Publicado por: MontePituco | 12/08/2010

PERSEIDAS MÁXICAS

Estreliña do luceiro,

ti ben o has de saber.

Cantas horas ten a noite

denantes do amencer?

…Nesta noite das Bágoas de San Lourenzo, cada estrela fugaz vale un desexo. Voltamos dende o sur das Rías Baixas cara ao Morrazo. Arde o monte, á altura de Nigrán. Vivendas ameazadas, vías de comunicación próximas. As lapas avanzan imparables no medio da noite. Ollamos o ceo e velaí se desprende unha luceciña sutil e silente. Pregámoslle: non máis lumes intencionados, coordinación de efectivos e medios na extinción de incendios, investigación e acción da xustiza para castigar os pirómanos.

…Avanzamos polo asfalto. O fume e o resplandor das lapas quedou atrás. Lembramos o eco das verbas que vimos de escoitarlle no Baixo Miño a unha persoa experta en patrimonio: o Concello de Marín vai gastar un pastón en musealizar o Castro da Subidá polo elevado orzamento da empresa que fará o traballo, cando un dos pouquísimos labirintos que hai en Galicia, o de Mogor, está infravalorado. “A concelleira de Cultura non se entera”, afirma con rotundidade sobre a xestión da nacionalista Esther Crespo. E o proxecto para instalar un polígono industrial no Monte Pituco?, preguntámoslle. “Unha barbaridade”, responde textualmente, ao tempo que fala marabillas do petroglifo de Pornedo. E mentres outra Perseida esvara polo horizonte, arelamos con forza que os políticos rectifiquen e desboten esta ubicación para semellante obra.

…Velaí outro meteoro que traza no firmamento o seu derradeiro ronsel de luz! Unha petición máis para que o pleno municipal de mañá venres sexa corto, conciso e concreto. Porque todas e cada unha das sesións desta lexislatura son a metáfora do sopor, da vergoña allea, da perda colectiva de tempo e cartos públicos, da pelea de patio de colexio e da palabrería barata para xustificar o inxustificable.

Estreliña do luceiro,

vaite andando que eu xa vou.

Vaime dando a claridade,

que o luar xa se acabou.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: