Publicado por: MontePituco | 21/10/2010

ARTE RUPESTRE+TURISMO=RIQUEZA

DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) vén criticando dende hai tempo a incoherencia do Goberno local: porque o Informe de Sostibilidade Ambiental do proxecto de PXOM di unha cousa sobre a ubicación máis idónea do chan industrial e a plasmación do documento fai outra, e porque aboga pola conservación dos Montes do Morrazo como espazo protexido pero excluindo deles o Monte Pituco (Pornedo) que sempre pertenceu a esa unidade territorial (o que supón unha consecuencia do anterior, pero non por coherencia, senón por interese). Imos sumar un motivo máis para rematar de declarar a “incoherencia crónica e galopante” do Goberno municipal.

Marín forma parte da Mancomunidade Terras de Pontevedra, xunto cos concellos de Barro, Campo Lameiro, Cotobade, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Vilaboa. Pois hoxe comezan no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra as I XORNADAS DE ARTE RUPESTRE E TURISMO que, ata mañá venres 22, van analizar diversas experiencias que se levan a cabo na Península para PROMOCIONAR O TURISMO EMPREGANDO A ARTE RUPESTRE COMO PRINCIPAL RECURSO. Organiza este foro a Mancomunidade Terras de Pontevedra coa colaboración do Instituto de Turismo de España, a Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a Cámara de Comercio de Pontevedra, a Asociación de Turismo da Comarca de Pontevedra e a Deputación Provincial.

E preguntámonos… QUE PINTA MARÍN NESA MANCOMUNIDADE que aposta pola revalorización dos recursos arqueolóxicos como ferramenta de atracción turística, cando este Concello DESPREZA os valiosos tesouros rupestres que abundan dende o Monte Pornedo e todo ao longo dos montes que coroan a parroquia de San Xulián, que están condeados a DESAPARECER ou quedar AILLADOS no polígono industrial de 300 mil metros cadrados de formigón e asfalto que pretende instalar o Goberno local. Que pinta Marín nesa Mancomunidade, cando os responsables municipais IGNORAN sistematicamente as peticións dos colectivos que impulsan o proxecto de creación nesa zona do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, avalado por un grupo de arqueólogos solventes, para presentarlles a proposta e os argumentos contrastados que xustifican unha iniciativa que conta co apoio dunha vintena de organizacións sociais da bisbarra. Que pinta Marín nesa Mancomunidade, cando os concellos de Pontevedra e de Vilaboa, nos que tamén se extende o Espazo Sete Camiños, están dispostos a coñecer e valorar o proxecto. Que pinta Marín, pois? Marín está de postureo, ocupando hipocritamente un posto do que non é digno, finxindo ser partícipe dunha filosofía da que na práctica renega. Que procede, por tanto? QUE A MANCOMUNIDADE TERRAS DE PONTEVEDRA EXPULSE A MARÍN DO SEU SEO; non porque Marín non mereza formar parte dela, senón porque os actuais representantes municipais da vila actúan dun xeito que DESVIRTÚA os principios deste organismo.

O presidente de Terras de Pontevedra e alcalde da capital, Miguel Fernández Lores, explica na presentación das xornadas que “dende a Mancomunidade estase a realizar unha importante labor de promoción e difusión do noso patrimonio arqueolóxico”. E cita tres obxectivos:

-Transformar a área territorial nun referente apoiándose naquelas potencialidades que lle achegan unha vantaxe competitiva e unha imaxe de destino turístico recoñecido e con atractivo propio… Está claro como o Concello de Marín pretende transformar o Monte Pituco e os seus recursos patrimoniais, etnográficos, forestais, hídricos e paisaxísticos: destrozándoo todo baixo as pás excavadoras e a dinamita.
-Apostar pola posta en valor dos seus recursos co fin de obter unha oferta especializada que non poidan ofrecer os mercados turísticos máis inmediatos… Cando o Concello de Marín discrimina claramente os elementos rupestres de Pornedo e arredores.
-Converter a diversidade e especificidade de cada unha das zonas que integran o territorio de Terras de Pontevedra en pezas clave dunha oferta interdependente e xeradora de fluxos recíprocos de visitantes… Todo o contrario do que fai o Concello de Marín, que unilateralmente lle dá as costas á creación do Espazo Sete Camiños, que abrangue non só terreos de Marín, senón tamén de Pontevedra e de Vilaboa, o que xeraría sinerxias entre as tres localidades. E por culpa da actitude do Concello de Marín, o proxecto veríase abocado a botar a andar sen poder integrar nel a parte marinense.

“Poucos territorios peninsulares conservan tal cantidade de vestixios prehistóricos e arte rupestre como Terras de Pontevedra”, di Fernández Lores, “e esta situación privilexiada ofrécenos a posibilidade de promover e divulgar un produto turístico diferente, tendo en conta a importancia dunha correcta xestión e protección dun patrimonio fráxil e finito”. Sen embargo, o concepto de FRAXILIDADE débelle importar tres pitos ao Concello de Marín, empezando porque unha zona de moi alta intervisibilidade (ou o que é o mesmo, fraxilidade urbanística) como o Monte Pituco, en plena fachada da ría, é neste momento a única opción que baralla o Goberno local para dotarse de chan industrial.

Onte mesmo, en Facebook alguén lle adicaba ao BNG unha frase que, tamén neste contexto noso, lle vai ao pelo ao grupo municipal nacionalista en particular, e ao socialista, por extensión:

“SE NON ACTÚAS COMO PENSAS, VAS ACABAR PENSANDO COMO ACTÚAS”. (Blaise Pascal).

…Sen pasar por alto todas estas críticas ao Concello de Marín, o programa das I Xornadas de Arte Rupestre e Turismo semella completo e interesante. Vai haber unha visita aos petroglifos da Caeira (Poio) e de Mogor (Marín), e nas charlas van participar:

-Carlos Valle, Director do Museo de Pontevedra

-Mª Nieves Juste, xerente do Parque Cultural del Río Vero (Huesca)

-José Guillermo Morote, director do Parque Cultural de la Valltorta (Castellón)

-Jaime Rodríguez, consultor en Turismo e Patrimonio (Asturias)

-Sara Raquel Mendes Cura, do Museo de Arte Pre-Histórico e do Sagrado do Vale do Tejo (Portugal)

-Antonio de la Peña, arqueólogo do Museo de Pontevedra

-Rosa Villar Quinteiro, arqueóloga e divulgadora

-Helena Moura (Arqueóloga do Instituto de Xestión do Patrimonio Arquitectónico e Arqueolóxico do Vale do Côa (Portugal)

-Sara Raquel Mendes Cura, do Museo de Arte Pre-Histórica e do Sagrado do Vale do Tejo (Portugal)

-Buenaventura Aparicio, coordinador do grupo de investigación da Laxe da Irena (Ponte Caldelas)

-Eduardo Martínez, redactor do Plan Director de Arte Rupestre e director executivo de Hidria Ciencia, Ambiente e Desenvolvemento S.L.

-Cristina Yudego, de Hidria

PD: Adicamos este artigo aos veciños e veciñas da parroquia que din que “as pedras non dan de comer”… 😦


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: