Publicado por: MontePituco | 13/12/2010

PLENO DE DECEMBRO (II): IMOS POR PARTES

Ante as declaracións do alcalde de Marín no pleno municipal do pasado venres día 9 que, non por máis “certa” é menos saída de ton, DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) quere realizar as seguintes puntualizacións:

1.- A conversa telefónica á que se refire o alcalde produciuse o pasado ano 2009 por estas datas, cando a sentenza do Tribunal Supremo invalidaba unha parte importante dos recheos portuarios, deixaba nunha situación urbanística precaria as empresas instaladas neses terreos, e o nome do Monte Pituco empezaba a soar con forza dende o Concello de Marín para tranquilizar os empresarios, os traballadores e a cidadanía en xeral. Quen suscribe este artigo dispón, por motivos profesionais, do teléfono do alcalde. Quen suscribe este artigo nunca utilizou nin utilizará ese número para cuestións particulares. A conversa telefónica á que se refire o alcalde non foi unha “conversa” como tal, senón unha chamada de consulta para transmitirlle a preocupación dunha parte da veciñanza ante a precipitación dos acontecementos e a falta de información sobre o tipo de uso industrial que se lle puidera acabar dando ao Monte Pituco. Na súa resposta, o alcalde non deu pé a ningunha conversa fluida, senón que se amosou sumamente importunado pola consulta, e foi tallante e mesmo áspero na súa resposta. Daquela non existía ningún colectivo de persoas formalmente denominado DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO), nin existía tampouco un blog que fora detallando as xestións veciñais e as protestas motivadas pola xestión deste asunto e a falta de diálogo por parte da alcaldía. Daquela non existía un estudo topográfico da zona, nin se formara unha organización a prol da creación dun espazo natural e arqueolóxico que abarca o Pituco e outros montes.

2.- A conversa que, segundo o alcalde, houbo nas escaleiras do Concello non se produciu nese punto, senón no pasillo que dá ao seu despacho. E tampouco foi unha conversa, senón un intento de entregarlle persoalmente unha petición de entrevista que se negou a recoller. Ademais de rexeitar ese escrito, o alcalde proferiu unha serie de frases amosando o seu enfado pola actitude dos veciños contraria á construcción dese parque industrial no Monte Pituco, asegurando que non había tal oposición ao proxecto. Acto seguido, sen mediar máis palabra, deu a volta e marchou apresuradamente escaleiras abaixo, deixando a quen suscribe coa palabra na boca e o papel na man. Nese momento estaban tamén a súa secretaria e os edís de Parques e Xardíns, e de Rural que, se non lle escapan á verdade, poden atestiguar o que se está relatando. A secretaria ofreceuse amablemente a recoller a petición outro día, e os concelleiros socialistas, posiblemente algo abochornados pola reacción airada e desproporcionada do alcalde, acompañaron a quen suscribe ata o recibidor do Concello, defendendo os argumentos do goberno municipal para instalar no Monte Pituco un polígono industrial. O edil de Parques e Xardíns porfiaba insistentemente que o Monte Pituco era un espazo chan abondo para realizar esa obra. Co tempo, demostrouse que ese concelleiro MENTÍA, a tenor do resultado do estudo topográfico da zona afectada que se lle encargou a unha empresa consultora de expertos en montes e medio ambiente -e ben coñecida polo propio Concello- e custeado con recursos económicos particulares.

3.- As peticións de entrevista que se lle enviaron ao alcalde a través do Rexistro do Concello nos meses de abril (en maio non se reiterou porque se lle deu un mes de prazo para que contestara), xuño, xullo (en agosto non se presentou por ser inhábil na Administración), setembro (en outubro tampouco se presentou), novembro e decembro, non son para coñecer o seu posicionamento que, certamente, é de sobra coñecido. As reiteradas peticións de entrevista por parte de DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) son para que o alcalde escoite e coñeza os numerosos motivos da inviabilidade dun polígono industrial nesta zona: que o 92% da superficie afectada presenta máis dun 15% de desnivel e que hai máis dun 35% no 57% dese espazo; que se perderían os numerosos mananciais que surten aos veciños de auga para uso doméstico e de regadío; que San Xulián perdería unha parte moi importante da súa riqueza forestal que redunda no desenvolvemento económico da parroquia; que existen petroglifos e mámoas catalogados, elementos patrimoniais e etnográficos de valor histórico e cultural incalculable que cómpre conservar e que, cun axeitado tratamento, poderían ser un foco de atracción turística; que os concellos de Pontevedra e de Vilaboa apoian a creación dun espazo natural e arqueolóxico na zona que o de Marín pretende arrasar de forma irreversible; que máis dunha vintena de colectivos apoia esa iniciativa que o alcalde se nega sistematicamente a coñecer; que hai moitas persoas a nivel individual e asociacións veciñais, ecoloxistas, culturais e políticas que apoian a DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO)… A opinión do alcalde é coñecida de máis, respectada pero non compartida. A súa obriga como rexedor municipal é poñerse á disposición da cidadanía, sexa adepta á súa liña ideolóxica ou diverxente cos seus postulados.

4.- Que a pesar da dureza da súa declaración no pasado pleno deste mes de decembro, DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) continuará reclamando o seu dereito a ser atendido polo alcalde e seguirá apelando á súa receptividade. Que en meses sucesivos, ata que se celebren as próximas eleccións municipais, e trala celebración dos comicios independentemente do seu resultado, seguiremos presentando por Rexistro a correspondente petición de entrevista, co mesmo respecto, coa mesma perseverancia, coa mesma pacencia e coa mesma esperanza que antano. Que malia a altanería, a prepotencia e o inxustificable desprezo co que o alcalde trata a este colectivo, as nosas reivindicación son totalmente lexítimas, están perfectamente xustificadas e son absolutamente razoables. Que ogallá o alcalde entre en razón, comprenda que non debe aplicar raseiros diferentes en función das súas filias e fobias personais e/ou políticas á hora de atender uns colectivos e ignorar outros que lle resultan incómodos. Que nin o teléfono nin as escaleiras dun edificio son o lugar adecuado para que un alcalde trate os cidadáns aos que se debe, salvo que Francisco Veiga admita que goberna só para os que gaben a súa xestión.

5.- Que igual que aos condutores que cometen unha infracción as autoridades de Tráfico lles restan puntos ou, en caso extremo, lles retiran a licencia de conducción, o alcalde de Marín tamén debería ser amonestado politicamente pola súa inexplicable actitude. Que ademais de prescindir da humildade e da mesura que debe caracterizar un servidor público, o alcalde precisa urxentemente unhas leccións de reeducación democrática. Que así como anda sobrado de soberbia e de arrogancia, está orfo de cordura e comprensión. Que con semellante lista de carencias humanas, Francisco Veiga non representa os valores que debe reunir un alcalde e, por tanto, non é un digno representante da veciñanza marinense.

6.- Que, tristemente, o alcalde volve actuar de forma unilateral, fachendosa e ofensiva. Por esas malas artes Marín foi, en 2009, o segundo concello de toda Galicia que máis queixas acumulou na oficina do Valedor do Pobo. “El gobierno de la villa generó ante el Valedor do Pobo el cuádruple de demandas que Pontevedra y el doble que Vigo”, titulou un artigo publicado por La Voz de Galicia o 17 de marzo deste ano. Daquela, a maioría das reclamacións debéronse á drástica decisión do alcalde de limitar o acceso do público ás sesións plenarias, a raíz das protestas veciñais contra os micropolígonos que proxectaba o anterior documento do PXOM. Unha limitación que o alcalde se pasou polo forro cando os siareiros dun clube de fútbol se xuntaron no salón de plenos para festexar un trunfo deportivo. DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) non só denunciará o alcalde de Marín ante o Valedor do Pobo, senón tamén ante a Federación Galega e a Federación Española de Municipios e Provincias, e ante as direccións de organización do PSOE galego e estatal, polos seus constantes agravios a este colectivo veciñal, polas súas caprichosas negativas a recibir a unha delegación desta asociación, e para reclamarlle que exerza o respecto institucional propio do seu cargo.


Responses

  1. https://breaseixo.wordpress.com/?s=A+pol%C3%ADtica+%C3%A9che+as%C3%AD

  2. Moi elocuentes as viñetas. Pero penso que, as máis das veces, ou polo menos nesta ocasión, non é que a política sexa “asín”. A negativa do alcalde é un pulso absurdo. Metéuselle o “non” entre cella e cella, e de aí non se apea nin está disposto a dar o brazo a torcer. Está quedando como un “pequerrecho” enfurruñado cuns veciños que agora lle veñen desmontar o paquete. Por iso non quere saber nada nin do estudo topográfico, nin dos xacementos arqueolóxicos, nin dos mananciais naturais de auga, nin de nada de nada. O dito, un negado.

  3. […] PLENO DE DECEMBRO (II): IMOS POR PARTES […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: