Publicado por: MontePituco | 09/09/2010

CONCELLO DE MARÍN, INIMIGO DA NATUREZA

…Por hipócrita, por incoherente e por embaucador. O Concello de Marín, a través da Concellería de Medio Ambiente, organiza as “I Xornadas Medioambientais”. As primeiras, e ogallá que as derradeiras, porque a tomadura de pelo ten delito. Dime de que presumes e direiche de que careces…

Argumento 1º) O Monte Pituco (Pornedo), recoñecido polas Normas Subsidiarias e Provinciais de Planeamento como espazo natural protexido, é a ubicación proposta polo Goberno local para instalar un polígono industrial.

Argumento 2º) O Monte Pituco (Pornedo) forma parte dos Montes do Morrazo, protexidos polas anteriores Directrices de Ordenación do Territorio, unha cualificación que se lle retirou no novo documento que estivo en exposición pública. E que fixo o Concello? Pedirlle á Xunta que conserve a protección dos Montes do Morrazo pero que desafecte o Monte Pituco, desprezando o valor ambiental, ecolóxico, paisaxístico, cultural e patrimonial deste enclave.

Argumento 3º) Porque hai unha chea de tempo que representantes de varios colectivos sociais de Marín e do seu contorno, que apoian a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños nos montes de Marín, Pontevedra e Vilaboa, véñenlle solicitando reiteradamente ao Concello unha entrevista para procurar a súa adhesión ao proxecto. E cal é a resposta do Goberno local? Que ignora por completo esa petición de diálogo e négase a coñecer os detalles desta iniciativa a prol da posta en valor do rural marinense, do seu potencial arqueolóxico e turístico, forestal e económico.

…E poderiamos seguir anotando argumentos para desenmascarar a estes dirixentes municipais, inimigos do medio ambiente. Por tanto, ESTAS XORNADAS ‘MEDIOCOMOLLESQUEIRANCHAMAR’ SON UN ENGANO, UN PARIPÉ E UN FRAUDE. Porque nun programiña de fin de semana aparentan facer unha xestión que, na práctica, supón un agravio irreparable á imaxe e á fisonomía desta vila.

E dende DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO), vaia o noso respecto a colectivos como a Asociación de Defensa Ecolóxica de Galicia Adega, Amigos da Terra, a Mancomunidade de Montes de Santomé, a Protectora de Animais e Prantas de Marín, ou o Clube de Montañeiros de Pontevedra, que non deben saber moi ben onde se meten participando como expositores nesta feira trapalleira. Ou que sabéndoo, participan igualmente por falta de criterio, por falta de compromiso real coa conservación do monte e do medio natural, ou por compromiso económico ou ideolóxico cos promotores deste tinglado que é puro marketing, fume de leña verde, e ruido pre-electoral.

Non somos os únicos que obxectamos contra estas Xornadas de Mediocomollesqueiranchamar. O Colectivo Nacionalista de Marín tamén lle saca os colores á Concellería de Medio Ambiente cunha nota informativa que non ten desperdicio. Lean e infórmense, por favor. Non se deixen embaucar pola política-escaparate deste Goberno local:

O próximo fin de semana vanse celebrar en Marín unhas “Xornadas Ecolóxicas” organizadas polo Concello, máis concretamente polas concellarías de Medio Ambiente e Turismo, ambas dirixidas polo BNG. Non podemos por menos que manifestar a nosa opinión considerando estas xornadas como un acto para lavar a cara e con claras intencións electorais.

Estamos ante un goberno municipal sancionado por Augas de Galiza, por unha obra auspiciada pola concelleira de medio ambiente, que elaborou un PXOM nefasto baseado na especulación, que pretende canalizar os ríos Lameira e Loira para favorecer a súa posterior urbanización, e que vende como gran logro un ecoparque que non é mais que unha finca municipal privatizada para beneficio dunha empresa.

SE ANALIZAMOS A TRAXECTORIA DO BIPARTITO EN MARÍN NON PODEMOS CONSIDERAR QUE SEXA MOI “ECOLÓXICA” NIN RESPECTUOSA CO MEDIO AMBIENTE. A principal aposta política desta lexislatura foi un Plan Xeral caracterizado por importar un modelo especulativo típico do Mediterráneo, baseado na urbanización expansiva. Modelo fracasado e cuestionado por calquera organización ecoloxista existente en Galiza e no resto do estado. A protección do litoral e das concas do ríos no PXOM foi unha imposición de Administracións superiores fronte á pretensión dos nosos gobernantes locais de invadir beiras de ríos e costas con construcións.

Como podemos cualificar as propostas de chan industrial que defenderon e defenden desde o bipartito, co apoio incondicional da oposición, pretendendo instalar o mesmo en zona de protección dos Montes do Morrazo. Tendo como último e destacado capítulo a solicitude aprobada por unanimidade no pleno do concello de reducir os Montes do Morrazo para así poder construír os polígonos industriais, destruíndo o medio ambiente e o noso patrimonio cultural. A Brea, Pornedo ou Pastoriza non merecen ningunha consideración medioambiental para uns políticos que teñen como maior éxito a capacidade de unir aos veciños e veciñas contra estas propostas.

Podemos considerar unha intervención ecolóxica o ecoparque? Deixando en mans dunha empresa privada unha propiedade pública, nunha concesión legal pero pouco ética. Ese é o ecoloxismo que nos queren vender desde o concello?

Temos como promotora da iniciativa á concelleira de medio ambiente, a responsábel da colocación no medio do río Lameira duns colectores e que motivou que o Concello fora sancionado por Augas de Galicia. A concelleira que permite que a empresa concesionaria da recollida do lixo teña os contedores sen lavar durante todo o verán (e o resto do ano), que consinte o traspase de lixo na canteira que usa como almacén ao aire libre. E que é responsábel do lamentábel estado das rúas de Marín, feito intencionado para xustificar a futura privatización da limpeza viaria.

E xa para rematar queremos preguntarnos onde están as organizacións ecoloxistas que realmente defenden o noso medio, por que non están convidadas a estas xornadas? Será que só interesan organizacións domesticadas e afíns ao BNG?


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: