Publicado por: MontePituco | 30/07/2010

…XOGOS FLORAIS?

A inauguración da nova sé da Autoridade Portuaria destacou por dúas facetas: o estilismo formal e o estilismo discursivo. Por unha banda, foi un acto social “de deseño”, coas súas azafatas clónicas, coa súa decoración de estilo pseudo-mediterráneo, cun servizo de catering atento a servir bebidas e viandas aos invitados, invitados -por certo- do eido político, empresarial e social. Por esta orde de preferencia estaban ordeados os asistentes: na fila de cadeiras máis próxima ao estrado, os que mandan nos partidos, seguidos dos que mandan nos cartos, que tanto monta, monta tanto. E por último… os que non mandan: representantes veciñais, de colectivos sociais, “etecé”. Traxes impecables, camisas tesas e gravatas ao principio; atuendo informal de pantalón e polo contra as filas do final. Unha curiosa estampa das desigualdades: cidadáns iguais, pero a distinto nivel.

Por outro lado, as intervencións. Mentres o ministro de Fomento fixo o seu previsible discurso político, e mentres o presidente da Autoridade Portuaria falou dos retos e das necesidades do porto en materia de comunicacións e de expansión en superficie, o presidente da Xunta deleitounos cun sermón entre o institucional e o literario, no que non faltou unha cita a Celso Emilio Ferreiro. Pero o súmmum foron as verbas do alcalde, que por uns momentos nos fixeron dubidar aos sufridos presentes se estabamos na estrea das instalacións portuarias e da remodelación da praza de Cantodarea, ou na inaguración duns xogos florais (certames literarios promotores e difusores dunha lingua, nos que se premian obras literarias en prosa e en verso, segundo a definición da Wikipedia). Verbi gratia:

“…A este puerto, a su lonja, que durante décadas se erigió aquí mismo como testigo mudo y fiel del paso del tiempo. Como atalaya desde la que familias enteras esperaban el regreso de aquellos hombres que buscaban fortuna en todos los mares conocidos. Como lugar en el que sabios marineros entregaban el testigo a jóvenes audaces que no conocían el significado de la palabra miedo, mientras las mujeres adornaban su rostro con la expresividad que únicamente el trabajo duro, el paso del tiempo y la salitre saben tatuar como verdaderas obras de arte…”

Tiña ante si as máximas representacións a nivel provincial, autonómico e estatal para expór as carencias de Marín en materia de infraestruturas e de dotacións, para lembrar compromisos pendentes de cumprimento e demandar un mellor nivel de investimentos coa vila. Pero preferiu sacar a relucir unhas habilidades literarias alleas, porque está claro que semellante ladrillo de metáforas non pode saír do seu puño e letra. A única alusión no exercicio estricto da súa responsabilidade foi que “nos falta seguir creando una red de autopistas y una red de alta capacidad que permita visualizar que los intereses de Marín y el puerto caminan en la misma dirección de un modo imparable”. Afirmación, esta última, que é descaradamente incerta, porque de todos é sabida a mala relación do Concello e da Autoridade Portuaria a respecto da reordeación dos terreos portuarios e das discrepancias encol da ubicación dun futuro porto seco.

Así pois, veciños e veciñas, por moito que o contexto non fora o máis propio para reivindicar, tratándose dunha inauguración na que cómpre adaptarse a un certo protocolo, a actitude de Francisco Veiga, cun discurso tan artificioso, edulcorado e rimbombante, foi máis propia dun trovador que dun alcalde eficaz e comprometido.

Porque se por comprometido se entende facilitar, ou polo menos non impedir, que unha delegación dos veciños do litoral afectados pola Lei de Costas se achegara a José Blanco para pedirlle amablemente que interceda por eles ante o Goberno Central, para que lles dea unha solución definitiva ao seu problema, fraco favor fai. O alcalde axiña lles cortou a palabra para asegurar ante o ministro de Fomento que xa o tiña todo controlado. O breve encontro non deixou de ser un xesto de mera cortesía, mentres fóra do recinto portuario o grupo máis numeroso de veciños axitaba pancartas, facía soar silbatos e berraba para que dunha vez lles remate o pesadelo coas súas vivendas. A partir de setembro, seguirán loitando.

…Nós tamén. En todas partes cocen fabas. Pero todo se andará.


Responses

  1. hahaha! describir coma decimonónica esta prosa cursi e pretenciosa é quedarse moi curto. Moi sutil tamem o verso demagóxico na honra do povo, alabando as cicatrices que deija o trabalho. Así estaremos orgulhosos delas e seguiremos baijando …o lombo de mil amores para enriquecer a uns poucos.
    Noraboa por salvar para a posteridade este discurso, onde a correciom formal nom é quem de agochar a hipocrisia e o desleijo total das necessidades da gente.

    • Benvido ao blogue, Siso, e grazas polo teu comentario. Ademais do contido do discurso, que é dun estilo tan decimonónico, cursi e pretencioso como o que describes, tamén cómpre destacar a “interpretación” que o alcalde fixo del, cunha actitude entre humilde, dramática e compunxida. En definitiva, unha sobreactuación máis das que xa nos ten acostumados nos plenos e noutras intervencións públicas.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: