Publicado por: MontePituco | 09/12/2010

O SEPRONA, PENDENTE DO COCHE QUEIMADO

Adicámoslle este artigo ao Seprona de Cangas, en agradecemento pola atención coa que está a tratar as queixas que DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) vén interpoñendo polas deficiencias que presenta o monte a nivel ambiental. Nunha ocasión foi pola proliferación de verquidos incontrolados: rexistramos un escrito perante a Subdelegación do Goberno e, ao pouco, contactaron connosco para inspeccionar a zona, tomar fotografías dos principais focos de lixo e elaborar un informe que se lle remitiría á Xunta para que, á súa vez lle notificara ao Concello a súa obriga de velar polo bo mantemento destes terreos.

Aconteceu o pasado mes de xullo e así o contamos neste blogue: O SEPRONA, NO PITUCO.

Ademais de denunciar o abandono impune de cascallos, naquela ocasión aproveitamos para expoñerlles ao axentes outras problemáticas: os cabalos ceibes maltratados e limitados na súa mobilidade con pexas e trancas, a erosión de determinados espazos afectados pola práctica de pilotos de vehículos a motor, o risco de incendios pola abundancia de maleza e de especies pirófitas.

As nosas vivendas lindan co monte, a nosa nenez transcorreu nese espazo natural e non queremos vivir de costas ao Monte Pornedo. Velamos polo seu presente e porfiamos para que teña futuro, fronte á deixadez da Comunidade de Montes e malia o desprezo por parte do Goberno local.

Por iso lle agradecemos ao Seprona que, tamén nesta ocasión, con motivo de terlle alertado da existencia dun coche queimado no alto do Pornedo, volvera tratar con interese este novo tema, compartira o resultado dalgunhas das súas pescudas e marcara os obxectivos das súas xestións co propietario do vehículo abandoado, ao que lle corresponde proceder á retirada dos restos, e para o que conta cun prazo duns días antes de que os axentes decidan efectuar unha denuncia formal.

Para o titular do turismo mesmo é unha situación inxusta: roubáronlle o coche, prendéronlle lume e deixáronllo no medio da “nada”. E por riba de ser víctima dun acto delictivo, tense que responsabilizar da faena, cos gastos que lle poida conlevar. Como veciños solidarizámonos con esta persoa pero non podemos mirar para outro lado e facer a vista gorda, dándolle cancha aos desaprensivos incívicos que cren que o monte é unha chatarraría, un desguace ou unha escombreira.

“…Estamos en ello!”, dicía o axente ao outro lado do teléfono. E nós tamén, sempre vixiantes e reivindicativos.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: