós no seu caso ofreceriamos unha cara máis alegre e non tan chea de amargura. O día que supere esta situación e atenda as nosas demandas entregadas ao señor alcalde recentemente, aínda que fora a toque de corneta, teña por seguro que recibirá a nosa felicitación”.

…Aí queda eso. A Asociación de Veciños de San Xulián, apostando polas cousas claras e polo chiculate espeso.

Publicado por: MontePituco | 29/11/2010

EN CULTURGAL

Demos unha volta por Culturgal, que vén de celebrarse en Pontevedra. Nun dos debates abertos que se organizaban a pé de pasillo, uns mozos viñan dicindo algo así como que nesta Feira das Industrias Culturais eran todos os que estaban, mais non estaban todos os que son. Por falta de espazo, de tempo ou de convocatoria: o concepto de cultura é difuso. E mentres un “río” de xente percorría os stands de Culturgal, unha “marea” humana dirixíase ao estadio de Pasarón para asistir ao partido de fútbol.

…Falando de “difuso”: entre o moito que ver, que tocar e que escoitar na oferta editorial desta feira, chamounos a atención un libro de 216 páxinas que se titula “Feísmo? Destruír un país (A fin do territorio humanizado: un novo intracolonialismo)” e que foi publicado polo selo ourensán Difusora de Letras, Artes e Ideas no ano 2006. Trátase dunha obra colectiva na que participan políticos, escritores, xornalistas e profesionais do urbanismo e compleméntase con 800 fotografías tomadas por Alba Vázquez Carpentier. O libro, que foi financiado pola Consellería de Vivenda e Solo de antano, o Colexio de Arquitectos de Galicia e a empresa construtora Otero Pombo, foi galardoada co Premio Irmandade do Libro en 2006 e finalista dos Premios da Edición que convocaba ese mesmo ano a Asociación Galega de Editores.

Na ficha do libro que figura na páxina web de Difusora  de Letras, Artes e Ideas, figura o seguinte resume:

Que é realmente o feísmo, de onde vén e até onde chegan as súas consecuencias? Hai moitos feísmos diferentes? É un fenómeno único ou multipolar? Despréndese dunha situación socio-política? Aliméntase de orografías imposíbeis? Pódese rastrexar historicamente? É endémico ou inducido? Coñecemos outras sociedades que o padezan? Debe chamarse feísmo? Todas estas preguntas e outras moitas foron tratadas no Foro do Feísmo, nunha tentativa de reflexionar sobre o problema na súa magnitude, para avaliar o «estado da cuestión».

Este volume ábrese co resultado dun traballo de campo con fotografías a cargo de Alba Vázquez Carpentier sobre a situación do noso territorio, con imaxes tomadas en diversos lugares de Galiza, agrupadas tematicamente, coa intención de ofrecer distintos modelos de paisaxe existentes no país e distintos graos e modos de entender o chamado feísmo.

A segunda parte do libro constitúena as contribucións de cada un dos participantes no Foro do Feísmo, así como a transcrición dos debates xerados nel. Déixase constancia así de máis de once horas dun interesantísimo intercambio de ideas que supón un primeiro paso na análise das agresións ao territorio no noso país.

Velaquí un motivo que xustifica a existencia de DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) contra o polígono industrial: intentar evitar unha agresión irreparable á paisaxe, un atentado mortal contra o medio ambiente, un erro técnico que atacará a moi alta intervisibilidade deste terreo, un caso incomensurable de feísmo. Unha lectura que lle recomendaremos especialmente ao BNG de Marín, a respecto das valoracións que fai a ex-conselleira nacionalista Teresa Táboas neste libro, ou o propio Beiras, a pesar de todo. Por se acaso en catro anos a mentalidade dos políticos fora cambiar tanto, velaquí está a proba impresa de que hai palabras que non as leva o vento.

Publicado por: MontePituco | 26/11/2010

SOBRE A PERIGOSA LEI DE ACOMPAÑAMENTO

O mes pasado trascendía que a Xunta se vai dotar de capacidade administrativa e, por tanto, legal, para “desprotexer” espazos naturais “susceptibles” de albergar algún tipo de obra de infraestrutura coa mal chamada, subxectiva e arbitraria excusa do “interese xeral”. No blogue DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) xa se alertaba dos riscos que conleva esta medida do Goberno galego:

TAMÉN DICIMOS NON

O Colectivo Nacionalista de Marín volve sobre esta advertencia para que todos os veciños e veciñas esteamos alerta, coa mosca trala orella. Non é para menos, co secretismo polo que se caracterizan este tipo de tramitacións que afectan a bens particulares ou a espazos naturais. Para evitar polémicas e mobilizacións, os afectados atópanse practicamente da noite para a mañá que a carón da súa vivenda, ouo directamente enriba dela, se vai instalar un polígono industrial, un parque eólico, unha planta de compostaxe… Cero capacidade de reacción, cero resistencia, cero protesta. Eso queren os políticos: veciños mansos e dóciles, desinformados e manipulables.

Por iso loubamos a oportunidade do comunicado difundido polo Colectivo Nacionalista de Marín. Que rule!

A REFORMA DA LEI DO SOLO ABRE O CAMIÑO A NOVOS PARQUES INDUSTRIAIS EN MARÍN

No debate dos orzamentos para o 2011 da Xunta de Galiza, no Parlamento galego, o Partido Popular presentou unha Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, coñecida como Lei de Acompañamento. Con esta proposta, o PP pretende a modificación dun número importante de leis, entre elas a Lei de Ordenación Urbanística (coñecida como Lei do Solo), abrindo así a porta á total desprotección do territorio de Galiza.

A modificación da Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística proposta nesta Lei de Acompañamento supón que en solo rústico protexido, tanto agropecuario como forestal, se poidan instalar infraestruturas, dotacións e instalacións de calquera tipo sempre que a causa sexa a “utilidade pública ou o interese social”.

Esta modificación preséntase como un método para arranxar a ilegalidade do polígono industrial onde pretende instalarse Mitsubitsi, mais na práctica vai supoñer que os concellos teñan liberdade para autorizar instalacións industriais, mineiras ou doutro tipo en solos de protección agropecuaria ou forestal sen ningún tipo de limitación.

En Marín ábrese de novo a posibilidade de colocar un parque industrial na Brea, ou noutras localizacións xa rexeitadas, o que pode traer máis conflitividade social ao noso pobo se desde o Concello se amparan nesta modificación da normativa para retomar estes proxectos. Se a isto lle sumamos que as Directrices de Ordenación do Territorio redactadas este ano pola Xunta deixaban sen protección espazos como os Montes do Morrazo e a Lagoa de Castiñeiras, podemos ver os nosos montes cheos de parques industriais ou de parques eólicos.

O Partido Popular está usando a Xunta para POÑER Á VENDA Galiza. A esta modificación da Lei do Solo hai que lle sumar a recente aprobación da Lei de Augas, as Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan de Ordenación do Litoral ou a privatización dos servizos públicos, especialmente da sanidade, cos novos proxectos de hospitais e centros de saúde.

A Lei de Augas vai facer que paguemos polo sinxelo feito de ter auga independentemente de se a infraestrutura é pública ou dos usuarios. Ábrese a posibilidade de comercializar e vender os dereitos sobre a auga e, polo tanto, a futura privatización dun ben público e necesario para a vida das persoas e para o uso agrícola.

Coas Directrices de Ordenación do Territorio e o Plano de Ordenación do Litoral pretenden eliminar calquera protección nas zonas con maior interese especulativo como o litoral ou permitindo a instalación de explotacións mineiras en zonas protexidas e integradas na Rede Natura. Como xa denunciamos, nestas directrices desaparece a protección de Cotorredondo, da lagoa de Castiñeiras, e dos Montes do Morrazo. A urbanización do litoral atenta directamente contra a actividade pesqueira e marisqueira, incompatíbel co urbanismo salvaxe da costa e dos portos deportivos.

A privatización dos servizos públicos é unha das prioridades do Sr. Feijóo que, máis que un presidente, parece un comercial disposto a vender Galiza ao mellor postor. Esta política vai hipotecar o futuro de todos os galegos e galegas durante moitos anos e porá en mans de grandes empresas a asistencia sanitaria, os comedores escolares, a atención ás persoas maiores, etc.

Todas estas medidas supoñen unha ameaza para Marín, e para Galiza. Non van mellorar o noso modo de vida, nin o económico, nin o medio ambiental; van supoñer unha degradación sen precedentes do territorio, coa perda de postos de traballo no agro e no mar, e a diminución do turismo, que non virá ver muíños de vento e parques industriais.

Publicado por: MontePituco | 25/11/2010

VIOLENCIA CERO

25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

“NON É AMOR”

Pobre Ofelia

cristalizada estás no sangue da loucura

e gardas baixo as unllas a carne do covarde,

como un berro atroz que nos convoca.

Os teus ósos,

espadas de cristal

contra a fame caníval

de posuírnos,

de beber a nosa alma,

zugarnos a vontade,

dobregarnos ao río do delirio.

Ofelia,

pequena Ofelia

non se sacia a sede do covarde.

(Marta Dacosta. Vigo, 1966)

Publicado por: MontePituco | 24/11/2010

FORÇA, ALMUINHA

A Asociación Almuinha vense distinguindo dende hai tempo pola súa ansia de xerar en Marín un ambiente cultural e participativo, un foro de reflexión e de expresión da veciñanza a respecto de temas moi diversos: o chan industrial, o patrimonio material e inmaterial, a sanidade, a defensa da lingua… Dende DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) témoslle que agradecer a este colectivo o seu apoio a prol da conservación deste espazo e a súa implicación no proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Por eso lle mandamos a Almuinha unha inxección virtual de forza, co alento vigoroso das árbores, das pedras e dos regatos do monte. Almuinha vai pechar este mes as portas do local que viña ocupando na rúa Ezequiel Massoni, pero pronto se ha reubicar noutro emprazamento para seguir realizando novas actividades, con máis pulo e ogallá tamén con máis respaldo social.

A derradeira actividade que acolle o local de Almuinha vai estar protagonizado por un colectivo denominado As Candongas do Quirombo, ás que en DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) xa nos referimos hai un par de meses cando publicamos un artigo titulado:

MARUXA E CHOLO, SOBRE O GALEGO

A marinense Andrea Núñez, xunto con Xandra Santos, Lara Rozados, Laura Fernández e Raquel Rei formaron o grupo de investigación As Candongas do Quirombo, cun dobre obxectivo: realizar un documental sobre a recuperación da memoria do galego e impulsar accións de fomento do idioma. “A memoria da lingua” proxectarase este venres 26 de novembro a partir das 20:00 horas no Centro Social Almuinha (rúa Ezequiel Massoni, 63).

Consta de 20 entrevistas a persoas de idades e condicións sociais e culturais distintas, que nos aproximan á memoria histórica da lingua galega, cada unha dende a súa experiencia particular, ou dende unha perspectiva profesional. O resultado é un mosaico de voces e de historias que conforman un panorama real sobre a evolución social do galego e da percepción que os falantes tiveron e teñen dela, achegándonos ao pasado recente do idioma, amosando a súa situación presente e albiscando como se perfila o seu futuro inmediato.

Trala proxección abrirase un coloquio para que os asistentes conten as súas vivencias idiomáticas, a súa relación cos galegofalantes e cos castelanfalantes, en diversos ámbitos da vida cotiá, e para que opinen abertamente sobre a problemática actual encol dos dereitos lingüísticos do galego.

…Un interesante tema de debate co que Almuinha pecha unha intensa e frutífera etapa de traballo, para iniciar proximamente outra etapa non menos produtiva e enriquecedora. Con admiración, moita sorte.

Publicado por: MontePituco | 23/11/2010

RECOMENDABILÍSIMO ARTIGO DE J. GUITIÁN

Este artigo non precisa ningunha introdución, nin xustificación, nin explicación adicional. É sinxelamente revelador, agudo e oportuno. De lectura recomendada e mesmo ineludible, case obrigatoria. O seu autor, Javier Guitián, é catedrático de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela. E a súa “Tribuna” de opinión pódese ler os mércores en La Voz de Galicia.

Artigo de Javier Guitián en La Voz de Galicia, do mércores 10 de novembro de 2010: “Robin Hood y el patrimonio natural“.

Publicado por: MontePituco | 22/11/2010

+ REPERCUSIÓN NOS MEDIOS

(Premer na imaxe para ampliar)

…Posto que aínda recentemente este mesmo xornal recollía nas súas páxinas a evolución do blogue, e dado que as iniciativas de DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) volven ser noticia, que conste que o Diario de Pontevedra non ten accións neste colectivo veciñal. De feito, para o Goberno local de Marín -tanto para o psoe como para o bng- DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) non “cotiza” en ningures, como queda demostrado pola nula receptividade ás insistentes peticións de entrevista presentadas.

A información referente a esta peza xornalística procede do seguinte artigo, publicado en DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) o 3 de novembro de 2010:

A AA.VV. SAN XULIÁN, CO ALCALDE

Publicado por: MontePituco | 20/11/2010

FRASEOLOXÍA PLENARIA

Unha semana despois do Pleno da Corporación Municipal, xa tocaba facer balance daquela sesión co noso punto de vista de “andar pola casa”. E por máis que estivemos deixando repousar o testemuño directo desas dúas horas longas de “debate político”, a conclusión segue sendo decepcionante: o alcalde cultivou a súa propaganda, o BNG a penas gastou cuspe e a oposición volveuse anoxar por carecer coa antelación necesaria da información básica sobre as mocións presentadas pola parte gobernante.

Ata as eleccións municipais de maio quedan cinco ou seis plenos máis. A tensión entre os grupos suponse que irá en aumento, abundarán os discursos encendidos. E haberá promesas, moitas promesas. Pero non se enganen: o nivel seguirá sendo tan pobre como de costume, ciscarase demagoxia por un tubo e pola banda de Laíño intentarán a toda costa conservar os seus cómodos asentos, mentres pola banda de Lestrove íntentarán por todos os medios desbancalos. Deus nos colla confesados, así que… in nomine Pater, et blablabla.

Entre as páxinas locais dos xornais da fin de semana, a crónica no blog de BreaSeixo e os artigos no Foro Marinenses, calquera se pode facer unha idea de como transcorreron os acontecementos. Aínda que dicir “acontecementos” é xeneroso de máis, porque no sentido máis literal da palabra, no pleno non acontece nada. O único destacable é a verborrea máis ou menos fácil, máis ou menos sagaz, máis ou menos afiada, dos concelleiros e concelleiras. Podíase facer un libro de fraseoloxía plenaria. Pero virtual: as árbores non merecen semellante desprezo de celulosa e pasta de papel.

Entre os máis simpáticos e mordaces, os ediles de Mar-In. Tratando sobre o proxecto das obras de mellora do camiño de Troncoso, que xa saíra a colación no pleno anterior, e ante o escaqueo dos responsables municipais, Miguel Suárez Briones amosouse farto de escoitar sempre as mesmas excusas e non dubidou en sacarlle lustre a unha frase pintoresca de Groucho Marx:

– O Concello bótalle a culpa dos seus desatinos a funcionarios e partidos políticos, oculta a súa ineficacia botándolles as culpas a outros. A besta parda ó principio da lexislatura era Portela e a besta parda do final desta lexislatura é María Ramallo.

– Vamos de victoria en victoria hasta la derrota final.

– Vostedes teñen que petar na porta da Xunta para pedir fondos e xestionar, non a oposición.

Ante a contundencia destas palabras, dá auténtica mágoa escoitar seguidamente as réplicas febles de Pilar Blanco, que non lle chegan nin á sola do zapato.

– Remorderalle a conciencia se nomea a outros concelleiros.

– Para nada lle teño manía a outros temas doutros grupos; non preguntaron por este tema antes.

– O voto do PP non serve para nada, iniciativas cero, votos a favor si. Hai que ver os orzamentos da Xunta para ver que todo se queda nun si.

E atención. Redobre de tambores e clamor de trompetas. Que chega a intervención estelar do alcalde: o Plan Arela, a nena bonita da súa lexislatura. Unha nena algo raquítica, miña pobre, porque dende o seu nacemento en 2008, pouco ou nada medrou. Iso si, todo lle son piropos de papá Veiga, que está moi orgulloso dela, a pesar de que todas as velas postas pregando polo ansiado estirón da criatura, non deron moito resultado. A ver se cunhas vitaminas, Arela tira p’arriba:

– …Medidas cruciais… Conservación do patrimonio… Xestión de calidade… Racionalizar o tránsito rodado… Calidade de vida… Xerar emprego e riqueza…Presente prometedor… Expectativas sen precedentes…

Tanta gabanza non convence en absoluto a oposición. Entran en escena a popular María Ramallo e a independente Isabel Martínez Epifanio para criticar o discurso de Francisco Veiga.

– MR: La gestión del Plan Arela deja mucho que desear por sus retrasos permanentes… No encontramos los permisos de cesión, empiezan la casa por el tejado.

– IME: Alcalde, o seu discurso foi moi florido, pero a floritura non nos leva a ningún lado. É un proxecto faraónico e aí quedou. O camiño foi longo, ostras se o foi, é xa a cuarta vez que o traen a pleno, a lexislatura acaba, e presentárono en 2008.

– FV: É o proxecto de maior envergadura de toda a etapa democrática. Foi a prioridade. É algo que diferencia a Marín doutros concellos.

– IME: Se sendo o Arela unha prioridade, desto hai dous anos, estou morta eu antes de que teñan o proxecto Arela.

E nestas estaban, cando empezou a correr o aire. Non pensen mal. Simplemente foi un rifi-rafe verbal entre María Ramallo e o alcalde, que empezaron a abanicarse mutuamente movendo papeis no aire. A voceira popular cuestionou o procedemento seguido polo Goberno local na tramitación do proxecto, facendo unha sucesión cronolóxica das xestións, algo que incomodou o alcalde, que negou os datos. Para iso, a secretaria tivo que carrexar carpetas e carpetas de documentos que Veiga empezou a remexer como quen busca unha agulla nun palleiro.

– MR: Los papeliños son los papeliños. Ustedes trabajan muy mal y administrativamente, fatal.

– FV: Parécelle mal que se lle quiten as mentiras en público.

– MR: Non me insulte

…E veña os papeis a revoar. Total: grolo de auga do alcalde para mitigar o sofoco. Votación. Mans alzadas. Apróbase por unanimidade. A chorar a Cangas!

Seguinte “round”, marcado pola queixa do concelleiro popular Manuel Santos para “denunciar a situación lamentable” motivada polo Goberno municipal ao presentar seis mocións de urxencia fóra da orde do día, das cales dúas son de temática económica, sen achegarlle á oposición a documentación previa necesaria para analizaren o seu contido. Con razón, Isabel Martínez Epifanio reforza tamén esa queixa.

– Representamos o pobo de Marín tanto como vostedes.

Mar-In decidiu visibilizar o seu malestar abandoando a sala. E aínda que os do PP anunciaran que ían permanecer no Salón de Plenos sen facer ningunha intervención, como xesto de protesta, ao final tamén se acabaron erguendo e saindo fóra ou sentando nas cadeiras destinadas ao público. Na súa ausencia, o grupo de Goberno fixo da súa capa un saio e aprobou en solitario o que a cotío vén aprobando como lle peta e cando lle peta, que para eso ten a maioría. Entre as mocións aprobadas, unha dirixida á Xunta para esixir un maior investimento en Marín destinado ao soterramento da Avenida de Ourense, á construcción dun edificio multiusos, do centro de saúde, da dotación dun plan de seguridade viaria, dunha gardería infantil e de instalacións deportivas en Seixo, e un polígono empresarial.

…E erguemos as nosas modestas pancartas:

WE ♥ MONTE PITUCO … VEIGA ♥ MONTE CARRASCO.

Para que conste, unha vez máis, a soberanísima incongruencia e incompetencia do alcalde, máis preocupado porque o novo hospital de Pontevedra arruina moitas hectáreas do monte veciñal forestal do Concello veciño, mentres o monte veciñal de San Xulián pode perecer pola súa culpa baixo as excavadoras e o formigón que asolagará un terreo inmenso.

E presentouse o manifesto con motivo do Día Internacional contra a Violencia de xénero do vindeiro 25 de novembro. Chegado o capítulo de rogos e preguntas, Miguel Suárez Briones preguntou polo cachalote incorrupto da praia da Coviña, mentres Pilar Blanco poñía caras e se revolvía no sillón. Pero faltaba a puntilla do socialista Juan Muradas para que o pleno rematara “de mal rollo”. Xa cando Isabel Martínez lle botou unha pitada ao Goberno local pola ineficacia no caso dun expediente de infracción urbanística en Seixo, Muradas dixo polo baixiño que os da oposición estaban “un poco faltones”. E aínda tivo máis que dicir, cando a penas faltaban uns intres para levantar a sesión.

– Cuando la oposición presenta cuatro o cinco mociones de urgencia, tengan la educación democrática más básica, y por lo menos, escuchar.

…Ou algo así, porque debaixo dese bigote non se lle entende nada o que di. Palabras que motivaron que Isabel Martínez intentara replicar, cousa que non lle foi posible porque o alcalde dera por finalizado o pleno. E chitón, chim-pón.

Pero ningún destes exemplos de fraseoloxía plenaria é comparable ao colosal comentario dunha veciña que sentara entre o público. Pola metade de pleno, e vendo o panorama que se cernía, a boa muller, cunha mestura de mágoa e resignación, comentou inocentemente:

– Favoréceme máis andar, que esto… Pero eu ía andar, e como vin aberto…

So lle faltou engadir “se o sei, non veño”.

*MÁIS SOBRE O PLENO EN:

BreaSeixo: “Pleno de novembro 2010. Pufos e trolas

Rurales y urbanitas: “Caos institucional“.

Publicado por: MontePituco | 19/11/2010

CHANTADOS NA TERRA

Xa é a terceira viñeta do mestre Xaquín Marín que adorna o blogue de DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO). Publicouna o debuxante no seu perfil en Facebook, onde explica que se trata dunha obra recente, protagonizada polo personaxe de Isolino, e titulada “Crucifixión lúdica”. Comenta un dos seus admiradores:

Isolino saca raíces na terra onde naceu e quere morrer. Reafirmándose ante íl mesmo e o seu país o sentimento de compromiso. Achantado na paisaxe rural onde habita…

Así nós, fincados coas nosas raíces na terra, na memoria e no legado dos nosos antergos. Que nin por catro patacos nin por todo o ouro do mundo estamos dispostos a consentir que o monte desapareza baixo o formigón. Teremos moitos defectos, mais non somos traidores, nin vendidos, nin aproveitados.

Publicado por: MontePituco | 18/11/2010

O BLOGUE, NO ‘DIARIO’ (UN MATIZ)

Certamente, algo impresionados estamos: a catro columnas, con foto e despece. Que o blogue DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) ocupe “espontaneamente” case unha páxina local no Diario de Pontevedra, prodúcenos unha mestura de agradecemento pola difusión, de sorpresa polo inesperado da cobertura informativa, e de vértixe pola cantidade de lectores aos que chegue a información. Mais non podemos suscribir o contido do artigo na súa totalidade.

…Sobre todo cando, ao referirse ao PXOM, lemos: “El Plan de Ordenación de Marín dejó al descubierto el Monte Pituco desde que la Corporación Municipal acordara incluir este espacio como una de las zonas candidatas a albergar el necesitado polígono industrial de Marín. El documento va en contra de los intereses de estos vecinos, aunque supone un beneficio para todos los demás…”.

Discrepamos desa afirmación, entre outras cousas, porque non é un dato obxectivo, senón unha opinión ou, en todo caso, unha valoración que non foi contrastada. DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) non está en contra de que Marín se dote dun planeamento urbanístico, nin pretende perxudicar os marinenses que estean agardando a aprobación do plan, como se podería extrapolar perigosamente da lectura desa frase. Este colectivo unicamente rexeita que o monte Pornedo sexa a opción -a única opción- contemplada polo Goberno local de Marín para instalar un polígono industrial, por máis que os datos técnicos incuestionables que vimos expoñendo dende hai tempo desaconsellen por completo semellante plantexamento.

Tampouco se podería dicir que nos vexamos desatendidos ou abandoados polo Concello. Para sentirse desatendidos ou abandoados no sentido literal desas palabras suponse que houbera unha atención previa ou un acompañamento anterior, cousa que nunca sucedeu porque o alcalde de Marín nunca nos recibiu, nin nos escoitou, nin contestou as nosas comunicacións formais. En todo caso, somos ignorados, ninguneados e desprezados polo rexedor municipal. A asistencia dos veciños aos plenos, trátese ou non na orde do día a problemática encol do posible polígono no Pornedo, é para visibilizar o rexeitamento deste colectivo social a ese proxecto nesa ubicación, e para reclamar de xeito presencial que o Goberno local respecte esa reivindicación lexítima e, como tal, dialogue cos seus promotores.

Tanto o blogue DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) como o perfil e a páxina na rede social Facebook son canles de comunicación para verbalizar a problemática que o Goberno local de Marín se nega a abordar co colectivo; ferramentas de contacto con outros moitos veciños sensibles co patrimonio natural e patrimonial do monte que tamén se opoñen á súa destrucción; e vehículos de participación social fronte á imposibilidade de facernos oír porque, por exemplo, o Concello non permite que os cidadáns poidamos intervir no Consistorio.

E así, con esforzo, imaxinación e reflexión, creando sinerxias con outros colectivos do ámbito marinense ou comarcal cos que compartimos inquedanzas, loitamos pola posta en valor do Monte Pituco (Pornedo, na súa denominación tradicional) e apostamos por integralo no proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Ogallá, furando, furando, a base de argumentos sólidos e da receptividade necesaria das Administracións e das entidades das que depende que isto sexa unha realidade, logremos que o Concello ou o Goberto autonómico valoren outra alternativa menos perxudicial para a instalación dun posible polígono industrial en Marín, e que esta “espada de Damocles” que pesa inxustamente sobre o Monte Pituco se torne nunha oportunidade para a cultura, para o lecer e para o turismo en beneficio dos marinenses.

Publicado por: MontePituco | 17/11/2010

XORNADAS EN SALCEDO

A Comunidade de Montes de Salcedo organiza este sábado 20 de novembro, a partir das 17:30 horas, no Colexio San Martiño (lugar de Igrexa, en Salcedo), a I Xornada sobre o Monte Comunal.

– 17:30 Presentación e apertura das sesións.

– 18:00 Proxección da documental “O noso monte”, documento histórico gravado no ano 1978.

– 18:40 Conferencia-coloquio a cargo de Angel Bravo, técnico responsable da busca de toda a documentación pericial de lindes, actos de posesión, etc. do monte San Martiño, que foi presentada na reclamación xudicial contra o Ministerio de Defensa.

– 19:30 Proxección dun vídeo resumindo a loita dos veciños contra a implantación da franxa de seguridade da Brilat e en protesta polas obras do Ministerio de Defensa no monte comunal de San Martiño.

– 20:00 Coloquio e ao remate da xornada, un pinchiño de empanada e viño para todos os asistentes.

En relación a este conflicto co Exército, lembrar que a Comunidade de Montes de Vilaboa tamén lle reclama a Defensa unha parcela de 15 hectáreas na zona de Postemirón. Os terreos foron cedidos polo Concello de Vilaboa en 1968 e os comuneiros veñen de pedir a súa devolución polo procedemento administrativo. A Comunidade de Montes recorreu finalmente á vía xudicial e será o 15 de marzo de 2011 cando se celebre a vista, no Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Pontevedra.

(A fotografía procede da web de Non á franxa).

Publicado por: MontePituco | 16/11/2010

BÁLSAMO PARA AS FERIDAS COTIÁS


Son días convulsos, días agresivos, días violentos. O mundo revolto, o mundo ferido, o mundo torto. E as persoas? Ariscas, encendidas, agres… Reloxos a cero. Mentes abertas e espertas. 

Ordenemos o universo

lavemos a cuberta e botemos pola borda

tanto lastre inútil,

e así, sen peso,

co universo ordenado

debuxemos un mapa para a viaxe.

(Marta Dacosta. Vigo, 1966)

Publicado por: MontePituco | 15/11/2010

O MOSQUEO DA COMUNIDADE DE MONTES

Que a Comunidade de Montes de San Xulián non nos ten ningún aprezo, que nos vilipendia e difama, que para os seus directivos as reivindicacións de DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) son un incordio e un ataque directo aos seus intereses, non é ningunha novidade. Algo tan simple como solicitar os estatutos non só cae en saco roto, senón que a propia petición é atendida con auténtica xenreira e cunha ollada fulminante como se demandar algo que nos pertence por dereito aos comuneiros fora unha ousadía imperdoable e digna de ir parar ao paredón.

A última pataleta vén por parte do vicepresidente, quen acuñou a famosa frase “prefiro que o monte o leve o polígono antes que o leve a Brilat pola cara”, que pasará aos anais das crónicas parroquianas pola súa incomensurable desvergoña. Presentarlle ao presidente da Comunidade de Montes un sinxelo escrito lembrándolle que non se fixo nada por erradicar os verquidos, nin por desbrozar a área recreativa anexa á estrada de Figueirido, nin por evitar a presenza de motoristas en zonas inapropiadas, e dando conta da recente aparición dun vehículo calcinado, é pouco menos que misión imposible. O presidente sempre está ausente.

Plan B: dirixímonos ao vicepresidente. E cal é a súa reacción? A primeira, non asinar a copia do documento como proba de conformidade da súa recepción. Xa non é a primeira vez que actúa así: anteriormente, outros membros da xunta rectora xustificaran que xa o asinaría “cando el sexa o presidente”… O que se interpreta claramente como unha manobra para ser o próximo galo do galiñeiro. A segunda, respostar airadamente amosando a súa disconformidade por ter denunciado publicamente as deficiencias desta parte do monte comunal: “Agora calquera pode mandarlle un escrito á prensa”, veu dicir, máis ou menos con estas palabras o vicepresidente.

Señor vicepresidente e pro-sucesor do máximo cargo da xunta rectora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xulián. Dous puntos: afortunadamente, nun Estado de Dereito non ha ser vostede, nin moito menos, quen permita ou poña veto á liberdade de expresión. Se a vostede lle molesta que en DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) haxa persoas capacitadas abondo para opinar con rigor, para cantarlles as corenta en bastos pola súa inoperancia, e mesmo para acudir aos medios de comunicación social para compartir co resto da cidadanía (se a axenda do medio o considera oportuno) calquera cuestión de interese público, é problema seu. Estará evidenciando o seu carácter pseudo-fascista e intolerante. Se, ademais, o que lle molesta é que en DEFENDE O MONTE PITUCO haxa mulleres críticas, insumisas e desobedientes cos dictados que vostedes marquen, é que por riba é vostede un machista incorrixible. Se tamén lle molesta que en DEFENDE O MONTE PITUCO haxa xente nova con formación e preparación, con criterios asentados no coñecemento e con interese por traballar a prol da parroquia á marxe do grupo ao que pertence, é que vostede encarna o prototipo de cacique recalcitrante, pegado coma unha lapa ao poder e alérxico aos cambios.

Non ten vostede abondo con presidir a asociación de veciños Virxe dos Remedios, que segue turrando incombustible contra o muro do adro da igrexa e contra o cura párroco, que xa hai tempo obtivo o apoio dos tribunais. Será vostede gafe, porque a mesma “sorte” neste caso lamentable estase trasladando tamén á problemática encol da titularidade do terreo que se lle disputa a Romero na zona do Pituco e que, pola ineficacia da Comunidade de Montes no enfoque xurídico, vai polo mesmo camiño, co conseguinte desgusto e frustración para os veciños afectados.

Non ten vostede abondo coa corte de adeptos que o rodean, que ultimamente non perde ningún pleno ordinario da Corporación Municipal e sempre acaba arrimándose ao grupo político de turno, do que pretende algunha clase de favor. Porque semella que a súa presenza no salón de plenos non responde á preocupación pola mellora dos actuais servizos públicos en San Xulián, nin pola dotación de novas infraestruturas que favorezan a esta parte do rural marinense. Porque sobre a proliferación das escombreiras, sobre a maleza que invade as zonas de lecer próximas ao monte e sobre os efectos do vandalismo parece que só se preocupan DEFENDE O MONTE PITUCO e a Asociación de Veciños de San Xulián da que vostede é firme detractor. E por riba, moléstalle que denunciemos estas situacións.

E a razón? Está moi clara. Porque o Seprona xa se dirixiu á Comunidade de Montes da que vostede é vicepresidente, para tirarlles das orellas por non daren pau á auga e por non gastar un céntimo en acondicionar as zonas cheas de silvas e bancos rotos, por non velar pola limpeza dos puntos onde hai lixo e cascallos, por cruzarse de brazos fronte aos que pilotan motos e quads que destrozan o terreo, e por estar en babia mentres unha panda de delincuentes queima un coche roubado en pleno monte, co inmenso risco de producir un incendio forestal.

Traballen polo monte e deféndano. Non vale con termar dunha pancarta co lema “San Xulián en defensa dos nosos montes” cando o que proclaman na práctica é todo o contrario: vendelo ao mellor postor e, se acaso, poñer a man por detrás por se cae algo de rebote. Invistan no monte os xenerosos ingresos económicos que lles deparou o paso da Liña de Alta Tensión e o trazado da Variante. E sobre todo, déannos conta aos comuneiros, de cal é o estado financeiro da Comunidade de Montes, con luz e taquígrafos. Que menos!

Publicado por: MontePituco | 12/11/2010

VEIGA ♥ MONTE CARRASCO

« Newer Posts - Older Posts »

Categorías