Publicado por: MontePituco | 11/10/2010

PLENO-DRILLO DE OUTUBRO

Os segundos venres de cada mes están marcados no calendario co estigma da tortura física e psicolóxica. Ese aciago día citámonos no salón de plenos do Concello: dun lado os políticos “de sempre” e doutro, os veciños “de sempre”. A diferenza entre ámbolos bandos está en que os primeiros cobran e os segundos pagámoslles. Hai máis distincións, pero todas veñen sendo desfavorables aos  sufridos contribuíntes e tampouco é plan de afondar nun síndrome pleno-depresivo. O caso é que resulta moi complicado convencer aos veciños para que adiquen dúas horas ao mes do seu tempo en asistir a esta sesión. Despois de ter ido a un par delas, quen máis quen menos aplica unha das frases que popularizou un famoso dúo de humoristas: “Ir p’a na es tontería”. Quedamos un grupo de incondicionais que, vencendo a náusea e a vergoña allea, e sempre que non nolo impiden as obrigas laborais ou domésticas, sentamos pacientemente lucindo a nosa camiseta modelo “Defende o Monte Pituco (Pornedo)” e os nosos modestos carteis a prol da protección ambiental da zona e en contra do polígono industrial.

Van xa varios plenos nos que o concelleiro popular Francisco Casal, presidente da comunidade de montes de San Xulián, non ocupa o seu posto. Ou é un home moi ocupado e lle resbala a asignación  económica que lle correspondería pola asistencia, ou pasa xa olimpicamente dos devaneos da política municipal ante a hipotética perspectiva de non figurar nos postos de saída da lista electoral que se debe estar cociñando a estas alturas (se non está xa cociñada). Podiamos dicir que é o único representante da parroquia na Corporación, pero estariamos obviando a figura de Esther Crespo. Mais, tendo en conta que a concelleira nacionalista de Cultura está de corpo presente e alma ausente, porque non abre a boca máis que para beber grolos de auga e porque a súa participación limítase a erguer a manciña imitando o xesto dos seus correlixionarios, digamos que a representación veciñal brilla pola súa máis absoluta, contundente e decepcionante ausencia, independentemente do signo político.

E así estamos, cun feixe de notas manuscritas sobre o tratamento que se lle deu a cada punto da orde do día, ás mocións, aos rogos e ás preguntas. Que se cadra é o máis irrelevante porque ás veces o  chamativo non está nas peroratas discursivas, senón na linguaxe non verbal, que non se pode captar de todo mentres un está pendente de anotar frases, datos e farfulladas. Aínda así, mentres a man escribe o que a orella escoita, vemos de esguello as caras e os xestos, que ás veces din moito máis que as propias palabras. Por iso un dos próximos capítulos será para dar conta das risiñas cínicas e despectivas do alcalde, das olladas de ira fulminante que dispara a recén estreada tenente alcalde contra quen ousa interrumpir no máis mínimo as súas estelares intervencións, do rictus despreocupado dun veterano Muradas que aparenta ter o control da situación, do aire de superioridade co que Vilaboa agarda o seu momento para abouxar a todo becho vivente coa lección que lle levou un día enteiro aprender de carretilla. Da oposición tamén se podería falar, mais abondo temos con aturar o equipo de goberno.

Aprobouse por unanimidade unha proposta para instalar reductores de velocidade nalgunhas rúas de Marín. Deixou moito que desexar a actitude de Muradas chorando os cartos investidos en rebaixar  os bordes das aceras para eliminar barreiras arquitectónicas, pero axiña Miguel Suárez Briones o puxo no seu sitio contestando que “calquera gasto é pequeno se con el se evita a morte dunha persoa”. É que os hai que están no mundo para facer bulto…

Logo soltaron un par de rollos técnicos para acabar aprobando, tamén por unanimidade, unhas correccións en dúas ordenanzas municipais relativas á área de xestión do BNG; unha delas é a ordenanza sobre a tenza de animais que, precisamente, se aprobou hai moi pouco tempo. E non sería mellor que as ordenanzas se fixeran ben dende un principio para non ter que andar despois remendándolles as “incoherencias” (tal foi a palabra que pronunciou a propia Pilar Blanco)?

E tocoulle entón ao asunto máis espiñento da velada dialecto-puxilística que, ata ese momento, non tivera nin chicha nin limoná: a proposta do PP para que Marín se adhira á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística. Manuel Santos queixouse amargamente de que este tema se presentara en xuño e que nestes catro meses o Concello non fixera nin un só informe técnico nin xurídico sobre a posibilidade de cederlle certas competencias urbanísticas a ese organismo. Argumentou o concelleiro popular que a oficina de urbanismo e medioambiente vén actuando como un “goberno paralelo”, que a posta en marcha desta oficina foi “un capricho caro consentido polo alcalde”, que malia que os técnicos avaliaron cun “cero patatero” a accesibilidade das instalacións os responsables municipais seguiron “tan panchos”, e que por alí circula “como perico por su casa” un incontable trasego de asesores, asistentes e colaboradores. Tamén culpou ao alcalde e a José María Vilaboa da falta de persoal motivada por baixas laborais, renuncias, idas, voltas e reviravoltas dos funcionarios que atenden este departamento do que criticou a súa “nefasta” xestión por parte do concelleiro nacionalista. Chúpate esa!

Entón foi cando Vilaboa axustou ben a cinta dos seus lentes arredor da cabeza, ergueu ben o pescozo e comezou a botar ladrillo, nunca mellor dito tratándose do edil de urbanismo: porque “non se pode encender o ventilador e salpicar a todo o mundo”, porque Lei do Solo por aquí e Normas Subsidiarias por alá, e porque dende o defunto alcalde e concelleiro socialista Xosé Manuel Pierres ata a actualidade houbo tantos e cuantos expedentes tramitados… que a pouco máis, podiámonos ter remontado ás directices urbanísticas da época castrexa para facer mámoas e petroglifos como os do Monte Pornedo. Total, que a culpa non foi do cha-cha-chá, senón da Xunta, que ten a competencia urbanística sobre o 85% do territorio municipal cualificado como terreo rústico. En canto ao cadro de persoal da oficina, entre a baixa por embarazo xemelar dunha, a enfermidade doutra, un que oposita para a Administración autonómica, outro que marcha por motivos personais, e o que Vilaboa deu en chamar “miseria” para referirse ao trato que se dispensan outros dous, eu non daría un peso por traballar aí -deus me libre- por moi mal que estea o mercado laboral. Por iso o concelleiro virou o discurso, acendeu o seu propio ventilador e, trucando contra os populares, aludiu aos proxectos frustrados do centro de saúde, do auditorio, do soterramento da avenida, disto e máis do outro. Porque claro, seguindo a teoría de Vilaboa, o mérito dos logros é para o equipo de goberno e a culpa dos fracasos é da oposición…

“…Si quiere hablamos del sexo de los ángeles”, respondeulle Manuel Santos, algo contrariado por teren saído a colación outros asuntos que non viñan a conto. De feito, un dos perigos máis temidos polo sufrido público que asiste aos plenos é que os membros da Corporación entre no debate por alusións. Escoitar a palabra “alusións” e sentir un calambre pola espiña dorsal, é todo un, sinal de que o pleno se pode eternizar ata límites soporíferos e de dubidoso nivel intelectual.

Santos seguiu insistindo no “caos” e no “descontrol”, responsabilizando o concelleiro de urbanismo da desaparición de papeis e suxeríndolle “contratar asesores para asesorar sobre cómo coordinar a los asesores”. E continuou Suárez Briones -coa ironía que o caracteriza- insinuando que o alcalde se estaba contaxiando da influencia marxista dos seus socios de goberno. Francisco Veiga non debía estar preparado intelectualmente para responder a semellante desafío conceptual, que só atinou a soltar o discurso que tiña preparado para a ocasión: que a moción do PP era “política”, que a xestión urbanística en Marín non se parecía á de Murcia e Boadilla (demostrando así que segue a prensa nacional e que está ao tanto dos casos de corrupción destapados en ámbolos municipios de goberno popular) e que votos a favor 11, en contra 9. En resume, e dito vulgarmente… a rañala!.

Mocións de urxencia… bla-bla-bla.

Interpelacións (dous puntos): Toma a palabra Suárez Briones para cuestionar o posicionamento do alcalde sobre o proxecto de construcción do novo centro de saúde e en relación á participación do Concello de Marín na Plataforma a prol da Sanidade Pública. Ao concelleiro independente chamáranlle a atención, acertadamente, unhas declaracións do alcalde nas que eludía valorar a fórmula de financiación das obras mentres que a xestión fora pública. Suárez Briones reclamoulle o carácter público tanto do investimento como da prestación do servizo. Pero resultou que o alcalde xa levaba a lección aprendida porque o día anterior participara nunha xuntanza da plataforma de marras e aproveitou o pleno para cascar de pé a pa todo o que dixo na rolda de prensa posterior a esa reunión o doutor e voceiro dese colectivo, Manuel Martín. Outro ladrillo de discurso, tan politicamente correcto que a piques estivemos de chorar da emoción: “…Teño que mirar polos intereses dos veciños indepentendemente dos partidos”, “…Por riba de todo están os veciños”, “…Hai que darlle cariño á sanidade”. Snif, snif.

Rogos e preguntas: o PP pregunta algo sobre deportes pero o novo concelleiro do ramo está aínda moi verde, fala para o pescozo da camisa e non se lle entende nada: Bla-bla-bla.

…Un socavón en Troncoso-San Tomé: Bla-bla-bla.

…O estado dos viais que saen da circunvalación en Seixo: Bla-bla-bla.

…Sobre as inundacións na rúa Calzada: que hoxe pola mañá hai unha reunión cos veciños.

…Sobre unhas obras de saneamento na Grela-San Xulián: a concelleira de Medio Ambiente responde sacando un tocho que, máis que un expedente, semella unha arma arreboladiza. Ou foi o libraco que sacou para contestar á pregunta sobre a situación dunha canalización en Ardán? Tanto ten. Pilar Blanco, sempre tan ben documentada con papeis cos que podería envolver por dentro, por fóra e polos lados a oficina de urbanismo, a Casa Consistorial e a casa da Veiguiña xuntas, aínda que a medida non fora moi recomendable dende o punto de vista medioambiental.

…Falando do rei de Roma: Suárez Briones pregunta sobre unha denuncia por presunta infracción urbanística en Seixo pola apertura dunha fiestra (ver blog de BreaSeixo). José María Vilaboa bufa. Suárez Briones re-pregunta polo expedente de infracción urbanística denunciado na casa da Veiguiña. José María Vilaboa re-bufa. O sempiterno e animado debate encol da casa da Veiguiña é a salsa de (case) todos os plenos. Ogallá a historia chegara a oídos de Pedro Almodóvar para rodar un drama; tamén nos valería unha película de humor dirixida por Santiago Segura. Parte da entrada podiámola destinar a recadar fondos para regallarlle a Vilaboa unhas gafas de aviador, desas de cinta regulable,  ás que tan bo uso lle daría a próxima vez que os ventiladores volvan entrar en acción.

 


Responses

  1. En tódolos concellos cocen fabas. Como é obvio descoñezo o que se guisa no Concello de Marín, salvo por vos, pero resúltame curioso a referencia que facedes da edil “de corpo presente e alma ausente, porque non abre a boca máis que para beber grolos de auga e porque a súa participación limítase a erguer a manciña imitando o xesto dos seus correlixionarios”.
    Aquí pasaba outro tanto, pero a acusación partía curiosamente dos seus compañeiros de partido contra os edís da esquerda, da dereita ou independentes. Que conste que só me refiro ao que esta recollido na prensa.
    Nebra dende a instauración da Democracia, antes tamén, sempre tivo edís no equipo de goberno e na oposición, pero lamentablemente nunca fixeron nada pola parroquia que-lles dou o seu voto.
    Animo e sorte. Un saúdo.

    • Grazas pola visita e polo comentario, Paco. A nosa percepción é totalmente decepcionante: un por outro, sendo ademais de signos políticos opostos, a realidade é que ámbolos dous están dispostos a consentir que se destrúa unha parte importante do monte comunal da parroquia. A que está no goberno local, por interese electoral e por obediencia política co seu grupo. Se nin sequera se digna en coñecer e darlle apoio ao proxecto do Espazo Sete Camiños, por máis que é unha clara aposta pola revalorización do patrimonio rupestre que se atopa nesta parte da vila! …E o que está na oposición, por interese económico, posto que ademais é o presidente da comunidade de montes, tampouco fai nada.
      Agradécense os ánimos. Seguiremos aí na fenda, sacándolles os colores de cando en vez. Un saúdo p’ra Nebra.

  2. Os plenos de Marín semellanse aos de Redondela. Eu tamén son masoca asíduo dos plenos. Temos que facer un intercambio. Por certo moi boa crónica do pleno. Pareceme boa idea a de facer unha crónica dos plenos.

    En Redondela, o BNG está na va…ngarda do feminismo, de cara á galería, pero resulta que o seu portavoz nos plenos que puidera ser calquera, é o concelleiro que leva catro lexislaturas consecutivas, e por riba, de tres concelleri@s que ten o BNG de Redondela, dúas son mulleres, pero teñen a sinatura delegada, é decir, todo o que fan ten que ter a sinatura dun home, o concelleiro quen leva, alo menos catro, lexislaturas no sillón (a áconta de apoiar incondiconalmente ao PSOE). Despois vas aos mitíns do BNG de Redondela, e unha outra exconcelleira di que o BNG de Redondela non é un reino de Taifas. É o reino e o dereito de pernada de José Carlos Pazos Docampo.

    O BNG, ven perdendo arredor de 500 votos cada nova elección municipal, pero non importa o que importa é que este Sr. teña a súa adicación exclusiva (soldo).

    • Ola Víctor, benvido ao blogue e grazas por compartir con todos e todas o comentario que xa fixeras en FB. Repito entón o que che comentaba daquela: que te animes tamén a teclear algo sobre os plenos de Redondela. Ademais de servirche para analizar as mellores xogadas e sacar mellores conclusións que as que percibes a primeira vista, tamén lle achegas esa información aos demais veciños; é un xeito de pedagoxía social da que debería haber máis iniciativas, para que a única lectura non sexa a que atopamos nos xornais.
      Unha aperta, e ata cando queiras.

  3. Si, Monte Pituco. O próximo pleno ao que asista haberá crónica en facebook e no voso blog. Noraboa pola túa iniciativa. Quedas convidada a asistir a un pleno en Redondela.

    • Grazas por irnos informando, Víctor. Aos plenos en Redondela, pois que che podemos dicir… Como xa estamos curados de espanto, “maloserá” que nos cause máis empacho do que xa levamos na nosa propia vila. 😉


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: