Publicado por: MontePituco | 01/12/2010

ESTATUTOS DA COMUNIDADE DE MONTES (I)

Case lles temos que pedir aos de Wikileaks que nolos conseguiran, pero ao final non fixo falta. Buf!

…Son de decembro de 1989, están en castelán e suman 30 páxinas mecanografadas. É o que hai: velaquí están (…por fin!!!) os estatutos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xulián. Conseguímolos despois de pasar un tempiño longo preguntando por aquí e por acolá: a xunta rectora da Comunidade de Montes negouse a darnos unha copia -“para que os queres?!”, preguntou o presidente con xesto malencarado ao saír dun Pleno do Concello- e moitos comuneiros carecen deste importante documento que deberían ter no seu poder por dereito propio.

Non podemos afirmar con rotundidade que sexan os estatutos vixentes, pero son os que puidemos conseguir e, moi probablemente, aínda sendo do tempo da polca, con 21 anos de antigüidade, son os que hai porque non hai outros. Esta é, en teoría, a ferramenta pola que debe rexerse o funcionamento da Comunidade de Montes de San Xulián. Na práctica igual é outro cantar: un sector crítico dos comuneiros sostén que a directiva actual non ten lexitimidade para actuar e presentou impugnacións contra asembleas e acordos. Outras persoas coas que contactamos do eido administrativo ou vencelladas ao sector forestal, recelan moito dos procedementos que seguen os responsables nesta Comunidade e valoran con cautela e con reservas a xestión feita. A mala fama téñena, dende hai tempo, as dúas ou tres últimas directivas que por aí foron pasando. Probas?

…30 páxinas cutres e rancias, prendidas cunhas grapas, que se apoian na Lei de Montes Veciñais en Man Común de outubro do ano 89, con 77 artigos, máis unha disposición transitoria e outra final. En total, 15 capítulos que se irán debullando neste blogue de DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO), polo menos para que o documento estea a disposición de quen o queira consultar libremente para saber a que aterse. E xa pescudaremos se hai algún outro manual máis recente porque, de tan “caduco” que está, presenta anécdotas ben chistosas; por exemplo, que a ausencia temporal polo cumprimento do “servizo militar” -onde vai que deixou de existir- non inhabilita para seguir exercendo de comuneiro.

Estes estatutos da Comunidade de Montes de San Xulián contemplan o que a lexislación marca para o réxime xurídico da comunidade, os dereitos e obrigas dos comuneiros, os aproveitamentos do monte ou as responsabilidades dos órganos de goberno. Por comezar detallando os seus contidos, cabe destacar o que sinala o artigo 4º do capítulo I adicado ás Disposicións Xerais:

“O referido monte é un ben INDIVISIBLE, INALIENABLE, IMPRESRIPTIBLE E INEMBARGABLE e non estará suxeito a tributación algunha de base territorial nin a unha cuota empresarial da Seguridade Social, de acordo co art. 2.1 da Lei 55/80”.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: