Publicado por: MontePituco | 05/12/2010

UN MES DESPOIS, AÍ SEGUE, QUE VERGOÑA!

Ponte da Constitución, unha mañá de cans, cun vento endiañado que fai que as pingas de chuva caian coma micro-proxectís. Imos ao monte!

…Imos ao monte porque cómpre constatar que xusto un mes despois de ter denunciado a presenza dun coche completamente calcinado no alto de Pornedo, aí seguen os restos do vehículo, máis enferruxados e máis reventados: movido do sitio no que apareceu abandoado, sen as chapas do teito e do capó…

O pasado 4 de novembro, faciamos esta queixa: ROUBADO EN VIGO.

Que tivo certa repercusión nas páxinas da prensa local: O ECO MEDIÁTICO DA DENUNCIA.

E só se nos ocorren tres palabras para describir esta situación: PERIGO. INDIGNACIÓN. NEGLIXENCIA.

Perigo porque esta cacharrada non debería estar aí, en pleno monte. É un foco de contaminación, unha ameaza para a fauna, un risco para calquera que vaia meter o nariz e acabe feríndose do xeito máis peregrino.

Indignación porque se denunciou o caso ante o Seprona e ante a Xunta, notificóuselle á Concellería de Medio Ambiente de Marín, e tamén á Comunidade de Montes de San Xulián como entidade propietaria do terreo. E non se fixo nada para retiralo! Estarán agardando a que se desintegre espontaneamente?

Neglixencia porque o Concello e a xunta rectora da Comunidade, aos que lles corresponde asumir ese papel, desatenden as súas obrigas. A súa actitude é irresponsable, demostra a súa desidia e o seu desinterese por velar polo mantemento dun espazo tan digno coma calquera outro do noso termo municipal.

Cando este pasado verán DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) se dirixía á Concellería de Medio Ambiente para ofrecerlle a modesta colaboración dos veciños na supresión das escombreiras que pululan polo monte, a resposta chegou en menos do que canta un galo: que cando quixeramos, que só tiñamos que poñer día e lugar, que o resto corría da súa conta. Finalmente, as obrigas laborais e personais duns e doutros e as complicacións para cadrar unha data cun certo quórum impediron que fructificara esa acción voluntaria nun colectivo que aínda non estaba moi organizado, pero o Concello tampouco volveu dar sinais de vida.

Pero desta vez a concelleira Pilar Blanco non se dignou nin en contestar o escrito no que se lle daba conta desta incidencia. Moito certificado EMAS para as praias, pero o monte non está na súa axenda de prioridades. PARA O CONCELLO DE MARÍN, O MONTE É O PATIO DE ATRÁS. Tralo nefasto resultado da xestión municipal no episodio do cachalote que deu en soterrar na area da propia praia na que varou, para que un temporal acabara destapando o cadáver meses despois, o simple esquelete queimado dun coche debeulle parecer unha proba dificilmente superable. Con que complexa fórmula química podería conseguir uns pós máxicos que aceleraran a corrosión? Que exótica especie de formigas podería ceibar no Pornedo para que acabaran por destartalar coas súas tenaces tanta ferralla?

A Comunidade de Montes non é menos culpable. Cando o Seprona contactou cos directivos non foi para darlles unha palmadiña de campeóns nas costas, senón para que puxeran as pilas e adoptaran as medidas oportunas. Lonxe diso, o único que fixeron foi criticar que DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) advertira publicamente nos medios deste desagradable achado. Cómpre pedirlles que, por favor, relean a pancarta que teñen gardada nalgún recuncho poirento da Casa de Montes e que pon “San Xulián en defensa dos nosos montes”. Que actúen en consecuencia se non queren seguir demostrando a súa inoperancia, a súa deixadez e a súa irresponsabilidade. O MONTE NON É UNHA CHATARRARÍA.

Por iso, insistimos: PERIGO, INDIGNACIÓN e NEGLIXENCIA, que se resumen nunha soa e verdadeira: VERGOÑA.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: