Publicado por: MontePituco | 29/11/2010

EN CULTURGAL

Demos unha volta por Culturgal, que vén de celebrarse en Pontevedra. Nun dos debates abertos que se organizaban a pé de pasillo, uns mozos viñan dicindo algo así como que nesta Feira das Industrias Culturais eran todos os que estaban, mais non estaban todos os que son. Por falta de espazo, de tempo ou de convocatoria: o concepto de cultura é difuso. E mentres un “río” de xente percorría os stands de Culturgal, unha “marea” humana dirixíase ao estadio de Pasarón para asistir ao partido de fútbol.

…Falando de “difuso”: entre o moito que ver, que tocar e que escoitar na oferta editorial desta feira, chamounos a atención un libro de 216 páxinas que se titula “Feísmo? Destruír un país (A fin do territorio humanizado: un novo intracolonialismo)” e que foi publicado polo selo ourensán Difusora de Letras, Artes e Ideas no ano 2006. Trátase dunha obra colectiva na que participan políticos, escritores, xornalistas e profesionais do urbanismo e compleméntase con 800 fotografías tomadas por Alba Vázquez Carpentier. O libro, que foi financiado pola Consellería de Vivenda e Solo de antano, o Colexio de Arquitectos de Galicia e a empresa construtora Otero Pombo, foi galardoada co Premio Irmandade do Libro en 2006 e finalista dos Premios da Edición que convocaba ese mesmo ano a Asociación Galega de Editores.

Na ficha do libro que figura na páxina web de Difusora  de Letras, Artes e Ideas, figura o seguinte resume:

Que é realmente o feísmo, de onde vén e até onde chegan as súas consecuencias? Hai moitos feísmos diferentes? É un fenómeno único ou multipolar? Despréndese dunha situación socio-política? Aliméntase de orografías imposíbeis? Pódese rastrexar historicamente? É endémico ou inducido? Coñecemos outras sociedades que o padezan? Debe chamarse feísmo? Todas estas preguntas e outras moitas foron tratadas no Foro do Feísmo, nunha tentativa de reflexionar sobre o problema na súa magnitude, para avaliar o «estado da cuestión».

Este volume ábrese co resultado dun traballo de campo con fotografías a cargo de Alba Vázquez Carpentier sobre a situación do noso territorio, con imaxes tomadas en diversos lugares de Galiza, agrupadas tematicamente, coa intención de ofrecer distintos modelos de paisaxe existentes no país e distintos graos e modos de entender o chamado feísmo.

A segunda parte do libro constitúena as contribucións de cada un dos participantes no Foro do Feísmo, así como a transcrición dos debates xerados nel. Déixase constancia así de máis de once horas dun interesantísimo intercambio de ideas que supón un primeiro paso na análise das agresións ao territorio no noso país.

Velaquí un motivo que xustifica a existencia de DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) contra o polígono industrial: intentar evitar unha agresión irreparable á paisaxe, un atentado mortal contra o medio ambiente, un erro técnico que atacará a moi alta intervisibilidade deste terreo, un caso incomensurable de feísmo. Unha lectura que lle recomendaremos especialmente ao BNG de Marín, a respecto das valoracións que fai a ex-conselleira nacionalista Teresa Táboas neste libro, ou o propio Beiras, a pesar de todo. Por se acaso en catro anos a mentalidade dos políticos fora cambiar tanto, velaquí está a proba impresa de que hai palabras que non as leva o vento.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: