Publicado por: MontePituco | 03/09/2010

APOIO SOCIAL AOS MONTES DO MORRAZO

Concluido o prazo de presentación de alegacións ás Directrices de Ordenación do Territorio (DOT), DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) resalta o AMPLO RESPALSO SOCIAL que tivo a demanda de “protección integral” para os Montes do Morrazo que, no documento sometido a exposición pública, quedan excluidos do catálogo de espazos naturais protexidos. MÁIS DUNHA DUCIA DE ENTIDADES cun alto nivel de representatividade, ás que se sumaron un bo número de alegacións a título individual, evidencian a sensibilidade da veciñanza co patrimonio natural e cultural, e o rexeitamento contra a pretensión do Concello de Marín de privar o Monte Pituco (ou Pornedo) da súa pertenza aos Montes do Morrazo para cometer a ATROCIDADE de instalar nel un polígono industrial que contradi os principios das propias DOT.

DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) acusa o Goberno local de Marín de TRAIZOAR o contido do PXOM e de pretender MANIPULAR ao seu capricho as pautas ambientais que ten trazadas. E para rematar de desbaratar os pretextos do Concello, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental supedítalle a viabilidade do polígono proxectado á elaboración dun estudo de avaliación ambiental específico para dita actuación; un requisito que non tería sentido cumprir se o Monte Pituco non merecera o tratamento especial que o Goberno local lle quere furtar.

Por iso, este colectivo veciñal esixe que a Xunta manteña a protección dos Montes do Morrazo EN TODA A SÚA EXTENSIÓN, unha reivindicación que secundan a Asociación de Veciños de San Xulián, a Mancomunidade de Montes do Morrazo, a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, o Colectivo Nacionalista de Marín, a Asociación Cultural Almuinha, o Grupo Cultural Ronsel, CIMO-Castelao, as Comunidades de Montes de Lourizán, de Salcedo, de Moaña e de Vilaboa, a Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo ‘Cíes’ e a Federación de Asociacións de Veciños A Chamusca de Moaña, entre outros.

O documento das DOT contempla que “na elección das alternativas das áreas empresariais primará a prevención dos seus posibles efectos sobre o medio fronte á súa corrección, mitigación ou compensación, polo que se considerarán as limitacións derivadas dos condicionantes topográficos, da proximidade de asentamentos de poboación, da posible afección ao ámbito de influencia do patrimonio natural e cultural, ou doutras actividades produtivas primarias ou terciarias, da visibilidade ou fraxilidade paisaxística, etc.”. Por iso, non pode ser máis LAMENTABLE a xustificación que fai o Goberno local para pedir que a Xunta “redimensione” os Montes do Morrazo, un PATÉTICO EUFEMISMO que supón DISCRIMINAR o Monte Pituco do ámbito de protección que lle corresponde por unidade xeográfica e por dereito.

Argumentar que o Monte Pituco teña que quedar á marxe dos Montes do Morrazo para adaptarse ao PXOM non só é unha EXCUSA BARATA, senón unha TREMENDA INCONGRUENCIA. Así, o Informe de Sostibilidade Ambiental do Planeamento inicialmente aprobado reflicte que o Monte Pituco está plenamente integrado no ámbito territorial dos Montes do Morrazo, e que os montes de Marín cumpren un “papel clave non só na natureza e na paisaxe municipal”, senón que tamén fan “unha contribución relevante ao patrimonio ambiental do Morrazo”. Neste sentido, o ISA recolle o “valor limitante absoluto para usos urbanísticos de carácter residencial ou industrial” que pesa sobre os Montes do Morrazo, protexidos polas Normas Subsidiarias e Complementarias Provinciais e polas DOT que elaborara o anterior goberno autonómico.

O interese paisaxístico, ecolóxico e patrimonial do Monte Pituco (ou Pornedo) en particular, e dos Montes do Morrazo en xeral, son razóns de peso abondo para loitar pola súa conservación e mesmo para procurar a posible creación do Parque Natural dos Montes do Morrazo, incorporando o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Malia que a Alcaldía de Marín vén IGNORANDO e DESPREZANDO reiteradamente as peticións de entrevista cursadas por DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) para demostrarlle os graves problemas de tipo topográfico, ambiental, hidrográfico e doutra índole que acarrearía a instalación dun polígono industrial neste emprazamento, a asociación seguirá insistindo mensualmente neste lexítimo e firme propósito de diálogo.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: