Publicado por: MontePituco | 27/07/2010

MANIFESTACIÓN vs. ROMERO

 

“…Estanme a roubar as miñas lembranzas, a miña nenez”. Teño gravada na cabeza esta frase de Rosa, con ese ímpetu seu, que axiña se torna en escuma mansa cando exterioriza o seu enfado contra o que considera inxusto, cando verbaliza o seu rexeitamento contra a prepotencia, cando leva ao máximo o seu compromiso cunha causa, sexa a prol dos dereitos dos veciños, a prol do medio ambiente, a prol da cultura… Grazas, Rosa, por ser defensora do Monte Pornedo, do Monte Pituco.

No polo oposto do compromiso están as posturas ambiguas, interesadas, que cambian segundo as circunstancias son máis ou menos favorables. Neste sentido, a actitude da Comunidade de Montes non inspira confianza, non é transparente, nin os integrantes da xunta rectora actúan coa cohesión que se espera deles, senón que cada un vai polo seu lado. E para mostra, basta analizar algúns casos.

O tesoureiro… porque é o tesoureiro, non? É que ata resulta confuso saber quen é quen nesa directiva opaca e escurantista, que ve como un grave desafío o simple feito de pedirlle os estatutos, de tan desconfiada que é cos comuneiros que non se guían polo seu rego. Pois ese tesoureiro ineficaz, ao que non lle aprobaron o balance económico anual, é empregado municipal. Pero ante a denuncia dos veciños -a respecto do propietario acusado de usurpar terreo comunal no Monte Pituco- o seu compromiso é parcial, ten fisuras. Asistiu ás concentracións que se convocaron diante da finca de Romero, pero non asomou o pelo na concentración que houbo ante o Concello nin na manifestación da pasada semana que tamén rematou ante a Casa Consistorial. A disciplina do BNG, partido do que é simpatizante, é así de firme. Unha das pancartas que sosteñen os veciños critica a actuación da concellería de Urbanismo -de xestión nacionalista- na concesión da licencia de obra que permitiu o cerre da propiedade en litixio. Velaí a dobre moral.

O presidente, concelleiro popular. Esa é outra. Nesta directiva cada un é do seu pai e da súa nai. Contrólanse uns aos outros? Espíanse? Póñense a zancadiña? Que fan? Un concelleiro/presidente, pois, que medía os seus xestos, que non se implicaba demasiado, que lle cedía todo o protagonismo ao vicepresidente para que este actuara como voceiro da Comunidade de Montes e como principal interlocutor dos veciños de Arealonga que destaparon o conflicto. Un concelleiro/presidente no que deixaron de confiar, que empezou a ser cuestionado, ao que lle empezaron a pedir a dimisión. E que de súpeto, na manifestación do venres, retoma o liderazgo, faise notar dirixindo os cánticos (“Romero, cabrón, irás ao paredón”, “O monte é noso, devólveo xa, Ali Baba”…) e proclama, megáfono en ristre, que non lle vai fallar aos comuneiros.

 

Un vicepresidente ao que os demais directivos tratan como o presidente de facto, ao que dan como virtual sucesor nas próximas eleccións. Un personaxe que non ten pudor en recoñecer que actúa por intereses económicos, que publicamente admite que prefire que o Monte Pituco se convirta nun polígono industrial antes de que a franxa de seguridade do cuartel militar da Brilat o leve “pola cara”. Un vicepresidente que dirixe un colectivo denominado Virxe dos Remedios que, paradoxicamente, para levar nome relixioso, se adica a atacar insistentemente o cura párroco de San Xulián, ao que acusa de apropiarse doutro terreo. Un vicepresidente/pro-presidente que tamén encabeza un colectivo de regantes que pretende aplicar a Lei de Augas no seu beneficio e no beneficio de quen el acubilla baixo a súa protección, para obter máis caudal do que por superficie lle corresponde.

…Imos aviados, veciños do Monte Pituco e arredores, con esta directiva de tan variopinta pelaxe. Así foi que Romero gañou xa varios asaltos no cuadrilátero da burocracia, da política, da legalidade urbanística e do poder económico. Porque por moito que a directiva da Comunidade de Montes presuma da súa confianza na xustiza, baixo esa declaración vaga e artificiosa que só pretende gardar as apariencias ante a veciñanza, está outra realidade máis crúa: que cada un deles barre para si, que teñen unha pataca quente que non saben en mans de quen vai acabar queimando máis, e que namentres, os verdadeiros perxudicados están indefensos, perdidos e indignados.

Advertisements

Responses

  1. […] do artigo “MANIFESTACIÓN vs. ROMERO“, de xullo de […]

  2. […] Juan Manuel Romero; un conflicto que aló por xullo de 2010 escenificouse nas rúas de Marín con manifestacións a golpe de bombo e megáfono. Desgrazadamente, moito barullo e poucas noces: a xestión do problema […]

  3. […] -Manifestación vs. Romero (xullo 2010) […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: