Publicado por: MontePituco | 03/12/2010

ESTATUTOS DA COMUNIDADE DE MONTES (II)

Artigo 6º.- Os montes veciñais en man común e a súa inabienabilidade poderán ser obxecto de cesión temporal, en todo ou en parte, a título oneroso ou gratuito, para obras, instalacións, explotacións de diversa índole, servizos e outros fins que redunden de modo principal no beneficio principal da Comunidade de Veciños. (…) A cesión poderá ser por tempo indefinido en favor de calquera das administracións públicas cando sexa destinada en favor de equipamentos da propia Comunidade, en tanto se manteña o fin para o que foi feita a cesión.

Que sensación de indefensión ante un documento que só cabe interpretar dende o punto de vista do “sentidiño” común. Que perigo tan grande e canta impotencia se sente ante unha xunta rectora na que non se pode confiar, que dá mostras constantes de de arbitrariedade, de actuar cuns intereses predefinidos.

Seica o monte se pode ceder temporalmente. É o caso da parcela que se habilitou para que os afeccionados ao motocross practicaran nun espazo determinado en vez de facelo nun lugar inapropiado, como o Alto do Pornedo. Por certo: os comuneiros non temos constancia das condicións nas que se efectuou esa cesión, dos metros cadrados dispostos para ese fin, das implicacións que conleva… Está por escrito ou arranxouse o acordo verbalmente? A información brilla pola súa ausencia. Non se fan reunións abertas á comunidade no seu conxunto para tratar estas cuestións. Non se pon información nos taboleiros. Todo canto se decide é no “petit comité” da directiva: se es amiguiño, se frecuentas o seu bar e se te refregas nese contexto, entéraste; se non, a dúas velas.

De todos modos, a pretensión da xunta rectora de permitir a instalación dun polígono industrial no Pornedo non podería xustificarse por este artigo, porque unha infraestrutura dese tipo non sería temporal, senón permanente. O terreo que se dispoña para instalar naves empresariais, viais asfaltados, subestación eléctrica ou depuradora para que conte cos servizos básicos de funcionamento, e todo canto conleve a maiores, queda alterado para sempre. É unha decisión que non ten volta de folla nin marcha atrás. Un polígono industrial con data de caducidade sería inviable e acarrearía moitos problemas á hora de renovar ou rescatar a concesión. Para mostra, o conflicto a propósito do complexo industrial de Lourizán no que se ubican Ence e mais Elnosa.

Artigo 7º. – 1. Os montes veciñais só poderán ser obxecto de expropiación forzosa impoñerlles servidumes por causa de utilidade pública ou interese social prevalecentes aos dos propios montes veciñais.

…Xa estamos coa perífrase de moda: “por causa de utilidade pública”. Quen se arroga a función de determinar o significado e a aplicación desas palabras? Acaso o ladrillo, o formigón, o pichi e todo canto vaia asociado á construcción é de interese social? Por que non se considera de interese social a protección dos bens naturais e patrimoniais, a saúde e a calidade de vida dos veciños? Por que unha comunidade de montes ten que prescindir para sempre da explotación duns recursos forestais que se poden renovar ilimitadamente a cambio dunha cantidade económica finita?

Artigo 7º.- 2. O importe das cantidades abonadas pola expropiación ou servidume deberase destinar á mellora do monte, ao establecemento de obras ou servizos de interese xeral da Comunidade de Veciños propietarios ou, na súa imposibilidade, repartilo entre os comuneiros de acordo dacordo co que estea previsto nos Estatutos ou co que decida a Comunidade (…)

…Claro. Para que imos investir na mellora do monte, cando a maior parte do monte – unhas 40 inmensas hectáreas- deixa de existir. Se, total, non queda moito máis espazo no que aproveitar eses cartos. Para eso, dirán os directivos, ese apetitoso maná está moito mellor no peto. Con ese argumento do diñeiro contante e sonante é doado convencer á maioría, máxime na época actual de estreitez económica, cando a ninguén lle vén mal embolsar un pico que lle faga avío nun momento de necesidade.

Na súa estreitez de miras e na súa codicia extrema, os directivos non se decatan de que a riqueza non é o terreo en si mesmo, senón o seu potencial produtivo que durante séculos foi o medio de vida das xeracións pasadas e que, nesta fase de crise estaría chamado a ser o revulsivo das xeracións presentes e futuras: industria forestal, silvicultura, turismo… Compórtanse coma especuladores baratos, poñendo prezo a un monte que non se pode cuantificar en termos económicos.

Artigo 8º.- 1. A Comunidade de Veciños propietarios poderá establecer dereitos de superficie con destino a instalacións ou edificacións cun prazo máximo de 30 anos, ou a cultivos agrícolas de 10 anos, pasando a ela, sen ningunha indemnización, ao caducar dito dereito da propiedade de todo o edificado, instalado ou prantado. (…)

A construción dun polígono industrial non se pode contemplar a 30 anos vista, que é tanto como pode durar a vida laboral dunha persoa. Imos sacrificar todo un monte para darlle oportunidades profesionais a unha soa xeración de veciños e veciñas? Non. Un polígono industrial ten que deseñarse para ter unha “vida” moito máis longa, debe ofrecer posibilidades de crecemento. Cara a onde crecería un polígono industrial que ocupara dende o Pituco e ata máis aló? Lourizán e Salcedo? Imposible porque esas comunidades non están dispostas a condenar o seu monte. Arrasamos a lagoa de Castiñeiras, daquela?

Artigo 9º.- (…) Cando razóns de interese social das Comunidades de Veciños así o aconsellen, poderán estas, dándolle conta ao Xurado Provincial de Clasificación, permutar terreos veciñais en man común por outros terreos limítrofes que sexan de valor similar.

Que terreos podería permutar San Xulián, se dun lado limita co Concello de Pontevedra e a parroquia linda inmediatamente co casco urbano? Non hai extensión abondo grande en ningures para compensar a perda irreversible que suporía prescindir de 300.000 ou 400.000 metros cadrados de monte comunal.

Nos próximos días seguiremos debullando os contidos deste documento. Desta maneira dosificamos a información e garantimos que cada capítulo se analice de xeito particular. Ao final, o documento completo poderase descargar neste mesmo blogue, nun apartado “ad hoc” para que quede a disposición de calquera usuario. Agradécese a participación de calquera comuneiro/a ou veciño/a que dispoña de información sobre os Estatutos da Comunidade de Montes de San Xulián ou da súa reforma, se algunha vez se chegou a facer algún cambio neles.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: