Publicado por: MontePituco | 21/12/2010

RESPOSTA ÁS ALEGACIÓNS DAS D.O.T.

Mentres a veciñanza marinense “alucina” cos novos, emocionantes e non menos decepcionantes capítulos do culebrón PXOM, a vida segue cos seus vendavais. Marín “paralízase”, pero o resto do mundo continúa xirando a trancas e barrancas, as máis das veces. Por esas datas tamén houbo noticias da Xunta, que xa lle remitiu as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) ao Parlamento antes da súa aprobación definitiva mediante decreto. O documento seica incorpora un centenar de aportacións presentadas no periodo de exposición pública, e as propostas de DEFENDE O MONTE PITUCO e doutros colectivos e particulares reclamando a “protección integral dos Montes do Morrazo” non foron en balde. Todo suma e contribúe. Nada é prescindible nin inútil.

“…As Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) de Galicia incorporan as accións e medidas necesarias para garantir a protección dos recursos naturais e incentivar a mellora da calidade ambiental do territorio, garantindo o seu uso sostible. Para a consecución destes obxectivos establece as áreas estratéxicas de conservación como ámbitos de especial valor natural e ecolóxico que divide en dous grandes grupos: o primeiro inclúe todas as previstas pola lexislación vixente estatal e autonómica en materia de espazos naturais e conservación da natureza; o segundo, outras posibles áreas ou formacións que poidan presentar valores de calquera tipo físico ou natural cun interese local ou supramunicipal e que complementen a funcionalidade das xa protexidas, revalorizando todo o territorio.

OS ESPAZOS DE MONTES DO MORRAZO, COTORREDONDO E CASTIÑEIRAS, CONSIDERADOS POLOS SEUS VALORES, INCLÚENSE NESTE SEGUNDO GRUPO DE ÁREAS COMPLEMENTARIAS nos que o planeamento territorial e urbanístico deberá realizar unha ANÁLISE que permita a súa identificación e consideración…”.

Esta é parte da contestación recibida por DEFENDE O MONTE PITUCO e outros colectivos sociais de Marín e da bisbarra do Morrazo ás alegacións interpostas na fase de información pública das DOT, este pasado verán.

O escrito da Xunta, asinado polo director xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Manuel Borobio, admite que os Montes do Morrazo teñen cualidades abondo para complementar o catálogo de espazos protexidos polas DOT. Pero aínda así, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas non se implica abondo para garantir a súa conservación.

Advirte que un dos criterios para identificar estas áreas complementarias das áreas estratéxicas de conservación contempladas nas DOT é o das Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento Provinciais, nas que os Montes do Morrazo aos que pertence o Monte Pornedo (Pituco) figuran como “ESPAZO PROTEXIDO”. Sen dúbida, trátase dun puntal importante para esta loita veciñal xusta e lexítima a prol da defensa dun espazo vulnerable ante o ataque letal que pretende inflixirlle o Concello de Marín. Un ataque que non sería de todo impune, no hipotético caso de levalo a cabo, posto que as figuras de protección ambiental seguen aí presentes e DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) vai loitar para blindar o seu mantemento fronte á pretensión do Concello de Marín de arrebatarlles esa catalogación.

Un Goberno local de Marín, coas súas concellerías de Medio Ambiente e de Urbanismo, e coa Alcaldía por riba delas, que actúan de xeito autolesivo co propio ámbito municipal. O Goberno local de Marín non só non se preocupa de protexer os espazos ambientais catalogados, senón que, evidenciando algunha especie de conducta patolóxica, incomprensiblemente quere mutilar os espazos protexidos do Concello. Por iso DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) apela á tutela da Xunta e da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para que non consinta que o Concello de Marín se desprenda e prescinda dunha das súas áreas de maior valor paisaxístico, natural e ambiental: o Monte Pornedo (Pituco), o balcón da ría, o telón de fondo dunha vila que sacrificou parte da súa beiramar a prol do desenvolvemento económico e empresarial baseado na actividade portuaria.

O actual Goberno local de Marín non está capacitado para velar polos seus espazos naturais, entre os que o Monte Pituco é o punto de partida dos Montes do Morrazo. Non se lle pode confiar a este Goberno local a delimitación das áreas “con especiais valores naturais e necesitadas de protección”, como a Xunta agarda que faga o Concello de Marín a través do PXOM. Un PXOM que lle foi devolto ao Goberno local pola propia Administración autonómica ante as deficiencias que presenta. Un PXOM cuxo Informe de Sostibilidade Ambiental avala a alta intervisibilidade do Monte Pornedo, a súa nula capacidade para acoller infraestruturas urbanísticas de tipo residencial ou industrial, o seu evidente interese urbanístico.

…Cómpre non esquecer que a Xunta puxo reparos ao proxecto do Concello de Marín para instalar un polígono no Monte Pornedo (Pituco), argumentando que hai que facer “unha avaliación de impacto ambiental específica para esa zona”.

Ver artigo de abril titulado RELATIVAS BOAS NOVAS.

Por iso, máis ca nunca, DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) obsrvará con lupa todas as manobras do Concello, dentro do posible, dada a pouca transparencia coa que actúa o Goberno local. E seguirá reivindicando ante a Xunta de Galicia o recoñecemento e a posta en valor que merece esta zona fronte ao desprezo e o autoodio que exercen sobre ela o PSOE e o BNG de Marín.


Responses

  1. Ola,
    Noraboa. Creo que é un éxito. Atenderon parte das alegacións. Que vendo como decide a clase política as cousas….., é un avance, e non pequeno.
    Moi bo traballo o que fixéches e o resto de grupos e particulares: o CN, Lukas Santiago, Almuinha, e todos os demais neste traballo sobre Castiñeiras e Montes do Morrazo.
    Apertas,

    • Grazas pola visita e polo comentario. Cómpre seguir en garda. Sempre. E máis pola nefasta actitude do Goberno local de Marín. Seguimos denunciando a actitude antiecolóxica e antisostible, prodestructiva e procontaminante do Concello, ao pretender a desafección do Monte Pituco do seu contorno natural no ámbito dos Montes do Morrazo. Non lle imos consentir que avoguen polo deterioro deste espazo para xustificar a súa exclusión desa área protexida. Resulta repulsivo que un Concello sacrifique un dos poucos “espazos protexidos” dos que dispón para convertilo nin máis nin menos que nun polígono industrial, habendo outras posibilidades, pero negándose a valoralas. É pasar dun polo a outro completamente oposto: Monte Pituco, de espazo protexido a espazo industrial… É que semellante barbarie só cabe en cabezas cadradas!


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: