
DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) está a ultimar as alegacións que esta semana vai presentar perante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a respecto das Directrices de Ordenación do Territorio, que se atopan en fase de exposición pública trala súa aprobación inicial o pasado 24 de xuño e posterior publicación no DOG do 30 dese mesmo mes. Alegacións que volven insistir, unha vez máis, nos argumentos xa expostos con motivo das consideracións encol do Plan de Solo Empresarial de Galicia, en marzo deste ano.
Nesta ocasión, reivindicamos que os Montes do Morrazo, aos que pertence o Monte Pituco (Pornedo), figuren no catálogo de espazos protexidos polas actuais Directrices de Ordenación do Territorio, tal e como constaba no anterior documento que elaborara o Goberno bipartito. Aqueloutro listado era moito máis amplo e, no que respecta á bisbarra do Morrazo, incluía: o arquipélago de Ons, a Costa da Vela, Cabo Udra, Cabo Home, Barra, Cotorredondo e os Montes do Morrazo, que abarcaban os concellos de Moaña, Marín e Vilaboa.
O documento que vén de elaborar a Xunta non só reduce drasticamente o número de lugares protexidos en toda Galicia, senón que, no caso de Marín, suprime os espacios inscritos no seu termo municipal, xa que afecta a Cotorredondo e os Montes do Morrazo, que deixan de figurar nesa lista, da que tamén desaparecen Barra e Cabo Home. O único que se mantén é a consideración de Marín como núcleo de identidade litorial.
Precisamente, no pleno deste segundo venres de agosto, presentouse unha moción conxunta dos grupos políticos da Corporación municipal cunha proposta de alegacións ás Directrices de Ordenación do Territorio, entre as que destacan catro cuestións:
– “Que se recolla a creación dunha plataforma loxística vinculada ao porto, de xeito que se consiga liberar do espazo portuario aquelas empresas desvinculadas do mesmo e se prevexa a recolocación das mesmas”.
– Ao fío desta última, tamén se plantexa “que se recolla de xeito expreso a creación dun parque empresarial (supramunicipal) que permita a ubicación das empresas que se trasladen do porto e aquelas outras vencelladas a actividades empresariais do termo municipal”.
– Paradoxicamente, outra consideración ten que ver con que “se redimensione e categorice os Montes do Morrazo, segundo se recollían nas Normas Provinciais de 1993, como espazos verdes protexidos”.
– “Que se cree unha agrupación dos concellos limítrofes, Deputación e Xunta, para a conservación, mantemento e uso da Illa de Tambo como espazo natural a protexer cada a súa inclusión no Parque Natural das Illas Atlánticas”.
A actuación do Goberno local de Marín segue brillando pola súa falta de coherencia, segue destacando polas súas medidas disparatadas, segue quedando en evidencia pola súa nula visión de futuro a respecto da planificación do urbanismo e segue actuando sen transparencia cando se trata de abordar a dotación de chan industrial.
Por algunha estrana razón, acaso supoñendo erroneamente que os veciños somos parvos, o Concello de Marín non se atreve a poñerlle nome á ubicación desa plataforma loxística nin dese parque empresarial que agora, como por arte de bili-birloque, pide que sexa de ámbito supramunicipal, cando ata hai pouco, bramaba contra a posibilidade de compartir chan industrial con outro concello, argumentando que Marín se bastaba e se sobraba para xestionar un polígono exclusivamente de seu. Alcalde/alcaldesa accidental/concelleiro de urbanismo: Plataforma loxística, onde? No Monte Pituco, onde non hai nin haberá conexión ferroviaria? Parque supramunicipal, onde? A cabalo con Pontevedra, onde a Comunidade de Montes de Lourizán se nega rotundamente a ceder espazo para semellante infraestrutura?


É ben cínico este equipo de goberno de Marín por demandarlle á Xunta que “redimensione e categorice” os Montes do Morrazo. Pero eses eufemismos non nos collen por sorpresa porque xa a finais do ano pasado Francisco Veiga e Xosé María Vilaboa adiantaron, coa arrogancia e a chulería que os caracteriza, que o Concello lle pediría á Consellería de Medio Ambiente a desprotección do Monte Pituco, e por tanto a súa desligazón dos Montes do Morrazo, para que non lle obstaculizara a construción do polígono industrial nese emprazamento. A estas alturas, consumada a ameaza, non deixa de resultar absolutamente incoherente que o Concello de Marín pretenda convencer á Xunta de que os Montes do Morrazo merecen un status de protección natural e, nese mesmo espazo xeográfico, pretenda instalar un mazacote de 40 hectáreas de formigón para sementalo de naves. Cando menos, afirmamos con rotundidade que o Goberno local de Marín discrimina o Monte Pituco (Pornedo) e a parroquia de San Xulián por querer excluir esta zona do ámbito de protección que por dereito lle corresponde.
Acaso o Monte Pituco carece de riqueza ambiental? Acaso o seu patrimonio histórico (petroglifos, mámoas) carece de calidade? Acaso os seus recursos forestais carecen de valor económico? Acaso os mananciais naturais que agroman do solo carecen de veciños e parcelas que se beneficien do seu uso? Acaso a zona carece da “fraxilidade visual e paisaxística” que lle atribúe o propio proxecto do PXOM? Acaso o Monte Pituco (Pornedo) carece da forte pendente que certificou un informe técnico independente? A resposta a todos estes interrogantes é NON, e por iso DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) vai loitar para impedir que o Concello de Marín cometa un agravio e un desprezo a esta parte da vila, por un capricho irracional.
E para colmo dos despropósitos, o Goberno local insta á Xunta a incluir a illa de Tambo no Parque Natural das Illas Atlánticas; proposta moi louvable se non fora porque, dependendo destes políticos ineptos e obtusos, o “balcón” da ría vai camiño de se converter no “patio traseiro” onde irían parar o tráfico pesado e a polución. Dá noxo, arrepío e vergoña imaxinar cal sería a imaxe de Marín que leven os potenciais visitantes de Tambo, os turistas que acudan ao enclave monumental de Combarro e os usuarios da futura liña de transporte marítimo que se vai habilitar ata o peirao das Corbaceiras: unha fachada litoral esnaquizada polos inmensos taludes que habería que facer para salvar o desnivel do terreo, polo fume saíndo das chemineas, polo trasego circulatorio dos camións…
Por todos estes motivos, dende DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) facemos un chamamento á solidariedade e á sensibilización da veciñanza de Marín, de toda a bisbarra do Morrazo e dos concellos da ría ante esta seria problemática. E alertamos os colectivos sociais e ambientais para que aleguen canto antes ás DOT en demanda de protección integral para os Montes do Morrazo. Moitas grazas pola atención.

Comentarios recentes