Publicado por: MontePituco | 19/08/2010

O COLECTIVO NACIONALISTA ALEGA ÁS DOT

O Colectivo Nacionalista de Marín vén de presentar as súas alegacións perante a Xunta a respecto das Directrices de Ordenación do Territorio. Na seguinte nota informativa expoñen a súa preocupación sobre a exclusión de Marín do mapa de espazos protexidos: os Montes do Morrazo, Cotorredondo e a lagoa de Castiñeiras. Vaia o agradecemento de DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) ao Colectivo Nacionalista polo seu interese ante esta nova problemática.

A Xunta de Galiza vén de aprobar inicialmente as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) redactadas pola Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e que aínda están en período de exposición pública e alegacións.

As DOT, segundo define a propia Xunta no documento, teñen como finalidade básica definir un modelo territorial para Galiza que permita perfilar un escenario de futuro co que se aspira conseguir un territorio máis integrado, sustentábel e equilibrado, que facilite a renovación dos procesos de desenvolvemento económico.

Mais a pesares da definición, nun momento en que o equilibrio entre natureza e urbanismo está a caer do lado do urbanismo máis salvaxe só reducido polos efectos da crise, a Xunta aposta por seguir agredindo o noso territorio non só non incluíndo máis espazos protexidos aos xa existentes, senón chegando a retirarlle a protección a algúns dos que xa a tiñan.

Concretamente, e no que atinxe a Marín, desaparecen zonas de protección como a de Cotorredondo, a lagoa de Castiñeiras, e os Montes do Morrazo, permitindo nestas zonas actuacións agresivas co medio que poden provocar a desaparición destes espazos naturais tal como os coñecemos hoxe en día. Todo isto faise dun xeito semi-clandestino, colocando o prazo de alegacións en pleno verán, xullo e agosto, como vén sendo habitual nas actuacións da Xunta nestes últimos tempos.

As intencións están claras, o Partido Popular réndese aos intereses económicos dos que queren transformar o Morrazo nun grande polígono industrial ao servizo da futura área metropolitana de Vigo, coa construción de dúas novas grandes zonas supra-municipais en Pornedo-Pituco e na Pastoriza. Tal como definía o documento do Plan de Solo Empresarial de Galiza “estes parques son estratéxicos” e están incluídos na “Rexión Metropolitana Vigo-Pontevedra”.

Un dos aspectos das DOT que máis nos alarma é a desprotección da Lagoa de Castiñeiras, a zona de Cotorredondo e o seu entorno, unhas das paraxes de maior relevancia e mellor valoradas pola poboación, sen lle dar publicidade para evitar así o impacto negativo que puidera producir esta nova na opinión pública. Que pretenden facer alí? Que intencións teñen na Xunta para descatalogar esta zona? Non é casual, se o fan é por que teñen intención de levar adiante algún proxecto especulativo.

Mais se lamentábel é a actuación da Xunta, non o é menos a actitude cínica e hipócrita dos que nos representan no Concello, que no último pleno aprobaron por unanimidade solicitar ao Goberno galego a catalogación como espazo protexido dos Montes do Morrazo, reducindo o mesmo para poder así situar dentro, e na beira da zona de protección, os megaparques industriais proxectados.

Queda claro que á hora da verdade, as discrepancias dialécticas quedan en nada e todos defenden os mesmos intereses, amparándose nun suposto crecemento e modernidade para Marín. O mesmo crecemento e modernidade que fixo que no seu momento se derrubara o Priorato. Hai cousas que, a pesares do paso dos anos e de distintas Corporacións, en Marín non cambian. Os mesmos que se manifestan contra o complexo industrial Ence-Elnosa polo dano ambiental e o impacto visual que ten na ría a empresa pasteira, pretenden colocarnos agora un espantallo de formigón cun grande impacto ambiental e visual nunha zona de interese ecolóxico e patrimonial de incalculábel valor.

Mais, dende o Colectivo Nacionalista, tamén nos preguntamos se é realmente necesaria a construción dun polígono industrial en Marín, cando ao noso arredor existen outros polígonos industriais baleiros ou co suficiente espazo para acoller a moitas empresas das empresas que puideran estar interesadas en situarse nun polígono en Marín. Reclamamos, neste senso, dos que nos gobernan, unha maior visión de futuro en clave de país, deixando atrás localismos estériles.

Outra afectación importante, e da que apenas se fala, vai ser a que provoquen as infraestruturas viarias que necesitan e que levan aparelladas as zonas industriais. Como xa manifestamos anteriormente, cando se publicou o Plan de Solo Empresarial de Galiza, de levarse adiante esta proposta, e tal e como se recolle nas Directrices de Ordenación do Territorio, estes parques industriais terán vías de comunicación de alta capacidade para comunicarse coa autoestrada e os corredores de Marín e do Morrazo, afectando aos núcleos de poboación ao longo da estrada Marín-Moaña, recuperando o Plan Vigo-Integra que tanta contestación tivo por parte da veciñanza nos concellos afectados.

O Colectivo Nacionalista de Marín vai alegar e demandar a modificación da Directrices de Ordenación do Territorio para que non diminúan as zonas de protección en Marín e no Morrazo. Reclamamos a inclusión de Cotorredondo e os Montes do Morrazo na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos e facemos un chamamento a todas as asociacións, colectivos e persoas a título individual, para que presenten alegacións ante a Xunta, sumándose a estas reivindicacións.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: