Publicado por: MontePituco | 27/09/2010

ANDAINA POR CASTIÑEIRAS E COTORREDONDO

 

É verdadeiramente incomprensible que as Directrices de Ordenación do Territorio excluiran o parque natural de Castiñeiras e o alto de Cotorredondo do catálogo de espazos protexidos. DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) fomos dos primeiros colectivos en presentar alegacións contra semellante sensentido e fixemos campaña para que entidades e particulares se sumaran non só a reclamar a conservación destes espazos, senón que esa conservación fora extensible aos Montes do Morrazo no seu conxunto: a protección integral dos Montes do Morrazo. Outra actitude máis incomprensible aínda é a que vimos denunciando por parte do Concello de Marín, por pedirlle á Xunta que o Monte Pituco (Pornedo) se exclúa dese ámbito de protección ao que pertence por unidade xeográfica e por dereito.

Suban ao miradoiro de Cotorredondo, dean unha volta ao redor para gozar das marabillosas vistas das rías de Vigo, Pontevedra e Arousa, dos montes do Suído, do Morrazo e do Barbanza… Pechen os ollos e fagan un esforzo por imaxinar 40 hectáreas de formigón, de naves fumegantes e ruidosas, a escasa distancia da Lagoa de Castiñeiras, en plena fachada litoral. Eses son os plans destrutivos, inxustificables e imperdoables trazados polo suposto goberno de esquerdas desta nosa vila. Afortunadamente, hai moitas persoas capaces de apreciar a beleza natural, patrimonial e cultural que os políticos marinenses desprezan.

Un paseo polo contorno de Castiñeiras sempre é unha delicia, unha inxección de aire puro para os pulmóns e de verdor en todas as gamas cromáticas para a retina: ameneiros, castiñeiros, bidueiros ou salgueiros, árbores autóctonas galegas, convivindo en singular harmonía con outras especies foráneas, como a criptomedia xapónica, o abeto de Douglas, o piñeiro canadiano ou a araucaria, ás que se suman outras de magnífico porte, como a acacia negra ou a tulla. Bordeando un regato chegamos ata a lagoa, cun inusual aspecto, polo baixo caudal de auga que presenta. Por alí espatexan os parrulos domésticos, o ánade real ou o pato mudo, de orixe brasileira.

…E da ribeira, á matogueira, atravesando Chan do Vilar, xa nos límites de Vilaboa. O toxo comeza a florecer e a cor amarela da chorima contrasta co rosáceo do carrasco e do breixo, e coas árbores aínda novas das recentes repoboacións. Entre toda esta biodiversidade, imos atopando tamén xoias da Historia: petroglifos, mámoas… Chegamos á famosa Mámoa do Rei, nun recinto valado no que destaca a restauración deste monumento megalítico milenario. Seica o libro do Ciprianillo relataba no século X que no interior destas construccións se agochaban tesouros de valor incalculable e que na Idade Media os nobres promoveron salvaxes batidas para localizalos, o que supuxo a destrucción de numerosos xacementos que, pacificamente, se foran conservando nos nosos montes dende hai 2.000 ou 4.000 anos antes de Cristo. Barbaridades…

Como barbaridades nos parecen tamén as cabriolas dos motociclistas e dos conductores de quads polo monte, a contaminación acústica das súas máquinas e os gases tóxicos que desprenden. O Concello de Marín habilitoulles unhas pistas para que se tiren case en picado por elas; hai xente para todo. O malo é cando, como case sempre, destrúen coas súas rodas espacios alleos a eses circuitos, perxudican a flora e a fauna da zona, e ameazan a integridade dos elementos patrimoniais que abundan no monte. Para mostra, o alto do Pornedo, onde denunciamos a presenza destes kamikazes motorizados.

Pero xa no alto, atopamos o premio ao esforzo físico da ascensión a pé: a paisaxe, o azul do ceo e do mar, bosques inmensos, floriñas ventureiras de outono… Natureza! Cando repetimos?

PD: esta andaina forma parte do programa Natureza nos Camiños, da Concellería de Medio Ambiente de Pontevedra.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: