Publicado por: MontePituco | 25/08/2010

ROTEIRO NOCTURNO POLA ARTE RUPESTRE DE VIASCÓN

“Informar para coñecer. Coñecer para valorar. Valorar para conservar. Divulgación e coñecemento para mellorar a educación sobre o noso patrimonio. Se todos pomos un gran de area, seguro que construímos un país mellor”. (Xilberte Manso, do Instituto de Estudos Miñoranos).

Seguimos o traballo do Instituto de Estudos Miñoranos a través das redes sociais e, dun tempo a esta parte, asistimos con moito interese ás xeiras ou roteiros que organiza este colectivo para dar a coñecer a arte rupestre de Galicia. Son visitas moi especiais, á luz da lúa e das estrelas, en contacto directo coa natureza. Desta volta, imos ata a parroquia de Viascón, en Cotobade, onde outro colectivo, Canón de Pau, fai tamén un interesante labor de investigación, difusión e posta en valor da cultura e do patrimonio.

O historiador Xosé Lois Vilar instrúenos, na Casa de Montes de Viascón, sobre as orixes dos gravados na pedra, sobre a abundancia en Galicia destas primitivas formas de expresión humana, sobre a obriga da Administración de protexer e conservar esta riqueza única e de valor incalculable. E con todo ese coñecemento recén adquirido, trasladámonos ao monte, subimos pistas forestais e carreiros, prendemos as lanternas para guiar os nosos pasos e apagámolas un instante antes de atoparnos cos vestixios. Oh, sorpresa!

A Laxe das Coutadas é un gran tesouro rodeado de árbores, nun mato particular, cuxa propietaria asiste por vez primeira a un “espectáculo” tal. Apenas dá creto a que a pedra que antano inspirara historias sobre as inmensas fortunas agochadas polos mouros no seu interior, o que levara a algúns veciños a intentar crebala, sexa un “monumento” tan emblemático da arte abstracta e da arte figurativa: círculos concéntricos e coviñas mestúranse con figuras de cervos. Velaí os sucos enigmáticos marcados na xeografía deste penedo… Moitos petroglifos permanecen ocultos baixo o musgo e os líquens, e mesmo o equipo do IEM se ofrece voluntariamente a limpar a súa superficie e a documentar os seus elementos para que esta laxe recupere o seu esplendor.

O roteiro rupestre nocturno comentado por Xosé Lois Vilar co apoio técnico de Xilberte, Tonecho e Bruno, remata nos petroglifos de A Portela da Laxe, onde atopamos figuras abstractas: cadrados, puntos que salfiren a rocha, paletas de forma vaciada, máis círculos concéntricos e mesmo esvásticas. Todo, no seu conxunto, é un agasallo para a vista. Os expertos aínda quedaran con ganas de máis, e completaron a noite cun par de visitas adicionais: aos conxuntos de arte rupestre A Portela da Cruz e A Laxe do Cuco, en San Xurxo de Sacos.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: