Publicado por: MontePituco | 23/10/2010

XORNADAS DE ARTE RUPESTRE E TURISMO (III)

A xornadas sobre arte rupestre e turismo que veñen de clausurarse en Pontevedra lémbrannos unha frase de Tolstoi que viña dicir algo así como “pinta a túa aldea e pintarás o mundo” ou “para ser universal, fala da túa aldea”, segundo a interpretación que se lle dea. Depende do que entendamos por aldea: o que temos ao noso carón, dende logo, tampouco o podemos valorar abondo se non coñecemos o que nos rodea. Por eso estas sesións, que tiveron o defecto de celebrarse en horario lectivo, permitían dar a coñecer outros lugares máis ou menos próximos, outras experiencias relacionadas co turismo cultural e arqueolóxico e, ao mesmo tempo, explicar como se xestionan os recursos autóctonos.

…Os que teñen a sorte de estar integrados nun plan de xestión, claro, porque salta á vista, e así o vimos denunciando, que hai cantidade de xacementos en situación de desprotección, ameazados por obras de infraestruturas ou directamente, ignorados polas institucións que teñen que velar pola súa conservación, como acontece en Marín. Na derradeira sesión das xornadas participaron o arqueólogo do Museo de Pontevedra Antonio de la Peña, a arqueóloga e divulgadora Rosa Villar, e o redactor do Plan Director de Arte Rupestre da Mancomunidade Terras de Pontevedra, Eduardo Martínez.

Antonio de la Peña fixo unha valoración sobre a arte rupestre en Galicia, dende o papel da antiga Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra ata a función do Museo Provincial ao que esa institución deu lugar. Entre os protagonistas daquel colectivo de finais do século XIX estaban, por un lado, Enrique Campos Sobrino, que debuxou unha importante cantidade de petroglifos entre 1906 e 1909 e presentou oficialmente o novo foco de arte rupestre na Real Academia da Historia en 1909; e por outro, Ramón Sobrino Buhigas, considerado “o primeiro gran investigador da arte rupestre galaica”, autor de obras de referencia como “Corpus petroglyphorum Gallaeciae” (1935).

Os abundantes fondos bibliográficos, orixinais e gráficos da Sociedade Arqueolóxica atópanse actualmente no Museo de Pontevedra, incluidos os moldes de escaiola que os seus membros fixeron a partir dos principais petroglifos que se coñecían daquela. Outro punto de inflexión importante deuse a mediados do século XX cando o director do Museo, Xosé Filgueira Valverde, e o secretario, Alfredo García Alén, elaboraron e publicaron a “Carta Arqueolóxica da Provincia de Pontevedra”, que se foi completando con novos datos.

A relación de Antonio de la Peña co Museo Provincial remóntase ao ano 1974, cando a institución coordinou o seu traballo de catalogación e estudo dos gravados rupestres: dende aí dirixiuse a súa tese de licenciatura centrada na península do Morrazo e, tamén a catalogación provincial que, xunto con García Alén, sería publicada en 1981 pola Fundación Barrié. Dende entón, o Museo segue dándolle cobertura aos traballos de prospección e catalogación dos petroglifos: o propio De la Peña contribuiu a documentar, mediante calco, a existencia duns 500 exemplares, aos que se sumaron varios centos de rochas con novos achados descubertos en Campo Lameiro, coa coordinación de Antonio Álvarez Núñez.

Feito este repaso histórico, tocou coñecer a iniciativa de posta en valor do Ecoparque Arqueolóxico do Monte Tetón. (…Pero non presumía Marín de ter o primeiro ecoparque da provincia, de Galicia, de España, da Península, e case case, do mundo enteiro? Ou é que a especialización vai por barrios?).

Rosa Villar explicou que neste proxecto integral colaboraron o Concello de Tomiño e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santa María de Tebra: aproveitando a visita a un medio natural, axudaríase a ver as súas características e aprender, ademais de colaborar na súa mellora e conservación, tratándose dun exemplo negativo de explotación de monocultivo forestal. A proposta inicial apostaba por ir modificando a masa forestal coa participación directa do público, que participaría na plantación das árbores. Tamén se crearon infraestruturas e servizos para facilitar o acceso a eses ben patrimoniais e garantir a súa protección. E ademais, definíronse estratexias de divulgación, tanto para público escolar como para visitantes en xeral.

…Verdadeiramente encomiables as comunidades de montes que, como esta de Tomiño, toman conciencia da riqueza dos seus montes. Unha riqueza entendida non só en termos de explotación forestal, senón de xestión integral dos seus recursos naturais, paisaxísticos, arqueolóxicos e culturais en xeral. Dá auténtica vergoña e verdadeira pena que na comunidade de montes de San Xulián a realidade pase por frases tan lapidarias como “as pedras non dan de comer”. E que non entendan -non queiran entender, máis ben- que o futuro non debera pasar pola destrucción do monte a cambio dun feixe de billetes que son “pan para hoxe e fame para mañá”, senón por ordear os seus usos e facer un plan de explotación responsable que sempre estaría xerando beneficios para as xeracións vindeiras.

Precisamente, Eduardo Martínez explicaba que poucos territorios peninsulares conservan tal cantidade de vestixios prehistóricos e arte rupestre como os da provincia de Pontevedra. Dende Campo Lameiro ata Cotobade, pasando por Marín, Poio, Ponte Caldelas e Vilaboa, os petroglifos, as mámoas megalíticas e os castros abundan por toda esta mancomunidade. O Plan Director para a Interpretación e Conservación da Arte Rupestre de Terras de Pontevedra xurdiu para “inventariar e avaliar os recursos destes concellos, valorar potenciais recursos de interese turístico, e reflexionar na conceptualización e tematización de posibles itinerarios reais que poñan en valor o patrimonio e creen dinamización turística”. En vez de funcionaren de forma aillada e sen relacións de sinerxia mutua, este plan aboga por trazar unha estratexia ou planificación común que conveita estes elementos patrimoniais en “PRODUCTOS TURÍSTICOS QUE ACTÚEN COMO MOTORES DE DESENVOLVEMENTO LOCAL”.

Está claro que o Concello de Marín e a Comunidade de montes de San Xulián van no sentido totalmente oposto á tendencia que seguen outros concellos e outras comunidades. O que os demais revalorizan, aquí despréciase; onde os demais ven oportunidades de futuro, aquí só ven pedras que “non dan de comer”; onde un goberno local ou unha xunta rectora apostarían por investigar, por dinamizar e por difundir, aquí enterran petroglifos e non pasa nada, enchen o monte de escombros e non pasa nada, proxectan un polígono industrial e non pasa nada, retiran unha catalogación de zona protexida e non pasa nada… Que che pasa Marín, non durmas tanto, esperta e pon as pilas, que outros levan tempo adiantando mentres ti segues ancorada no pasado.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: