Publicado por: MontePituco | 22/10/2010

XORNADAS DE ARTE RUPESTRE + TURISMO (II)

Conclúen hoxe en Pontevedra as I XORNADAS “A ARTE RUPESTRE COMO RECURSO TURÍSTICO”. A continuación, un resume das ponencias da primeira tanda de sesións, comezando polas experiencias que se levan a cabo noutros punto de España:

A xerente do PARQUE CULTURAL DO RÍO VERO, Mª Nieves Juste falou sobre a xestión e dinamización turística da arte rupestre neste enclave situado na bisbarra de Somontano de Barbastro (Huesca, Aragón), desenvolvido no marco da Lei de Parques Culturais de Aragón (1997) e centrado na posta en valor da Arte Rupestre, declarado pola Unesco Patrimonio Mundial ( 1998). Nieves Juste falou da evolución deste proxecto abordando o actual sistema de xestión, coa implicación dos axentes locais. Tamén se referiu ás estratexias trazadas, ás accións e equipamentos que se efectuaron para potenciar o turismo cultural e contribuír ao desenvolvemento territorial.

O consultor en materia de turismo e patrimonio Jaime Gómez explicou como é o rico PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO DE ASTURIAS, destacando o numeroso conxunto de xacementos con arte parietal de época paleolítica. Cun total de 37 enclaves de arte rupestre, Asturias é a segunda comunidade española en cantidade e calidade de arte rupestre, repartida en dous eixos: o Oriente de Asturias, e a conca do Nalón. Ao longo do pasado século XX fóronse sucedendo os achados, que se converteron en lugares de atracción turística, o que nalgúns casos carrexou problemas irreversibles de conservación. Por ese motivo, o Principado foise facendo máis restritivo ata o punto de que os últimos xacementos localizados en A Covaciella ou El Bosque (1994), nunca se chegaron a abrir ao público. Para paliar eses atrancos ás visitas en lugares tan emblemáticos comoa Cova de Perico Bustillo en Ribadesella, nos anos 90 algúns Concellos, colectivos e axentes sociais comezaron a demandar un maior investimento en patrimonio para crear réplicas e espazos visitables que actuasen como complemento ou substituto da visita a enclaves arqueolóxicos orixinais especialmente sensibles. Este movemento motivou que a finais dos noventa se deseñara unha dobre estratexia: por unha banda un plan estratéxico comarcal no Oriente de Asturias para crear unha rede de espazos orixinais, centros de interpretación e museos que baixo a marca común Paraíso Rupestre, conseguisen non só atraer novos visitantes, senón redistribuír os fluxos entre os distintos puntos de interese. Este proxecto, cunha serie de carencias desde a súa orixe, atópase actualmente nun grao bastante desigual de desenvolvemento.

En segundo lugar, e ante a existencia de recursos económicos como alternativa á crise do carbón, creouse no municipio de Teverga un gran centro museístico sobre arte rupestre: o Parque da Prehistoria fai un repaso á historia e evolución da prehistoria europea, con especial atención á Península Ibérica, apoiando o seu discurso museográfico nas reproducións de pezas arqueolóxicas e, especialmente, de grandes paneis pictóricos. A peza central do conxunto é a “Cova de Cuevas” onde se reproducen a escala natural os paneis centrais da cova francesa de Niaux e as asturianas de La Peña en Candamo e Perico Bustillo en Ribadesella.

Tamén están a participar nas Xornadas ponentes procedentes do veciño Portugal:

A arqueóloga Helena Moura centrou a súa charla no PARQUE ARQUEOLÓXICO DO VAL DO CÔA. O descubrimento de depósitos ao aire libre nas marxes deste cauce fluvial fíxose a causa dun estudo de impacto ambiental para a construción dun gran dique. A dimensión do fenómeno, de primordial importancia científica, levou o goberno a desistir da construción da presa, en favor da creación dun parque arqueolóxico: o parque arqueolóxico do Val do Côa. Este parque está destinado ao estudo científico, por un lado, e ao uso e gozo dos visitantes, por outro. A creación dun conxunto de infraestruturas destinadas á acollida do público é o obxecto desta comunicación.

Ogallá os gobernos locais, provinciais e autonómico de Galicia actuaran coa valentía dos seus homólogos portugueses, primando o patrimonio, a cultura, a investigación e o turismo por riba dos intereses económicos que se ocultan detrás de moitas obras de infraestruturas de dubidosa viabilidade.

Sara Raquel Mendes Cura, do MUSEO DE ARTE PRE-HISTÓRICA E DO SAGRADO DO VALE DO TEJO, centrouse na arte rupestre do concello de Maçao, situado na confluencia do Alto Alentejo, da Beira interior, e do Ribatejo. Trátase dunha zona con abundantes afloramentos rochosos (afloramentos de lousas, algúns granitos e cuarcitas, e moi preto, afloramentos calcáreos) e depósitos detríticos do Baixo Tajo. A zona está marcada pola crise do modelo silvícola tradicional, polo que o patrimonio cultural, a formación educacional e os deportes de aventura son elementos clave como alternativas de protección da paisaxe natural e de crecemento económico. Esta rexión alberga un importante patrimonio paleontológico (sobre todo do Ordovícico), arqueolóxico (destacando testemuños moi antigos da chegada ao Tajo da agricultura e a gandería, e do Megalitismo), arquitectónico (militar e civil), etnográfico (vencellado ao labor agrario e á relixiosidade), gastronómico (peixe fluvial e outros, sendo Maçãou responsable polo 70% do Presunto ou xamón curado en Portugal) e faunístico.

Dende o comezo, a lóxica do proxecto do Museo de Mação foi paralela ás preocupacións dominantes na esfera do patrimonio: o eixo non foi a conservación dos sitios nin a investigación, senón a xestión integrada do territorio. O proxecto enfocouse para que o patrimonio arqueolóxico fora un elemento de identidade social e un instrumento social, por iso o museo tamén é un espazo onde se reflexionan e discuten aspectos como a introdución de selos de calidade nos produtos locais, a violencia doméstica ou o deporte. Dentro do Circuíto Rupestre pódense visitar os seguintes enclaves: Museo de Arte Prehistórica (Mação), Val de Rovinhosa (Ocreza), Val do Souto (Ocreza), Pego dá Rainha (Zimbreira) e Cobragança (gravados da Idade do Bronce).

Nas Xornadas non faltou un apartado para abordar as experiencias que se levan a cabo en Galicia:

O coordinador do grupo de investigación Laxe da Irena, Buenaventura Aparicio: se París ben vale unha misa, este colectivo concluiu que os gravados rupestres de Tourón (Ponte Caldelas) eran merecentes dunha festa por todo o alto, como  unha experiencia novidosa para difundir esta manifestación artística entre un público non habitual:  veciños, familias e habitantes do rural, sen esquecer aos turistas e xente de paso. O programa de actividades da ÁREA ARQUEOLÓXICA DE TOURÓN abrangue  todos os ingredientes dunha romaría galega: carballeira, comida e bebida e música tradicional, pero tamén charlas no Centro de Interpretación, visitas guiadas por expertos, diurnas e nocturna e actividades infantís: hípica, obradoiro de arenoglifos, recreación dunha escavación… Como broche de ouro as xeiras nocturnas rematan cunha queimada.

A continuación, un artigo sobre o parque arqueolóxico de Tourón publicado neste blogue o pasado verán: VISITA NOCTURNA AOS PETROGLIFOS DE TOURÓN.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: