Publicado por: MontePituco | 05/11/2010

CHARLA MOI RECOMENDABLE

O Centro Social de Almuinha acolle a partir das 20:30 horas desta tarde de venres unha nova cita coa Historia, neste caso, da man do xornalista Manuel Gago, que vai ofrecer unha charla titulada “Repúblicas de homes libres: na procura dos Lordomani”.

A presenza dos normandos na Galiza ten xenerado centos de páxinas. Feitos, lendas e suposicións mestúranse ata o punto de que non é nada doado peneirar entre as historias que foron reais e as que son ficción. O certo é que a relación de contactos cos normandos é longa, dilatada no tempo, e intensa en sangue e ferro. Os homes do norte tocaron Galicia en catro vagas: algunhas veces deberon ser expedicións curtas de pillaxe e abastecemento no camiño cara ás ricas cidades mediterráneas; outras veces a cousa foi moito máis seria. Houbo unha política ao redor dos viquingos, unha política complexa que se traduciu en movementos bélicos, en políticas de defensa e en movementos de poboación.

Manuel Gago falará dos viquingos; tanto dos que se opuxeron a eles como dos que colaboraron con eles, e das trazas que puideron deixar en Galicia.

Manuel Gago é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago. Actualmente dirixe culturagalega.org, o portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega e tamén é profesor asociado na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, formando aos novos xornalistas na especialidade de ciberxornalismo. Gago é autor de varios libros sobre xornalismo electrónico e arquitectura da información en Internet, entre eles: Sistemas Digitales de Información (Pearson Prentice Hall, 2006) e Diseño Periodístico en Internet (UPV, 2007). Pertence ao Grupo de investigación en Novos Medios da USC, onde experimenta con prototipos de novos medios. O seu blogue persoal, Capítulo Cero, fundado en 2004, é o máis antigo en activo escrito en lingua galega.

Tivemos a oportunidade de asistir a un encontro anterior con Manuel Gago con motivo do programa de conferencias organizadas no marco das excavacións arqueolóxicas do Castro da Lanzada, en Noalla. Con Manuel Gago aprendemos que “papar toxos e fentos” na procura dos rastros do noso pasado máis antigo pode chegar a ser unha aventura apaixoante. Agardámosvos esta tarde no Centro Social de Almuinha para facermos unha viaxe no tempo.

LER O ARTIGO SOBRE MANUEL GAGO: “PAPAR TOXOS E FENTOS


Respostas

  1. ¿Un periodista enterado le pasa por arriba a todos nuestros arqueólogos? Me pareció extraño y no sólo eso, he estado en más charlas de Gago y creo que es un buen comunicador pero se apropia de temas y proyectos que no son de él, pero como habla gratis y es del submundo nacionalista, tiene un nicho de mercado interesante.

    • Respecto a túa opinión e agradézoche que interveñas, mais non comparto a consideración negativa que tes polo traballo de Gago nin o ton da mensaxe. Refíreste a el como un xornalista “enterado”, dando a entender que “se pasa de listo”, cando non é así. Simplemente é un xornalista apaixonado pola Historia e pola Arqueoloxía que investiga e afonda nunha etapa do pasado que está practicamente inexplorada, da que a penas hai “literatura”. Non lle pasa por riba a ninguén a nivel profesional. Para iso poderiamos debatir sobre as persoas que exercen como xornalistas sen estar tituladas para desempeñar esa función, cousa que nin vén ao caso nin paga a pena abordar. Gago ten boa relación con diversos arqueólogos e historiadores e non nos consta que ningún que lle recrimine “apropiarse” do traballo alleo. El simplemente conta a súa experiencia, “papando toxos e fentos”, como ten dito algunha vez, por montes e lugares do máis inhóspito, documéntase nos arquivos da Universidade e noutras fontes históricas, é un lector voraz e ten numerosos contactos entre especialistas en caso de precisar asesoramento. Que comparta os coñecementos que vai adquirindo non só non é criticable, senón que é altamente positivo. E por suposto, de balde, co cal a túa alusión ao “nicho de mercado” é improcedente posto que as charlas non lle reportan ningún beneficio económico. Na que deu en Almuinha había xente do máis variopinto, politicamente falando. Pensar que a Historia, a Arqueoloxía ou a Cultura en xeral só lle interesa ao “submundo nacionalista”, desculpa, pero… non podemos estar máis en desacordo.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: