Publicado por: MontePituco | 16/08/2010

MONTES VECIÑAIS: SOBRE OS INCENDIOS

A Organización Galega de Comunidades de Montes Veiñais en Man Común vén de valorar, nunha nota informativa asinada polo seu secretario de comunicación social, Claudio Quintillán, a situación xerada pola proliferación de incendios forestais.

“Diante da situación que estamos a atravesar por mor dos lumes forestais, coa grande desgraza da perda de vidas humanas, pola reiteración dende hai moitos anos deste tipo de feitos, pola serpe de verán que alimenta a clase política e mediática, e así un ano tras outro, Galiza sofre esta praga dende o franquismo, como unha asinatura sen resolver.

O ICONA, o INFOGA, o PLADIGA, cal vai a ser a outra fórmula? Sempre dirixidas ao lume? Para toda a vida?

Por que fracasan todas as liñas políticas orientadas hacia este problema? Hái máis dunha resposta.

1º.- Os montes non forman parte da conciencia colectiva como o que son, os 2/3 da superficie galega.

2º.- Os grupos políticos, tanto dende os gobernos autonómicos como locais, non aportan solucións aos propietarios dos montes na procura da súa viabilidade.

3º.- Queda unha parte importante da sociedade rural que segue ocultando aos delicuentes incendiarios, xa que todos eles son dos lugares e parroquias onde se inician os lumes. Ninguén sabe nada.

4º.- Tampouco serve reclamar máis limpeza. O monte non é un xardín. Inviable economicamente e ecoloxicamente. Ademais, se ninguén lle prendera lume non se falaría dese tipo de “limpeza”. Outra cousa son as melloras silvícolas, ou silvicultura.

5º.- En todo caso, debe existir unha ordeación do territorio que contemple, en función do terreno e da súa localización, que tipo de usos ou producións debe de dar. Ademáis de ir ligado a unha planificación da defensa do monte real, e non guiada en función doutros criterios mais rendibles politicamente. Núcleos rurais e aplicación da Lei de Incendios de oficio, e non a partir de denuncias dos veciños afectados.

6º.- No outono, inverno e primavera, dende as Administracións públicas ninguén se dirixe hacia os propietarios dos montes facéndolle saber as súas obrigas (folletos divulgativos, é o único) e tamén os apoios cos que conta para facer rendible a súa terra. Sen valorizar chega o abandono.

7º.- En todo caso, hai que ter sempre garantías para as situacións nas que se produza unha catástrofe. Proposta de plantilla de persoal suficientemente dimensionada, comarcalizada e profesionalizada 100%, fixa, para tarefas preventivas (silvicultura) e extinción de incendios forestsis. Un bo profesional, ben formado, entrenado, que domine as ferramentas forestais, que coñeza o territorio, e que conte cunha condición física aceptable, sería o modelo de brigadista forestal e contra incendios.

8º.- O monte galego, composto polos particulares e veciñais en mán común, necesita dun Consello do Monte Galego (mais aló do Consello Forestal actual), donde se contemple O MONTE COMO OBXECTIVO ESTRATEXICO, e se debatan as liñas de futuro. Aí tería que explicar o Goberno Galego cales son, escoitar propostas, e acadar o consenso necesario.

Por último, dende a OGCMVMC consideramos que sería necesario converxer todas as forzas políticas e sociais recuperando o COMITÉ DE DEFENSA DO MONTE GALEGO, porque esta situación non pode continuar máis tempo. Urxe un troco radical dos prantexamentos en materia de montes e, en consecuencia, da política contra incendios.

Tralo paso do verán, non podemos seguir ocultando esta dramática realidade sabendo que existe, e agardar a outro verán ou a cando o tempo se torne favorable á propagación do lume, para aparecer na escea e limitarse a venderlle á cidadanía mensaxes satisfactorias se os lumes son pequenos e controlados, como grao de eficacia. É realmente obsceno. E cando os lumes se desmadran, entón son os fortes ventos, o terreo dificultoso, a noite que non permite medios aéreos, etc…

Dende esta organización reclamamos xa o cese do continuismo de políticas franquistas, e prantexar proxectos que fagan recuperar a ilusión polo monte e garantir o seu futuro. Nelo tamén nos xogamos o desenvolvemento da Galiza. Así de claro.

Vigo-Pontevedra, 15 de Agosto de 2010.

Pola OGCMVMC. Sª de Comunicación Social. Claudio Quintillán.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: