Publicado por: MontePituco | 04/10/2010

REPASANDO A HISTORIA DOS SUEVOS

Dende hoxe e ata este venres 8, o Pazo da Cultura de Pontevedra acolle o I Congreso Internacional 1600 anos do Reino Suevo de Galicia. Xa o pasado mes de xullo adiantaramos a súa celebración e, andando o tempo, aquí está o día. Daquela lembrabamos a fonda pegada que deixaron estes pobos xermánicos, aos que lles debemos unha grande herdanza histórica, pois desa época datan figuras tan importantes da nosa organización territorial como as parroquias e o monte veciñal comunal.

O Reino de Galicia xurdiu nun momento indeterminado entre os anos 410 e 411, cando o rei suevo Hermerico e o seu pobo se asentou na provincia romana de Gallaecia, dando pé á fundación dun reino independente do poder de Roma, que perdurou como tal ata o ano 585, cando foi anexionado polo rei Leovixildo ao veciño reino visigodo.

Os 175 anos que durou este periodo histórico, agás excepcións, non foron obxecto de demasiada atención por parte dos investigadores, historiadores e arqueólogos. O descoñecemento que se arrastra débese á carencia de fontes históricas para un longo periodo de tempo e ao carácter sesgado da información existente. Os promotores do Congreso consideran que houbo desconsideración, e mesmo desprezo, por parte de certa historiografía, o que levou a que esteamos ante unha etapa da Historia ignorada pola cidadanía e pouco (e imperfectamente) estudada.

Malia todo, o Reino Suevo foi un periodo fundamental en Galicia: consolidouse e expandiuse o cristianismo, puxéronse os alicerces da organización da Igrexa coa extensión do monacato e a creación de mosteiros, e floreceu unha cultura escrita sen comparación no mundo latino, entre outros logros. Dun tempo a esta parte, fóronse realizando novos estudos e recentes achados arqueolóxicos contribuiron a ir recompoñendo o panorama da cultura material da Antigüidade Tardía e da Idade Media.

Coincidindo co 1600 cabodano da fundación do Reino Suevo de Galicia, este Congreso permitirá reflexionar, compartir, aprender e divulgar coñecemento sobre esta parte da nosa Historia: a crítica historiográfica, as fontes escritas e arqueolóxicas, os métodos de investigación; a etnoxénese do pobo suevo, a monarquía, o dereito político e a administración, as relacións de poder, a diplomacia e as relacións internacionais; a economía e a sociedade, as relacións interétnicas e os conflitos sociais, a territorialidade e o modelo produtivo; a cultura material e espiritual, arte e arquitectura, lingua e literatura; a relixión, entre o paganismo, a ortodoxia e a herexía…

Entre os ponentes atópase un marinense: Xoán Bernárdez Vilar (1936). Mestre e Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Vigo (1995). Activista intelectual, dirixiu diversas publicacións culturais e programas divulgativos sobre a Historia de Galicia en La Voz de Vigo e Radio Ecca. Combina a súa faceta de historiador coa de escritor e novelista, ademais de Académico Correspondente da Real Academia Galega dende 2003. Como investigador publicou diversos traballos centrados na etapa sueva, entre os que destaca unha galardoada monografía e outras obras de traducción de fontes históricas. Entre as súas obras sobre o tema suevo destacan: O comezo da nosa Idade Media. A Gallaecia que se emancipou de Roma (2003), Chronica Hermerici (2004), e Idacio Lémico: Chronica 379-469 (2004).

Publicado por: MontePituco | 02/10/2010

10.000 VISITAS… GRAZAS!!!

Publicado por: MontePituco | 01/10/2010

XORNADAS SOBRE PATRIMONIO

 O Patrimonio arqueolóxico, etnográfico e natural é o eixe central das xornadas audiovisuais que organiza ao longo deste mes de outubro a Asociación Cultural Almuinha. Cada venres a partir das 20:30 horas, e dende hoxe mesmo, proxectarase un documental seguido dunha charla, para ir afondando nos diversos aspectos do noso variado e valioso patrimonio cultural, para alertar sobre as ameazas que poñen en perigo a súa conservación: o descoñecemento, a deixadez, a falta dunha acertada política de xestión, o urbanismo salvaxe, os intereses privados… “Así durante anos fomos testemuñas da destrución de numeroso patrimonio arqueolóxico e natural por culpa de polígonos industriais, autovías, parques eólicos, encoros…”, lamenta Almuinha. E máis que se destruirá -engadimos nós- á vista dos perxudiciais plans de dotación de chan industrial por parte do Concello de Marín.

O documental co que arrincan estas xornadas titúlase Galeg@s universais. Historias do mar”, do arqueólogo e realizador Lukas Santiago quen, neste traballo, homenaxea os homes e mulleres que rebordan sabedoría popular, como portadores dunha cultura tradicional, rural e mariñeira, que está en vías de extinción. O programa continuará en semanas vindeiras cos seguintes títulos:

Venres 8: O Patrimonio arqueolóxico: “O´Neixón, historia viva dun castro”

Venres 15: O Patrimonio natural: “A loita pola luz no Río dos Gafos”

Venres 22: O Patrimonio etnográfico: “O Monte do Seixo, a montaña máxica”

Venres 29: O Patrimonio marinense: O Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

Publicado por: MontePituco | 30/09/2010

…UNHA DE ‘LITORAL’

…Pois aí está a “marabillosa” mancha de azul desteñido que representa o espazo onde o Concello de Marín prevé instalar o polígono industrial. Admiren a súas tupidas curvas de nivel, tomen a pastilla para o mareo se teñen vértigo e agárrense á primeira xesta que atopen na baixada non sexa que esbaren monte abaixo a rebolos…

Hoxe remata o prazo de presentación de alegacións ao Plan de Ordenación do Litoral (POL), ao que o Concello de Marín tamén presentou alegacións. Como tamén as interpuxo a respecto das Directrices de Ordenación do Territorio e, n’ámbolos casos, o “modus operandi” do grupo de Goberno foi cuspidiño: pleno urxente e estraordinario ao canto, catro veciños que pasan por alí nas bancadas para o público, e santas pascuas. Nin afectados dun lado, nin doutro; sen berros, sen protestas, sen reproches veciñais. Así é a política anestesiada e anestesiante: en vea, indolora, incolora, non se ve, non se nota, non traspasa.

E nestas, vén o POL a “morder” un anaco de terreo proxectado para uso industrial. Xusto no Pornedo! Que contrariedade! Que “metomentodo” son estes gobernantes da Xunta! -pensarían Vilaboa (e Veiga?)- que nos veñen mangonear no PXOM! E non é de estrañar que a zona afectada polo POL estea marcada como “espazo de interese”, en plena fachada da ría. Saben o que di o “tocho” do informe oficial da Xunta a respecto de Marín? Ese argumento non estaba no guión de Vilaboa cando ía polas parroquias. Ah, que pola de San Xulián non se deixou caer (que nos conste). Pois di literalmente:

VALORACIÓN DA PAISAXE: A dominante presenza das instalacións portuarias resta atractivo á frente litoral. Non obstante, a estrutura netamente urbana de Marín, su identidade propia e o marco no que se asenta, entre a ría e o pano quebrado de fondo formado polos montes de A Moreira e Pornedo, que permiten a observación do conxunto da área, confírenlle valores paisaxísticos que merecen ser destacados.

Sr. Vilaboa (e Sr. Veiga?), en cantos (moitos) metros cadrados lle reduce o POL a zona de suposto uso industrial? Unha cuarta parte, pode ser? Grazas a vostede, e coa axuda da Xunta, xa temos “master do Universo en urbanismo”. Xa sabemos case tanto coma o técnico de Consultora Galega que resignadamente se pasou estás últimas semanas vendo revoar as moscas no primeiro andar da biblioteca, atendendo os veciños e veciñas que se foron informar da incidencia do POL nas súas propiedades. E dicía o técnico, moi amable por certo (pero algo desconfiado): “…E levo eu ‘nonseicantos’ anos, e aínda non me entero…”

Publicado por: MontePituco | 28/09/2010

MONTE EN FOLGA

Publicado por: MontePituco | 28/09/2010

CARTA AO ALCALDE (OUTRA MÁIS)

Da nosa mellor consideración:

Cumprindo co compromiso que lle transmitimos o pasado mes de xullo, voltamos reiterarlle –e a partir desta data en papel reciclado e/ou reutilizado mentres o Concello non dispoña doutros mecanismos telemáticos de participación cidadá– o noso interese en manter unha breve entrevista con vostede. Dende o pasado mes de xaneiro vimos insistindo no noso dereito como marinenses, como contribuíntes e, a partir de datas próximas tamén como votantes, a coñecer co maior detalle posible cales son os plans do Goberno municipal a respecto da dotación de chan industrial na vila. Un proxecto que parece pasar pola elección do Monte Pituco, tamén coñecido co topónimo tradicional de Pornedo, segundo consta no Plan Xeral de Ordenación Municipal do que o Concello pretende obter aprobación por parte das Administracións de rango superior.

Posto que a Alcaldía vén ignorando reiteradamente as peticións de entrevista que, de forma educada e respectuosa vimos redactando con esforzo e presentando con boa vontade por Rexistro, non podemos menos que cuestionar rotundamente a súa inexplicable falta de diálogo e a súa inxustificable falta de receptividade ás críticas. O menos que pretendemos os veciños de Caeiro, A Pena, Arealonga, Casal, Laxe, Os Bravos e outros núcleos de poboación próximos ao Monte Pituco, é presentarlle as conclusións aos estudos que encargamos os afectados e que custeamos cos nosos propios recursos económicos, que non son nin máis nin menos que os de xente honrada e traballadora, que dun tempo a esta parte se preocupa pola posible destrucción dun espazo natural, dunha fonte de riqueza forestal, dun espazo cun importante potencial turístico e cultural para a parroquia. Velaí as pendentes practicamente insalvables da zona, a abundancia de elementos arqueolóxicos catalogados, a existencia de mananciais naturais que serven dende tempo inmemorial a habitantes e propietarios de terreos próximos e que a bo seguro se perderán irreversiblemente baixo a acción das pás excavadoras e das cargas de dinamita para desmontar o terreo.

Coa súa inamobible cerrazón, dende este colectivo podemos empezar a considerar que o motivo de non sermos benvidos na Casa Consistorial probablemente obedeza a que os argumentos que defendemos están suficientemente avalados dende o punto de vista técnico, administrativo e legal. Non en van, a Guía de Recomendacións Técnicas para o Proxecto Integral de Parques Empresariais de Galicia desaconsella estas instalacións en terreos con desniveis por riba do 15%. Non en van, o Informe de Sostibilidade Ambiental do propio proxecto de PXOM advirte da “capacidade limitante absoluta” do Monte Pituco para acoller urbanizacións de tipo residencial ou industrial. Lonxe de respectar estas obxeccións e, nun acto de discriminación que lle reprochamos amargamente, o Goberno local que vostede dirixe venlle de pedir á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que suprima o Monte Pituco do ámbito de protección que o Concello demanda para os Montes do Morrazo nas Directrices de Ordenación do Territorio.

Así pois, agardamos que o titular da Alcaldía, independentemente da súa consideración desfavorable pola causa que defende este colectivo, exerza a súa función institucional e teña a ben citar a unha delegación da Asociación, polo tempo que estime oportuno, para escoitar os seus plantexamentos a prol da conservación deste monte; para ser invitado a apoiar o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños do que xa son partícipes unha vintena de organizacións sociais, culturais e ambientais da bisbarra; para propoñerlle unha visita á zona, na que se lle amosarían todos os elementos que cómpre revalorizar.

Agardando novamente a súa xenerosa receptividade, despídese atentamente

DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO)

Publicado por: MontePituco | 27/09/2010

ANDAINA POR CASTIÑEIRAS E COTORREDONDO

 

É verdadeiramente incomprensible que as Directrices de Ordenación do Territorio excluiran o parque natural de Castiñeiras e o alto de Cotorredondo do catálogo de espazos protexidos. DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) fomos dos primeiros colectivos en presentar alegacións contra semellante sensentido e fixemos campaña para que entidades e particulares se sumaran non só a reclamar a conservación destes espazos, senón que esa conservación fora extensible aos Montes do Morrazo no seu conxunto: a protección integral dos Montes do Morrazo. Outra actitude máis incomprensible aínda é a que vimos denunciando por parte do Concello de Marín, por pedirlle á Xunta que o Monte Pituco (Pornedo) se exclúa dese ámbito de protección ao que pertence por unidade xeográfica e por dereito.

Suban ao miradoiro de Cotorredondo, dean unha volta ao redor para gozar das marabillosas vistas das rías de Vigo, Pontevedra e Arousa, dos montes do Suído, do Morrazo e do Barbanza… Pechen os ollos e fagan un esforzo por imaxinar 40 hectáreas de formigón, de naves fumegantes e ruidosas, a escasa distancia da Lagoa de Castiñeiras, en plena fachada litoral. Eses son os plans destrutivos, inxustificables e imperdoables trazados polo suposto goberno de esquerdas desta nosa vila. Afortunadamente, hai moitas persoas capaces de apreciar a beleza natural, patrimonial e cultural que os políticos marinenses desprezan.

Un paseo polo contorno de Castiñeiras sempre é unha delicia, unha inxección de aire puro para os pulmóns e de verdor en todas as gamas cromáticas para a retina: ameneiros, castiñeiros, bidueiros ou salgueiros, árbores autóctonas galegas, convivindo en singular harmonía con outras especies foráneas, como a criptomedia xapónica, o abeto de Douglas, o piñeiro canadiano ou a araucaria, ás que se suman outras de magnífico porte, como a acacia negra ou a tulla. Bordeando un regato chegamos ata a lagoa, cun inusual aspecto, polo baixo caudal de auga que presenta. Por alí espatexan os parrulos domésticos, o ánade real ou o pato mudo, de orixe brasileira.

…E da ribeira, á matogueira, atravesando Chan do Vilar, xa nos límites de Vilaboa. O toxo comeza a florecer e a cor amarela da chorima contrasta co rosáceo do carrasco e do breixo, e coas árbores aínda novas das recentes repoboacións. Entre toda esta biodiversidade, imos atopando tamén xoias da Historia: petroglifos, mámoas… Chegamos á famosa Mámoa do Rei, nun recinto valado no que destaca a restauración deste monumento megalítico milenario. Seica o libro do Ciprianillo relataba no século X que no interior destas construccións se agochaban tesouros de valor incalculable e que na Idade Media os nobres promoveron salvaxes batidas para localizalos, o que supuxo a destrucción de numerosos xacementos que, pacificamente, se foran conservando nos nosos montes dende hai 2.000 ou 4.000 anos antes de Cristo. Barbaridades…

Como barbaridades nos parecen tamén as cabriolas dos motociclistas e dos conductores de quads polo monte, a contaminación acústica das súas máquinas e os gases tóxicos que desprenden. O Concello de Marín habilitoulles unhas pistas para que se tiren case en picado por elas; hai xente para todo. O malo é cando, como case sempre, destrúen coas súas rodas espacios alleos a eses circuitos, perxudican a flora e a fauna da zona, e ameazan a integridade dos elementos patrimoniais que abundan no monte. Para mostra, o alto do Pornedo, onde denunciamos a presenza destes kamikazes motorizados.

Pero xa no alto, atopamos o premio ao esforzo físico da ascensión a pé: a paisaxe, o azul do ceo e do mar, bosques inmensos, floriñas ventureiras de outono… Natureza! Cando repetimos?

PD: esta andaina forma parte do programa Natureza nos Camiños, da Concellería de Medio Ambiente de Pontevedra.

Publicado por: MontePituco | 24/09/2010

XORNADAS ECO-ILÓXICAS (V): COLOFÓN

Hai que ser valentes, honestos, consecuentes. Hai que quitar o corsé das circunstancias e expresarse con liberdade cando a situación o require. Cando se lles pregunta aos directivos das comunidades sobre os usos do monte “incompatibles” coa función social, ecolóxica e produtiva que desempeñan estes espazos naturais, non poden nadar e gardar a roupa, e menos sendo coñecedores da ameaza que planea sobre o Monte Pituco (Pornedo). Non se espera deles que saian ao paso con medias tintas, senón que se mollen, que aposten polo territorio do que se supón que son defensores e xestores.

Por iso lle agradecemos a Claudio Quintillán o seu xesto, por ser o único que -aínda sen mencionar o caso concreto, e pronunciándose a título particular- non saiu por peteneras coma os demais e non dubidou en poñerlle nome a ese uso “incompatible”: o uso industrial.

Decía eu antes da ordenación do territorio, da ordenación dos usos, que é clave telo claro. En canto aos usos: o uso industrial, por exemplo, que se fai de moitos terreos. As expropiacións por parte da Administración porque se considera un solo barato, e vamos alí e botamos man para montarnos o parque… Eu aí teño que decir, nunha visión xeral, que non hai unha planificación xeral. Un parque industrial, para min, non pode ser cousa dun concello, nin de dous. Ten que haber unha planificación de tipo comarcal en donde os polígonos industriais queden perfectamente ubicados. Ten que haber aí moito consenso, ten que haber aí unha avaliación de impacto ambiental moi seria, non como se fai normalmente, que se tira para adiante. E non a proliferación que hai de polígonos e de parques industriais. Hai polígonos agora mesmo, eu estiven pola mañá no de Sanxenxo, está baleiro e leva aberto coa infraestrutura non sei canto. Efectivamente, temos polígonos por todas partes. Hai que mirar ben eso, mira-lo con lupa e supera un propio concello. Para min ten que ser unha actuación de ámbito comarcal. Para min a comarca sería a clave para definir este tipo de instalacións.

(Intervén un home entre o público)

-Como ocorreu coa ocupación indebida do Monte… (do Monte Pituco, apunta outra persoa) …de Salcedo, polos militares.

(Replica o presidente da Comunidade de Montes de San Tomé)

Pero eso, e a Escola Naval de Marín…

-Pero isto foi recente…

-Xa, pero me refiero a que os montes, cando se necesita chan barato, se vai ao monte; pero se vai ao monte veciñal, non se vai ao monte particular .

-Vaise ao monte veciñal e particular, aos dous.

-Vaise ao monte veciñal porque coincide despois que están aí as parcelas…

(Toma a palabra unha muller do público, que xa intervira anteriormente para preguntar sobre a compra de dereitos de CO2).

-Además, en el tema de los polígonos industriales yo creo que sería importante ver el tema de la movilidad… (a súa voz é imperceptible porque a persoa que porta o micrófono non llo pasa para que se lle poida escoitar).

…Semellaba que a organización, é dicir, os concelleiros de Medio Ambiente e Urbanismo, que xa estaba fóra da carpa dando instruccións, tiñan moita presa por rematar con esta parte “incómoda” do debate.

Que cada un/unha saque as súas propias conclusións. Actúa o Concello de Marín conforme aos principios de respecto ao medio ambiente proxectando un polígono industrial nunha zona que dende durante moito tempo atrás vén sendo un espazo protexido? É consecuente o Concello de Marín ao organizar un tenderete propagandístico sobre a xestión que fai da súa política medioambiental e facendo partícipes del a representantes das comunidades de montes, obviando a súa pretensión de instalar un macro-parque nunha ampla área de monte veciñal e en plena fachada da ría?

Pregunta: Por que non interviña nesa ‘mesa redonda’ un directivo da Comunidade de Montes de San Xulián? Resposta: o presidente desta comunidade de montes é concelleiro popular, mentres que as concellerías convocantes das xornadas son nacionalistas. Observación: entre o público estaba o ¿tesoureiro? da comunidade de montes de San Xulián, que é militante/simpatizante nacionalista e que, obviamente, coa súa presenza atendía os intereses do seu partido, non os dos comuneiros aos que (ejem) “representa”. Conclusión: estas I Xornadas Eco(i)lóxicas foron un “comecocos”, un caro intento de dar unha imaxe que non corresponde coa realidade, un espellismo, por tanto, para presumir de certificado Emas. Reflexión: apoiará o Concello de Marín a vindeira marcha da Asociación pola Defensa da Ría contra Ence, tendo en conta que comparte coa fábrica a titularidade desa certificación? Quen sabe, estando as eleccións municipais ás portas.

Publicado por: MontePituco | 23/09/2010

XORNADAS ECO-ILÓXICAS (IV): MÁIS PREGUNTAS INCÓMODAS

…Canto de si deron as Xornadas Eco(i)lóxicas que organizou a Concellería de Medio Ambiente! Se hai uns días expoñiamos a valoración dun voceiro da Mancomunidade de Montes de Pontevedra, Carlos Morgade, a respecto da seguinte pregunta “incómoda”…

Están lexitimados os concellos, as administracións, para destinar os montes periurbáns a usos ABSOLUTAMENTE INCOMPATIBLES coa función social que desempeñan estes terreos veciñais?

…desta volta quen intervén é o presidente da Mancomunidade de Montes do Morrazo, presidente tamén da Comunidade de Montes de San Tomé, Daniel Rosales. Fíxoo “obrigado”, porque houbo que repetir a pregunta para que se animara a entrar no debate. Mais, estivo o suficiente habilidoso como para contestar sobre “cebolas” cando se lle preguntaba sobre “mazás”. Porque neste concello xa nos coñecemos todos, xa sabemos de que pé coxea cada un, e obviamente, a cuestión -sutil de máis para mentes propensas a facer o avión– criticaba directamente a pretensión do Concello de instalar un polígono industrial no Monte Pornedo (Pituco). Pero como -insistimos- está nidiamente claro por onde “respira” cada quen, politicamente falando, o feito de que o presidente da Mancomunidade do Morrazo escurra o bulto, non é en absoluto baladí: por algo nos primeiros momentos da súa intervención se adicou a gabar as actuacións do Concello, que para algo estaban presentes entre o público os concelleiros de Medio Ambiente e de Urbanismo, e medio BNG de Marín (serían tres ou catro).

Aínda así, pola metade do discurso, cando máis interesante se estaba poñendo a cousa, tanto Blanco como Vilaboa -unha primeiro e o outro despois- tiveron unha súbita necesidade de erguerse e abandoar a carpa, teléfono en ristre ou simplemente para tomar o aire, ou quizais para controlar dende o exterior o que se dicía, ou acaso porque non estaban moi seguros de que foran saír ben parados dese brete…

No Morrazo, como sabes, ou penso que coñeces, existen unhas zonas xa de lecer: o Lago de Castiñeiras que pertence á Comunidade de San Xulián, á Comunidade de Vilaboa, de Santa Cristina e unha parte de San Tomé. Ese xa é un espazo aberto á sociedade, de uso e disfrute, que contempla a lei: os montes son produtivos e se pode facer un uso social, aí está o uso social do monte. Agora mesmo o concello de Marín montou un circuito de BTT’s. Pasa por propiedades do monte veciñal; houbo unhas conversas, unhas reunións. Non hai ningún impedimento, e se están utilizando pistas e carreiros existentes. Eso é monte periurbán. Hai dous anos ou tres en Vigo fíxose un estudo de natureza viva dos montes da Mancomunidade de Vigo e toda esa zona, e dentro dese proxecto ía unha pregunta sobre se estaría disposta a sociedade, por utilizar os montes veciñais, a pagar algo. O 70% da poboación estaría disposta a pagar entre 1,50 e 3 euros para axudar a que eses montes estivesen coidados para uso e disfrute da sociedade. Ese é un pouco o tema dos montes periurbáns. Vouche poñer un exemplo: acabamos de mandarlle unha solicitude á Deputación e á Dirección Xeral de Montes pola carreteira de Castiñeiras a Cruz da Maceira. Esa é unha propiedade do monte veciñal de Vilaboa, de San Tomé, de San Xulián… polos montes que pasa. Pero esa pista nós non podemos asfaltala. Teriamos dúas opcións moi fáciles: como son montes privados colectivos, poñemos unha cadea, pechamos e que non pase nadie. Cortamos o tráfico e a xente non podería ir nin a Castiñeiras, nin a Chan da Arquiña, nin sequera intercomunicarse no Morrazo, porque son pistas ou carreteras de comunicación, eso é monte periurbán. Que haxa arborado, que haxa unha explotación forestal con produción madeireira… Non ten que haber unha incompatibilidade dunha cousa coa outra. Cal é a única cuestión, como dixo Carlos? Os concellos deberían sacar unhas partidas para colaborar en ese uso social do monte. Porque a miña parcela privada téñoa seguramente pechada cun muro e lle teño un cancelo, e se te vexo alí dentro, ao mellor che pregunto que fas… No monte veciñal, resulta que plantas castiñeiros, e vai calquera e xa non é colla as castañas, é que rompe as pólas para coller as castañas. Nós estamos dicindo, cogumelos, porque en arborado, a xente vai buscar os cogumelos. É un pouco o que dicía o señor: se nós regulásemos todo esto… Como en moitas zonas do Estado, que se pode ir buscar cogumelos, pero é que cada familia pode sacar un quilo de cogumelos e por ese quilo vaille pagar á comunidade ou ao propietario 6 euros, ou 7. Non. Aquí resulta que veñen verdadeiras batidas de xente a buscar cogumelos para facer negocio, dentro da propiedade doutro. Cal é a cuestión: o monte está aí, é monte. O común non é de ninguén, como dicía Carlos, e é así: eso parece que non ten dono. Vén o temporal, tira o árbol, chegha un, vai coa motoserra, corta o árbol… É un pouco a explotación e o tema periurbán. Queres ir correr ao monte, disfruta del, está aí, é un uso social que ten o monte. A lei de montes en man común contempla o uso social do monte. Por que non pode ser o monte periurbán. A que lle chamamos monte periurbán? Chamámoslle monte periurbán porque estamos rodeados de 80.000 veciños ou 90.000. E se collemos Vigo e Pontevedra, é medio millón de persoas. Castiñeiras ten unhas visitas ao ano aproximadamente de 400.000 persoas. Se nós, as comunidades, por esas persoas que entran aí, lle cobrásemos un euro simplemente por aparcar o coche, teriamos 400.000 euros, que podiamos utilizar sobre o monte, e non hai problema ningún. Cal é o problema do monte periurbán, se estamos beneficiándonos todos del…

E me di a organización que HAI QUE IR CORTANDO. Se queredes algunha pregunta máis…

Efectivamente, aí debían estar xa Vilaboa e Blanco entre bambalinas, levando disimuladamente -intuimos nós- a man ao pescozo, nun evidente signo de “corta, corta!”, mentres as cellas se lles arqueaban e os ollos se lles agrandaban coma pratos.

Pero malia o intento de apurar o remate da sesión, a cousa non quedou aí. O bo aínda estaba por chegar -aínda que brevemente- na voz de Claudio Quintillán, da Comunidade de Montes de Combarro, e voceiro da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común. El si que entrou ao trapo e non eludiu, ao contrario que os demais, o cerne da cuestión.

(CONTINUARÁ…)

Publicado por: MontePituco | 23/09/2010

UNHA DE ESQUELETES

…E aínda por riba, é a charla ‘lanzadeira’ número 13. Será non apta para aprensivos e/ou supersticiosos?

Publicado por: MontePituco | 22/09/2010

XORNADAS ECO-ILÓXICAS (III)

…Non esquecemos as insólitas I Xornadas Eco(i)lóxicas que organizou a surrealista Concellería de Medio Ambiente hai un par de semanas. Porque hailles moita tela que cortar, e non precisamente da lona das ‘haimas’ baixo as que se acubillaban os expositores. Para recapitular, basta lembrar o tufo electoralista desta actividade, o ronsel de incoherencia inadmisible que deixa tras de si a xestión deste departamento municipal en complicidade co de Urbanismo, pedindo a exclusión do Monte Pornedo (Pituco) do ámbito de protección dos Montes do Morrazo nas alegacións do Concello ás DOT…

Ver a Pilar Blanco e a José María Vilaboa revoloteando garbosamente de ‘haima’ en ‘haima’ debía terse incluido como unha actividade lúdica máis do programa. Porque a estrana parella acaparou presenza e protagonismo en todo momento, facendo bulto nas charlas, facendo de figurantes nos postos de información e desenvolvendo facetas do máis intrépido: a edil ambientalista entregaba premios a esgalla, entre menús ecolóxicos e bonos gastronómicos de luxo, para que logo digan que o Concello está sen un can; mentres, o edil urbanista sorprendeunos cunha función inédita para un cargo do seu elevado rango…

Pois si, de tanto que asumiu o seu rol eco(i)lóxico, Vilaboa estivo a piques de converterse nunha árbore. Tratándose dun concelleiro nacionalista, damos por feito que sería unha especie autóctona, como o ‘quercus robur’, pola súa robusteza. Porque de tanto frecuentar a ‘haima’ da Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia, Vilaboa estivo a un tris de botar raíces ao seu carón e converterse nun elemento máis do mobiliario. Xosé Salvadores e demais persoal de Adega non se puideron queixar por falta de compañía e de conversa. Conversa eco(i)loxicamente urbanística, ou urbanisticamente eco(i)lóxica, por suposto.

Outro motivo que nos fixo sospeitar da metamorfose arbórea de Vilaboa foi que, por momentos, os seus pabellóns auditivos pareceron extenderse cal longas pólas para captar unha conversa que non ía para nada con el, pero na que non saía nada ben parado. Por suposto, DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO), se para algo acudiu ás Xornadas Eco(i)lóxicas foi para evidenciar en público e mais en privado a desfachatez da Concellería por presumir dunhas atribucións que non exerce: por un lado, cuestionando ante os representantes das Comunidades de Montes a lexitimidade do Concello na súa pretensión de instalar un polígono industrial en terreo comunal; e por outro, para denunciar ante Adega esta auténtica aberración ecolóxica, paisaxística e urbanística.

E por este motivo, entregóuselle a Xosé Salvadores un detallado dossier informativo sobre a causa que alenta DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) a prol da conservación deste monte. E mentres lle formulabamos a este representante de Adega todos os argumentos que desbaratan as teses do Concello no que respecta á elección do Pornedo (Pituco) para a instalación do polígono industrial, aí estaba Vilaboa, a dous pasos por detrás, poñendo a orella, o nariz, e todos cantos sentidos podía agudizar, para captar a onda e logo chismosear con Pilar Blanco e demais familia nacionalista.

…Non cumpría tanto esforzo, Vilaboa. Somos transparentes coma a auga que nace nos múltiples mananciais deste monte e que vós pretendedes arrasar coa acción das pás excavadoras e das cargas de dinamita para derrumbar os outeiros. Canta información precises para intentar tumbarnos, pódela descargar tranquilamente neste blog, que está para informar, non para ocultar, manipular, maquillar ou parvear a veciñanza, que é ao que aspirades dende o Goberno local.

O noso modesto traballo está aí: nas alegacións, nas notas de prensa, na asistencia aos plenos municipais, nas reunións con colectivos sociais da bisbarra, na rede, nas insistentes peticións de entrevista presentadas no Concello e sistematicamente ignoradas… Pero non agardamos que Adega nos ignore, senón que se interese polo conflicto derivado do voso proxecto industrial en plena fachada da ría. Acaso teñamos que celebrar en Marín unha ‘Festa do cemento’ como a recente que houbo en Barreiros.

Por se verdadeiramente o Concello tivera interese en desenvolver unha política urbanística sustentable, velaquí un artigo de Ramsés Pérez neste último número de verán da revista Cerna que edita a propia Adega: “POÑAMOS ORDE NO TERRITORIO”. Dous conceptos, “orde” e “territorio”, que Blanco e Vilaboa interpretan e aplican dun xeito ben peculiar.

Publicado por: MontePituco | 21/09/2010

LABORDETA: ‘PLANTA UN ÁRBOL’

“…Planta un árbol sobre la tierra yerma,

ayúdale a crecer y ayúdale a crecer…”

JOSÉ ANTONIO LABORDETA (1935-2010)

Preguntáronlle nunha entrevista -con motivo da súa retirada da política- que significaba ser socialista:

Ya no sé muy bien qué es ser socialista. Hubo un momento que tuvimos una gran esperanza e ilusión, pero poco a poco se fue perdiendo. Tengo una canción que dice «Planta un árbol sobre la tierra yerma / y ayúdale a crecer. / Igual con el socialismo / hoy tenemos que hacer». Cuando llegó el PSOE al poder, dejé de cantarla.

Labordeta tamén cantaba “somos como esos viejos árboles / batidos por el viento que azota desde el mar”. A vella árbore murchou, pero quedan os seus sabios froitos, as mensaxes que o nordés teceu nas súas pólas e que seguirán chegando aos ouvidos de xente digna e sensata, que siga prantando árbores, sementando coherencia e botando raíces fortes na defensa da terra, da cultura e da identidade. Xente que terá o valor, como tivo Labordeta, de mandar “á merda” os charlatáns, os prepotentes, os falsos, os conformistas e os mentireiros.

Publicado por: MontePituco | 20/09/2010

FESTAS PATRONAIS

…Ironías do cotiá! A parroquia estivo en festas: San Xulián e Os Remedios. Foghetes a eito, misa cantada (e bailada?), música de verbena e arcos de bombilliñas que se iluminan pola noite para amosar… unha mazá (podre?) cun verme que asoma de lado a lado.

Como unha metáfora, tan real coma a vida mesma, sobre a falta de ética, principios e coherencia de quen nos goberna, de quen nos manipula. Sen ir máis lonxe, na Comunidade de Montes de San Xulián: xente que non vai de fronte, a quen o monte non lle preocupa en absoluto; xente que actúa movida polas aparencias, servindo intereses personais e pseudo-políticos; xente que unicamente pensa no beneficio rápido e cómodo, incapaz de aceptar críticas construtivas e que se nega a coñecer proxectos que lles fan sombra ás súas -xa de por si escuras- aspiracións.

…Velaí esa mazá festeira: san por fóra, corrupta por dentro, polos “iluminados” que xestionan o noso monte veciñal.

Publicado por: MontePituco | 18/09/2010

A XUNTA SOBRE OS NÚCLEOS DO LITORAL

 

Hoxe damos conta doutra problemática que tamén ten verquido moitos ríos de tinta. A continuación, unha nota informativa da Xunta sobre os núcleos do litoral:

A XUNTA EMITE INFORME AO EXPEDIENTE DE DESLINDE FIXADO POR COSTAS PARA O CONCELLO DE MARÍN

O sentido do informe xa foi anunciado o martes pasado, día 14 de setembro, pola Secretaría Xeral de Urbanismo ao Alcalde de Marín, nun encontro mantido cunha delegación do concello

O tramo de costa que se somete a informe, corresponde á totalidade do borde litoral do Concello de Marín, aínda que as discrepancias céntranse nos núcleos de Aguete, Casás, Loira, Teoira e Mogor

O informe presentado pola Xunta parte do documento técnico redactado pola Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería PTOPT en 2008 que considera Aguete, Casás, Loira, Teoira e Mogor, como solos urbanos de núcleo rural, antes da aprobación da Lei de Costas do 88, o que supón a redución da servidume de protección de 100 a 20 m.

Santiago, 18 de setembro de 2010.- A Xunta presenta obxeccións ao deslinde fixado pola Dirección Xeral de Costas en 1995 no Concello de Marín, que sitúa a liña de servidume de protección a 100 metros no tramo da costa no que se encontran os núcleos de Aguete, Casás, Loira, Teoira e Mogor. Pola contra, a Xunta recoñece nun documento técnico redactado pola Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería PTOPT en 2008, a condición de solo urbano de núcleo rural destes asentamentos, antes da aprobación da Lei de Costas do 88, o que a efectos supón a redución da servidume de protección de 100 a 20 metros nestes núcleos.

O informe da Secretaria Xeral de Ordenación e Territorio, Encarnación Rivas, remitido esta mañá ao Servizo Provincial de Costas é clave de cara a reunión que Xunta e Concello de Marín, manterán nos próximos días con Costas do Estado. Xa que a consideración destes núcleos, como solos urbanos de núcleo rural, depende de que finalmente así sexan recollidos no informe preceptivo que debe emitir Costas do Estado, e a súa posterior inclusión non PXOM, antes de remitir o documento á Xunta para a súa aprobación definitiva.

Áreas consolidadas antes da Lei de Costas

O informe Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo recolle que a realidade física existente á entrada en vigor da Lei de Costas en 1988, permite deducir que os núcleos de Aguete, Casás, Teoira e Loira existía unha área consolidada pola edificación en máis de dúas terceiras partes da superficie. O núcleo de Mogor, construído polo Instituto Social da Marina, inaugurado en 1965, supón unha trasformación urbanística do solo urbano, que cumpre os requisitos de urbanización e consolidación.

Polo tanto, conclúese que os terreos dos núcleos de Aguete, Casás, Teoira e Loira puideran ter consideración de Solo Urbano de Núcleo Rural e o de Mogor, consideración de solo urbano dada a preexistencia material e obxectiva dos parámetros esixidos pola lexislación urbanística para o recoñecemento desa clasificación, cos efectos que establece a Disposición Transitoria 3º.3 da Lei de Costas.

A principios deste verán, as Plataformas dos Núcleos do Litoral de Marín puxeron en marcha unha campaña de envío masivo de correos electrónicos aos organismos estatais do Ministerio de Medio Ambiente e de Medio Rural e Mariño, expoñendo os termos deste longo conflicto. A continuación, os seus argumentos.

Hacemos Historia:

Los núcleos costeros de Marín (Loira, Aguete, Mogor, A Teoira y Casás), todos ellos con una antigüedad de más de 100 años, se encuentran, debido a un grave error administrativo (no se recogen como suelo urbano en las Normas Subsidiarias de 1977-vigentes en la actualidad- a pesar de que reunían todos los requisitos), incluidos dentro de la Zona de Servidumbre de Protección establecida en la Ley de Costas. Esto genera una situación de inseguridad jurídica a los vecinos que se encuentran con que no pueden acometer obras de mejora que les permitan adecuar sus viviendas a las condiciones de vida de este siglo (como por ejemplo no poder incluir un cuarto de baño en una casa que nunca lo tuvo, porque supondría un aumento de volumen; no poder abrir una ventana porque también se considera aumento de volumen…y un sinfín de prohibiciones más).

Es éste el entorno en el que nacen en el año 2003 las PLATAFORMAS DEL LITORAL DE MARÍN unidas en defensa de una causa que es justa, la defensa de sus casas y la defensa del derecho a una vivienda digna. Así al menos lo ha entendido todo aquel representante de cualquiera de las tres Administraciones, Local, Autonómica y Estatal, que haya conocido en profundidad el problema, de hecho se han aprobado unánimemente Resoluciones en el Parlamento Gallego y también en el Congreso de los Diputados, se han emanado Leyes y se han emitido comunicados a la prensa en defensa de nuestras casas, pero siempre nos acabamos encontrando frontalmente con la implacable oposición del Ministerio de Medio Ambiente.

A día de hoy seguimos trabajando para poder poner punto y final a este conflicto y nos encontramos en un momento de vital importancia, en el que el Ministerio de Medio Ambiente tiene la oportunidad de subsanar este error administrativo, que la propia Ministra ha reconocido que había que darle solución. Se acaba de aprobar provisionalmente el P.G.O.U., en el que se da solución a este problema, pero es preceptivo el informe de la Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y el Mar para poder aprobarlo definitivamente.

Es por todo ello, que los vecinos de las Plataformas del Litoral de Marín SOLICITAMOS su apoyo público e impulso a una SOLUCIÓN DEFINITIVA a este problema que ya se ha dilatado demasiado en el tiempo.

Publicado por: MontePituco | 17/09/2010

EN FACEBOOK

Pouco a pouco, sen présa pero sen pausa, fomos botando raíces na rede de redes primeiro, e dentro desta, nas redes sociais despois. Ampliando horizontes, sumando contactos, invitando aquí e acolá, superamos xa os 300 siareiros e siareiras na páxina SALVEMOS O MONTE PITUCO (PORNEDO) de FaceBook. MOITÍSIMAS GRAZAS. Para nós é unha importante canle de difusión deste conflicto e un medio esperanzador para a sensibilización da veciñanza no respecto á natureza, ao patrimonio cultural e ao desenvolvemento sostible.

Estamos no perfil MONTE PITUCO e na páxina SALVEMOS O MONTE PITUCO (PORNEDO). Achégate canda nós, vén coñecer a paisaxe, a riqueza forestal e ambiental deste espazo, infórmate a diario dos contidos do blog coas ligazóns que anotamos, e únete á causa a prol da conservación deste recuncho sobre a ría.

Entre as mensaxes recentes que recibimos, destacamos a de Agro Eco, dende Chiapas (México), a quen lle damos as grazas por enviarnos o seu apoio e por facernos partícipes da súa experiencia. Unha aperta transatlántica!

Tuve el privilegio de vivir en Marin, cerca de una de las zonas de petroglifos, en 1999 cuando estudiaba un posgrado en Forestales en el centro de investigaciones de Lourizán. Volví a Mexico con parte de mi corazon enamorado de aquel territorio, de sus paisajes y personas. Es lastimoso imaginar la insensible codicia que amenaza con volver a industrializar esos lugares plenos de belleza natural y humanizada, tradiciones culturales y magia espiritual, como antes fueron destruidos Placeres y Lourizán en aras del falso progreso y para el beneficio de un par de empresas. ahora transnacionales. Les acompanhamos desde Chiapas en la resistencia contra estas amenazas. Unha aperta.

Publicado por: MontePituco | 16/09/2010

ARTIGO DE LUKAS SANTIAGO

 

A actitude do Concello de Marín no tema do polígono industrial no Monte Pornedo dá para moitas reflexións… Por un lado, hai que destaca-la falta de sensibilidade hacia o patrimonio natural e cultural que se atopa no lugar onde planifican o polígono industrial, e totalmente incompatible con este. Xa se ten feito fincapé nestes aspectos, pero semellan non ser suficientes para o Concello de Marín…

Mesmo lle solicitan á Xunta que inclúa os Montes do Morrazo entre os espazos naturais protexidos nas DOT, pero que exclúa o Monte Pornedo e o seu contorno da área incluída nos Montes do Morrazo… Por certo, que este poligono incumpre as directrices para a ubicación dos polígonos que as propias DOT establecen!

Todo o que sexa destrucción ou afección do patrimonio natural e cultural é negativo. Para Marín e para os marinenses. Porque é riqueza patrimonial, son recursos que destruímos, hipotecando o noso futuro e o dos nosos fillos. Porque as xeracións futuras non disporán deses recursos para facer uso deles, para aproveitalos. Son pedras contra o seu tellado, pero eles non o perciben así…

Os polígonos podemos poñelos onde queiramos, é cuestión de estuda-la súa ubicación. Pero o patrimonio non! Está onde está e non podemos movelo! Estuda-la ubicación dos polígonos non significa poñelos no primeiro sitio que se nos ocorra ou no sitio máis cercano. Significa elixi-lo sitio que teña as características máis axeitadas, e o sitio que menos prexudique…

Entre os argumentos que se escoitan a favor do polígono está o de que Marín necesita chan industrial, que non lles podemos dicir ós veciños que non poden traballar no seu concello… Este argumento é un pouco demencial. Acaso moita xente non traballa ben lonxe da súa casa? Acaso vai ser un requisito para traballar nese polígono ser marinense?

Por unha banda, sexamos realistas! Todo o mundo prefiriría traballar a carón da súa casa. Poder ir andando. Moitos aínda preferirían traballar na propia casa. Pero a realidade é que cada un ten que adaptarse á oferta laboral, e na maioría dos casos ir onde está o traballo, porque o traballo non vén onde está un…

E por outra banda: o que hai que ver é cantos polígonos hai, onde están, onde se necesitan e onde se poden facer! É dicir, é necesaria a PLANIFICACIÓN RACIONAL E SUSTENTABLE! Que son palabras moi bonitas, que os políticos soen utilizar, pero que SIGNIFICAN ALGO! Basta xa de localismos! Fai falla unha planificacion a nivel galego e a nivel comarcal, coordinando ambos niveis!

Se hai polígonos construídos, medio baleiros, mellor comunicados… para que construir novos polígonos cun gran prexuizo medioambiental e patrimonial? E se hai que traballar a 15 ou a 30 minutos da casa en vez de a 5, o que hai que mellorar son os transportes públicos, que aquí son deplorables, de xeito que os traballadores poidan chegar de maneira rápida, cómoda e ecolóxica ó seu posto de traballo. Pero todo isto debe ser ciencia ficción para os políticos! Só hai que ve-la situación actual e os anos que levan a voltas co do transporte metropolitano e o tren de cercanías…

Semella que o motivo que está detrás da insistencia do Concello de Marín na creación deste polígono, tendo en conta tódolos inconvintes e argumentos en contra que ten, é o afán recaudatorio, os ingresos que vai supoñer para o Concello, a través das taxas das licencias e permisos de obra, e dos impostos anuais das empresas que se ubiquen aí…

O sistema actual leva a moitos concellos a non poder afrontar os seus orzamentos anuais por non dispoñer de ingresos suficientes. Isto conleva un endebedamento dos concellos. E isto lévaos a procurarse ingresos a través da especulación urbanística, en forma de vivenda ou de chan industrial. Este modelo non é sustentable. Hai que cambialo! 

Por outra banda, está a falta de sensibilidade hacia a paisaxe! Os redactores do PXOM de Marín fixérono dende a Casa do Concello. Seguro! Mirando os mapas topográficos e buscando, entre as curvas de niveis, un espazo onde non houbera casas. Daba igual que as curvas de nivel estiveran moi xuntas, o que se traduce nunha gran pendente do terreo

Ou iso, ou elixiron o lugar que estaba en liña co porto. Era vox populi que a idea era facer unha vía directa ó porto, pero despois viuse que tiña demasiada pendente. Non é casualidade que a saída da Variante de Marín se fixera nese lugar… O que é seguro é que en ningún momento subiron ó Monte Pornedo para ver in situ o lugar onde queren mete-lo polígono

É o que pasa cando fas algo dende a oficina. Ollos que non ven corazón que non sente. Se estiveran alí daríanse conta de que é unha aberración… Cantos dos 22 concelleiros estiveron no Mirador do Pornedo? Seguro que ningún! Un ou dous como moito! Pero eses calaron. Calaron porque a eles a paisaxe non lles di moito…

Calquera persoa que suba ó Mirador do Pornedo e contemple a paisaxe dende ese lugar, e imaxine o que será a construcción dun polígono industrial nese lugar, darase conta de que é unha aberración… Hai que animar os marinenses a que suban e senten un tempo a contemplar a paisaxe dende o Mirador do Pornedo! É algo que vale a pena… Máis aínda se es de Marín. Tes que coñecer ese lugar, sentilo, respiralo…

Reto a calquera persoa a que suba comigo, que o coñeza e que despois de vivilo, siga a apoia-la construcción do polígono… Se alguén segue a apoia-lo polígono despois de estar no mirador do Pornedo só pode explicarse como que ten menos sensibilidade que unha pedra, que un iceberg… Pero se hai xente que goza vendo como torturan un touro… Iso é certo: hai xente para todo! Como din os curas: “De todo hay en la viña del Señor”.

Por outra banda, está o futuro. Que futuro queren os marinenses e os veciños de San Xulián? Ás veces non se pensa demasiado no futuro, nas consecuencias que unha decisión no presente pode significar no futuro… Imaxinade un polígono industrial no Pornedo!… Instalar un polígono alí é hipoteca-lo futuro de Marín, de San Xulián e das xeracións vindeiras!

Falaban o presidente e o vicepresidente da Comunidade de Montes de San Xulián de postos de traballo para os fillos dos veciños de San Xulián e de progreso para a parroquia. Iso é pura demagoxia… Acaso as empresas van pedir o certificado de empadronamento dos empregados no polígono para asegurarse de que sexan de San Xulián, ou cando menos de Marín? …Non! Seleccionarán os empregados en función da súa formación e da súa valía… Acaso os fillos dos veciños de San Xulián van traballar todos no sector secundario? Os veciños de San Xulián non pensaron no futuro? Non pensaron nos fumes, na contaminación, nos ruidos, nos camións…?

 

Os veciños de San Xulián non pensaron que lles levan o monte? E que o van sustituir por fábricas? Fábricas que poderían estar noutros lugares, en polígonos que están baleiros, en vez de ó lado da súas casas? Teñen o exemplo de Lourizán, e non aprenderon nada? Coa Celulosa tamén vendían o progreso, os postos de traballo… E que supuxo? Houbo moitos máis empregados de fóra que da parroquia! O beneficio industrial iría para Pontevedra, que para Lourizán non foi. Nin sequera, que foi para Madrid!

Pensan os veciños de San Xulián que o beneficio das empresas vai ir para San Xulián: só hai que ver como deixaron Lourizán… A parroquia fundiuna! Acabou converténdose nunha “zona marxinal”, como dixo Cuíña cando foi o do tren, o patio traseiro de Pontevedra, onde meter toda a merda! Acaso San Xulián quere converterse no patio traseiro de Marín! Porque poden estar seguros os veciños que cando haxa un polígono industrial, se hai que ubicar unha actividade molesta, vai acabar en San Xulián

O urbanismo: Pontevedra medrou hacia todos lados menos hacia Lourizán! San Xulián é unha das zonas de expansión natural de Marín. A máis axeitada. Pero cando haxa un polígono industrial, vai medrar Marín hacia San Xulián? E Marín? Moita xente cando vén a Marín comenta o fea que é Marín por culpa do porto, por ter ocupada toda a fachada litoral e non ver o mar por ningures, só naves… Que pasará cando haxa un polígono industrial na retagarda de Marín?

O Pornedo e o seu contorno é un balcón sobre a vila de Marín. O val do Lameiriña conforma o anfiteatro natural da vila… Que pasará cando Marín teña pola fronte o porto e polas costas o polígono, cando Marín quede encorsetado por diante e por detrás, co porto e co polígono? Vai quedar bonita Marín! Falan de progreso e de desenvolvemento económico… Que maior progreso que saber conxuga-las actividades dun xeito racional e sustentable? Ten que renunciar a vila de Marín ó turismo cando debería facer del un dos seus polos de desenvolvemento? Quen vai querer vir logo a Marín? A que? A ver naves por todas partes?

Marín ten o Lago de Castiñeiras! Ten o Río Loira! Ten o Monte Castelo! Ten a Illa do Santo! Ten os Petroglifos de Mogor! Ten o Castro da Subidá! As Mámoas de Pedralonga e de Chan de Armada! E ten O Pornedo, os Petroglifos de Champás, A Carrasca e A Carballa e o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que pon en relación estes elementos!

Son recursos que debería ter xa postos en valor, focos de atracción turística que deberían ter xa xerando turismo, xerando visitantes, xerando divisas… Pero polo menos deberían conservar estes lugares para unha posta en valor no futuro… Iso si que é deixar oportunidades para as xeracións futuras! Oportunidades para desenvolve-lo que a nosa xeración non quixo ou non soubo desenvolver! Por iso un polígono industrial, que pasa pola destrucción do patrimonio natural e a afección do patrimonio cultural, si que é hipotecar o futuro para as xeracións vindeiras…

LUKAS SANTIAGO: Licenciado en Historia – Especialidade en Arqueoloxía. Licenciado en Comunicación Audiovisual. Técnico Superior en Información e Comercialización Turísticas. Curso de Posgrado en Xestión Integral do Patrimonio Cultural. Curso de Posgrado en Animación Sociocultural. Membro da comisión técnica do proxecto de Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

Publicado por: MontePituco | 15/09/2010

FRASE LAPIDARIA

Especialmente adicada aos responsables da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, con carácter preventivo; aos concelleiros e concelleiras da Corporación Municipal de Marín, pola súa torpeza; aos integrantes da xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xulián, pola súa irresponsabilidade; e a todas esas persoas das que percibimos a súa hipocresía hacia este modesto colectivo e a súa lexítima causa a prol da conservación do Monte Pornedo.

…Así teñan pesadelos con esta frase lapidaria…

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao deixou dito:

“Vale máis unha terra con árbores nos montes que un Estado con ouro nos bancos”.

“A árbore é o símbolo do señorío espiritual de Galicia. A árbore é un engado dos ollos, pola súa fermosura; é unha delicia dos oídos, porque nela cantan os paxaros; é un arrolado do espírito porque nas súas pólas conta contos o vento. A árbore pídelle auga ó ceo para que a terra teña sangue, vida e bonitura”.

 

 

Publicado por: MontePituco | 14/09/2010

XORNADAS ECO-ILÓXICAS (II): PREGUNTAS INCÓMODAS

Organizar unhas xornadas medioambientais é unha arma de dobre filo nun Concello onde o respecto ao medio ambiente está seriamente en entredito ante a aplastante evidencia da súa nefasta política de asentamentos industriais. Non cómpre repetir a batería de argumentos a prol da defensa do Monte Pituco (Pornedo): basta lembrar a alta intervisibilidade da zona e o impacto visual brutal que suporía a instalación dun polígono en plena fachada da ría, a súa riqueza natural -forestal e hidrolóxica- e patrimonial, as figuras de protección administrativa que posúe, dende as Normas Subsidiarias Provinciais ata o propio Informe de Sostibilidade Ambiental do proxecto de PXOM… Por iso organizar a primeira edición dun programa de actividades sobre ecoloxía a oito meses dunhas eleccións municipais e no derradeiro ano de mandato, para empezar, ten un evidente tinte electoralista. En segundo lugar, é unha hipocresía dende o punto de vista ideolóxico, un brinde ao sol ante a cidadanía, e unha afrenta para os colectivos que loitan modestamente contra a desfeita irreversible do noso territorio. E por se fora pouco, o efecto deste tipo de xornadas na veciñanza é moi cuestionable, sobre todo cando se limitan a un discreto programiña de fin de semana e non van acompañadas dunha campaña de sensibilización ambiental prolongada no tempo e aberta a todos os sectores da poboación, principalmente á xente nova. De todos modos, CON QUE CLASE DE EXEMPLO PODE PREDICAR un Concello que aspira a DESTRUIR un dos seus espazos naturais máis significativos, unha ampla superficie do seu MONTE PERIURBÁN que, como ben apuntou o secretario da Mancomunidade de Montes de Pontevedra, Carlos Morgade, actúa como o PULMÓN VERDE da vila?

…Precisamente, a charla que impartiron representantes das Comunidades de Montes Veciñais de Coiro (Cangas), San Tomé (Marín) e Combarro (Poio), xunto co propio Morgade, merece un capítulo aparte. Como anticipo, a resposta que deu este último ante unha pregunta incómoda. Incómoda sobre todo para o concelleiro de urbanismo e para a concelleira de medio ambiente, aos que de súpeto lles xurdiu algunha urxencia ineludible, posto que se ergueron da cadeira que ocupaban entre o público e saíron escopetados da carpa.

Velaquí a pregunta, máis ou menos literal: “…Posto que o monte periurbán actúa como pulmón verde ao estar situado ao redor dunha poboación, a reflexión que correspondía facer é como se pode compatibilizar a pretensión por parte das Administracións local e autonómica de adicar ese espazo a usos que resultan INCOMPATIBLES co respecto a esa función social e ecolóxica do monte. PERO COMO SE SUPÓN QUE ESTAMOS NUNHAS XORNADAS MEDIOAMBIENTAIS, O QUE CORRESPONDE PREGUNTAR É ATA QUE PUNTO SE PODE LEXITIMAR ESA PRETENSIÓN das Administración local ou autonómica para querer adicar ese pulmón verde a usos absolutamente incompatibles co respecto a esa función social e ecolóxica que cumpre o monte periurbán”.

E comezou contestando Carlos Morgade. A súa resposta está gravada e non hai lugar a cambiar nin un punto nin unha coma das súas palabras:

“Voulle dar unha opinión persoal porque esta cuestión é bastante complexa e hai interpretacións. Hai anos, desde o ano 89 que se deu a Lei de Montes Veciñais, e no 92 que saiu o regulamento, que pouco máis decía que a propia lei. Reclamóuselle á Xunta e ao Parlamento que fixeran algún tipo de reglamento, precisamente para regular os montes periurbáns. Porque aínda que todos os montes comunais teñen esas tres funcións: produtiva, de sacar uns rendementos económicos para os propietarios, os veciños da parroquia; social tamén, para eles e tamén para os de fóra, son os montes abertos que hai, é o único sitio por onde poden andar as xentes das cidades; é a única propiedade onde, invadila de xeito non agresivo, non é delito, aínda que sexa unha propiedade privada, curiosamente; e ecolóxica… Sobre aspectos ecolóxicos, ultimamente estamos un pouco máis sensibles porque dende os incendios do 2006 moita xente se deu conta. Alá en Pontevedra tamén se deron conta, e no Concello, de que o que pasara no monte tamén lles afectaba a eles, igual que nos afecta a todos. A todos nos afecta porque o que pase no monte afecta ao aire, afecta á auga, afecta aos mananciais. Cando no 2006 arderon os montes eu pensei deseguida que os habitantes de Pontevedra ían pasalas canutas ese inverno para abastecerse de auga porque o Pontillón de Castro, que era sobre todo a presa que abastece Pontevedra, estaba nas mínimas. Despois, ao final, pasou ao contrario, curiosamente. De golpe viñeron aquelas enchentas tan grandes de xeito que o Pontillón de Castro pasou de pouquísimo, case vacío, en poucas semanas a desbordar por fóra. Non sei se recordan que incluso inundara algunhas casas de Verducido. Por que? Porque non houbera absorción de auga para meter nos mananciais nos montes. Entón foise todo polas ladeiras e enchera bastante. A cuestión está en que os montes periurbanos, por estar cerca das cidades, se lles esixe, ou lles esiximos todos, a opinión pública ou non sei como dicilo (porque lexislativamente ou legalmente non), unha maior importancia aos aspectos sociais e ecolóxicos. Porque son efectivamente o pulmón das cidades, son os surtidores dos mananciais dos que se abastecen unha boa parte, se non a maioría, dos habitantes das vilas e cidades, e todo ese territorio que está fóra das cidades e parroquias periurbanas, que ten moitas veces tanta ou máis xente que as propias cidades. Toda esa xente necesita auga, un aire minimamente en condicións e o monte veciñal axuda a cumprir eso. O que pasa é que eso non está recollido na lexislación. Hai un momento a señora dicía como nós llo vamos cobrar, xa veremos [Refírese a unha pregunta anterior na que unha persoa do público preguntou pola compra de dereitos de emisión de dióxido de carbono]. Non está regulado o retorno dese beneficio hacia os produtores do ben. O reparto se fixo por países e curiosamente tiña que pagar máis quen menos CO2 absorbía. De xeito que para ese cómputo xa se usaron os recursos forestais de todo o país, para establecer a cuota que ten que pagar cada país. Xa contaron cos nosos montes para que as nosas empresas pagaran menos, pero non estableceron como esas empresas, se pagan, terían que devolver aos que manteñen as árbores. Eso non está regulado de momento.

O lóxico é que nas zonas periurbanas os montes non só deben ser lexitimamente os espazos de produción para os seus propietarios, que teñen todo o dereito a poñer en produción as súas terras, como calquera de nós coa súa leiriña, e a cultivar o que poida e sacar o beneficio que poida. Senón que hai que compatibilizar cuns servizos que moitas veces nos pasan desapercibidos e cando nos fallan é cando nos damos conta de que o monte cumpre funcións máis importantes do que moitas veces pensamos. E nós podiamos dicir, esas 500 hectáreas, nós en asamblea, decidimos o que nos peta facer nos nosos montes. E se resulta que agora mesmo o eucalipto está ben de prezo, prantamos eucalipto, quen nolo vai prohibir, onde pon que non poidamos facelo. Pero ao mellor resulta que non convén. O lóxico sería que esas decisións tuveran uns topes para resgardar uns beneficios ecolóxicos que teñen que cumprir os montes. Por outro lado, se se poñen cortapisas e limitacións sobre eses usos, igual que pasa cos parques da Rede Natura, se establezan tamén mecanismos de compensación por eses servizos: vós aí non podedes prantar 500 hectáreas de eucalipto porque ecoloxicamente é moi dañino para esto, esto e esto. É o que se fai coas empresas, non? Para compensar esa perda de beneficio, polas expropiacións e o lucro cesante. Cando a algunha empresa se lle pon algún tipo de limitación. O di a nivel urbanístico tamén: se eu teño un edificio de tres alturas e o plan xeral me di que só pode ter unha altura, teñen que compensarme, porque con cada normativa nova que saia, eu non podo perder do meu ben. Por que non se fai tamén cos montes? Efectivamente, por un lado as Administracións teñen que regular que os montes sigan cumprindo esas funcións sociais e ecolóxicas, precisamente porque non está regulado, polo menos de momento, o retorno dos beneficios que nos producen para garantizar ese ben no futuro. E nesa normativa tamén habería que establecer os mecanismos de compensación de que se esos señores non poden facer o que lles dea a gana nos seus montes, para salvagardar mananciais e cousas desas, teñen que compensalos, non para que se leven o diñeiro para a casa e se compren un coche, senón para que sigan mantendo eses montes así, e teñamos garantizados os mananciais que nos abastecen de auga. Eso é o que falta. Despois, simplemente, a sensibilidade de cada concello, a través do seu Plan de Ordenación se supón que debería servir de marco de negociación coas comunidades de montes para establecer a vocación de cada zona. E a través dos orzamentos municipais se deberían contemplar partidas que, máis ou menos, colaboren coas comunidades de montes precisamente, para o seu traballo, a súa xestión, de garantir eses servizos que son a toda a sociedade. Non só son os veciños e propietarios, senón a toda a sociedade: que os mananciais estean atendidos. Que o monte non arda…

CONTINUARÁ…

Publicado por: MontePituco | 13/09/2010

XORNADAS ECO-ILÓXICAS (I)

…E a concelleira de Medio Ambiente convocará unha rolda de prensa para anunciar a bombo e platillo que as súas I Xornadas ECO-ILÓXICAS foron un éxito de público e bla-bla-bla. Pero a nós non hipnotizan os ouveos de lobo nen os cantos de morcego. Por iso lle berramos, dende o Monte Pituco (Pornedo):

CONCELLO DE MARÍN, INIMIGO DO MEDIO AMBIENTE!!!

Publicado por: MontePituco | 11/09/2010

MARUXA E CHOLO, SOBRE O GALEGO


 

Marín, marinense, mariñeiro, navegante… Hainos navegantes das ondas, hainos navegantes de terra e hainos navegantes da rede. Nesta marabilla global que nos interrelaciona a través da tecnoloxía atopamos o blog AsCandongasdoQuirombo. Trátase dun grupo formado por Andrea Núñez, Xandra Santos, Lara Rozados, Laura Fernández e Raquel Rey para realizar un documental sobre a recuperación da memoria do galego. O proxecto denomínase “O galego vivencial. Recuperación da memoria histórica da lingua galega” e está patrocinado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Levan aínda pouco tempo percorrendo Galicia e gravando o testemuño directo de homes e mulleres galegofalantes. Esta semana visitaron Marín e conversaron con María Vicedo del Río e Miguel Briones López, Maruxa e Cholo. Velaquí as experiencias destes veciños, grazas a este equipo de investigadoras por difundilas e compartilas.

Publicado por: MontePituco | 10/09/2010

OLLOPIOLLO ÁS ALEGACIÓNS

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, dará mañá unha rolda de prensa en Santiago para falar das alegacións presentadas ás Directrices de Ordenación do Territorio. TTttttRRrrrrr…!!! Que dirá, dirá, o conselleiro, eiro. Ollopiollo, ollo.

(O cartel é unha creación do blog Terras do Morrazo: POLA PROTECCIÓN INTEGRAL DOS MONTES DO MORRAZO!)

Publicado por: MontePituco | 09/09/2010

CONCELLO DE MARÍN, INIMIGO DA NATUREZA

…Por hipócrita, por incoherente e por embaucador. O Concello de Marín, a través da Concellería de Medio Ambiente, organiza as “I Xornadas Medioambientais”. As primeiras, e ogallá que as derradeiras, porque a tomadura de pelo ten delito. Dime de que presumes e direiche de que careces…

Argumento 1º) O Monte Pituco (Pornedo), recoñecido polas Normas Subsidiarias e Provinciais de Planeamento como espazo natural protexido, é a ubicación proposta polo Goberno local para instalar un polígono industrial.

Argumento 2º) O Monte Pituco (Pornedo) forma parte dos Montes do Morrazo, protexidos polas anteriores Directrices de Ordenación do Territorio, unha cualificación que se lle retirou no novo documento que estivo en exposición pública. E que fixo o Concello? Pedirlle á Xunta que conserve a protección dos Montes do Morrazo pero que desafecte o Monte Pituco, desprezando o valor ambiental, ecolóxico, paisaxístico, cultural e patrimonial deste enclave.

Argumento 3º) Porque hai unha chea de tempo que representantes de varios colectivos sociais de Marín e do seu contorno, que apoian a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños nos montes de Marín, Pontevedra e Vilaboa, véñenlle solicitando reiteradamente ao Concello unha entrevista para procurar a súa adhesión ao proxecto. E cal é a resposta do Goberno local? Que ignora por completo esa petición de diálogo e négase a coñecer os detalles desta iniciativa a prol da posta en valor do rural marinense, do seu potencial arqueolóxico e turístico, forestal e económico.

…E poderiamos seguir anotando argumentos para desenmascarar a estes dirixentes municipais, inimigos do medio ambiente. Por tanto, ESTAS XORNADAS ‘MEDIOCOMOLLESQUEIRANCHAMAR’ SON UN ENGANO, UN PARIPÉ E UN FRAUDE. Porque nun programiña de fin de semana aparentan facer unha xestión que, na práctica, supón un agravio irreparable á imaxe e á fisonomía desta vila.

E dende DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO), vaia o noso respecto a colectivos como a Asociación de Defensa Ecolóxica de Galicia Adega, Amigos da Terra, a Mancomunidade de Montes de Santomé, a Protectora de Animais e Prantas de Marín, ou o Clube de Montañeiros de Pontevedra, que non deben saber moi ben onde se meten participando como expositores nesta feira trapalleira. Ou que sabéndoo, participan igualmente por falta de criterio, por falta de compromiso real coa conservación do monte e do medio natural, ou por compromiso económico ou ideolóxico cos promotores deste tinglado que é puro marketing, fume de leña verde, e ruido pre-electoral.

Non somos os únicos que obxectamos contra estas Xornadas de Mediocomollesqueiranchamar. O Colectivo Nacionalista de Marín tamén lle saca os colores á Concellería de Medio Ambiente cunha nota informativa que non ten desperdicio. Lean e infórmense, por favor. Non se deixen embaucar pola política-escaparate deste Goberno local:

O próximo fin de semana vanse celebrar en Marín unhas “Xornadas Ecolóxicas” organizadas polo Concello, máis concretamente polas concellarías de Medio Ambiente e Turismo, ambas dirixidas polo BNG. Non podemos por menos que manifestar a nosa opinión considerando estas xornadas como un acto para lavar a cara e con claras intencións electorais.

Estamos ante un goberno municipal sancionado por Augas de Galiza, por unha obra auspiciada pola concelleira de medio ambiente, que elaborou un PXOM nefasto baseado na especulación, que pretende canalizar os ríos Lameira e Loira para favorecer a súa posterior urbanización, e que vende como gran logro un ecoparque que non é mais que unha finca municipal privatizada para beneficio dunha empresa.

SE ANALIZAMOS A TRAXECTORIA DO BIPARTITO EN MARÍN NON PODEMOS CONSIDERAR QUE SEXA MOI “ECOLÓXICA” NIN RESPECTUOSA CO MEDIO AMBIENTE. A principal aposta política desta lexislatura foi un Plan Xeral caracterizado por importar un modelo especulativo típico do Mediterráneo, baseado na urbanización expansiva. Modelo fracasado e cuestionado por calquera organización ecoloxista existente en Galiza e no resto do estado. A protección do litoral e das concas do ríos no PXOM foi unha imposición de Administracións superiores fronte á pretensión dos nosos gobernantes locais de invadir beiras de ríos e costas con construcións.

Como podemos cualificar as propostas de chan industrial que defenderon e defenden desde o bipartito, co apoio incondicional da oposición, pretendendo instalar o mesmo en zona de protección dos Montes do Morrazo. Tendo como último e destacado capítulo a solicitude aprobada por unanimidade no pleno do concello de reducir os Montes do Morrazo para así poder construír os polígonos industriais, destruíndo o medio ambiente e o noso patrimonio cultural. A Brea, Pornedo ou Pastoriza non merecen ningunha consideración medioambiental para uns políticos que teñen como maior éxito a capacidade de unir aos veciños e veciñas contra estas propostas.

Podemos considerar unha intervención ecolóxica o ecoparque? Deixando en mans dunha empresa privada unha propiedade pública, nunha concesión legal pero pouco ética. Ese é o ecoloxismo que nos queren vender desde o concello?

Temos como promotora da iniciativa á concelleira de medio ambiente, a responsábel da colocación no medio do río Lameira duns colectores e que motivou que o Concello fora sancionado por Augas de Galicia. A concelleira que permite que a empresa concesionaria da recollida do lixo teña os contedores sen lavar durante todo o verán (e o resto do ano), que consinte o traspase de lixo na canteira que usa como almacén ao aire libre. E que é responsábel do lamentábel estado das rúas de Marín, feito intencionado para xustificar a futura privatización da limpeza viaria.

E xa para rematar queremos preguntarnos onde están as organizacións ecoloxistas que realmente defenden o noso medio, por que non están convidadas a estas xornadas? Será que só interesan organizacións domesticadas e afíns ao BNG?

Publicado por: MontePituco | 08/09/2010

ERMO FORESTAL

Estamos abocados ao ermo forestal, se non conseguimos virar as tornas. O bosque autóctono xa retrocedeu de máis; era o seu ir recuperando para piñeiros, carballos e castiñeiros o espazo que dende hai décadas foron gañando eucaliptos e acacias. Esta viñeta de Tomás Rodríguez Zayas ‘Tomy’, que gañou o Premio Curuxa de humor gráfico e que permanece exposta no Museo do Humor de Fene, advírtenos que a deforestación é un problema ecolóxico e social, que non se debe consentir a tala de grandes superficies naturais a calquera prezo. Non nos cabe na cabeza semellante deserto desolador no Monte Pituco (Pornedo), creando un antiestético baleiro visual en pleno saco da ría, sustituindo o verde das masas arbóreas polo gris do formigón e do asfalto ao longo de hectáreas e máis hectáreas de terreo.

Tomy Zayas finou este luns na Habana. Estaba considerado un dos caricaturistas cubanos máis prezados internacionalmente, cunha traxectoria colmada de premios non só na súa illa, senón tamén en Brasil, España e outros países. Este agrónomo de profesión tivo unha formación artística completamente autodidacta e, dende 1968, publicaba as súas viñetas en xornais e revistas.

Publicado por: MontePituco | 07/09/2010

NOXO E VERGOÑA DA COMUNIDADE DE MONTES

Velaquí un espazo noxento e insalubre, cheo de lixo e con abundante maleza. O que podería ser un agradable lugar de esparcemento e de descanso, a carón da estrada que sobe dende San Xulián en dirección a Figueirido, pasando o desvío da variante de Marín, é unha vergoña para os veciños e veciñas da parroquia. A Comunidade de Montes, responsable do seu mantemento, consinte que esta arboreda ofreza este aspecto tan lamentable. Non nos queda máis remedio que presentarlle un escrito á xunta rectora da Casa de Montes para que tome as medidas oportunas: que limpe a zona, que instale as papeleiras e colectores que agora brilan pola súa ausencia, e que se comprometa a velar polo seu bo estado.

Unha dúbida existencial: recollerannos o escrito ou teremos tantas trabas como da última vez, cando nos diriximos á directiva da Comunidade de Montes para protestar pola proliferación de verquidos incontrolados? Serán tan amables na Casa de Montes de aceptar o escrito e selalo dando acuse de recibo, ou teremos que molestarnos en dar co mesmo presidente en persoa para que o asine do seu puño e letra dando conformidade? Porque esta xente funciónalles así: para apuntarse “tantos”, para encabezar pancartas relativas a causas máis ou menos encomiables, para aparecer a carón dos políticos que lles entran polo ollo, sonlles os primeiros. Para asumir responsabilidades por asuntos dos que fan deixación de funcións, para recibir críticas pola súa cuestionable xestión, e para atender os requerimentos dos comuneiros que lles resultan incómodos, torcen o xesto, recúan e poñen “nonseicantas” excusas.

O acondicionamento desta arboreda non pode agardar máis. Pasou todo o verán nesta situación calamitosa, con centos de vehículos pasando polo seu carón, e moitos paseantes contemplando o deplorable aspecto que ofrece. Certo é que algúns dos seus usuarios merecen asistir a unhas clases de civismo, porque o lixo non aparece por xeración espontánea, senón por falta de educación. A falta de onde depositar os restos das merendolas, os usuarios de calquera espazo natural o menos que poden facer é gardar o lixo que producen para tiralo no lugar axeitado. Polo menos ata que a Comunidade de Montes teña a ben repoñer as papeleiras.

…Porque non estando polo labor de velar pola conservación desta arboreda, ou da área recreativa do Pornedo, que tamén está completamente esnaquizada polos vándalos, a xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xulián non se pode arrogar como “logro” a dotación dun ben para a parroquia que logo queda no máis absoluto abandono. Porque ben que presumen dunha Casa de Montes “a todo trapo”, pero do que hai por fóra ben que se esquecen. Será que non visitan moito os seus “dominios” ou que non lles preocupa a mala imaxe que ofrecen o lixo amontoado, a maleza invadindo os lugares públicos ou o material con desperfectos. Para mostra, o panel ilexible da propia Comunidade ao pé do Monte Pornedo.

Publicado por: MontePituco | 06/09/2010

DOT: RESUME DE PRENSA (II)

Publicado por: MontePituco | 03/09/2010

APOIO SOCIAL AOS MONTES DO MORRAZO

Concluido o prazo de presentación de alegacións ás Directrices de Ordenación do Territorio (DOT), DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) resalta o AMPLO RESPALSO SOCIAL que tivo a demanda de “protección integral” para os Montes do Morrazo que, no documento sometido a exposición pública, quedan excluidos do catálogo de espazos naturais protexidos. MÁIS DUNHA DUCIA DE ENTIDADES cun alto nivel de representatividade, ás que se sumaron un bo número de alegacións a título individual, evidencian a sensibilidade da veciñanza co patrimonio natural e cultural, e o rexeitamento contra a pretensión do Concello de Marín de privar o Monte Pituco (ou Pornedo) da súa pertenza aos Montes do Morrazo para cometer a ATROCIDADE de instalar nel un polígono industrial que contradi os principios das propias DOT.

DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) acusa o Goberno local de Marín de TRAIZOAR o contido do PXOM e de pretender MANIPULAR ao seu capricho as pautas ambientais que ten trazadas. E para rematar de desbaratar os pretextos do Concello, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental supedítalle a viabilidade do polígono proxectado á elaboración dun estudo de avaliación ambiental específico para dita actuación; un requisito que non tería sentido cumprir se o Monte Pituco non merecera o tratamento especial que o Goberno local lle quere furtar.

Por iso, este colectivo veciñal esixe que a Xunta manteña a protección dos Montes do Morrazo EN TODA A SÚA EXTENSIÓN, unha reivindicación que secundan a Asociación de Veciños de San Xulián, a Mancomunidade de Montes do Morrazo, a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, o Colectivo Nacionalista de Marín, a Asociación Cultural Almuinha, o Grupo Cultural Ronsel, CIMO-Castelao, as Comunidades de Montes de Lourizán, de Salcedo, de Moaña e de Vilaboa, a Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo ‘Cíes’ e a Federación de Asociacións de Veciños A Chamusca de Moaña, entre outros.

O documento das DOT contempla que “na elección das alternativas das áreas empresariais primará a prevención dos seus posibles efectos sobre o medio fronte á súa corrección, mitigación ou compensación, polo que se considerarán as limitacións derivadas dos condicionantes topográficos, da proximidade de asentamentos de poboación, da posible afección ao ámbito de influencia do patrimonio natural e cultural, ou doutras actividades produtivas primarias ou terciarias, da visibilidade ou fraxilidade paisaxística, etc.”. Por iso, non pode ser máis LAMENTABLE a xustificación que fai o Goberno local para pedir que a Xunta “redimensione” os Montes do Morrazo, un PATÉTICO EUFEMISMO que supón DISCRIMINAR o Monte Pituco do ámbito de protección que lle corresponde por unidade xeográfica e por dereito.

Argumentar que o Monte Pituco teña que quedar á marxe dos Montes do Morrazo para adaptarse ao PXOM non só é unha EXCUSA BARATA, senón unha TREMENDA INCONGRUENCIA. Así, o Informe de Sostibilidade Ambiental do Planeamento inicialmente aprobado reflicte que o Monte Pituco está plenamente integrado no ámbito territorial dos Montes do Morrazo, e que os montes de Marín cumpren un “papel clave non só na natureza e na paisaxe municipal”, senón que tamén fan “unha contribución relevante ao patrimonio ambiental do Morrazo”. Neste sentido, o ISA recolle o “valor limitante absoluto para usos urbanísticos de carácter residencial ou industrial” que pesa sobre os Montes do Morrazo, protexidos polas Normas Subsidiarias e Complementarias Provinciais e polas DOT que elaborara o anterior goberno autonómico.

O interese paisaxístico, ecolóxico e patrimonial do Monte Pituco (ou Pornedo) en particular, e dos Montes do Morrazo en xeral, son razóns de peso abondo para loitar pola súa conservación e mesmo para procurar a posible creación do Parque Natural dos Montes do Morrazo, incorporando o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Malia que a Alcaldía de Marín vén IGNORANDO e DESPREZANDO reiteradamente as peticións de entrevista cursadas por DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) para demostrarlle os graves problemas de tipo topográfico, ambiental, hidrográfico e doutra índole que acarrearía a instalación dun polígono industrial neste emprazamento, a asociación seguirá insistindo mensualmente neste lexítimo e firme propósito de diálogo.

Publicado por: MontePituco | 02/09/2010

A AA.VV. SAN XULIÁN SOBRE AS DOT

Outro dos colectivos que tamén presentou obxeccións ao documento das Directrices de Ordenación do Territorio foi a Asociación de Veciños de San Xulián, á que lle amosamos tamén o noso agradecemento e o noso recoñecemento polo labor que realizan a prol da mellora da parroquia, nas súas dotacións e servizos. A continuación, un fragmento das alegacións que formalizaron ante la Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

…A Asociación de Veciños de San Xulián considera que os montes da nosa parroquia xa foron bastante agredidos, polo -moitas veces- mal chamado “progreso”. Non podemos seguir permitindo que nestas zonas se poidan seguindo levando a cabo actuacións agresivas co medio, que poden provocar un dano irreversible e a desaparición destes espazos naturais, do seu patrimonio historico e da súa riqueza paisaxística.

Consideramos unha incongruencia que no PXOM se contemple unha protección case total nos lugares da Pena, do Caeiro e dalgunhas zonas do río Lameiriña e, por outro lado, pretendan seguir seguir desmontando o Monte Pornedo para facer un hipotético parque industrial e permitirlle ao acuartelamento da Brilat seguir facendo chabolas ou o que lle veña en gana. O que xa non ten sentido é que non contemplen nas Directrices de Ordenación do Territorio, a medio prazo, a recuperacion do cauce do río Lameiriña no seu tramo urbano, e súa libre desembocadura no mar.

A Asociación de Veciños de San Xulián solicítalle á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que se inclúan nas Directrices de Ordenación do Territorio, dentro da Rede Galega de Espazos Naturais, as zonas do lago de Castiñeiras o Monte Pornedo ou Pituco, Cotorredondo e os Montes do Morrazo, por seren de grande interese paisaxístico, ecolóxico e patrimonial. A protección dos Montes do Morrazo é unha demanda de moitos axentes sociais e, ademais, encaixa perfectamente cos obxectivos da DOT.

Demandamos criterios serios e equitativos na protección do río Lameiriña. Que as proteccións e recomendaccións que se lles aplican ás beiras dos cauces no ámbito rural, sexan as mesmas para a zona urbana. É necesario recuperar o cauce na zona do barrio Lameira, libre de irracionais entubamentos ata a súa desembocadura no mar.

Publicado por: MontePituco | 01/09/2010

ALEGACIÓNS DE ALMUINHA ÁS DOT

Almuinha foi un dos colectivos sociais de Marín que presentou alegacións ao documento das Directrices de Ordenación do Territorio. Reproducimos a continuación a nota de prensa desta asociación cultural, que defende a conservación do Monte Pornedo (ou Pituco) fronte á pretensión do Concello de Marín de pedirlle á Xunta a súa desprotección ambiental co fin de instalar nel o polígono industrial ao que nos opoñemos firmemente. Agradecemos sinceiramente o posicionamento de Almuinha e a formalización destas alegacións, que agardemos que teñan un efecto favorable aos intereses que compartimos.

As Directrices de Ordenación do Territorio, DOT, deben ser o instrumento de futuro que defina un modelo territorial para Galiza, que permita un crecemento ordenado e sustentábel, compatibilizando as actividades económicas coa conservación do noso medio. Aínda que no documento redactado hai múltiplas referencias ao crecemento sustentábel, sempre aparece subordinado este ao obxectivo, para a Xunta, máis importante do crecemento económico. Aposta así a Xunta pola continuidade dun modelo depredador dos nosos recursos naturais en benificio duns poucos, no canto de apostar por un outro modelo que poña límite á destrución do noso territorio.

A Xunta, dacordo co Plano MOVE, proxecta a construción de grandes infraestruturas viarias, fomentando aínda máis o uso do transporte privado fronte a un transporte colectivo de calidade e para todos/as. A construción destas estradas de alta capacidade levará aparellada consigo a destrución do medio e, lonxe de reducir os problemas de tráfico, agravaráos aínda máis debido ao efecto chamada, contribuíndo ao empeoramento dos efectos do cambio climático.

No que a Marín e ao Morrazo respecta á Xunta, o documento redactado deixa sen protección espazos de incalculábel valor ambiental, paixasístico e patrimonial, como os Montes do Morrazo, o entorno de Cotorredondo, lagoa de Castiñeiras, cabo Home e Barra, abrindo a posibilidade de que se leven a cabo agresións a estes espazos que poderían incluso significar a desaparición destes tal como os coñecemos. Chama significativamente que o entorno de Cotorredondo e a lagoa de Castiñeiras, espazos naturais até o de agora protexidos, sendo unhas das paraxes que pola súa beleza e valor ambiental son mellor valoradas pola poboación, se lles quite agora a protección.

Son múltiplos os xacementos arqueolóxicos catalogados nos espazos que agora se deixan sen protección, que se poden ver ameazados por infraestruturas viarias, polígonos industriais, existindo un interesante proxecto de creación de espazo arqueolóxico, apoiado xa por distintos colectivos e comunidades de montes “afectadas” polo proxecto. Este proxecto pódese consultar no seguinte enderezo web: http://www.espazosetecaminhos.tk.

Debería ser propio dunha sociedade do século XXI, tendo en conta o cambio climático, sumar cada vez máis entornos naturais á rede de espazos protexidos para poder así salvagardar da destrución lugares de interese natural, ecolóxico e patrimonial para futuras xeracións no canto de ir cara atrás e eliminar a protección aos espazos xa protexidos. Mais, unha vez máis, imponse o lucro desta sociedade en crise capitalista, e moito nos tememos que a desaparición da protección dos Montes do Morrazo teña que ver coa intención de construír dous polígonos industriais nas zonas do Monte Pornedo e na Pastoriza, no concello de Marín.

A construción destes dous polígonos ademais de supór unha enorme agresión ambiental, terían un enorme impacto visual, xa que no caso do monte Pornedo o polígono podería verse dende calquera punto da ría de Pontevedra, por situarse nun lugar destacado da paisaxe, e o estar no anfiteatro natural de Marín, a vila quedaría encaixonada entre o porto e o polígono; e no caso do polígono de Pastoriza, sería visto dende gran parte da Ría de Pontevedra e da Ría de Vigo, por situarse nun lugar destacado da paisaxe dende ambas.

A construción do polígono no monte Pornedo suporía un enorme impacto arqueolóxico, ao contar a zona con numerosos xacementos, como o conxunto de gravados rupertres do Pornedo, conxunto de gravados rupestres do Piñeiral do Caeiro, petroglifo dos Sete Camiños, mámoa de Catadoiro, mámoas de Chan da Lagoa.

Os numerosos e brutais desmontes que habería que realizar para a construción dos polígonos debido á pendiente, especialmente no caso do monte Pornedo, xunto coa grave afección natural e patrimonial, chocan de fronte co criterio das propias DOT, que di que “na elección das alternativas das áreas empresariais primará a prevención dos seus posibles efectos sobre o medio fronte á súa corrección, mitigación ou compensación, polo que se considerarán as limitacións derivadas dos condicionantes topográficos, da proximidade de asentamentos de poboación, da posible afección ó ámbito de influencia do patrimonio natural e cultural ou doutras actividades produtivas primarias ou terciarias, da visibilidade ou fraxilidade paisaxística, etc., e deberase xustificar neste senso a idoneidade da localización finalmente seleccionada”.

Dende A.C. Almuinha queremos amosar o noso TOTAL REXEITAMENTO, como xa fixemos en anteriores ocasións, AO POLÍGONO PROXECTADO NO MONTE PORNEDO, e é por iso que non podemos máis que amosar o noso asombro, aínda que non sorpresa, pola actitude da Corporación Municipal que, na súa totalidade, acordou solicitar da Xunta a cualificación dos Montes do Morrazo como espazo natural protexido, mais deixando fóra o monte Pornedo para así poder axilizar canto antes a construción do polígono industrial na zona.

Publicado por: MontePituco | 01/09/2010

OUTRA VEZ EN ‘EL PAIS’

Novamente, o xornal El País volve citar nas súas páxinas o colectivo DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO). Nesta ocasión, pola presentación de alegacións ás Directrices de Ordenación do Territorio, para reivindicar o mantemento dos Montes do Morrazo no catálogo de espazos naturais protexidos e co fin de contrarrestar a petición infame e discriminatoria do Concello de Marín para que se exclúa o Monte Pituco do ámbito de protección dos Montes do Morrazo.

LIGAZÓN Á NOTICIA SOBRE AS ALEGACIÓNS PRESENTADAS ÁS DOT:

“La nueva ordenación territorial de la Xunta levanta a los ecologistas”

Aproveitamos a ocasión para lembrar a reportaxe de Lara Varela publicada neste mesmo medio de comunicación, e da que nos fixemos eco neste BLOG, o pasado mes de febreiro.

LIGAZÓN Á REPORTAXE SOBRE O MONTE PITUCO (PORNEDO) EN EL PAÍS:

“Marín proyecta un parque industrial en suelo protegido”

Publicado por: MontePituco | 31/08/2010

PRÓXIMA VISITA AO CASTRO DA LANZADA

En DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) somos admiradores das iniciativas de recuperación do patrimonio histórico, por iso seguimos con interese a evolución do proxecto de escavación, musealización e divulgación do castro da Lanzada, en Noalla (Sanxenxo). Este xoves 2 desetembro, a partir das 18:30 horas, e se as condicións climatolóxicas non son desfavorables, haberá unha visita guiada a este espazo no que traballa o equipo de arqueólogos da denominada Décima Onda. O roteiro, organizado pola Asociación Cultural Andarela, é aberto ao público. Para asistir, pódese formalizar a inscrición enviando unha mensaxe a andarelaasociacion@gmail.com ou achegándose ao punto de encontro na zona de acceso ás escavacións, situada antes da entrada á capela da Lanzada.

Trala visita, que terá unha duración aproximada dunha hora, haberá unha charla sobre a febre do wolfram durante os anos 40 en Galicia, impartida por Leonardo González Pérez (Alicerce SL). A imaxe do cartel na que aparece un submarino nazi, foi tomada no porto de Marín na II Guerra Mundial (foto do arquivo familiar de Jorge García).

A Comunidade de Montes de Noalla merece tamén un recoñecemento especial por colaborar con este proxecto, xa que a Casa Forestal As Canteiras acolle periodicamente esta serie de conferencias que abordan diversos aspectos vencellados ás escavacións. Quen non puidera desprazarse ata Sanxenxo, vai ter a oportunidade de empaparse da historia deste xacemento, porque o Café Moderno de Pontevedra acollerá outro programa de sesións, organizadas polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Deputación de Pontevedra:

-3 de setembro, 20:00 horas: Rafael Rodríguez Martínez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra, fará unha retrospectiva temporal sobre as sucesivas intervencións arqueolóxicas que se realizaron na Lanzada, desde as primeiras novas aportadas por Frai Martín Sarmiento no século XVIII ata algúns resultados obtidos nas actuais intervencións.

-10 de setembro, 20:00 horas: intervención de Juan Martín Dabezies, integrante de LaPa-CSIC e proxección do documental “Os narradores do Caraguatá”, unha investigación do Laboratorio de Patrimonio do CSIC e do Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe e Patrimonio de Uruguai, en colaboración coa Intendencia Municipal de Tacuarembó.

-17 de setembro, 20:00 horas: Manuel Gago, profesor da Facultade de Xornalismo na Universidade de Santiago e director do portal culturagalega.org, disertará sobre “Repúblicas de homes libres: fortificacións e atalaias entre o Imperio Romano e a Baixa Idade Media”, para descubrir esta faceta aínda descoñecida da Arqueoloxía e da Historia galega.

-24 de setembro, 20:00 horas: Xurxo Ayán, do Laboratorio de Patrimonio do CSIC, proxectará o documental “O Neixón: historia viva dun castro”, que recolle o traballo realizado realizado entre os anos 2003 e 2008 nos castros do Neixón, en Boiro.

-1 de ourubro: Paula Ballesteros, do LaPa-CSIC, impartirá a charla titulada “O patrimonio cultural da illa de Ons: impronta do pasado, identidade dunha paisaxe”, que é o resultado dun estudo arqueolóxico e etnográfico realizado nese arquipélago durante o verán de 2009.

Máis información en:

http://alanzada.wordpress.com/

http://andarela.blogaliza.org/

Reportaxe sobre as escavacións da Lanzada no FARO DE VIGO

« Newer Posts - Older Posts »

Categorías