Publicado por: MontePituco | 07/09/2010

NOXO E VERGOÑA DA COMUNIDADE DE MONTES

Velaquí un espazo noxento e insalubre, cheo de lixo e con abundante maleza. O que podería ser un agradable lugar de esparcemento e de descanso, a carón da estrada que sobe dende San Xulián en dirección a Figueirido, pasando o desvío da variante de Marín, é unha vergoña para os veciños e veciñas da parroquia. A Comunidade de Montes, responsable do seu mantemento, consinte que esta arboreda ofreza este aspecto tan lamentable. Non nos queda máis remedio que presentarlle un escrito á xunta rectora da Casa de Montes para que tome as medidas oportunas: que limpe a zona, que instale as papeleiras e colectores que agora brilan pola súa ausencia, e que se comprometa a velar polo seu bo estado.

Unha dúbida existencial: recollerannos o escrito ou teremos tantas trabas como da última vez, cando nos diriximos á directiva da Comunidade de Montes para protestar pola proliferación de verquidos incontrolados? Serán tan amables na Casa de Montes de aceptar o escrito e selalo dando acuse de recibo, ou teremos que molestarnos en dar co mesmo presidente en persoa para que o asine do seu puño e letra dando conformidade? Porque esta xente funciónalles así: para apuntarse “tantos”, para encabezar pancartas relativas a causas máis ou menos encomiables, para aparecer a carón dos políticos que lles entran polo ollo, sonlles os primeiros. Para asumir responsabilidades por asuntos dos que fan deixación de funcións, para recibir críticas pola súa cuestionable xestión, e para atender os requerimentos dos comuneiros que lles resultan incómodos, torcen o xesto, recúan e poñen “nonseicantas” excusas.

O acondicionamento desta arboreda non pode agardar máis. Pasou todo o verán nesta situación calamitosa, con centos de vehículos pasando polo seu carón, e moitos paseantes contemplando o deplorable aspecto que ofrece. Certo é que algúns dos seus usuarios merecen asistir a unhas clases de civismo, porque o lixo non aparece por xeración espontánea, senón por falta de educación. A falta de onde depositar os restos das merendolas, os usuarios de calquera espazo natural o menos que poden facer é gardar o lixo que producen para tiralo no lugar axeitado. Polo menos ata que a Comunidade de Montes teña a ben repoñer as papeleiras.

…Porque non estando polo labor de velar pola conservación desta arboreda, ou da área recreativa do Pornedo, que tamén está completamente esnaquizada polos vándalos, a xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xulián non se pode arrogar como “logro” a dotación dun ben para a parroquia que logo queda no máis absoluto abandono. Porque ben que presumen dunha Casa de Montes “a todo trapo”, pero do que hai por fóra ben que se esquecen. Será que non visitan moito os seus “dominios” ou que non lles preocupa a mala imaxe que ofrecen o lixo amontoado, a maleza invadindo os lugares públicos ou o material con desperfectos. Para mostra, o panel ilexible da propia Comunidade ao pé do Monte Pornedo.


Responses

  1. […] En setembro de 2010 publicamos un artigo titulado “NOXO E VERGOÑA DA COMUNIDADE DE MONTES“. […]

  2. […] Setembro de 2010: NOXO E VERGOÑA DA COMUNIDADE DE MONTES […]

  3. […] Artigo de setembro de 2010: Noxo e vergoña […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: