Publicado por: MontePituco | 14/09/2010

XORNADAS ECO-ILÓXICAS (II): PREGUNTAS INCÓMODAS

Organizar unhas xornadas medioambientais é unha arma de dobre filo nun Concello onde o respecto ao medio ambiente está seriamente en entredito ante a aplastante evidencia da súa nefasta política de asentamentos industriais. Non cómpre repetir a batería de argumentos a prol da defensa do Monte Pituco (Pornedo): basta lembrar a alta intervisibilidade da zona e o impacto visual brutal que suporía a instalación dun polígono en plena fachada da ría, a súa riqueza natural -forestal e hidrolóxica- e patrimonial, as figuras de protección administrativa que posúe, dende as Normas Subsidiarias Provinciais ata o propio Informe de Sostibilidade Ambiental do proxecto de PXOM… Por iso organizar a primeira edición dun programa de actividades sobre ecoloxía a oito meses dunhas eleccións municipais e no derradeiro ano de mandato, para empezar, ten un evidente tinte electoralista. En segundo lugar, é unha hipocresía dende o punto de vista ideolóxico, un brinde ao sol ante a cidadanía, e unha afrenta para os colectivos que loitan modestamente contra a desfeita irreversible do noso territorio. E por se fora pouco, o efecto deste tipo de xornadas na veciñanza é moi cuestionable, sobre todo cando se limitan a un discreto programiña de fin de semana e non van acompañadas dunha campaña de sensibilización ambiental prolongada no tempo e aberta a todos os sectores da poboación, principalmente á xente nova. De todos modos, CON QUE CLASE DE EXEMPLO PODE PREDICAR un Concello que aspira a DESTRUIR un dos seus espazos naturais máis significativos, unha ampla superficie do seu MONTE PERIURBÁN que, como ben apuntou o secretario da Mancomunidade de Montes de Pontevedra, Carlos Morgade, actúa como o PULMÓN VERDE da vila?

…Precisamente, a charla que impartiron representantes das Comunidades de Montes Veciñais de Coiro (Cangas), San Tomé (Marín) e Combarro (Poio), xunto co propio Morgade, merece un capítulo aparte. Como anticipo, a resposta que deu este último ante unha pregunta incómoda. Incómoda sobre todo para o concelleiro de urbanismo e para a concelleira de medio ambiente, aos que de súpeto lles xurdiu algunha urxencia ineludible, posto que se ergueron da cadeira que ocupaban entre o público e saíron escopetados da carpa.

Velaquí a pregunta, máis ou menos literal: “…Posto que o monte periurbán actúa como pulmón verde ao estar situado ao redor dunha poboación, a reflexión que correspondía facer é como se pode compatibilizar a pretensión por parte das Administracións local e autonómica de adicar ese espazo a usos que resultan INCOMPATIBLES co respecto a esa función social e ecolóxica do monte. PERO COMO SE SUPÓN QUE ESTAMOS NUNHAS XORNADAS MEDIOAMBIENTAIS, O QUE CORRESPONDE PREGUNTAR É ATA QUE PUNTO SE PODE LEXITIMAR ESA PRETENSIÓN das Administración local ou autonómica para querer adicar ese pulmón verde a usos absolutamente incompatibles co respecto a esa función social e ecolóxica que cumpre o monte periurbán”.

E comezou contestando Carlos Morgade. A súa resposta está gravada e non hai lugar a cambiar nin un punto nin unha coma das súas palabras:

“Voulle dar unha opinión persoal porque esta cuestión é bastante complexa e hai interpretacións. Hai anos, desde o ano 89 que se deu a Lei de Montes Veciñais, e no 92 que saiu o regulamento, que pouco máis decía que a propia lei. Reclamóuselle á Xunta e ao Parlamento que fixeran algún tipo de reglamento, precisamente para regular os montes periurbáns. Porque aínda que todos os montes comunais teñen esas tres funcións: produtiva, de sacar uns rendementos económicos para os propietarios, os veciños da parroquia; social tamén, para eles e tamén para os de fóra, son os montes abertos que hai, é o único sitio por onde poden andar as xentes das cidades; é a única propiedade onde, invadila de xeito non agresivo, non é delito, aínda que sexa unha propiedade privada, curiosamente; e ecolóxica… Sobre aspectos ecolóxicos, ultimamente estamos un pouco máis sensibles porque dende os incendios do 2006 moita xente se deu conta. Alá en Pontevedra tamén se deron conta, e no Concello, de que o que pasara no monte tamén lles afectaba a eles, igual que nos afecta a todos. A todos nos afecta porque o que pase no monte afecta ao aire, afecta á auga, afecta aos mananciais. Cando no 2006 arderon os montes eu pensei deseguida que os habitantes de Pontevedra ían pasalas canutas ese inverno para abastecerse de auga porque o Pontillón de Castro, que era sobre todo a presa que abastece Pontevedra, estaba nas mínimas. Despois, ao final, pasou ao contrario, curiosamente. De golpe viñeron aquelas enchentas tan grandes de xeito que o Pontillón de Castro pasou de pouquísimo, case vacío, en poucas semanas a desbordar por fóra. Non sei se recordan que incluso inundara algunhas casas de Verducido. Por que? Porque non houbera absorción de auga para meter nos mananciais nos montes. Entón foise todo polas ladeiras e enchera bastante. A cuestión está en que os montes periurbanos, por estar cerca das cidades, se lles esixe, ou lles esiximos todos, a opinión pública ou non sei como dicilo (porque lexislativamente ou legalmente non), unha maior importancia aos aspectos sociais e ecolóxicos. Porque son efectivamente o pulmón das cidades, son os surtidores dos mananciais dos que se abastecen unha boa parte, se non a maioría, dos habitantes das vilas e cidades, e todo ese territorio que está fóra das cidades e parroquias periurbanas, que ten moitas veces tanta ou máis xente que as propias cidades. Toda esa xente necesita auga, un aire minimamente en condicións e o monte veciñal axuda a cumprir eso. O que pasa é que eso non está recollido na lexislación. Hai un momento a señora dicía como nós llo vamos cobrar, xa veremos [Refírese a unha pregunta anterior na que unha persoa do público preguntou pola compra de dereitos de emisión de dióxido de carbono]. Non está regulado o retorno dese beneficio hacia os produtores do ben. O reparto se fixo por países e curiosamente tiña que pagar máis quen menos CO2 absorbía. De xeito que para ese cómputo xa se usaron os recursos forestais de todo o país, para establecer a cuota que ten que pagar cada país. Xa contaron cos nosos montes para que as nosas empresas pagaran menos, pero non estableceron como esas empresas, se pagan, terían que devolver aos que manteñen as árbores. Eso non está regulado de momento.

O lóxico é que nas zonas periurbanas os montes non só deben ser lexitimamente os espazos de produción para os seus propietarios, que teñen todo o dereito a poñer en produción as súas terras, como calquera de nós coa súa leiriña, e a cultivar o que poida e sacar o beneficio que poida. Senón que hai que compatibilizar cuns servizos que moitas veces nos pasan desapercibidos e cando nos fallan é cando nos damos conta de que o monte cumpre funcións máis importantes do que moitas veces pensamos. E nós podiamos dicir, esas 500 hectáreas, nós en asamblea, decidimos o que nos peta facer nos nosos montes. E se resulta que agora mesmo o eucalipto está ben de prezo, prantamos eucalipto, quen nolo vai prohibir, onde pon que non poidamos facelo. Pero ao mellor resulta que non convén. O lóxico sería que esas decisións tuveran uns topes para resgardar uns beneficios ecolóxicos que teñen que cumprir os montes. Por outro lado, se se poñen cortapisas e limitacións sobre eses usos, igual que pasa cos parques da Rede Natura, se establezan tamén mecanismos de compensación por eses servizos: vós aí non podedes prantar 500 hectáreas de eucalipto porque ecoloxicamente é moi dañino para esto, esto e esto. É o que se fai coas empresas, non? Para compensar esa perda de beneficio, polas expropiacións e o lucro cesante. Cando a algunha empresa se lle pon algún tipo de limitación. O di a nivel urbanístico tamén: se eu teño un edificio de tres alturas e o plan xeral me di que só pode ter unha altura, teñen que compensarme, porque con cada normativa nova que saia, eu non podo perder do meu ben. Por que non se fai tamén cos montes? Efectivamente, por un lado as Administracións teñen que regular que os montes sigan cumprindo esas funcións sociais e ecolóxicas, precisamente porque non está regulado, polo menos de momento, o retorno dos beneficios que nos producen para garantizar ese ben no futuro. E nesa normativa tamén habería que establecer os mecanismos de compensación de que se esos señores non poden facer o que lles dea a gana nos seus montes, para salvagardar mananciais e cousas desas, teñen que compensalos, non para que se leven o diñeiro para a casa e se compren un coche, senón para que sigan mantendo eses montes así, e teñamos garantizados os mananciais que nos abastecen de auga. Eso é o que falta. Despois, simplemente, a sensibilidade de cada concello, a través do seu Plan de Ordenación se supón que debería servir de marco de negociación coas comunidades de montes para establecer a vocación de cada zona. E a través dos orzamentos municipais se deberían contemplar partidas que, máis ou menos, colaboren coas comunidades de montes precisamente, para o seu traballo, a súa xestión, de garantir eses servizos que son a toda a sociedade. Non só son os veciños e propietarios, senón a toda a sociedade: que os mananciais estean atendidos. Que o monte non arda…

CONTINUARÁ…


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: