Publicado por: MontePituco | 16/09/2010

ARTIGO DE LUKAS SANTIAGO

 

A actitude do Concello de Marín no tema do polígono industrial no Monte Pornedo dá para moitas reflexións… Por un lado, hai que destaca-la falta de sensibilidade hacia o patrimonio natural e cultural que se atopa no lugar onde planifican o polígono industrial, e totalmente incompatible con este. Xa se ten feito fincapé nestes aspectos, pero semellan non ser suficientes para o Concello de Marín…

Mesmo lle solicitan á Xunta que inclúa os Montes do Morrazo entre os espazos naturais protexidos nas DOT, pero que exclúa o Monte Pornedo e o seu contorno da área incluída nos Montes do Morrazo… Por certo, que este poligono incumpre as directrices para a ubicación dos polígonos que as propias DOT establecen!

Todo o que sexa destrucción ou afección do patrimonio natural e cultural é negativo. Para Marín e para os marinenses. Porque é riqueza patrimonial, son recursos que destruímos, hipotecando o noso futuro e o dos nosos fillos. Porque as xeracións futuras non disporán deses recursos para facer uso deles, para aproveitalos. Son pedras contra o seu tellado, pero eles non o perciben así…

Os polígonos podemos poñelos onde queiramos, é cuestión de estuda-la súa ubicación. Pero o patrimonio non! Está onde está e non podemos movelo! Estuda-la ubicación dos polígonos non significa poñelos no primeiro sitio que se nos ocorra ou no sitio máis cercano. Significa elixi-lo sitio que teña as características máis axeitadas, e o sitio que menos prexudique…

Entre os argumentos que se escoitan a favor do polígono está o de que Marín necesita chan industrial, que non lles podemos dicir ós veciños que non poden traballar no seu concello… Este argumento é un pouco demencial. Acaso moita xente non traballa ben lonxe da súa casa? Acaso vai ser un requisito para traballar nese polígono ser marinense?

Por unha banda, sexamos realistas! Todo o mundo prefiriría traballar a carón da súa casa. Poder ir andando. Moitos aínda preferirían traballar na propia casa. Pero a realidade é que cada un ten que adaptarse á oferta laboral, e na maioría dos casos ir onde está o traballo, porque o traballo non vén onde está un…

E por outra banda: o que hai que ver é cantos polígonos hai, onde están, onde se necesitan e onde se poden facer! É dicir, é necesaria a PLANIFICACIÓN RACIONAL E SUSTENTABLE! Que son palabras moi bonitas, que os políticos soen utilizar, pero que SIGNIFICAN ALGO! Basta xa de localismos! Fai falla unha planificacion a nivel galego e a nivel comarcal, coordinando ambos niveis!

Se hai polígonos construídos, medio baleiros, mellor comunicados… para que construir novos polígonos cun gran prexuizo medioambiental e patrimonial? E se hai que traballar a 15 ou a 30 minutos da casa en vez de a 5, o que hai que mellorar son os transportes públicos, que aquí son deplorables, de xeito que os traballadores poidan chegar de maneira rápida, cómoda e ecolóxica ó seu posto de traballo. Pero todo isto debe ser ciencia ficción para os políticos! Só hai que ve-la situación actual e os anos que levan a voltas co do transporte metropolitano e o tren de cercanías…

Semella que o motivo que está detrás da insistencia do Concello de Marín na creación deste polígono, tendo en conta tódolos inconvintes e argumentos en contra que ten, é o afán recaudatorio, os ingresos que vai supoñer para o Concello, a través das taxas das licencias e permisos de obra, e dos impostos anuais das empresas que se ubiquen aí…

O sistema actual leva a moitos concellos a non poder afrontar os seus orzamentos anuais por non dispoñer de ingresos suficientes. Isto conleva un endebedamento dos concellos. E isto lévaos a procurarse ingresos a través da especulación urbanística, en forma de vivenda ou de chan industrial. Este modelo non é sustentable. Hai que cambialo! 

Por outra banda, está a falta de sensibilidade hacia a paisaxe! Os redactores do PXOM de Marín fixérono dende a Casa do Concello. Seguro! Mirando os mapas topográficos e buscando, entre as curvas de niveis, un espazo onde non houbera casas. Daba igual que as curvas de nivel estiveran moi xuntas, o que se traduce nunha gran pendente do terreo

Ou iso, ou elixiron o lugar que estaba en liña co porto. Era vox populi que a idea era facer unha vía directa ó porto, pero despois viuse que tiña demasiada pendente. Non é casualidade que a saída da Variante de Marín se fixera nese lugar… O que é seguro é que en ningún momento subiron ó Monte Pornedo para ver in situ o lugar onde queren mete-lo polígono

É o que pasa cando fas algo dende a oficina. Ollos que non ven corazón que non sente. Se estiveran alí daríanse conta de que é unha aberración… Cantos dos 22 concelleiros estiveron no Mirador do Pornedo? Seguro que ningún! Un ou dous como moito! Pero eses calaron. Calaron porque a eles a paisaxe non lles di moito…

Calquera persoa que suba ó Mirador do Pornedo e contemple a paisaxe dende ese lugar, e imaxine o que será a construcción dun polígono industrial nese lugar, darase conta de que é unha aberración… Hai que animar os marinenses a que suban e senten un tempo a contemplar a paisaxe dende o Mirador do Pornedo! É algo que vale a pena… Máis aínda se es de Marín. Tes que coñecer ese lugar, sentilo, respiralo…

Reto a calquera persoa a que suba comigo, que o coñeza e que despois de vivilo, siga a apoia-la construcción do polígono… Se alguén segue a apoia-lo polígono despois de estar no mirador do Pornedo só pode explicarse como que ten menos sensibilidade que unha pedra, que un iceberg… Pero se hai xente que goza vendo como torturan un touro… Iso é certo: hai xente para todo! Como din os curas: “De todo hay en la viña del Señor”.

Por outra banda, está o futuro. Que futuro queren os marinenses e os veciños de San Xulián? Ás veces non se pensa demasiado no futuro, nas consecuencias que unha decisión no presente pode significar no futuro… Imaxinade un polígono industrial no Pornedo!… Instalar un polígono alí é hipoteca-lo futuro de Marín, de San Xulián e das xeracións vindeiras!

Falaban o presidente e o vicepresidente da Comunidade de Montes de San Xulián de postos de traballo para os fillos dos veciños de San Xulián e de progreso para a parroquia. Iso é pura demagoxia… Acaso as empresas van pedir o certificado de empadronamento dos empregados no polígono para asegurarse de que sexan de San Xulián, ou cando menos de Marín? …Non! Seleccionarán os empregados en función da súa formación e da súa valía… Acaso os fillos dos veciños de San Xulián van traballar todos no sector secundario? Os veciños de San Xulián non pensaron no futuro? Non pensaron nos fumes, na contaminación, nos ruidos, nos camións…?

 

Os veciños de San Xulián non pensaron que lles levan o monte? E que o van sustituir por fábricas? Fábricas que poderían estar noutros lugares, en polígonos que están baleiros, en vez de ó lado da súas casas? Teñen o exemplo de Lourizán, e non aprenderon nada? Coa Celulosa tamén vendían o progreso, os postos de traballo… E que supuxo? Houbo moitos máis empregados de fóra que da parroquia! O beneficio industrial iría para Pontevedra, que para Lourizán non foi. Nin sequera, que foi para Madrid!

Pensan os veciños de San Xulián que o beneficio das empresas vai ir para San Xulián: só hai que ver como deixaron Lourizán… A parroquia fundiuna! Acabou converténdose nunha “zona marxinal”, como dixo Cuíña cando foi o do tren, o patio traseiro de Pontevedra, onde meter toda a merda! Acaso San Xulián quere converterse no patio traseiro de Marín! Porque poden estar seguros os veciños que cando haxa un polígono industrial, se hai que ubicar unha actividade molesta, vai acabar en San Xulián

O urbanismo: Pontevedra medrou hacia todos lados menos hacia Lourizán! San Xulián é unha das zonas de expansión natural de Marín. A máis axeitada. Pero cando haxa un polígono industrial, vai medrar Marín hacia San Xulián? E Marín? Moita xente cando vén a Marín comenta o fea que é Marín por culpa do porto, por ter ocupada toda a fachada litoral e non ver o mar por ningures, só naves… Que pasará cando haxa un polígono industrial na retagarda de Marín?

O Pornedo e o seu contorno é un balcón sobre a vila de Marín. O val do Lameiriña conforma o anfiteatro natural da vila… Que pasará cando Marín teña pola fronte o porto e polas costas o polígono, cando Marín quede encorsetado por diante e por detrás, co porto e co polígono? Vai quedar bonita Marín! Falan de progreso e de desenvolvemento económico… Que maior progreso que saber conxuga-las actividades dun xeito racional e sustentable? Ten que renunciar a vila de Marín ó turismo cando debería facer del un dos seus polos de desenvolvemento? Quen vai querer vir logo a Marín? A que? A ver naves por todas partes?

Marín ten o Lago de Castiñeiras! Ten o Río Loira! Ten o Monte Castelo! Ten a Illa do Santo! Ten os Petroglifos de Mogor! Ten o Castro da Subidá! As Mámoas de Pedralonga e de Chan de Armada! E ten O Pornedo, os Petroglifos de Champás, A Carrasca e A Carballa e o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que pon en relación estes elementos!

Son recursos que debería ter xa postos en valor, focos de atracción turística que deberían ter xa xerando turismo, xerando visitantes, xerando divisas… Pero polo menos deberían conservar estes lugares para unha posta en valor no futuro… Iso si que é deixar oportunidades para as xeracións futuras! Oportunidades para desenvolve-lo que a nosa xeración non quixo ou non soubo desenvolver! Por iso un polígono industrial, que pasa pola destrucción do patrimonio natural e a afección do patrimonio cultural, si que é hipotecar o futuro para as xeracións vindeiras…

LUKAS SANTIAGO: Licenciado en Historia – Especialidade en Arqueoloxía. Licenciado en Comunicación Audiovisual. Técnico Superior en Información e Comercialización Turísticas. Curso de Posgrado en Xestión Integral do Patrimonio Cultural. Curso de Posgrado en Animación Sociocultural. Membro da comisión técnica do proxecto de Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.


Responses

  1. Ola Lukas,
    Bo artigo ¡
    Non so polas razóns expostas sinon o xeito de explicalo.
    Igual que nas alegacións as DOT.
    Brillante ¡
    Apertas

  2. tedes que organizar un roteiro pola zona para que a xente coñeza o sitio en primeira persoa.

    un saúdo e adiante.

    • Farase un roteiro. Farase máis dun roteiro. Abofé. Grazas por visitar e por comentar.

  3. Lukas,
    Envia este artigo os xornais.
    Merece difusión.
    Xose

    • Xose ten razón. Habería que resumilo bastante porque os espazos de opinión son reducidos e o artigo tal cal ocuparía… unha páxina enteira, ou máis. Pero, certamente, conviría que esta reflexión dera o salto ás páxinas impresas do xornal. Seguro que Lukas se anima.

  4. tomeime a licenza de colar o artigo no foro de marín (marinenses.com)

  5. […] ARTIGO DE LUKAS SANTIAGO […]

  6. Grazas Xosé, Pedro e Monte Pituco!
    Centreime en aspectos que case non tiña comentado ata agora, porque realmente hai tantos argumentos que daría para un libro. Hai que ir por fascículos!
    O outro día fun por primeira vez ó Pleno do Concello de Marín. Non foi demasiado alentador, como para animarme a volver sempre que haia un. Non se falou do polígono pero puiden coñecer de primeira man a política que se fai en Marín…
    E foi alí onde me preguntei cantos dos que estaban presentes estiveran algunha vez no mirador do Pornedo…
    Sinceiramente, deume a sensación de que parecían máis preocupados por atacarse entre eles, con salda-las vellas contas, mostra-la súa ironía, o seu inxenio e as súas dotes oratorias, quedar ben ante o seu escasísimo auditorio… que polo ben de Marín e o futuro dos marinenses…
    Supoño que agora que se acercan as municipais é o peor momento para ver unha política de nivel…

    Si que me animaría a envialo ós xornais (respectando a miña puntuación!) pero Monte Pituco ten razón: é demasiado longa para un xornal.
    Monte Pituco: non era necesario que meteras “os meus títulos”, máis tendo en conta que neste sistema capitalista válenme para ben pouco…
    As Humanidades están totalmente devaluadas. O único que importa nesta sociedade é o beneficio económico… Por iso precisamente nos vemos nesta situación no caso do polígono: porque a cuestión económica pesa máis que tódalas demais xuntas…
    Quedan moitas cousas por dicir:
    o da sentencia dos recheos ilegais do porto dá para moito… e o polígono parece unha fuxida hacia adiante do Concello;
    o escaso tamaño do polígono, que solucionaría o problema da falta de solo industrial só por uns anos;
    ou que si o Concello e os políticos en xeral parecen defender os intereses das empresas e non os dos cidadáns…
    Non me enrrollo máis, que teño máis rollo que unha persiana!
    Grazas e saúdos!

  7. Estimado Lukas, he leído con atención tu artículo. Estoy de acuerdo en muchas cosas que dices. De sobra es conocida mi opinión sobre la inoportunidad de una instalación industrial en Monte Pornedo-Pituco y mi apuesta clara por Pastoriza. Dicho sea de paso que conozco la zona de Pituco porque de niño subí muchas veces por ahí. Nací en Cantodarea y me gustaría que cuando aterrice por Marín me hicieras de anfitrión para explicarme bien la zona. Montepituco podría hacer de Cicerone.Ahora bien, además de periodista soy también historiador como tú. Me ha gustado el tono en el que te has expresado y tu argumentación, pero hay algunas cosas que no comparto. Así pues te propongo que en este mismo foro o en el de marinenses.com hagamos un debate serio sobre la necesidad o no de un polígono industrial para Marín. Aunque nuestras opiniones sean diferentes pueden, sin embargo, ser enriquecedoras para los lectores fuera de demagogias y de tópicos. En nuestras epístolas solo deben caber los razonamientos, la argumentación y la palabra. ¿Estás dispuesto?

  8. MontePituco faría de cicerone con moito gusto, se a Lukas lle parece oportuno e cando Erasmo estea por terras marinenses. Sería un encontro ben enriquecedor para todos porque, por riba dos matices, compartimos o respecto polo medio ambiente, o patrimonio e a cultura. Ábrese un debate interesante, e agardo que tamén frutífero.

  9. Ola Erasmo!
    Grazas polas túas palabras.
    Teño que dicir que nunca pretendín que a xente que lera o artigo (que nin sequera era un artigo, senón un comentario no facebook) compartira plenamente a miña visión. Só quería expresar a miña opinión.
    Estarei encantado de subir contigo ó monte, aínda que o meu envite era para os que apoian ese polígono. Ti xa coñeces o lugar e sabes o que está en xogo. Pero segueo que será moi enriquecedor, como di MontePituco…
    Sobre o do debate, tes que perdoar, pero teño demasiadas frontes abertos, co que o meu tempo é moi escaso para sacar o que teño entre mans adiante. Se escribín este “artigo” é porque unha desas frontes é a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, e o polígono, ademais dunha aberración, e unha ameaza demasiado grande para a creación deste espazo como para que non a teña en conta e loite contra ela por tódolos medios…
    Agora ou nunca!
    Ademais, modestamente, non considero que as miñas opinións poidan servir para enriquecer ós hipotéticos lectores. Como moito poden servir para alegrar ós que as comparten, ou para molestar ós que non o fagan.
    Eu penso o que penso, e teño os meus motivos. E supoño que ti tes os teus.
    Defendo o pensamento libre e a actitude crítica das persoas. Que cada persoa reflexione por si mesma as diferentes cuestións e chegue a unha opinión propia das cousas…

    Saúdos!

  10. Estoy totalmente de acuerdo. Quedas emplezado, no obstante, para servirme de guía por Monte Pornedo, hay cosas que me gustaría que me explicaras desde el punto de vista antropológico y desde el punto de vista arqueológico.

    Apertas

  11. En efecto, o “artigo” de Lukas xurdiu precisamente dunha cadea de comentarios que compartiu en Facebook. Eran reflexións extensas, mesmo amplas de máis para un espazo como o desa rede social, onde a comunicación tende a ser telegráfica. Por iso, porque me parecía que o seu texto merecía máis difusión, porque coñecemos e valoramos o seu traballo, e porque este blog vai tamén nesa liña argumental, propúxenlle que mo facilitara para convertelo nun artigo, polo que lle dou as grazas. As fotografías que o ilustran tamén son da súa autoría e foron tomadas en distintos puntos do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que ogallá deixe de ser un proxecto para converterse nunha realidade.
    Estamos agradecidos polas visitas e polos comentarios que se derivaron deste “artigo”, e desexamos que contribúa a sensibilizar, a transmitir cordura e a plasmar outro modelo de xestión do territorio, máis respectuosa co medio ambiente, co patrimonio e coas persoas.
    Estades na vosa casa, as portas están sempre abertas para quen queira coñecer o Monte Pornedo. Un saúdo.

  12. Gostaríame ver unha concienciación idéntica do sr. “Lukas”, ou Lucas (depende do contesto) Santiago en relación ca desaparición do conxunto de aras e estelas galaicoromanas por parte do patán do sr. Rafael Louzán, para quen o sr. “Lukas” traballa tras unha entrevista de traballo frauduilenta. Para iso garda silencio en troques de rasgarse as vestiduras como o está a facer o colectivo de arqueólgoos “serios” que estamos fartos de tanto aficionado.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: