Publicado por: MontePituco | 09/08/2010

O SANEAMENTO

Diversos lugares das parroquias de San Xulián, San Tomé e Ardán vanse beneficiar do convenio entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e mais o Concello de Marín para a mellora da rede de saneamento. As actuacións previstas, cos seus correspondentes orzamentos, son as seguintes:

Rede separativa de sumidoiros no Pereiro-O Pozo: 858.525,37 €. Dará servizo aos lugares do Pereiro, Cadrelo e O Pozo da parroquia de San Tomé de Piñeiro. Consta de 1 colector principal, 7 ramais e 2 bombeos.

Rede separativa de sumidoiros na Miñán-A Esperela: 992.448,59 €. Dará servizo aos lugares de Miñán, A Troncosa e A Esperela da parroquia de San Tomé de Piñeiro. Consta dun colector principal, 3 ramais e 2 bombeos.

Beirarrúas e rede separativa de sumidoiros en Caños de Moledo (Loira): 372.572,55 €. Dará servizo ao lugar de Caños de Moledo da parroquia de Ardán e, máis concretamente, aos veciños da marxe esquerda da PO-551 Marín-Bueu ao seu paso polo núcleo, tendo en conta que os situados na súa marxe dereita xa posúen saneamento. Consta de 1 colector de residuais e 1 colector de pluviais. Inclúe actuacións complementarias de mellora da seguridade viaria mediante beirarrúas.

Rede separativa de sumidoiros en Pardavila-Fixón: 177.499,41 €. Dará servizo aos lugares de Pardavila e Fixón das parroquias de San Xián e San Tomé de Piñeiro. Consta de 2 colectores e 1 bombeo.

Rede separativa de sumidoiros en Cidrás: 124.554,28 €. Dará servizo ao lugar de Cidrás, que pertence á parroquia de San Xián. Os veciños dos lugares beneficiados poderán conectarse á rede xeral de saneamento existente e en servizo, que discorre pola estrada Marín-Seixo. Consta de 1 colector.

Colector do río Lameira: 129.810,80 €. O concello está a executar a retirada de parte deste colector. Esta obra retiraría o tramo restante. Consiste, basicamente, nun novo colector de diámetro 400 mm. nunha lonxitude de 500 m, e a retirada do existente que discorre polo río.

A continuación, a nota informativa da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas detallando os contidos e obxectivos do convenio:

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asinou hoxe (a nota é do 6 de agosto) co alcalde de Marín, Francisco Andrés Veiga Souto, o convenio de colaboración entre o organismo autónomo Augas de Galicia, a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos e o concello pontevedrés que permitirá ampliar e mellorar a rede de saneamento neste municipio.

Cabe salientar que o convenio foi aprobado onte mesmo (xoves 5 de agosto) polo Consello da Xunta, polo que a sinatura do mesmo un día despois reflexa, segundo o conselleiro, “que o saneamento de Marín, do seu rural e da ría de Pontevedra son unha prioridade para a Xunta de Galicia”.

Agustín Hernández resaltou que esta firma supón un paso máis no cumprimento do Plan de Saneamento da Ría de Pontevedra, que busca a eliminación de puntos de vertido e a mellora dos cauces que verten nela. Sinalou que con este acordo, os veciños dos lugares beneficiados por este convenio, que agora teñen que empregar pozos negros ou verter en superficie as súas augas residuais, provocando problemas de contaminación no Río Loira e nos seus afluentes, contarán cunha rede de saneamento que evite este perigo. Todo elo repercutirá nunha ría mais saneada xa que se eliminarán puntos de vertido á mesma.

Ademais do saneamento de diversas parroquias do rural de Marín, o convenio contempla actuacións que permitirán regular e controlar os caudais de auga no colector xeral do concello, o que repercutirá directamente na mellora do funcionamento da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Praceres.

Saneamento no rural

Este acordo, que supón un investimento de máis de 5,6 millóns de euros a realizar nos anos 2010, 2011 e 2012, permitirá executar varias obras de saneamento, divididas nos dous bloques sinalados: obras no rural e mellora do colector xeral.

As obras no rural suporán un investimento de 2,6 millóns de euros, do que o concello debe aportar o 20%, é dicir, 531.118 euros. O concello comunicou á Xunta que xa ten cinco dos proxectos redactados, polo que as actuacións poderán comezar reste mesmo ano, unha vez que ditos proxectos sexan supervisados por Augas de Galicia.

Control dos caudais en tempo de chuvia

Por outra banda, neste momento estase a redactar unha actuación que permitirá o control dos caudais en tempo de chuvia, que evitará a saturación do colector xeral de Marín e regulará a auga que chega á EDAR de Placeres. O custo desta actuación, tamén incluída no convenio, ascende a uns 3 millóns de euros, que serán integramente financiados pola Xunta de Galicia.

Neste sentido, cabe sinalar que existen problemas co colector xeral de Marín, concretamente na conexión de todo o sistema de saneamento coa EDAR de Praceres, explotada actualmente pola Xunta de Galicia a través da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos.

Os problemas mais importantes ocorren nas épocas de chuvia, nas que o grande caudal que procede da rede de saneamento provoca a saturación do colector xeral, quer é incapaz de aliviar toda a auga que entra no sistema.

Para evitar isto, executarase un tanque de retención de tormentas en Marín para regular os caudais o que, ademais de regular o colector, mellorará o funcionamento da EDAR de Praceres.

Esta actuación incluíuse tamén no Plan Específico de Infraestruturas para a Mellora da Calidade das Augas das Rías Galegas, presentado o pasado sábado 5 de xuño, dado que o banco de Praceres, que se atopa nesta zona, está clasificado como de categoría “C”.

Neste momento, técnicos de Augas de Galicia están a redactar o proxecto. O conselleiro sinalou que as obras comezarán no primeiro semestre do vindeiro ano.

Competencias

Constituirase unha comisión formada por un representante de cada unha das partes participantes neste convenio para o seu seguimento, desenvolvemento, interpretación e axeitado cumprimento.

Ademais do cofinanciamento e a contratación, a EPOSH comprométese a controlar e coordinar as actuacións necesarias para a execución do proxecto.

O Concello de Marín comprométese á posta a disposición dos terreos e os permisos e autorizacións necesarias, así como a asumir a explotación, mantemento e conservación das obras unha vez executadas e recibidas pola Administración.

En resume:

-O acordo supón un investimento de máis de 5,6 millóns de euros.

-As obras no rural suporán un investimento de 2,6 millóns de euros, do que o concello debe aportar o 20%.

-Os veciños dos lugares beneficiados, que agora teñen que empregar pozos negros ou verter en superficie, provocando problemas de contaminación no Río Loira, contarán cunha rede de saneamento que evite este perigo.

-As obras para controlar o caudal do colector xeral de Marín suporán un investimento de 3 millóns de euros, que serán integramente financiados pola Xunta de Galicia.

-Esta actuación incluíuse no Plan Específico de Infraestruturas para a Mellora da Calidade das Augas das Rías Galegas, dado que o banco de Praceres, que se atopa nesta zona, está clasificado como de categoría “C”.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: