Publicado por: MontePituco | 28/07/2010

CARTA AO ALCALDE

CONCELLO DE MARÍN

Alcaldía | Sr. D. Francisco Veiga Soto

Prezado, estimado e nunca ben ponderado Sr. alcalde,

Dende o pasado mes de xaneiro, vimos dirixíndonos en reiteradas ocasións a esta alcaldía para solicitar una entrevista co seu titular para coñecer coa maior exactitude posible cales son os plans do Goberno local de Marín a respecto da dotación de chan industrial para a localidade; plans que pasan, segundo proxectan os responsables municipais, pola instalación dun polígono no Monte Pornedo, tamén coñecido como Monte Pituco. Que malia as solicitudes formais presentadas mediante Rexistro en febreiro, abril e xuño deste ano, o alcalde non atendeu ningún dos requerimentos, cando o único que pretende este colectivo veciñal é informarse e informar, asimesmo, ao alcalde, dos argumentos que a veciñanza esgrime para xustificar que a elección desta zona non é correcta nen axeitada.

…Argumentos dende o punto de vista técnico do terreo, posto que o 92% da superficie afectada presenta máis dun 15% de desnivel e que porque existe máis dun 35% de pendente no 57,36% do espazo, o que excede amplamente as recomendacións da Xunta de Galicia para a creación deste tipo de dotacións e acarrearía un sobrecuste desproporcionado no investimento necesario. Argumentos dende o punto de vista ambiental, pola riqueza forestal dos Montes do Morrazo aos que pertence o Monte Pituco, pola abundancia de acuíferos que fornecen de auga aos habitantes e propietarios de terreos próximos. Argumentos culturais e patrimoniais pola presenza de numerosos gravados rupestres, mámoas, miradoiros e formacións xeolóxicas senlleiras que merecen unha actuación específica para a súa posta en valor, o que reportaría mesmo unha notable atracción dende o punto de vista turístico. Argumentos sociais, porque nos consta que moitos e moitas marinenses son sensibles a toda esta exposición de motivos razoables a prol da defensa do Monte Pituco, porque colectivos como a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común rexeitan a destrucción deste espazo, e porque existe un proxecto amparado por máis dunha vintena de colectivos que propón a creación dun Espazo Natural e Arqueolóxico nunha área que abarca montes de Marín, Pontevedra e Vilaboa, e para o que tamén lle pedimos a súa atención.

Ante todo o exposto, solicitámoslle, coa maior ansia, que o próximo mes de setembro, unha vez que retorne das súas merecidas e reconfortantes vacacións, teña a ben recibir aos representantes deste colectivo, que é tan respectable coma calquera outra organización veciñal de Marín. Que teña a ben interesarse polo labor que está a impulsar Defende o Monte Pituco, non só rexeitando esta ubicación para un posible polígono industrial, senón tamén apostando pola recuperación deste monte situado na fachada litoral da vila, iniciando xestións para proceder á eliminación dos vertedoiros ilegais que afean este enclave do municipio e contaminan o seu contorno, ou sendo partícipe das iniciativas que impulsa a comisión xestora do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Que teña a ben sentarse a debater cos representantes deste colectivo, que tan só aspiran a que o alcalde e os membros do Goberno local competentes na materia reflexionen sobre unha mellor ubicación para esta infraestrutura tan demandada e necesaria para o progreso económico de Marín, en vez de causar no Monte Pituco un dano urbanístico e paisaxístico irreversible para a imaxe do Concello, e un perxuizo irreparable nos recursos da zona e nos intereses dos veciños. Que teña a ben incluirnos o antes posible na súa axenda de próximas entrevistas, solicitude que lle lembraremos mensualmente polas canles regulamentarias e sen causar máis molestia que a de consumir folios de papel reciclado para que o impacto ambiental das nosas peticións sexa o menor posible.

Agardando a súa xenerosa receptividade, despídese atentamente

Defende o Monte Pituco (Pornedo)


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: