Unha das persoas máis activas na difusión do patrimonio cultural galego é Xoan Arco da Vella. De onde saque o tempo para tanto e máis, é un misterio, unha hazaña. E dá xenio ver cómo se move polos catro puntos cardinais, cámara de fotos en ristre, para captar momentos e lugares. Unha das súas recentes aportacións na rede social de Facebook, onde ten máis dun milleiro de seguidores, foi para compartir elementos da riqueza rupestre de Marín, entre eles, os petroglifos do Monte Pituco (Pornedo) ou o dolmen de Chan da Armada, entre outros, ao que pertence o video que ten dispoñible en Youtube.
E documentándonos sobre as orixes deste momumento prehistórico, lamentamos que no abunde a información. Ademais da achega de Xoan, outra páxina, DescubreMarín, enlaza cos contidos publicados no libro de José Torres Martínez titulado “Pequeña historia de Marín”, un clásico nas bibliotecas dos fogares marinenses. Acudimos á espantosamente fea páxina web oficial do Concello de Marín e, despois de bucear sen rumbo pola desorde de apartados, damos cun que pode saciar a nosa curiosidade. Pero pinchamos en “xacementos arqueolóxicos” e o espazo tórnase sorprendentemente ermo, baleiro, inexpresivo.
É unha vergoña que un concello como o de Marín teña semellante escaparate virtual: incompleto, chafalleiro, cheo de lagoas informativas. Trala decepción, reorientamos a busca e damos con outra pestana: “lugares de interese”. E velaí a escueta lista de propostas que ofrece aos visitantes: os petroglifos de Mogor, as igrexas, o casco antigo (¿?), praias, miradoiros (lago de Castiñeiras), carballeiras (¿?), illas (¿? cita a de Tambo, pero é que resulta que este enclave pertence ao termo municipal de Poio), porto, lago de Castiñeiras (…repetido!). E máis nada? Dende logo, á parte de que clama ao ceo a imprecisión, dá unha lamentable impresión de vaguedade, de relación feita á présa e correndo, sen criterio. Nula profesionalidade.
Por eso, con este panorama tan pobre, é de agradecer o labor entusiasta e altruista de persoas que, como Xoan Arco da Vella, suplen co seu esforzo voluntario a ineptitude dos verdadeiros responsables de darlle un pulo á imaxe do Concello e de proxectala ao exterior. E para que os novos responsables de Turismo, Cultura e Medio Ambiente da póla nacionalista do Goberno local se enteren, trala precipitada auto-demisión do tenente alcalde Manuel Ruibal a falta de nove meses (será un “parto difícil” para o BNG confeccionar unha lista electoral solvente?) para as vindeiras eleccións, velaquí a proba irrefutable de que o Concello de Marín SÍ ten xacementos arqueolóxicos e abundante patrimonio rupestre, como en numerosas ocasións se ten evidenciado neste blogue.
Texto de Xoán Arco da Vella (ver enlace) sobre o dolmen de Chan da Armada:
“Pertence ó concello de Marín (Pontevedra) aínda que está no límite co de Vilaboa. Conserva unha cámara poligonal cun corredor incipiente que se estreita progresivamente ata acadar os 50 cm de anchura na entrada. Entre os esteos da cámara poden verse unhas cuñas de pedra que evitan o aumento da presión dos soportes cara a dentro. Actualmente ten unha tampa da que non pode deducirse se é a orixinal ou si se trata dun engadido de semellantes características”.
Deixar unha resposta