Certamente, algo impresionados estamos: a catro columnas, con foto e despece. Que o blogue DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) ocupe “espontaneamente” case unha páxina local no Diario de Pontevedra, prodúcenos unha mestura de agradecemento pola difusión, de sorpresa polo inesperado da cobertura informativa, e de vértixe pola cantidade de lectores aos que chegue a información. Mais non podemos suscribir o contido do artigo na súa totalidade.
…Sobre todo cando, ao referirse ao PXOM, lemos: “El Plan de Ordenación de Marín dejó al descubierto el Monte Pituco desde que la Corporación Municipal acordara incluir este espacio como una de las zonas candidatas a albergar el necesitado polígono industrial de Marín. El documento va en contra de los intereses de estos vecinos, aunque supone un beneficio para todos los demás…”.
Discrepamos desa afirmación, entre outras cousas, porque non é un dato obxectivo, senón unha opinión ou, en todo caso, unha valoración que non foi contrastada. DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) non está en contra de que Marín se dote dun planeamento urbanístico, nin pretende perxudicar os marinenses que estean agardando a aprobación do plan, como se podería extrapolar perigosamente da lectura desa frase. Este colectivo unicamente rexeita que o monte Pornedo sexa a opción -a única opción- contemplada polo Goberno local de Marín para instalar un polígono industrial, por máis que os datos técnicos incuestionables que vimos expoñendo dende hai tempo desaconsellen por completo semellante plantexamento.
Tampouco se podería dicir que nos vexamos desatendidos ou abandoados polo Concello. Para sentirse desatendidos ou abandoados no sentido literal desas palabras suponse que houbera unha atención previa ou un acompañamento anterior, cousa que nunca sucedeu porque o alcalde de Marín nunca nos recibiu, nin nos escoitou, nin contestou as nosas comunicacións formais. En todo caso, somos ignorados, ninguneados e desprezados polo rexedor municipal. A asistencia dos veciños aos plenos, trátese ou non na orde do día a problemática encol do posible polígono no Pornedo, é para visibilizar o rexeitamento deste colectivo social a ese proxecto nesa ubicación, e para reclamar de xeito presencial que o Goberno local respecte esa reivindicación lexítima e, como tal, dialogue cos seus promotores.
Tanto o blogue DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) como o perfil e a páxina na rede social Facebook son canles de comunicación para verbalizar a problemática que o Goberno local de Marín se nega a abordar co colectivo; ferramentas de contacto con outros moitos veciños sensibles co patrimonio natural e patrimonial do monte que tamén se opoñen á súa destrucción; e vehículos de participación social fronte á imposibilidade de facernos oír porque, por exemplo, o Concello non permite que os cidadáns poidamos intervir no Consistorio.
E así, con esforzo, imaxinación e reflexión, creando sinerxias con outros colectivos do ámbito marinense ou comarcal cos que compartimos inquedanzas, loitamos pola posta en valor do Monte Pituco (Pornedo, na súa denominación tradicional) e apostamos por integralo no proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Ogallá, furando, furando, a base de argumentos sólidos e da receptividade necesaria das Administracións e das entidades das que depende que isto sexa unha realidade, logremos que o Concello ou o Goberto autonómico valoren outra alternativa menos perxudicial para a instalación dun posible polígono industrial en Marín, e que esta “espada de Damocles” que pesa inxustamente sobre o Monte Pituco se torne nunha oportunidade para a cultura, para o lecer e para o turismo en beneficio dos marinenses.
Deixar unha resposta