Publicado por: MontePituco | 04/10/2010

REPASANDO A HISTORIA DOS SUEVOS

Dende hoxe e ata este venres 8, o Pazo da Cultura de Pontevedra acolle o I Congreso Internacional 1600 anos do Reino Suevo de Galicia. Xa o pasado mes de xullo adiantaramos a súa celebración e, andando o tempo, aquí está o día. Daquela lembrabamos a fonda pegada que deixaron estes pobos xermánicos, aos que lles debemos unha grande herdanza histórica, pois desa época datan figuras tan importantes da nosa organización territorial como as parroquias e o monte veciñal comunal.

O Reino de Galicia xurdiu nun momento indeterminado entre os anos 410 e 411, cando o rei suevo Hermerico e o seu pobo se asentou na provincia romana de Gallaecia, dando pé á fundación dun reino independente do poder de Roma, que perdurou como tal ata o ano 585, cando foi anexionado polo rei Leovixildo ao veciño reino visigodo.

Os 175 anos que durou este periodo histórico, agás excepcións, non foron obxecto de demasiada atención por parte dos investigadores, historiadores e arqueólogos. O descoñecemento que se arrastra débese á carencia de fontes históricas para un longo periodo de tempo e ao carácter sesgado da información existente. Os promotores do Congreso consideran que houbo desconsideración, e mesmo desprezo, por parte de certa historiografía, o que levou a que esteamos ante unha etapa da Historia ignorada pola cidadanía e pouco (e imperfectamente) estudada.

Malia todo, o Reino Suevo foi un periodo fundamental en Galicia: consolidouse e expandiuse o cristianismo, puxéronse os alicerces da organización da Igrexa coa extensión do monacato e a creación de mosteiros, e floreceu unha cultura escrita sen comparación no mundo latino, entre outros logros. Dun tempo a esta parte, fóronse realizando novos estudos e recentes achados arqueolóxicos contribuiron a ir recompoñendo o panorama da cultura material da Antigüidade Tardía e da Idade Media.

Coincidindo co 1600 cabodano da fundación do Reino Suevo de Galicia, este Congreso permitirá reflexionar, compartir, aprender e divulgar coñecemento sobre esta parte da nosa Historia: a crítica historiográfica, as fontes escritas e arqueolóxicas, os métodos de investigación; a etnoxénese do pobo suevo, a monarquía, o dereito político e a administración, as relacións de poder, a diplomacia e as relacións internacionais; a economía e a sociedade, as relacións interétnicas e os conflitos sociais, a territorialidade e o modelo produtivo; a cultura material e espiritual, arte e arquitectura, lingua e literatura; a relixión, entre o paganismo, a ortodoxia e a herexía…

Entre os ponentes atópase un marinense: Xoán Bernárdez Vilar (1936). Mestre e Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Vigo (1995). Activista intelectual, dirixiu diversas publicacións culturais e programas divulgativos sobre a Historia de Galicia en La Voz de Vigo e Radio Ecca. Combina a súa faceta de historiador coa de escritor e novelista, ademais de Académico Correspondente da Real Academia Galega dende 2003. Como investigador publicou diversos traballos centrados na etapa sueva, entre os que destaca unha galardoada monografía e outras obras de traducción de fontes históricas. Entre as súas obras sobre o tema suevo destacan: O comezo da nosa Idade Media. A Gallaecia que se emancipou de Roma (2003), Chronica Hermerici (2004), e Idacio Lémico: Chronica 379-469 (2004).


Responses

  1. A ponencia do marinense Xoán Bernárdez Villar, para quen queira (e poida) asistir, será ás 17:00 horas de mañá martes día 5, no Pazo da Cultura de Pontevedra. O título da súa conferencia é “Hermerico e a constitución do Reino de Galicia”.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: