Esta imaxe foi tomada dende a Escola Naval: no primeiro plano vese o paseo marítimo e detrás a terminal cuberta de descarga de mercancías instalada no porto. Por enriba, unha vista parcial do rural e máis lonxe, o monte: unha extensa superficie verde sombreada polas nubes, un pulmón natural para a vila, o telón de fondo para quen nos contempla dende a outra beira da ría. A parte central situada por enriba da variante de Marín, da que se aprecia un tramo na fotografía, é a susceptible de acabar converténdose nun ermo de taludes, formigón e asfalto, naves antiestéticas e contaminación. 40 hectáreas, dende o Monte Pornedo ou Pituco ata, posiblemente, o lugar que se coñece como a granxa das cabras, na ruta ao lago de Castiñeiras. Recentemente un veciño da vila lamentaba que o Concello pretenda construir aí un polígono industrial, “no lugar máis visible”; e botábase a rir, un rir por non chorar, entre o asombro e a ironía, burlándose dos políticos que defenden semellante barbaridade urbanística e medioambiental. O comentario é unha mostra moi significativa do descontento cidadá: quen máis, quen menos, desaproba parcelas da xestión municipal lesivas para os seus intereses particulares e colectivos. Non cabe a resignación nin o silencio, porque é o xeito de evidenciar a ineptitude, a irresponsabilidade e o disparate. Así as cousas, hai DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) para rato.
Publicado por: MontePituco | 04/08/2010
AO PÉ DO MAR, OLLANDO A MONTAÑA
Publicado en Imaxes, Xeral | Etiquetas: Chan industrial, Concello de Marín, Medio ambiente, Monte veciñal, Política
Deixar unha resposta