Publicado por: MontePituco | 01/09/2010

ALEGACIÓNS DE ALMUINHA ÁS DOT

Almuinha foi un dos colectivos sociais de Marín que presentou alegacións ao documento das Directrices de Ordenación do Territorio. Reproducimos a continuación a nota de prensa desta asociación cultural, que defende a conservación do Monte Pornedo (ou Pituco) fronte á pretensión do Concello de Marín de pedirlle á Xunta a súa desprotección ambiental co fin de instalar nel o polígono industrial ao que nos opoñemos firmemente. Agradecemos sinceiramente o posicionamento de Almuinha e a formalización destas alegacións, que agardemos que teñan un efecto favorable aos intereses que compartimos.

As Directrices de Ordenación do Territorio, DOT, deben ser o instrumento de futuro que defina un modelo territorial para Galiza, que permita un crecemento ordenado e sustentábel, compatibilizando as actividades económicas coa conservación do noso medio. Aínda que no documento redactado hai múltiplas referencias ao crecemento sustentábel, sempre aparece subordinado este ao obxectivo, para a Xunta, máis importante do crecemento económico. Aposta así a Xunta pola continuidade dun modelo depredador dos nosos recursos naturais en benificio duns poucos, no canto de apostar por un outro modelo que poña límite á destrución do noso territorio.

A Xunta, dacordo co Plano MOVE, proxecta a construción de grandes infraestruturas viarias, fomentando aínda máis o uso do transporte privado fronte a un transporte colectivo de calidade e para todos/as. A construción destas estradas de alta capacidade levará aparellada consigo a destrución do medio e, lonxe de reducir os problemas de tráfico, agravaráos aínda máis debido ao efecto chamada, contribuíndo ao empeoramento dos efectos do cambio climático.

No que a Marín e ao Morrazo respecta á Xunta, o documento redactado deixa sen protección espazos de incalculábel valor ambiental, paixasístico e patrimonial, como os Montes do Morrazo, o entorno de Cotorredondo, lagoa de Castiñeiras, cabo Home e Barra, abrindo a posibilidade de que se leven a cabo agresións a estes espazos que poderían incluso significar a desaparición destes tal como os coñecemos. Chama significativamente que o entorno de Cotorredondo e a lagoa de Castiñeiras, espazos naturais até o de agora protexidos, sendo unhas das paraxes que pola súa beleza e valor ambiental son mellor valoradas pola poboación, se lles quite agora a protección.

Son múltiplos os xacementos arqueolóxicos catalogados nos espazos que agora se deixan sen protección, que se poden ver ameazados por infraestruturas viarias, polígonos industriais, existindo un interesante proxecto de creación de espazo arqueolóxico, apoiado xa por distintos colectivos e comunidades de montes “afectadas” polo proxecto. Este proxecto pódese consultar no seguinte enderezo web: http://www.espazosetecaminhos.tk.

Debería ser propio dunha sociedade do século XXI, tendo en conta o cambio climático, sumar cada vez máis entornos naturais á rede de espazos protexidos para poder así salvagardar da destrución lugares de interese natural, ecolóxico e patrimonial para futuras xeracións no canto de ir cara atrás e eliminar a protección aos espazos xa protexidos. Mais, unha vez máis, imponse o lucro desta sociedade en crise capitalista, e moito nos tememos que a desaparición da protección dos Montes do Morrazo teña que ver coa intención de construír dous polígonos industriais nas zonas do Monte Pornedo e na Pastoriza, no concello de Marín.

A construción destes dous polígonos ademais de supór unha enorme agresión ambiental, terían un enorme impacto visual, xa que no caso do monte Pornedo o polígono podería verse dende calquera punto da ría de Pontevedra, por situarse nun lugar destacado da paisaxe, e o estar no anfiteatro natural de Marín, a vila quedaría encaixonada entre o porto e o polígono; e no caso do polígono de Pastoriza, sería visto dende gran parte da Ría de Pontevedra e da Ría de Vigo, por situarse nun lugar destacado da paisaxe dende ambas.

A construción do polígono no monte Pornedo suporía un enorme impacto arqueolóxico, ao contar a zona con numerosos xacementos, como o conxunto de gravados rupertres do Pornedo, conxunto de gravados rupestres do Piñeiral do Caeiro, petroglifo dos Sete Camiños, mámoa de Catadoiro, mámoas de Chan da Lagoa.

Os numerosos e brutais desmontes que habería que realizar para a construción dos polígonos debido á pendiente, especialmente no caso do monte Pornedo, xunto coa grave afección natural e patrimonial, chocan de fronte co criterio das propias DOT, que di que “na elección das alternativas das áreas empresariais primará a prevención dos seus posibles efectos sobre o medio fronte á súa corrección, mitigación ou compensación, polo que se considerarán as limitacións derivadas dos condicionantes topográficos, da proximidade de asentamentos de poboación, da posible afección ó ámbito de influencia do patrimonio natural e cultural ou doutras actividades produtivas primarias ou terciarias, da visibilidade ou fraxilidade paisaxística, etc., e deberase xustificar neste senso a idoneidade da localización finalmente seleccionada”.

Dende A.C. Almuinha queremos amosar o noso TOTAL REXEITAMENTO, como xa fixemos en anteriores ocasións, AO POLÍGONO PROXECTADO NO MONTE PORNEDO, e é por iso que non podemos máis que amosar o noso asombro, aínda que non sorpresa, pola actitude da Corporación Municipal que, na súa totalidade, acordou solicitar da Xunta a cualificación dos Montes do Morrazo como espazo natural protexido, mais deixando fóra o monte Pornedo para así poder axilizar canto antes a construción do polígono industrial na zona.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: