Publicado por: MontePituco | 28/09/2010

CARTA AO ALCALDE (OUTRA MÁIS)

Da nosa mellor consideración:

Cumprindo co compromiso que lle transmitimos o pasado mes de xullo, voltamos reiterarlle –e a partir desta data en papel reciclado e/ou reutilizado mentres o Concello non dispoña doutros mecanismos telemáticos de participación cidadá– o noso interese en manter unha breve entrevista con vostede. Dende o pasado mes de xaneiro vimos insistindo no noso dereito como marinenses, como contribuíntes e, a partir de datas próximas tamén como votantes, a coñecer co maior detalle posible cales son os plans do Goberno municipal a respecto da dotación de chan industrial na vila. Un proxecto que parece pasar pola elección do Monte Pituco, tamén coñecido co topónimo tradicional de Pornedo, segundo consta no Plan Xeral de Ordenación Municipal do que o Concello pretende obter aprobación por parte das Administracións de rango superior.

Posto que a Alcaldía vén ignorando reiteradamente as peticións de entrevista que, de forma educada e respectuosa vimos redactando con esforzo e presentando con boa vontade por Rexistro, non podemos menos que cuestionar rotundamente a súa inexplicable falta de diálogo e a súa inxustificable falta de receptividade ás críticas. O menos que pretendemos os veciños de Caeiro, A Pena, Arealonga, Casal, Laxe, Os Bravos e outros núcleos de poboación próximos ao Monte Pituco, é presentarlle as conclusións aos estudos que encargamos os afectados e que custeamos cos nosos propios recursos económicos, que non son nin máis nin menos que os de xente honrada e traballadora, que dun tempo a esta parte se preocupa pola posible destrucción dun espazo natural, dunha fonte de riqueza forestal, dun espazo cun importante potencial turístico e cultural para a parroquia. Velaí as pendentes practicamente insalvables da zona, a abundancia de elementos arqueolóxicos catalogados, a existencia de mananciais naturais que serven dende tempo inmemorial a habitantes e propietarios de terreos próximos e que a bo seguro se perderán irreversiblemente baixo a acción das pás excavadoras e das cargas de dinamita para desmontar o terreo.

Coa súa inamobible cerrazón, dende este colectivo podemos empezar a considerar que o motivo de non sermos benvidos na Casa Consistorial probablemente obedeza a que os argumentos que defendemos están suficientemente avalados dende o punto de vista técnico, administrativo e legal. Non en van, a Guía de Recomendacións Técnicas para o Proxecto Integral de Parques Empresariais de Galicia desaconsella estas instalacións en terreos con desniveis por riba do 15%. Non en van, o Informe de Sostibilidade Ambiental do propio proxecto de PXOM advirte da “capacidade limitante absoluta” do Monte Pituco para acoller urbanizacións de tipo residencial ou industrial. Lonxe de respectar estas obxeccións e, nun acto de discriminación que lle reprochamos amargamente, o Goberno local que vostede dirixe venlle de pedir á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que suprima o Monte Pituco do ámbito de protección que o Concello demanda para os Montes do Morrazo nas Directrices de Ordenación do Territorio.

Así pois, agardamos que o titular da Alcaldía, independentemente da súa consideración desfavorable pola causa que defende este colectivo, exerza a súa función institucional e teña a ben citar a unha delegación da Asociación, polo tempo que estime oportuno, para escoitar os seus plantexamentos a prol da conservación deste monte; para ser invitado a apoiar o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños do que xa son partícipes unha vintena de organizacións sociais, culturais e ambientais da bisbarra; para propoñerlle unha visita á zona, na que se lle amosarían todos os elementos que cómpre revalorizar.

Agardando novamente a súa xenerosa receptividade, despídese atentamente

DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO)


Responses

  1. […] CARTA AO ALCALDE (OUTRA MÁIS) […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: