
Os segundos venres de cada mes están marcados no calendario co estigma da tortura física e psicolóxica. Ese aciago día citámonos no salón de plenos do Concello: dun lado os políticos “de sempre” e doutro, os veciños “de sempre”. A diferenza entre ámbolos bandos está en que os primeiros cobran e os segundos pagámoslles. Hai máis distincións, pero todas veñen sendo desfavorables aos sufridos contribuíntes e tampouco é plan de afondar nun síndrome pleno-depresivo. O caso é que resulta moi complicado convencer aos veciños para que adiquen dúas horas ao mes do seu tempo en asistir a esta sesión. Despois de ter ido a un par delas, quen máis quen menos aplica unha das frases que popularizou un famoso dúo de humoristas: “Ir p’a na es tontería”. Quedamos un grupo de incondicionais que, vencendo a náusea e a vergoña allea, e sempre que non nolo impiden as obrigas laborais ou domésticas, sentamos pacientemente lucindo a nosa camiseta modelo “Defende o Monte Pituco (Pornedo)” e os nosos modestos carteis a prol da protección ambiental da zona e en contra do polígono industrial.
Van xa varios plenos nos que o concelleiro popular Francisco Casal, presidente da comunidade de montes de San Xulián, non ocupa o seu posto. Ou é un home moi ocupado e lle resbala a asignación económica que lle correspondería pola asistencia, ou pasa xa olimpicamente dos devaneos da política municipal ante a hipotética perspectiva de non figurar nos postos de saída da lista electoral que se debe estar cociñando a estas alturas (se non está xa cociñada). Podiamos dicir que é o único representante da parroquia na Corporación, pero estariamos obviando a figura de Esther Crespo. Mais, tendo en conta que a concelleira nacionalista de Cultura está de corpo presente e alma ausente, porque non abre a boca máis que para beber grolos de auga e porque a súa participación limítase a erguer a manciña imitando o xesto dos seus correlixionarios, digamos que a representación veciñal brilla pola súa máis absoluta, contundente e decepcionante ausencia, independentemente do signo político.
E así estamos, cun feixe de notas manuscritas sobre o tratamento que se lle deu a cada punto da orde do día, ás mocións, aos rogos e ás preguntas. Que se cadra é o máis irrelevante porque ás veces o chamativo non está nas peroratas discursivas, senón na linguaxe non verbal, que non se pode captar de todo mentres un está pendente de anotar frases, datos e farfulladas. Aínda así, mentres a man escribe o que a orella escoita, vemos de esguello as caras e os xestos, que ás veces din moito máis que as propias palabras. Por iso un dos próximos capítulos será para dar conta das risiñas cínicas e despectivas do alcalde, das olladas de ira fulminante que dispara a recén estreada tenente alcalde contra quen ousa interrumpir no máis mínimo as súas estelares intervencións, do rictus despreocupado dun veterano Muradas que aparenta ter o control da situación, do aire de superioridade co que Vilaboa agarda o seu momento para abouxar a todo becho vivente coa lección que lle levou un día enteiro aprender de carretilla. Da oposición tamén se podería falar, mais abondo temos con aturar o equipo de goberno.
Aprobouse por unanimidade unha proposta para instalar reductores de velocidade nalgunhas rúas de Marín. Deixou moito que desexar a actitude de Muradas chorando os cartos investidos en rebaixar os bordes das aceras para eliminar barreiras arquitectónicas, pero axiña Miguel Suárez Briones o puxo no seu sitio contestando que “calquera gasto é pequeno se con el se evita a morte dunha persoa”. É que os hai que están no mundo para facer bulto…
Logo soltaron un par de rollos técnicos para acabar aprobando, tamén por unanimidade, unhas correccións en dúas ordenanzas municipais relativas á área de xestión do BNG; unha delas é a ordenanza sobre a tenza de animais que, precisamente, se aprobou hai moi pouco tempo. E non sería mellor que as ordenanzas se fixeran ben dende un principio para non ter que andar despois remendándolles as “incoherencias” (tal foi a palabra que pronunciou a propia Pilar Blanco)?
E tocoulle entón ao asunto máis espiñento da velada dialecto-puxilística que, ata ese momento, non tivera nin chicha nin limoná: a proposta do PP para que Marín se adhira á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística. Manuel Santos queixouse amargamente de que este tema se presentara en xuño e que nestes catro meses o Concello non fixera nin un só informe técnico nin xurídico sobre a posibilidade de cederlle certas competencias urbanísticas a ese organismo. Argumentou o concelleiro popular que a oficina de urbanismo e medioambiente vén actuando como un “goberno paralelo”, que a posta en marcha desta oficina foi “un capricho caro consentido polo alcalde”, que malia que os técnicos avaliaron cun “cero patatero” a accesibilidade das instalacións os responsables municipais seguiron “tan panchos”, e que por alí circula “como perico por su casa” un incontable trasego de asesores, asistentes e colaboradores. Tamén culpou ao alcalde e a José María Vilaboa da falta de persoal motivada por baixas laborais, renuncias, idas, voltas e reviravoltas dos funcionarios que atenden este departamento do que criticou a súa “nefasta” xestión por parte do concelleiro nacionalista. Chúpate esa!

Entón foi cando Vilaboa axustou ben a cinta dos seus lentes arredor da cabeza, ergueu ben o pescozo e comezou a botar ladrillo, nunca mellor dito tratándose do edil de urbanismo: porque “non se pode encender o ventilador e salpicar a todo o mundo”, porque Lei do Solo por aquí e Normas Subsidiarias por alá, e porque dende o defunto alcalde e concelleiro socialista Xosé Manuel Pierres ata a actualidade houbo tantos e cuantos expedentes tramitados… que a pouco máis, podiámonos ter remontado ás directices urbanísticas da época castrexa para facer mámoas e petroglifos como os do Monte Pornedo. Total, que a culpa non foi do cha-cha-chá, senón da Xunta, que ten a competencia urbanística sobre o 85% do territorio municipal cualificado como terreo rústico. En canto ao cadro de persoal da oficina, entre a baixa por embarazo xemelar dunha, a enfermidade doutra, un que oposita para a Administración autonómica, outro que marcha por motivos personais, e o que Vilaboa deu en chamar “miseria” para referirse ao trato que se dispensan outros dous, eu non daría un peso por traballar aí -deus me libre- por moi mal que estea o mercado laboral. Por iso o concelleiro virou o discurso, acendeu o seu propio ventilador e, trucando contra os populares, aludiu aos proxectos frustrados do centro de saúde, do auditorio, do soterramento da avenida, disto e máis do outro. Porque claro, seguindo a teoría de Vilaboa, o mérito dos logros é para o equipo de goberno e a culpa dos fracasos é da oposición…
“…Si quiere hablamos del sexo de los ángeles”, respondeulle Manuel Santos, algo contrariado por teren saído a colación outros asuntos que non viñan a conto. De feito, un dos perigos máis temidos polo sufrido público que asiste aos plenos é que os membros da Corporación entre no debate por alusións. Escoitar a palabra “alusións” e sentir un calambre pola espiña dorsal, é todo un, sinal de que o pleno se pode eternizar ata límites soporíferos e de dubidoso nivel intelectual.
Santos seguiu insistindo no “caos” e no “descontrol”, responsabilizando o concelleiro de urbanismo da desaparición de papeis e suxeríndolle “contratar asesores para asesorar sobre cómo coordinar a los asesores”. E continuou Suárez Briones -coa ironía que o caracteriza- insinuando que o alcalde se estaba contaxiando da influencia marxista dos seus socios de goberno. Francisco Veiga non debía estar preparado intelectualmente para responder a semellante desafío conceptual, que só atinou a soltar o discurso que tiña preparado para a ocasión: que a moción do PP era “política”, que a xestión urbanística en Marín non se parecía á de Murcia e Boadilla (demostrando así que segue a prensa nacional e que está ao tanto dos casos de corrupción destapados en ámbolos municipios de goberno popular) e que votos a favor 11, en contra 9. En resume, e dito vulgarmente… a rañala!.
Mocións de urxencia… bla-bla-bla.
Interpelacións (dous puntos): Toma a palabra Suárez Briones para cuestionar o posicionamento do alcalde sobre o proxecto de construcción do novo centro de saúde e en relación á participación do Concello de Marín na Plataforma a prol da Sanidade Pública. Ao concelleiro independente chamáranlle a atención, acertadamente, unhas declaracións do alcalde nas que eludía valorar a fórmula de financiación das obras mentres que a xestión fora pública. Suárez Briones reclamoulle o carácter público tanto do investimento como da prestación do servizo. Pero resultou que o alcalde xa levaba a lección aprendida porque o día anterior participara nunha xuntanza da plataforma de marras e aproveitou o pleno para cascar de pé a pa todo o que dixo na rolda de prensa posterior a esa reunión o doutor e voceiro dese colectivo, Manuel Martín. Outro ladrillo de discurso, tan politicamente correcto que a piques estivemos de chorar da emoción: “…Teño que mirar polos intereses dos veciños indepentendemente dos partidos”, “…Por riba de todo están os veciños”, “…Hai que darlle cariño á sanidade”. Snif, snif.
Rogos e preguntas: o PP pregunta algo sobre deportes pero o novo concelleiro do ramo está aínda moi verde, fala para o pescozo da camisa e non se lle entende nada: Bla-bla-bla.
…Un socavón en Troncoso-San Tomé: Bla-bla-bla.
…O estado dos viais que saen da circunvalación en Seixo: Bla-bla-bla.
…Sobre as inundacións na rúa Calzada: que hoxe pola mañá hai unha reunión cos veciños.
…Sobre unhas obras de saneamento na Grela-San Xulián: a concelleira de Medio Ambiente responde sacando un tocho que, máis que un expedente, semella unha arma arreboladiza. Ou foi o libraco que sacou para contestar á pregunta sobre a situación dunha canalización en Ardán? Tanto ten. Pilar Blanco, sempre tan ben documentada con papeis cos que podería envolver por dentro, por fóra e polos lados a oficina de urbanismo, a Casa Consistorial e a casa da Veiguiña xuntas, aínda que a medida non fora moi recomendable dende o punto de vista medioambiental.
…Falando do rei de Roma: Suárez Briones pregunta sobre unha denuncia por presunta infracción urbanística en Seixo pola apertura dunha fiestra (ver blog de BreaSeixo). José María Vilaboa bufa. Suárez Briones re-pregunta polo expedente de infracción urbanística denunciado na casa da Veiguiña. José María Vilaboa re-bufa. O sempiterno e animado debate encol da casa da Veiguiña é a salsa de (case) todos os plenos. Ogallá a historia chegara a oídos de Pedro Almodóvar para rodar un drama; tamén nos valería unha película de humor dirixida por Santiago Segura. Parte da entrada podiámola destinar a recadar fondos para regallarlle a Vilaboa unhas gafas de aviador, desas de cinta regulable, ás que tan bo uso lle daría a próxima vez que os ventiladores volvan entrar en acción.

Comentarios recentes