Publicado por: MontePituco | 26/11/2010

SOBRE A PERIGOSA LEI DE ACOMPAÑAMENTO

O mes pasado trascendía que a Xunta se vai dotar de capacidade administrativa e, por tanto, legal, para “desprotexer” espazos naturais “susceptibles” de albergar algún tipo de obra de infraestrutura coa mal chamada, subxectiva e arbitraria excusa do “interese xeral”. No blogue DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) xa se alertaba dos riscos que conleva esta medida do Goberno galego:

TAMÉN DICIMOS NON

O Colectivo Nacionalista de Marín volve sobre esta advertencia para que todos os veciños e veciñas esteamos alerta, coa mosca trala orella. Non é para menos, co secretismo polo que se caracterizan este tipo de tramitacións que afectan a bens particulares ou a espazos naturais. Para evitar polémicas e mobilizacións, os afectados atópanse practicamente da noite para a mañá que a carón da súa vivenda, ouo directamente enriba dela, se vai instalar un polígono industrial, un parque eólico, unha planta de compostaxe… Cero capacidade de reacción, cero resistencia, cero protesta. Eso queren os políticos: veciños mansos e dóciles, desinformados e manipulables.

Por iso loubamos a oportunidade do comunicado difundido polo Colectivo Nacionalista de Marín. Que rule!

A REFORMA DA LEI DO SOLO ABRE O CAMIÑO A NOVOS PARQUES INDUSTRIAIS EN MARÍN

No debate dos orzamentos para o 2011 da Xunta de Galiza, no Parlamento galego, o Partido Popular presentou unha Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, coñecida como Lei de Acompañamento. Con esta proposta, o PP pretende a modificación dun número importante de leis, entre elas a Lei de Ordenación Urbanística (coñecida como Lei do Solo), abrindo así a porta á total desprotección do territorio de Galiza.

A modificación da Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística proposta nesta Lei de Acompañamento supón que en solo rústico protexido, tanto agropecuario como forestal, se poidan instalar infraestruturas, dotacións e instalacións de calquera tipo sempre que a causa sexa a “utilidade pública ou o interese social”.

Esta modificación preséntase como un método para arranxar a ilegalidade do polígono industrial onde pretende instalarse Mitsubitsi, mais na práctica vai supoñer que os concellos teñan liberdade para autorizar instalacións industriais, mineiras ou doutro tipo en solos de protección agropecuaria ou forestal sen ningún tipo de limitación.

En Marín ábrese de novo a posibilidade de colocar un parque industrial na Brea, ou noutras localizacións xa rexeitadas, o que pode traer máis conflitividade social ao noso pobo se desde o Concello se amparan nesta modificación da normativa para retomar estes proxectos. Se a isto lle sumamos que as Directrices de Ordenación do Territorio redactadas este ano pola Xunta deixaban sen protección espazos como os Montes do Morrazo e a Lagoa de Castiñeiras, podemos ver os nosos montes cheos de parques industriais ou de parques eólicos.

O Partido Popular está usando a Xunta para POÑER Á VENDA Galiza. A esta modificación da Lei do Solo hai que lle sumar a recente aprobación da Lei de Augas, as Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan de Ordenación do Litoral ou a privatización dos servizos públicos, especialmente da sanidade, cos novos proxectos de hospitais e centros de saúde.

A Lei de Augas vai facer que paguemos polo sinxelo feito de ter auga independentemente de se a infraestrutura é pública ou dos usuarios. Ábrese a posibilidade de comercializar e vender os dereitos sobre a auga e, polo tanto, a futura privatización dun ben público e necesario para a vida das persoas e para o uso agrícola.

Coas Directrices de Ordenación do Territorio e o Plano de Ordenación do Litoral pretenden eliminar calquera protección nas zonas con maior interese especulativo como o litoral ou permitindo a instalación de explotacións mineiras en zonas protexidas e integradas na Rede Natura. Como xa denunciamos, nestas directrices desaparece a protección de Cotorredondo, da lagoa de Castiñeiras, e dos Montes do Morrazo. A urbanización do litoral atenta directamente contra a actividade pesqueira e marisqueira, incompatíbel co urbanismo salvaxe da costa e dos portos deportivos.

A privatización dos servizos públicos é unha das prioridades do Sr. Feijóo que, máis que un presidente, parece un comercial disposto a vender Galiza ao mellor postor. Esta política vai hipotecar o futuro de todos os galegos e galegas durante moitos anos e porá en mans de grandes empresas a asistencia sanitaria, os comedores escolares, a atención ás persoas maiores, etc.

Todas estas medidas supoñen unha ameaza para Marín, e para Galiza. Non van mellorar o noso modo de vida, nin o económico, nin o medio ambiental; van supoñer unha degradación sen precedentes do territorio, coa perda de postos de traballo no agro e no mar, e a diminución do turismo, que non virá ver muíños de vento e parques industriais.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: