Publicado por: MontePituco | 22/09/2010

XORNADAS ECO-ILÓXICAS (III)

…Non esquecemos as insólitas I Xornadas Eco(i)lóxicas que organizou a surrealista Concellería de Medio Ambiente hai un par de semanas. Porque hailles moita tela que cortar, e non precisamente da lona das ‘haimas’ baixo as que se acubillaban os expositores. Para recapitular, basta lembrar o tufo electoralista desta actividade, o ronsel de incoherencia inadmisible que deixa tras de si a xestión deste departamento municipal en complicidade co de Urbanismo, pedindo a exclusión do Monte Pornedo (Pituco) do ámbito de protección dos Montes do Morrazo nas alegacións do Concello ás DOT…

Ver a Pilar Blanco e a José María Vilaboa revoloteando garbosamente de ‘haima’ en ‘haima’ debía terse incluido como unha actividade lúdica máis do programa. Porque a estrana parella acaparou presenza e protagonismo en todo momento, facendo bulto nas charlas, facendo de figurantes nos postos de información e desenvolvendo facetas do máis intrépido: a edil ambientalista entregaba premios a esgalla, entre menús ecolóxicos e bonos gastronómicos de luxo, para que logo digan que o Concello está sen un can; mentres, o edil urbanista sorprendeunos cunha función inédita para un cargo do seu elevado rango…

Pois si, de tanto que asumiu o seu rol eco(i)lóxico, Vilaboa estivo a piques de converterse nunha árbore. Tratándose dun concelleiro nacionalista, damos por feito que sería unha especie autóctona, como o ‘quercus robur’, pola súa robusteza. Porque de tanto frecuentar a ‘haima’ da Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia, Vilaboa estivo a un tris de botar raíces ao seu carón e converterse nun elemento máis do mobiliario. Xosé Salvadores e demais persoal de Adega non se puideron queixar por falta de compañía e de conversa. Conversa eco(i)loxicamente urbanística, ou urbanisticamente eco(i)lóxica, por suposto.

Outro motivo que nos fixo sospeitar da metamorfose arbórea de Vilaboa foi que, por momentos, os seus pabellóns auditivos pareceron extenderse cal longas pólas para captar unha conversa que non ía para nada con el, pero na que non saía nada ben parado. Por suposto, DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO), se para algo acudiu ás Xornadas Eco(i)lóxicas foi para evidenciar en público e mais en privado a desfachatez da Concellería por presumir dunhas atribucións que non exerce: por un lado, cuestionando ante os representantes das Comunidades de Montes a lexitimidade do Concello na súa pretensión de instalar un polígono industrial en terreo comunal; e por outro, para denunciar ante Adega esta auténtica aberración ecolóxica, paisaxística e urbanística.

E por este motivo, entregóuselle a Xosé Salvadores un detallado dossier informativo sobre a causa que alenta DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) a prol da conservación deste monte. E mentres lle formulabamos a este representante de Adega todos os argumentos que desbaratan as teses do Concello no que respecta á elección do Pornedo (Pituco) para a instalación do polígono industrial, aí estaba Vilaboa, a dous pasos por detrás, poñendo a orella, o nariz, e todos cantos sentidos podía agudizar, para captar a onda e logo chismosear con Pilar Blanco e demais familia nacionalista.

…Non cumpría tanto esforzo, Vilaboa. Somos transparentes coma a auga que nace nos múltiples mananciais deste monte e que vós pretendedes arrasar coa acción das pás excavadoras e das cargas de dinamita para derrumbar os outeiros. Canta información precises para intentar tumbarnos, pódela descargar tranquilamente neste blog, que está para informar, non para ocultar, manipular, maquillar ou parvear a veciñanza, que é ao que aspirades dende o Goberno local.

O noso modesto traballo está aí: nas alegacións, nas notas de prensa, na asistencia aos plenos municipais, nas reunións con colectivos sociais da bisbarra, na rede, nas insistentes peticións de entrevista presentadas no Concello e sistematicamente ignoradas… Pero non agardamos que Adega nos ignore, senón que se interese polo conflicto derivado do voso proxecto industrial en plena fachada da ría. Acaso teñamos que celebrar en Marín unha ‘Festa do cemento’ como a recente que houbo en Barreiros.

Por se verdadeiramente o Concello tivera interese en desenvolver unha política urbanística sustentable, velaquí un artigo de Ramsés Pérez neste último número de verán da revista Cerna que edita a propia Adega: “POÑAMOS ORDE NO TERRITORIO”. Dous conceptos, “orde” e “territorio”, que Blanco e Vilaboa interpretan e aplican dun xeito ben peculiar.


Responses

  1. O sr. Xosé Salvadores e un xenlleiro militante do bng (rama upg) desde fai moitos anos. Dudo moito que faga o se interese polos parques industriais en Marín.

    • Sabiamos da filiación do sr. Salvadores e, aínda que non o coñeciamos persoalmente, cando se identificou como tal fomos perfectamente conscentes de con quen estabamos tratando. Por unha banda, agradecémoslle o seu tempo e a súa cordialidade. O único que lle poderiamos reprochar, á marxe de que apoie a defensa do monte ou pase olimpicamente da súa posible destrucción (cousa que sería impropia dun ecoloxista comprometido), é que pretendera “enganarnos” facéndonos crer que non sabía que esa persoa coa que pasou tanto tempo conversando distendidamente -o sr. Vilaboa- era o concelleiro de urbanismo de Marín. Evidentemente, foi un “insulto” á nosa intelixencia ao que, por outra banda, optamos por non facer caso, por elegancia e por educación. Por suposto, nin nacemos onte, nin acabamos de caer dun guindo, por tanto, sabemos a que aternos. Só esperamos de Adega o comportamento e a valoración que lle corresponde a un colectivo supostamente interesado na defensa do medio ambiente, da paisaxe litoral e do patrimonio cultural e natural de Galicia. Polo pronto, xa sabemos que antano non estiveron á altura das circunstancias con outros colectivos de afectados polos plans industriais do Concello.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: