Publicado por: MontePituco | 31/08/2010

PRÓXIMA VISITA AO CASTRO DA LANZADA

En DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) somos admiradores das iniciativas de recuperación do patrimonio histórico, por iso seguimos con interese a evolución do proxecto de escavación, musealización e divulgación do castro da Lanzada, en Noalla (Sanxenxo). Este xoves 2 desetembro, a partir das 18:30 horas, e se as condicións climatolóxicas non son desfavorables, haberá unha visita guiada a este espazo no que traballa o equipo de arqueólogos da denominada Décima Onda. O roteiro, organizado pola Asociación Cultural Andarela, é aberto ao público. Para asistir, pódese formalizar a inscrición enviando unha mensaxe a andarelaasociacion@gmail.com ou achegándose ao punto de encontro na zona de acceso ás escavacións, situada antes da entrada á capela da Lanzada.

Trala visita, que terá unha duración aproximada dunha hora, haberá unha charla sobre a febre do wolfram durante os anos 40 en Galicia, impartida por Leonardo González Pérez (Alicerce SL). A imaxe do cartel na que aparece un submarino nazi, foi tomada no porto de Marín na II Guerra Mundial (foto do arquivo familiar de Jorge García).

A Comunidade de Montes de Noalla merece tamén un recoñecemento especial por colaborar con este proxecto, xa que a Casa Forestal As Canteiras acolle periodicamente esta serie de conferencias que abordan diversos aspectos vencellados ás escavacións. Quen non puidera desprazarse ata Sanxenxo, vai ter a oportunidade de empaparse da historia deste xacemento, porque o Café Moderno de Pontevedra acollerá outro programa de sesións, organizadas polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Deputación de Pontevedra:

-3 de setembro, 20:00 horas: Rafael Rodríguez Martínez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra, fará unha retrospectiva temporal sobre as sucesivas intervencións arqueolóxicas que se realizaron na Lanzada, desde as primeiras novas aportadas por Frai Martín Sarmiento no século XVIII ata algúns resultados obtidos nas actuais intervencións.

-10 de setembro, 20:00 horas: intervención de Juan Martín Dabezies, integrante de LaPa-CSIC e proxección do documental “Os narradores do Caraguatá”, unha investigación do Laboratorio de Patrimonio do CSIC e do Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe e Patrimonio de Uruguai, en colaboración coa Intendencia Municipal de Tacuarembó.

-17 de setembro, 20:00 horas: Manuel Gago, profesor da Facultade de Xornalismo na Universidade de Santiago e director do portal culturagalega.org, disertará sobre “Repúblicas de homes libres: fortificacións e atalaias entre o Imperio Romano e a Baixa Idade Media”, para descubrir esta faceta aínda descoñecida da Arqueoloxía e da Historia galega.

-24 de setembro, 20:00 horas: Xurxo Ayán, do Laboratorio de Patrimonio do CSIC, proxectará o documental “O Neixón: historia viva dun castro”, que recolle o traballo realizado realizado entre os anos 2003 e 2008 nos castros do Neixón, en Boiro.

-1 de ourubro: Paula Ballesteros, do LaPa-CSIC, impartirá a charla titulada “O patrimonio cultural da illa de Ons: impronta do pasado, identidade dunha paisaxe”, que é o resultado dun estudo arqueolóxico e etnográfico realizado nese arquipélago durante o verán de 2009.

Máis información en:

http://alanzada.wordpress.com/

http://andarela.blogaliza.org/

Reportaxe sobre as escavacións da Lanzada no FARO DE VIGO


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: